Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Luns, 4 de marzo de 2019 Páx. 12225

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

EXTRACTO da Resolución do 15 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca unha bolsa de formación para a xestión de procesos de avaliación e calidade.

BDNS (Identif.): 442180.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes:

– Ter rematado os estudos académicos con posterioridade a xaneiro do ano 2012 e acreditada a titulación de licenciatura ou grao en Socioloxía ou Ciencias Políticas.

– Non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se declarará de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo I.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que sexa esta ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, manifestar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación a esta escola, segundo o modelo que se inclúe como anexo I.

– Ter competencia en lingua galega no nivel de Celga 4 ou superior.

Segundo. Obxecto

A convocatoria dunha bolsa de formación para a xestión de procesos de avaliación e calidade. A bolsa regulada nesta resolución concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases que rexerán serán as contidas na Resolución do 15 de febreiro de 2019 pola que se convoca unha bolsa de formación para a xestión de procesos de avaliación e calidade. Para o non regulado expresamente nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e demais normativa aplicable.

Cuarto. Contía

O importe da bolsa será de 1.100 € brutos mensuais, que se farán efectivos, tras a certificación da EGAP do bo aproveitamento da bolsa, polo importe líquido, tras realizar as retencións fiscais e sociais que correspondan, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A cantidade percibida estará en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sexta. Outros datos

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública