Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Martes, 5 de marzo de 2019 Páx. 12574

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2019.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas renovables, calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia por Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo á súa adscrición a Consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar o coidado do medio natural o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten a xeración e aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables.

A presente convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2019, ascendendo o importe total asignado a esta convocatoria a 2.506.000 euros.

Estas axudas xestionaranse coa intervención de entidades colaboradoras. A dita colaboración formalizarase mediante o correspondente convenio.

As referidas entidades colaboradoras serán seleccionadas mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación, que se regula na Resolución do 21 de febreiro de 2019 pola que se convoca o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, que se publicará simultaneamente ás bases reguladoras destas axudas.

Na páxina web do Inega (www.inega.gal) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Por outra banda, establécese a obrigación de relacionarse co Inega utilizando só medios electrónicos por parte das entidades colaboradoras solicitante das axudas, conforme o disposto nos números 2 e 3 do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por razón dos suxeitos incluídos dentro do ámbito de aplicación da dita norma, e no caso das entidades colaboradoras, así mesmo, con base na capacidade técnica e solvencia exixida na convocatoria do procedemento de selección para acceder á dita condición, a través da cal se acredita o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Neste contexto danse as condicións para que o Inega xestione e tramite a presente liña de subvencións, co obxectivo de fomentar o aforro enerxético a través da utilización de fontes de enerxía renovables como a biomasa, xeotermia, aerotermia e solar térmica.

Precisamente o uso das enerxías renovables pode representar para Galicia un gran xacemento de nova actividade, e por iso, a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista de cara ao futuro, materializando esta a través da concesión de subvencións.

De acordo co anterior

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións, para proxectos de enerxías renovables de uso térmico, destinadas a particulares, para o exercicio 2019, que se xuntan a esta resolución como anexo I (código do procedemento IN421P).

2. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2019 que se xuntan a esta resolución como anexos II a VIII.

3. Convocar para o ano 2019, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción contemplada no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxías renovables para usos térmicos. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten a xeración e aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables, que cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases poidan levarse adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

Non se poden determinar circunstancias valorables que permitan establecer unha orde de prelación entre unhas solicitudes e outras e ademais co réxime de concorrencia non competitiva poderanse atender todas as necesidades que vaian xurdindo ao longo do ano.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2019 e imputaranse ás aplicacións orzamentarias 09.A2.733A.780.1, 09.A2.733A.780.2 e 09.A2.733A.780.3 ascendendo o importe total asignado a esta convocatoria a 2.506.000 €.

O crédito máximo segundo tipoloxía de proxectos será o seguinte:

Anualidade 2019

Aplicación orzamentaria

Biomasa (excluída tipoloxía B2-B3 en zonas non densamente poboadas)

1.000.000 €

 09.A2.733A.780.1

Xeotérmica

956.000 €

09.A2.733A.780.2

Aerotérmica

500.000 €

09.A2.733A.780.3

Solar térmica

50.000 €

09.A2.733A.780.3

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se pasados dous meses desde a apertura do prazo de solicitudes nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, e noutra das epígrafes existe listaxe de espera.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.

De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes e a documentación

1. As entidades colaboradoras presentarán as solicitudes de axudas segundo o modelo do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Se a entidade colaboradora presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 8 de abril ás 9.00 horas e finalizará o 1 de xullo de 2019, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito

Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Inega e no Diario Oficial de Galicia (código de procedemento IN421P).

Artigo 4. Prazo de resolución das solicitudes

O prazo para ditar resolución expresa de concesión das axudas aos beneficiarios e notificárllela ás entidades colaboradoras será de catro (4) meses contados desde o día seguinte a aquel en que se efectúe a solicitude da axuda. Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Prazos de execución e xustificación dos investimentos

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de setembro de 2019. O feito de non xustificar correctamente os ditos investimentos devirá en perda do dereito ao cobramento da axuda concedida.

Disposicións adicional primeira. Réxime de recursos

Contra esta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Actos de resolución

O director do Inega poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta execución desta convocatoria.

Disposición derradeira única

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

Anexo I

Bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables,
de uso térmico, dirixidas a particulares

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible, e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, aerotermia ou a solar térmica.

En concreto os proxectos de biomasa que se subvencionaran son os do grupo: A1 estufas de aire, cociñas calefactoras, A2 cambio de queimadores existentes que non sexa de biomasa e B1 equipamentos térmicos sen sistema de alimentación automática ou volume de acumulación de combustible V<250 litros e tamén os proxectos de biomasa dos grupos B2 e B3 (grupo B2 caldeiras con sistemas de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V≥ 250 litros e V<1.000 litros e B3 caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V≥1.000 litros) que se desenvolvan en zonas densamente poboadas.

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

Poderán ter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 1 e 4 destas bases reguladoras, que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2019.

Artigo 3. Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables:

a) O equipo principal de xeración enerxética (paneis solares térmicos, bomba de calor, caldeira, …).

No caso da biomasa o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción cinzas).

b) Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custe do sistema de alimentación do combustible.

e) O custe de montaxe e conexionado.

f) No caso da enerxía xeotérmica o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondaxes, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, etc.

2. Non son subvencionables:

a) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

b) Os gastos anteriores á presentación da solicitude.

c) Equipamento e materiais de segunda man.

d) As obras de mantemento e os gastos de aluguer.

e) As taxas e licenzas administrativas.

f) As conducións de distribución interior do calor e os equipos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

Artigo 4. Contía da axuda

A contía da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación, tendo en conta o seu orzamento e os valores máximos por potencia definidos no artigo 5 destas bases reguladoras. A contía máxima por proxecto será de 60.000 €.

Adicionalmente na procura de instalacións de potencia racionais, establécese un custo elixible máximo por vivenda segundo a seguinte táboa. Para estes efectos defínese vivenda como todo inmoble que se utilice ou fose deseñado para a residencia dunha familia, independentemente do tamaño desta e da súa tipoloxía (piso, vivenda unifamiliar, adosado, …).

Tipoloxía

Investimento elixible máximo por vivenda
(€, excluído o IVE)

Xeotermia

12.000

Aerotermia

6.000

Solar térmica

6.000

Cada entidade colaboradora poderá solicitar un máximo de 300.000 € en proxectos con reserva de fondos.

Artigo 5. Normas específicas

1. Co obxectivo de garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao ambiente.

Para tal efecto, as instalacións financiadas deben cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas de edificios (RITE), coas condicións establecidas no documento recoñecido do RITE sobre biomasa térmica, así como calquera outra normativa enerxética nacional, rexional ou local que lles sexa de aplicación.

Especificamente:

a) Equipamentos térmicos de biomasa.

En relación ás estufas de aire e outros equipamentos que non requiran o cumprimento do Real decreto 1027/2007, exixirase que o solicitante presente un rendemento do equipamento térmico superior ao 75 % e no caso de que fose de aplicación, unha cualificación enerxética en modo calefacción igual ou superior a D.

b) Bombas de calor.

No caso das bombas de calor, os equipamentos que se instalan deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 4, nas condicións establecidas na norma que lles afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc). Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia. Polo tanto, para xustificar esta condición, deberá achegarse a documentación xustificativa do ensaio para a obtención do COP.

En aplicacións de bomba de calor aire-auga de solo AQS e/ou calefacción con radiadores que non sexan de baixa temperatura o COP da bomba de calor será igual ou superior ao especificado na seguinte táboa, dependendo da zona climática do proxecto:

Zona climática

A

B

C

D

E

COP mínimo

4,3

4,6

4,6

4,9

4,9

Non serán subvencionables equipos de bomba de calor para auga quente sanitaria tipo monobloc .

c) Solar térmica.

Considéranse neste punto as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do Documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se destinen a outras aplicacións non obrigadas por esta normativa, unicamente se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

As instalacións solares destinadas ao apoio á calefacción no sector doméstico e terciario unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50º C), como solo radiante, radiadores de baixa temperatura ou Fan Coils.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.

O coeficiente global de perdas do panel solar deberá ser inferior ou igual a 9 W/(m2 ºC). Os equipos acumuladores deben dispoñer dunha cualificación enerxética clase C ou superior.

2. O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polas características do sistema segundo a seguinte táboa:

a) Biomasa.

Tipoloxía

Tipo de equipo xerador

de biomasa

Rango de potencias

Custo elixible máximo por potencia sen IVE (€/kW)

A1

Estufas de aire, cociñas calefactoras e xeradores de aire quente

P ≤ 25 kW

225-5 P

P > 25 kW

100

A2

Cambio de queimador en equipo existente que non sexa de biomasa

50

B1

Equipamentos térmicos sen sistema de alimentación automática ou volume de acumulación de combustible V < 250 litros

P ≤ 20 kW

300-5 P

20 kW < P ≤ 40 kW

250-2,5 P

P > 40 kW

150

B2

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V ≥ 250 litros e V < 1.000 litros

P ≤ 40 kW

300

40 kW < P ≤ 440 kW

310-(P/4)

P > 440 kW

200

B3

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible con V ≥ 1.000 litros

P ≤ 40 kW

325

40 kW < P ≤ 440 kW

335-(P/4)

P > 440 kW

225

P: potencia nominal total do sistema de caldeira(s) (kW).

V: capacidade do sistema externo de acumulación de combustible (litros).

Nas tipoloxías B1, B2 e B3, no caso de que a caldeira incorpore un sistema de limpeza automática de intercambiador, o custo elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) poderá incrementarse en 50 €/kW adicionais.

O Inega comprobará (con referencia dos orzamentos presentados, tarifas oficiais e outra información dispoñible) que o orzamento do equipamento térmico se corresponde co valor de mercado minorando o custo presentado no caso de que existan diverxencias.

Para o resto dos conceptos subvencionables, o importe destes puntos poderá ser corrixido unha vez valorado o orzamento presentado.

Non se admitirán nunha mesma solicitude varias caldeiras de distintas tipoloxías.

b) Xeotermia.

Tipoloxía

Características do equipamento

Rango de potencias

Investimento elixible máximo por potencia (€/kW)

A1

Instalacións con bombas de calor xeotérmicas con intercambio enterrado horizontal

P ≤ 10 kW

1.300

10 kW < P ≤ 30 kW

1.300 – 10 · (P - 10)

30 kW < P ≤ 100 kW

1.100 – 2 · (P - 30)

P > 100 kW

960

A2

Instalacións con bombas de calor xeotérmicas con intercambio enterrado vertical

P ≤ 10 kW

1.900

10 kW < P ≤ 30 kW

1.900 – 25 · (P - 10)

30 kW < P ≤ 100 kW

1.400 – 3 · (P – 30)

P > 100 kW

1.190

P: potencia térmica útil da bomba de calor (kW), debidamente xustificada coa documentación achegada, tal e como se indica no artigo 12.

c) Aerotermia.

O investimento elixible máximo será de 600 €/kW para as bombas de calor aire/auga e 400 €/kW para as de aire/aire, sendo avaliada a potencia tal e como se indica no artigo 12.

d) Solar térmica.

Segundo a tecnoloxía utilizada, a contía máxima da subvención será a seguinte:

Tipo de instalación

Investimento elixible máximo

Paneis planos

1.500 euros/kW (*)

Tubos de baleiro

1.000 euros/m2 (**)

(*) A potencia en kW calcularase a partir da superficie útil de captación (de apertura) e da curva de rendemento do panel, con temperatura de entrada 45 ºC, temperatura ambiente 15 ºC e 800 W/m2 de radiación.

(**) Superficie de apertura

Artigo 6. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 20 destas bases reguladoras.

Artigo 7. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal

2. No teléfono 981 54 15 00.

3. Presencialmente, no Inega (rúa Avelino Pousa Antelo, 5, San Lázaro, 15703 Santiago de Compostela.

Artigo 8. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitos na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, as cales non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da lei9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Facilitarlle á entidade colaboradora seleccionada as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

d) Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 24 destas bases.

f) Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A entidade colaboradora tramitará a renuncia, mediante a presentación do anexo V que se xunta a título informativo. Este anexo estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

g) O beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os tres (3) anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

h) Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de tres (3) anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Comunicarlle ao Inega, a través da entidade colaboradora, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Solicitudes

1. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación). O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día 8 de abril ás 9.00 horas e finalizará o 1 de xullo.

2. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 € o beneficiario deberá solicitar como mínimo o contido de 3 ofertas de distintos provedores, tendo en conta que a oferta seleccionada corresponderá a da entidade colaboradora adherida encargada da tramitación da súa solicitude.

3. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas á convocatoria de axudas.

4. Unha vez elixida a instalación, a entidade colaboradora terá que:

a) Comprobar que a persoa que vai solicitar a axuda cumpre cos requisitos, establecidos no artigo 8 destas bases, para poder ser beneficiario da axuda.

b) A entidade colaboradora encherá a solicitude para ese solicitante, mediante a aplicación informática habilitada para o efecto e accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben desde a páxina web do Inega (www.inega.gal). Para o acceso á aplicación de presentación das solicitude será necesario o número do NIF e o contrasinal determinados polas persoas interesada.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria, e xerará a solicitude do beneficiario por duplicado.

5. A solicitude (anexo II) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

A entidade colaboradora presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada polo beneficiario, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo II.

6. Para que unha solicitude sexa válida debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda-anexo II.

b) Autorización para a representación-anexo III.

c) Memoria técnica da actuación, segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) cuberta na súa totalidade.

d) Tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

7. Os fondos solicitados e os validados polo Inega para cada liña poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles para a liña de axudas de que se trate (BIO, XEO, AER, STE). Polo tanto, a axuda máxima que se conceda ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles para unha liña de axudas as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera para esta liña; no momento da presentación, a aplicación informática, informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistimentos, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

8. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

9. As entidades colaboradoras serán seleccionadas mediante un procedemento específico no que virán determinadas as condicións de eficacia e de solvencia técnica que deben ter.

Artigo 12. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Co envío da solicitude (anexo II) deberase incluír dixitalmente e en formato PDF, con tamaño máximo por arquivo individual de 5 MB, a seguinte documentación complementaria:

a) Autorización para a representación segundo o anexo III.

b) Acreditar a titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se vai executar o proxecto, ou da súa dispoñibilidade durante un período mínimo de tres anos (que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo).

Os documento admitidos para acreditar a titularidade son: Certificado do Rexistro da Propiedade, escritura pública de obra nova, escritura pública de compravenda, escritura pública de aceptación da herdanza, escritura pública de doazón e aceptación ou sentenza xudicial, segundo corresponda. Contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredita a titularidade do arrendador ou cedente.

Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos de impostos de bens inmobles ou certificacións do Catastro inmobiliario.

c) No suposto de que o solicitante sexa unha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, o representante deberá asinar a solicitude achegándose pola entidade colaboradora a seguinte documentación:

1º. Documentación que acredite a súa constitución.

2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.

3º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

d) No caso de que unha comunidade de veciños sexa a solicitante, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o presidente desempeñará a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, e deberá presentarse:

1º. Acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación dos propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.

2º. Certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios aceptando as bases da convocatoria, comprometéndose á execución das respectivas obras e facultando ao presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.

3º. Acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este punto, ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.

4º. Documento no que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

e) Presentación da oferta da instalación que se pretende levar a cabo. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €, a entidade adherida, á que corresponde a oferta seleccionada, presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

f) Memoria técnica da actuación. Composta polos seguintes documentos:

1º. Planos de situación no que se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea na que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc). Bosquexos ou planos no que se localicen os equipamentos na edificación.

2º. Folla de características do equipo xerador utilizado.

3º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo específico dispoñible na web do Inega (www.inega.gal): unha memoria técnica na que se describirán, de forma detallada, os sistemas xeradores e os compoñentes principais da instalación.

4º. No caso da xeotermia, aerotermia e solar térmica os certificados de rendemento dos sistemas xeradores coas seguintes especificacións:

– Xeotérmica e aerotermia.

Certificado do coeficiente de rendemento en modo calefacción (COP) e da potencia emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que lles afecte (UNE- EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc). Para acreditar este coeficiente, deberá xuntarse a certificación emitida por Eurovent, a EPHA (Asociación Europea da Bomba de Calor) ou por un laboratorio de ensaio acreditado para este tipo de ensaios, segundo a normativa vixente. No caso de Eurovent e da EPHA admitirase a impresión da páxina web na que se poden consultar os datos de potencia e COP do propio equipo ou do ensaiado na serie técnica sempre que se acompañe dunha captura do link no que se pode contrastar a información. Tomarase como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

– Solar térmica.

Resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e coeficientes de rendemento, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para a emisión da resolución de certificación. No caso dos equipamentos que deban dispoñer dunha cualificación enerxética deberán achegar a documentación xustificativa correspondente.

h) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

Artigo 13. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente. As entidades colaboradoras responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

2. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superen os tamaños máximos establecidos, 5 MB por arquivo individual permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir a persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automáticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas

a) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, Seguridade Social e Facenda Autonómica

b) DNI ou NIE, cando a persoa solicitante sexa unha persoa física.

c) Concesión de subvencións de axuda.

d) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esa consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Órganos competentes

O xefa da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.

Artigo 16. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, recaia resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, teráselle por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda e da verificación do DNI/NIE.

2. Poderá requirirse a entidade colaboradora para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular da Área de Enerxías Renovables e un técnico do Inega. O comité de avaliación elaborará unha proposta na que figuren de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter subvención, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nas diferentes liñas de actuación que se subvencionan.

Artigo 17. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación do beneficiario, o custo elixible do proxecto e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

Artigo 18. Notificación

1. As notificacións de actos e resolucións administrativas realizaranse por medios electrónicos, a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

Para poder recibir as notificacións, o sistema solicitaralle o número do NIF e o contrasinal determinado pola persoa interesada.

2. A notificación do requirimento de emenda practicarase do seguinte xeito:

– Enviaráselle á entidade colaboradora ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude un aviso en que se lle indica a posta á súa disposición desta notificación.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante.

3. Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fora expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin a vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fora expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, a entidade colaboradora debe notificarllo ao órgano competente para a concesión da subvención mediante a presentación do anexo VII.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non achegen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 21. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da proposta de resolución definitiva sen que a entidade colaboradora comunique expresamente a renuncia á subvención, entenderase que o solicitante acepta a subvención, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo á entidade colaboradora que presentará a anexo V polos medios establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará, de conformidade co procedemento establecido no artigo 11 destas bases reguladoras.

Artigo 22. Prazo de execución das instalacións

O prazo de execución das instalación iniciarase unha vez se teña efectuado a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2019.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase pola entidade colaboradora de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvención de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades colaboradoras, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 18.2 destas bases reguladoras.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente a entidade colaboradora para que no prazo improrrogable de 10 días hábiles a presente.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta de verificación do NIF do solicitante (persoa física).

A presentación da xustificación no prazo adicional de 10 días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 24. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 22 destas bases reguladoras, debendo estar, nese momento, os investimentos plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para o cobramento polo solicitante da subvención concedida, a entidade colaboradora deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Para xustificar cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas, en que figurará o importe total que se vai pagar, e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento da totalidade do equipamento polo solicitante.

1º. A factura deberá reflectir con claridade os seguintes datos:

– Data de emisión.

– Nome e NIF/NIE do beneficiario.

– Enderezo onde se realiza a obra.

– Descrición detallada da totalidade do equipamento instalado de acordo coa solicitude.

– Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

Non se admiten as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación.

2º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas: transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria, nos cales deberán estar claramente identificados:

– Titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que deben coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención.

– Receptor do pagamento (empresa ou autónomo).

– Número de factura obxecto do pagamento.

3º. Non se admitirán os supostos de autofacturación e, en relación coas empresas ou entidades vinculadas co beneficiario que executasen total ou parcialmente as actuacións subvencionadas, deberán concorrer as dúas circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a pertinente autorización por parte do órgano xestor.

4º. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5º. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade.

6º. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

7º. No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considerase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios.

b) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal). De existir modificacións no proxecto deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Achegaranse fotografías dos principais equipamentos instalados.

d) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para as mesmas actuacións subvencionadas, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo VIII).

e) O beneficiario achegará un certificado asinado polo técnico instalador, no que se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Naqueles proxectos de xeración térmica con potencia superior a 70 kW deberá achegarse o certificado de dirección de obra asinado polo técnico. Naquelas instalacións que requiran a súa inscrición no rexistro da consellería competente en materia de industria, o beneficiario deberá achegar o xustificante de solicitude de inscrición da instalación nese rexistro. Nese xustificante deberán figurar as características técnicas e o correspondente código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación no caso de que fose necesario.

f) Nos proxectos de enerxía xeotérmica o beneficiario deberá achegar certificado de obra do sistema de captación asinado por un técnico conforme o modelo dispoñible na web do Inega. Sempre que sexa obrigatoria unha autorización para a execución do proxecto o beneficiario deberá xustificar a obtención desta ou no caso de que aínda non se recibise a autorización, si deberá acreditar documentalmente a súa solicitude. Lémbrase que a data de finalización da obra debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

Artigo 25. Incumprimentos xerais do proxecto

1. Incumprimento total. Se xustifican conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, se entenderá que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinará a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. Incumprimento parcial. Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Artigo 26. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 27. Información básica sobre protección de datos personales

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia- Instituto Enerxético de Galicia, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-protección-datos

Artigo 28. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. O Inega reservase para si o dereito a realizar cantas comprobacións, inspección e demais medidas de control que se estimen oportunos para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se no curso destas verificacións se detectara que os beneficiarios das subvencións ou as entidades colaboradora adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas nesta bases reguladoras, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, se for o caso, o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades colaboradoras e os beneficiarios das subvención, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no Título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 29. Normativa de aplicación

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file