Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Venres, 1 de marzo de 2019 Páx. 11944

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 17/2019, do 14 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (punto quilométrico 12+400 ao 15+400), coa clave PO/13/102.06.1, no concello de Sanxenxo.

Antecedentes:

Primeiro. O día 5 de febreiro de 2015 aprobouse provisionalmente o proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (punto quilométrico 12+400 ao 15+400), de clave PO/13/102.06.

Segundo. O día 20 de outubro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 200) o Anuncio do 5 de outubro de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (punto quilométrico 12+400 ao 15+400), coa clave PO/13/102.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Terceiro. Tras a análise das alegacións, certificados e informes presentados, o 11 de febreiro de 2019 apróbase o expediente de información pública do proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (punto quilométrico 12+400 ao 15+400), coa clave PO/13/102.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto a xustificación e definición das obras que se deben realizar para a mellora da seguridade viaria na estrada PO-308, Pontevedra - A Lanzada, no treito comprendido entre o punto quilométrico 12+400 no lugar da Granxa, ata unha aliñación recta que dá paso á travesía urbana do núcleo de Sanxenxo, á altura do punto quilométrico 15+400.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de febreiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (punto quilométrico 12+400 ao 15+400), coa clave PO/13/102.06.1.

Santiago de Compostela, catorce de febreiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade