Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Luns, 4 de marzo de 2019 Páx. 12227

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2019 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba a modificación da súa estrutura organizativa.

De acordo co previsto na Lei 5/1002, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, o Consello de Dirección do Instituto, na súa xuntanza do 19 de febreiro de 2019, acordou a modificación da estrutura organizativa da entidade nos seguintes termos:

I. Órganos de superiores de dirección.

Para o desenvolvemento das funcións que o Igape ten encomendadas e recollidas no artigo 4 da Lei 5/1992, do 10 xuño, de creación do Instituto, conta cos seguintes órganos superiores:

1.1. O/a presidente/a.

1.2. O/a director/a xeral.

1.1. Ao/Á presidente/a que será, por razón do seu cargo, o/a conselleiro/a competente en materia de economía, correspóndelle a representación do Igape en toda clase de actos ou negocios xurídicos e exercerá no seu nome accións e recursos e demais competencias que se lle asignan na citada Lei 5/1992, no seu artigo 11.

1.2. Ao/Á director/a xeral, que será nomeado/a polo Consello de Dirección, por proposta do/a conselleiro/a, correspóndelle exercer as competencias que se establecen no artigo 12 da Lei 5/1992 e as que lle sexan expresamente delegadas polo/a presidente/a ou polo Consello de Dirección.

II. Estrutura administrativa.

— Áreas da Dirección

O Instituto estrutúrase internamente nunha xerencia, tres áreas, e dúas unidades dependentes organicamente da Dirección:

a) Xerencia.

b) Área de Investimento.

c) Área de Competitividade.

d) Área de Internacionalización.

e) Unidade de Operacións.

f) Unidade de Proxectos Estratéxicos.

Á fronte de cada unha destas áreas, da Xerencia e das unidades figurará unha persoa responsable da Xerencia, da dirección de área, e da únidade, as cales terán a consideración de persoal directivo.

— Funcións das áreas

1. Xerencia.

A persoa titular da Xerencia serao tamén de todos os órganos colexiados dela, e para estes efectos exercerán a coordinación, baixo as instrucións da Dirección, dos programas e actuacións das diferentes direccións de área e dos entes do sector público adscritos ao Instituto, a xestión dos asuntos relacionados co réxime interno e o réxime de persoal do Instituto, as propostas de simplificación e racionalización da actividade administrativa, a elaboración dos proxectos e plans xerais de actuación, prestar asistencia técnica, administrativa e apoio xurídico á persoa titular da Dirección do Instituto, a emisión de informes e anteproxectos normativos e de orzamentos do Instituto, así como calquera outra que lle encomende a Dirección do ente.

Para o desenvolvemento das súas funcións a Xerencia estrutúrase nas seguintes subdireccións:

A) Subdirección de Servizos Xurídicos: asumirá as funcións de prestar ao Instituto servizos internos de apoio xurídico-administrativo, servizos de contratación, a preparación de asuntos e informes dos órganos do Instituto, a xestión, coordinación e seguimento de procedementos e plans de actuación do Instituto e aquelas outras funcións que dentro do seu ámbito lle sexan asignadas pola Xerencia.

Á fronte da Subdirección figurará un/unha subdirector/a e dous técnicos responsables de servizos xurídicos que asumirán as seguintes funcións:

a) Elaboración de informes xurídicos e asesoramento xurídico nos asuntos que sexan competencia do Instituto, sen prexuízo das competencias da Asesoría Xurídica Xeral.

b) Elaboración e emisión de informes-proposta sobre os recursos administrativos.

c) A asistencia e apoio xurídico na xestión e tramitación de proxectos de disposicións e bases reguladoras de axudas, así como no estudo, tramitación e propostas de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos e peticións formulados contra actos e resolucións ditados polos seus distintos órganos cando non estean atribuídos a outros órganos, sen prexuízo das competencias que normativamente teñan asignados os letrados da Asesoría Xurídica Xeral.

d) A elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial, agás as que correspondan a outros órganos.

e) A xestión, coordinación, supervisión e seguimento da contratación administrativa, elaboración e informe xurídico de pregos de cláusulas administrativas particulares e asistencia xurídica ás mesas de contratación.

f) A tramitación administrativa dos convenios e programas do Instituto co sector público ou privado, o seu control e seguimento.

g) A xestión dos procedementos do Instituto, a definición das necesidades en materia de tecnoloxías da comunicación e información a medio e longo prazo, o mantemento e eficiencia dos equipamentos e o aseguramento do cumprimento da lexislación vixente en materia de protección de datos e servizos da sociedade da información.

h) A preparación dos asuntos para elevar á Dirección Xeral, á Presidencia e ao Consello de Dirección, así como o seguimento e control da súa execución.

i) A coordinación da publicación de todos os actos e disposicións que teñan que ser obxecto de publicación no DOG.

j) A coordinación e xestión do rexistro do Instituto.

k) Aqueloutras funcións que dentro do seu ámbito lle sexan asignadas pola Xerencia.

B) Subdirección Económica Financeira: as súas funcións son as de prestar ao Instituto servizos internos de xestión, control económico e financeiro, a xestión e control de auditorías e fondos europeos, así como a xestión dos recursos humanos, e recursos materiais e patrimoniais e aquelas outras funcións que dentro do seu ámbito lle sexan asignadas pola Xerencia do Instituto. Ao/á subdirector/a corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos dos órganos do Instituto, o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias.

b) A execución da xestión orzamentaria, efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamentos do Instituto.

c) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos do Instituto.

d) A supervisión, coordinación e elaboración das instrucións necesarias para que os órganos do Instituto efectúen unha correcta execución do orzamento.

e) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito ao Instituto.

f) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos do Instituto.

g) A conservación e mantemento das dependencias e do edificio do Instituto.

h) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Xerencia.

O/a subdirector/a estará apoiado por un/unha técnico responsable de xestión de persoal, un/unha técnico responsable de servizos xerais e un/unha técnico responsable de contabilidade.

O/a técnico responsable de xestión de persoal asumirá as seguintes funcións:

a) A xestión do persoal do Instituto.

b) A tramitación dos expedientes administrativos relativos a persoal funcionario, laboral e eventual.

c) O estudo, tramitación e elaboración das propostas de resolución de reclamacións previas á vía laboral e recursos, a elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial, así como, se for o caso, a execución de sentenzas en materia de persoal.

d) A tramitación e xestión dos permisos, vacacións e licenzas do persoal do Instituto.

e) Controlar a asistencia e puntualidade do persoal do Instituto.

f) Aqueloutras funcións que dentro do seu ámbito lle sexan asignadas pola subdirección.

O/a técnico responsable de servizos xerais asumirá as seguintes funcións:

a) A xestión dos medios materiais e patrimonio do Instituto.

b) O aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento dos servizos do Instituto.

c) A xestión ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras.

d) A supervisión, coordinación técnica e inspección dos proxectos de obras do Instituto, así como da correspondente execución material.

e) A realización dos traballos facultativos propios das obras de construción, reforma e reparación das instalacións do Igape.

f) A elaboración dos informes que lle sexan requiridos polas persoas titulares da Xerencia e da Subdirección Económica-Financeira.

g) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas polo/a subdirector/a.

O/a técnico responsable de contabilidade asumirá as seguintes funcións:

a) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos do Instituto.

b) A elaboración das instrucións necesarias para que as diferentes subdireccións efectúen unha correcta xestión orzamentaria, así como a análise e supervisión da súa execución, de acordo coa normativa vixente.

c) A elaboración do escenario de ingresos propios do Instituto, así como o seguimento e análise da execución orzamentaria correspondente aos ditos ingresos.

d) O seguimento da execución dos proxectos de orzamento de gastos cofinanciados con fondos europeos o con outros recursos catalogados como financiación condicionada.

e) A realización de estudos e informes nas materias a que fan referencia as funcións anteriores.

f) Aqueloutras funcións que dentro do seu ámbito lle sexan asignadas pola Subdirección.

C) Subdirección de Liquidacións. Correspóndelle a verificación e liquidación das solicitudes de cobramento das axudas a fondo perdido ou das bonificacións ao tipo de xuro dos instrumentos financeiros de calquera temática ou destino posible do Instituto. Así mesmo, xestionará as liquidacións dos programas de incentivos rexionais ou programas afíns.

Á fronte da Subdirección figurará un/unha subdirector/a e dous técnicos/as responsables de programas que asumirán, conforme a especialidade da materia, importe e volume, as seguintes funcións:

a) Xestionar e tramitar a liquidación das solicitudes de cobramento das axudas dos expedientes administrativos aprobados, así como os instrumentos financeiros.

b) Revisión dos informes de cumprimento e propostas de pagamento.

c) Revisión dos expedientes de incumprimento e proposta de barrados.

d) Propoñer a resolución de recursos administrativos.

e) Elaborar e executar o plan anual de inspección das axudas concedidas de acordo co establecido na normativa reguladora.

f) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Xerencia.

Na fase de liquidación dos expedientes, así como nas inspeccións dos investimentos subvencionados, todos os técnicos responsables e técnicos da Subdirección, así como todos os técnicos responsables e os técnicos das oficinas territoriais, desenvolverán as súas tarefas baixo as instrucións e directrices do/a subdirector/a de liquidacións.

D) Subdirección de Coordinación: á fronte estará un/unha subdirector/a coas seguintes funcións:

a) Planificar e impartir, en colaboración coa Unidade de Operacións, xornadas informativas dirixidas a difundir e divulgar os programas e servizos do Instituto, organización e participación en actos, feiras, congresos e xornadas de contido e interese empresarial.

b) Contribuír, coordinadamente coas distintas institucións públicas implicadas, a facilitar o acceso aos/ás particulares á información dos distintos programas de axudas e apoios do Instituto que poidan resultarlles de interese.

c) Actualizar a páxina web e o boletín interno do Instituto.

d) Coordinar o sistema de atención telemática, que permite distribuír coordinada e automaticamente as chamadas de información e integrar as funcionalidades telefónicas para proporcionar unha xestión de resposta por todos os medios telemáticos aos usuarios/as do servizo.

e) Elaborar, impulsar e difundir toda clase de campañas de promoción e publicacións, incluída a súa contratación e control, que permitan tanto a divulgación das distintas actividades do Instituto como de toda a información e estudos que promovan o desenvolvemento económico de Galicia.

f) Deseñar, elaborar e coordinar as comunicacións externas do Instituto.

g) Coordinar as tarefas de comunicación dos programas e actividades do Instituto.

h) Coordinar o seguimento dos medios de comunicación para localizar, valorar e trasladar as informacións publicadas en relación cos programas e actividades do Instituto.

2. Área de Investimento.

A Área de Investimento ten como misión fundamental a identificación, regulamento e xestión dos apoios financeiros ás empresas, en especial, ás pequenas e medianas. Tales apoios, materializaranse en subvencións, préstamos, bonificacións de produtos financeiros, avais e outros instrumentos financeiros ou actuacións de semellantes características de apoio á actividade empresarial.

En dependencia directa da Dirección da Área de Investimento figurará un/unha subdirector/a de financiamento, coas funcións de deseño, impulso e xestión de instrumentos financeiros que contribúan ao crecemento e capitalización do tecido produtivo, así como deseñar, impulsar e xestionar programas de axuda que redunden na mellora do financiamento das empresas e da súa capacidade de investimento e crecemento, en especial, todas as relacionadas coas bases reguladoras de incentivos ao investimento na Comunidade Autónoma, tanto as propias do Igape coma aqueloutras onde a xestión sexa delegada, en todo ou en parte, por outras institucións públicas estatais ou autonómicas.

O/a subdirector/a estará apoiado por un/unha técnico responsable de programas de financiamento, que asumirá as seguintes funcións:

a) Deseñar e propoñer programas de financiamento das empresas, en especial para os emprendedores e pequenas e medianas empresas.

b) Xestionar e realizar o seguimento dos convenios que se formalicen con institucións financeiras e de garantía recíproca, así como con outras entidades públicas ou privadas dependentes de institucións ou administracións públicas nacionais ou internacionais.

c) Analizar as solicitudes e propostas de modificacións, prórrogas, recursos e demais incidencias que se presenten na tramitación dos expedientes.

d) Xestionar o orzamento correspondente aos programas de xestión.

e) Propoñer a resolución de recursos administrativos.

f) Elaborar informes de xestión, seguimento e valoración de resultados respecto do impacto das liñas de axudas xestionadas e o seu grao de eficiencia e eficacia respecto dos fins propostos.

Así mesmo, dependendo directamente da Dirección da Área de Investimento figurará un/unha subdirector/a de investimento, coas funcións de deseño, impulso e xestión de actuacións, tanto en materia de subvencións que fomenten o investimento por parte das pequenas e medianas empresas que mellore a súa capacidade operativa, como na prestación de servizos e asesoramento a estas co fin de facilitarlles o acceso a apoios ao investimento produtivo xestionados por outras administracións públicas e entidades de dereito público ou privado.

O/a subdirector/a estará apoiado por un/unha técnico responsable de programas de investimento, que asumirá as seguintes funcións:

a) Deseñar e propoñer programas de axuda ao investimento empresarial, en especial, para as pequenas e medianas empresas.

b) Xestionar a tramitación correspondente ao Instituto das solicitudes de axudas no programa de incentivos rexionais.

c) Analizar as solicitudes e propostas de modificacións, prórrogas, recursos e demais incidencias que se presenten na tramitación dos expedientes.

d) Xestionar o orzamento correspondente aos programas de xestión

e) Propoñer a resolución de recursos administrativos.

f) Elaborar informes de xestión, seguimento e valoración de resultados respecto do impacto das liñas de axudas xestionadas e o seu grao de eficiencia e eficacia respecto dos fins propostos.

3. Área de Competitividade.

A Área de Competitividade ten como misión lograr a adopción e o desenvolvemento, por parte do tecido empresarial, de prácticas, metodoloxías ou sistemas que melloren o nivel competitivo das empresas galegas, promover a creación de empresas e promover a creación de emprego. Así mesmo, deberá propoñer e executar a política industrial de Galicia e a política de clústers.

Para a mellora da competitividade no tecido empresarial, esta área impulsará a relación cos clústers, entidades empresariais e entre os centros de investigación e as empresas.

Para o desenvolvemento das súas funcións a Área de Competividade contará cunha Subdirección de Desenvolvemento de Negocio, á cal lle corresponderá promover a adopción de medidas de vixilancia tecnolóxica e intelixencia produtiva no tecido empresarial galego, así como o deseño de servizos de alto valor para as empresas, de xeito que se acade unha situación de maior competitividade para estaren en disposición de competir nas mellores condicións nos mercados máis exixentes. Asemade, velarase polo cumprimento dos plans de desenvolvemento que se atribúan ao Instituto a través da Área de Competitividade establecendo os programas, controis e seguimento de indicadores de desenvolvemento dos ditos plans, así como impulsar a creación de novas empresas e a expansión e modernización das existentes. Tamén lle corresponderá deseñar, impulsar e xestionar programas de axuda que redunden na mellora da capacidade de investimento e crecemento das empresas, en especial todas as relacionadas coas bases reguladoras de incentivos ao investimento na comunidade autónoma, tanto as propias do Igape coma aqueloutras onde a xestión sexa delegada, en todo ou en parte, por outras institucións públicas estatais ou autonómicas.

Á fronte da Subdirección figurará un/unha subdirector/a, e para desenvolver as funcións e actuacións previstas na Subdirección será necesario desenvolver e xestionar proxectos, liñas de axuda e apoio económico e non económico, convenios, contratos e concursos que terán que ser asignados dinamicamente aos técnicos que conformen a área; para as diferentes tipoloxías de instrumento haberá na Área de Competitividade dous técnicos responsables de programas coas seguintes funcións:

a) Dinamizar a economía contribuíndo á creación de novas empresas e á expansión e modernización das existentes.

b) Propiciar as relacións entre o sector empresarial e o resto dos actores económicos (institucións de financiamento, autoridades rexionais, universidades, organizacións empresariais etc.).

c) Analizar as solicitudes e propostas de modificacións, prórrogas, recursos e demais incidencias que se presenten na tramitación dos expedientes.

d) Elaborar informes de xestión, seguimento e valoración de resultados respecto do impacto das liñas de axudas xestionadas e o seu grao de eficiencia e eficacia respecto dos fins propostos.

e) Propoñer programas e actuacións que fomenten a capacitación individual e colectiva das organizacións e os procesos de intelixencia produtiva nas empresas.

f) Aplicar sistemas de información, intelixencia de negocio e intelixencia comercial.

g) Implantar metodoloxías de xestión e de reenxeñaría de procesos que contribúan á mellora competitiva das empresas.

h) Coordinar e coadxuvar con diferentes iniciativas e instrumentos os esforzos de clústers e agrupacións de empresas innovadoras na dirección de transformación permanente do tecido empresarial (innovación, competitividade, internacionalización) e unificar as súas prácticas de xestión e o nivel de profesionalización dos xestores dos clústers e AEI.

i) Propostas e deseño de actuacións no eido da política industrial de Galicia e outros plans de desenvolvemento que poida asumir o Instituto a través da Área de Competitividade.

j) Execución e seguimento da Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 ou documentos que a substitúan.

Adscrita á Dirección da Área constitúese a Oficina Galicia Emprende co obxecto de fomentar o espírito emprendedor na Comunidade Autónoma de Galicia, promovendo actuacións e servizos que fomenten a creación e a consolidación de novas empresas. Ao fronte desta oficina estará un/unha subdirector/a coas seguintes funcións:

a) Proporcionar servizos e ferramentas esenciais para emprendedores/as (motivación, formación, diagnose de proxectos, asesoramento de expertos/as, infraestruturas etc).

b) Executar e coordinar os programas de emprendemento da Xunta de Galicia

c) Deseñar e xestionar os instrumentos económicos que se definan no apoio ao emprendemento.

d) Deseñar e xestionar os instrumentos económicos que se definan no apoio ao investimento e crecemento empresarial.

e) Analizar as solicitudes e propostas de modificacións, prórrogas, recursos e demais incidencias que se presenten na tramitación dos expedientes.

f) Elaborar informes de xestión, seguimento e valoración de resultados respecto do impacto das liñas de axudas xestionadas e o seu grao de eficiencia e eficacia respecto dos fins propostos.

g) Calquera outra que lle encomende a Dirección da Área dentro do seu ámbito de actuación.

4. Área de Internacionalización.

A Área de Internacionalización ten como misión promover un incremento da cota de mercado internacional do empresariado galego e promover a entrada de investimento foráneo en Galicia de carácter produtivo, cara a unha mellora do índice de emprego na nosa comunidade autónoma.

Para o desenvolvemento das súas funcións a Área de Internacionalización contará coa Subdirección de Internacionalización coas funcións de impulsar a capacidade de internacionalización das empresas galegas para gañar cota de mercado no exterior e a captación de investimento produtivo externo cara á nosa comunidade autónoma.

O/a subdirector/a estará apoiado por dous/dúas técnicos responsables de promoción internacional no desenvolvemento das seguintes funcións:

a) Potenciar a posta en marcha de convenios de colaboración con entidades, organismos e institucións que permitan ao Instituto crear unha rede de alianzas para contribuír a dar un gran pulo á internacionalización.

b) Apoiar a creación de consorcios de exportación, tanto entre empresas radicadas en Galicia como con outras radicadas no exterior.

c) Propostas e deseño de iniciativas de colaboración con outras axencias ou entidades internacionais ou organismos financeiros multilaterais.

d) Procurar a formación e capacitación especializada dos cadros directivos, mandos intermedios e técnicos das empresas en materia internacional.

e) Propoñer e desenvolver toda clase de actividades encamiñadas a fomentar e apoiar a internacionalización da peme galega.

f) Apoiar a busca de oportunidades de negocio para a empresa galega.

g) Impulsar, coordinar e organizar unha rede de axentes colaboradores do Instituto para o fomento da expansión exterior da empresa galega.

h) Impulsar e coordinar o mantemento dunha base de datos de axentes comerciais libres por sectores e países.

i) Impulsar e coordinar unha rede de cooperación entre pemes galegas e internacionais.

j) Crear, coordinar e planificar un servizo de asesoramento técnico en temas de internacionalización (financiamento, seguros á exportación, loxística, lexislación etc).

k) Promocionar nos mercados exteriores a marca-país.

l) Presentar e divulgar fóra de Galicia as oportunidades de investir en Galicia.

m) Promocionar e divulgar nacional e internacionalmente todos os instrumentos postos á disposición dos empresarios/as españois/las e estranxeiros/as para a localización de proxectos empresariais en Galicia.

n) Organizar a creación e/ou divulgación no exterior da oferta exportadora de Galicia.

o) Organizar e coordinar un servizo de información ao empresariado galego de oportunidades comerciais no exterior.

p) Procurar a formación especializada dos/as mozos/as galegos/as no eido da internacionalización empresarial nas súas diferentes facetas.

q) Analizar as solicitudes e propostas de modificacións, prórrogas, recursos e demais incidencias que se presenten na tramitación dos expedientes.

r) Elaborar informes de xestión, seguimento e valoración de resultados respecto do impacto das liñas de axudas xestionadas e o seu grao de eficiencia e eficacia respecto dos fins propostos.

O director de área contará co apoio da Oficina Galicia Invest, á fronte da cal está un/unha subdirector/a coas funcións de impulsar a capacidade de internacionalización das empresas galegas para gañar cota de mercado no exterior e a captación de investimento produtivo externo cara á nosa comunidade autónoma, en concreto, as seguintes:

a) Procurar novos proxectos de investimento en Galicia desde o exterior e desde o interior.

b) Coordinarse coas distintas áreas do Igape para os efectos de asesorar axeitadamente sobre os diferentes instrumentos de financiamento, axudas e servizos do Igape a aquelas empresas que pretendan implantarse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e a aqueloutras que busquen ampliar a súa actividade.

c) Acompañar en Galicia os/as empresarios/as estranxeiros/as que estean analizando como localizar un proxecto de investimento en Galicia.

d) Obter e facilitar a información demandada polos/as empresarios/as que sexa necesaria para decidir a súa localización en Galicia.

e) Impulsar, coordinar e supervisar a actividade de axentes colaboradores para a captación de proxectos de investimento en Galicia.

f) Promover o deseño e seguimento de estudos que sobre materia económica teñan un interese estratéxico en materia de captación de investimentos.

g) Finalmente, de xeito xeral, realizar calquera outra función relacionada coa área de traballo que lle sexa encomendada pola Dirección do Instituto no eido das súas competencias.

5. Unidade de Operacións.

Á fronte da Unidade de Operacións estará un/unha xefe de unidade que terá como misión planificar, coordinar e executar os distintos plans e programas de actuación co obxectivo de favorecer o equilibrio territorial de Galicia, e responsabilizarase da coordinación, información e asesoramento empresarial nas oficinas territoriais, desenvolvendo as seguintes funcións:

a) Propoñer, desenvolver e supervisar os procedementos administrativos que, cumprindo todos os requisitos normativos aplicables, faciliten a xestión do Instituto.

b) Propoñer a regulación interna da xestión dos procedementos administrativos e verificar o seu cumprimento.

c) Deseñar e implementar o desenvolvemento integral dos procesos mecanizados de todos os procedementos administrativos e actuacións do Instituto.

d) Deseñar, definir e asegurar o cumprimento dos procedementos en materia informática para asegurar a salvagarda de toda a información xerada e almacenada.

e) Definir as necesidades en materia de tecnoloxías da comunicación e información a medio e longo prazo.

f) Desenvolver as melloras potenciais nos procedementos administrativos, mediante a súa reenxeñaría e redesenvolvelos cara á mellora da calidade ou do seu rendemento.

g) Realización daqueles estudos e investigacións sobre a realidade económica e os mercados exteriores necesarios para a orientación da toma de decisións en materia de planificación e programación económica.

h) Asegurar o mantemento e eficiencia dos equipamentos e infraestruturas TIC.

i) Solicitar e valorar as propostas técnicas presentadas polas empresas provedoras do sector TIC.

j) Levar a cabo labores de asistencia a usuarios/as.

k) Impartir formación básica aos/ás usuarios/as das infraestruturas, aplicacións e equipamentos.

l) Levar a cabo a administración dos sistemas.

m) Executar o backup que garanta a conservación de toda a información xerada e almacenada.

n) Levar a cabo a xestión e actualización do parque de equipos TIC.

o) Xestionar a actualización das aplicacións e a súa instalación nos diferentes equipamentos.

p) Asegurar o cumprimento da lexislación vixente en materia de protección de datos e servizos da sociedade da información.

q) Finalmente, de xeito xeral, realizar calquera outra función relacionada coa área de traballo que lle sexa encomendada polos/as superiores no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento desta misión contará cun/unha técnico responsable de Oficinas Norte, un/unha técnico responsable de Oficinas Sur e un/unha técnico responsable da Oficina de información de Santiago para coordinar as tarefas de información, xestión e liquidación realizadas desde as oficinas do Igape, que asumirán as seguintes funcións:

a) Coordinar as oficinas territoriais do Instituto na súa zona.

b) Planificar e impartir xornadas informativas dirixidas a difundir e divulgar os programas e servizos do Instituto, organización e participación en actos, feiras, congresos e xornadas de contido e interese empresarial.

c) Apoiar a xestión e liquidación de axudas dos expedientes administrativos, instrumentos financeiros e colaborar na execución do plan de inspección de axudas encomendados pola Xerencia, seguindo as instrucións e directrices da Subdirección de Liquidacións.

d) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección do Instituto.

6. Unidade de Proxectos Estratéxicos, á fronte da cal estará un/unha xefe de unidade, terá como misión a de asesoramento aos promotores de proxectos empresariais de todos os sectores produtivos que acudan ao Instituto na procura de apoio económico ou técnico, sexa o primeiro financeiro ou non financeiro, co fin de promover o asentamento de novas empresas no territorio galego e garantir o mantemento das existentes, a través da mellora da súa competitividade e produtividade.

Esta unidade estará en permanente contacto e coordinación co resto das áreas do Instituto e, en particular, coa Área de Internacionalización a través da Oficina Galicia Invest. Así mesmo, o desenvolvemento das súas misións requirirán un contacto continuo e estable coa Oficina Doing Bussines Galicia e cos restantes centros directivos competentes en materia de innovación, comercio, enerxía, minas e emprego.

III. Sistemas de provisión dos postos de traballo.

A) Libre designación:

A forma de provisión dos postos de traballo das subdireccións do Igape, así como de secretario/a da Dirección Xeral, da Xerencia e das tres direccións de área, levarase a cabo polo sistema de libre designación. Ao tratarse de prazas equivalentes ás dunha subdirección xeral, en aplicación do artigo 92.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, en que se establece: «Soamente se poden prover polo procedemento de libre designación con convocatoria pública entre persoal funcionario de carreira as vicesecretarías xerais, as subdireccións xerais ou equivalentes, as secretarías de altos cargos, e, excepcionalmente, aqueloutros postos de traballo de especial responsabilidade ou cualificación profesional que se determinen nas relacións de postos de traballo».

B) Concurso específico:

No anexo de cadro de persoal figura a modificación do sistema de provisión dos postos de técnicos responsables, de conformidade co artigo 91 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), xa que as xefaturas de servizo ou os postos de nivel equivalente se proverán mediante concurso específico, agás aqueles que, polas súas especiais características, deban proverse polo sistema de libre designación con convocatoria pública.

Por conseguinte, muda o sistema de provisión actual de libre designación polo de concurso específico para os postos de técnico responsable do Igape. Non se considera que existan motivos xustificados para que ningún posto de técnico responsable se provexa polo sistema de libre designación.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica