Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Martes, 5 de marzo de 2019 Páx. 12497

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 15 de febreiro de 2019 pola que se convocan axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de nais e pais do alumnado e das asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial para o ano 2019.

O artigo 5.5 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, establece que as administracións educativas favorecerán o exercicio do dereito de asociación das nais e pais, así como a formación de federacións e confederacións para contribuíren á mellor consecución dos obxectivos educativos.

O Estatuto de autonomía de Galicia declara, no seu artigo 31, a competencia plena da Comunidade Autónoma galega para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Coa finalidade de apoiar e potenciar a realización de actividades por parte das federacións e confederacións de nais e pais do alumnado e das asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial, mediante a subvención dos gastos ocasionados polas citadas actividades, así como os derivados da xestión administrativa, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións, realízase esta convocatoria de axudas.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Faise pública a convocatoria co código de procedemento ED507A, de axudas destinadas a subvencionar a realización de actividades por parte das federacións e confederacións de nais e pais do alumnado legalmente constituídas, e das asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial, desde o 1 de xaneiro de 2019 ata o prazo límite de xustificación de gastos.

Artigo 2. Requisitos

Poderán solicitar estas axudas as federacións e confederacións de nais e pais do alumnado, así como as asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial que, con anterioridade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no censo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Artigo 3. Financiamento das axudas

O importe que se distribuirá nesta convocatoria de axudas será de sesenta mil euros (60.000,00 €), cantidade que procede de fondos propios da Comunidade Autónoma. Non obstante, o importe destas axudas poderase incrementar se, antes da publicación da resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, se recibe unha transferencia do Ministerio de Educación e Formación Profesional para esta mesma finalidade, e así se publique no Diario Oficial de Galicia.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo á partida 10.30.423A.481.0 dos orzamentos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o ano 2019.

Artigo 4. Destino das axudas

As axudas van destinadas tanto para a realización de actividades como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

Artigo 5. Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Presentada a solicitude, examinarase para ver se reúne os requisitos exixidos e se vai acompañada da preceptiva documentación; en caso contrario, de acordo co previsto no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se non o fai así, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 desta lei.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado da Axencia Tributaria para acreditar o cumprimento do pagamento das obrigas tributarias.

d) Certificado da Tesouraría da Seguridade Social para acreditar o cumprimento do pagamento das obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de non ter ningunha débeda pendente coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (modelo normalizado anexo I) a seguinte documentación:

a) Copia certificada do acordo do órgano competente polo cal se decide solicitar a axuda.

b) Orzamento desagregado de cada unha das actividades, dos gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

c) Plan de actividades para as cales se solicita a axuda, achegando unha breve memoria por cada unha das actividades.

d) Para as confederacións, relación das asociacións de nais e pais do alumnado e das federacións que as integran.

e) Para as federacións, relación das asociacións de nais e pais do alumnado que as integran.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento terán que ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Comisión de valoración das axudas

Baixo a presidencia da persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión integrada polos seguintes membros:

A persoa titular da Subdirección Xeral de Centros.

O/a funcionario/a que ocupe a xefatura do Servizo de Centros.

O/a funcionario/a que ocupe a xefatura do Servizo de Xestión de Programas Educativos.

O/a funcionario/a que ocupe a xefatura da Sección de Apoio.

O/a funcionario/a da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

Artigo 12. Distribución das axudas

A distribución das axudas farase do seguinte xeito:

a) As confederacións recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha do 10 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

b) As federacións de ámbito provincial recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha o 3 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

c) As federacións de ámbito inferior ao provincial recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha o 2 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

d) As confederacións recibirán, ademais, un importe variable que estará en función do número de federacións e asociacións de nais e pais do alumnado que as integran. O importe por cada federación confederada non excederá o 1,5 % do importe total da convocatoria. O importe por cada ANPA confederada non excederá o 0,5 % do importe total da convocatoria.

e) Todas as federacións recibirán, ademais, un importe variable que estará en función do número de asociacións de nais e pais do alumnado que as integran. O importe por ANPA federada non excederá o 0,5 % do importe total da convocatoria.

f) As asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial recibirán unha contía que será igual para todas as asociacións e que non excederá para cada unha o 1,5 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

Non obstante, poderanse superar as porcentaxes anteriores se, de acordo co número de solicitudes presentadas e as porcentaxes máximas indicadas, non for posible a distribución total do importe da convocatoria. O incremento será proporcional ás porcentaxes máximas establecidas para as contías fixas e variables fixadas nas letras anteriores.

Artigo 13. Resolución de concesión

A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa á titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para a resolución que proceda.

A resolución de concesión das axudas, ditada pola persoa titular da Consellería Educación, Universidade e Formación Profesional, publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses contados desde a publicación desta convocatoria.

No suposto de que non se dite resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, as entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes para os efectos de interpoñeren o recurso administrativo ou contencioso-administrativo que proceda.

A resolución, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así mesmo, contra ela poderase recorrer potestativamente en reposición no prazo dun mes, ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para poder dar curso aos libramentos, as entidades beneficiarias presentarán, con data límite do 31 de outubro de 2019, a xustificación dos gastos realizados, mediante orixinais ou copias compulsadas de facturas e/ou nóminas e acreditación documental de que se efectuou o seu aboamento.

Ademais, deberán presentar o anexo II (declaración cos datos actualizados) para acreditar estaren ao día no pagamento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non teren pendente ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. A xustificación indicada no punto anterior presentarase electronicamente na forma indicada nos artigos 8.2 e 9 desta orde.

Artigo 15. Control e comprobacións das axudas

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá requirir da entidade solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polas entidades peticionarias.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que se achega será comunicada pola entidade solicitante á citada dirección xeral.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

A entidade beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17. Publicidade da convocatoria

Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda das actividades que realicen as confederacións, federacións e asociacións ao abeiro desta orde, deberá figurar que están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, co seu respectivo anagrama ou logotipo.

Artigo 18. Causas de reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda percibida, xunto cos xuros de demora, nos casos indicados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así mesmo, esta orde poderase recorrer potestativamente en reposición no prazo dun mes ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia -Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional- coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Dereito supletorio

En todo o non previsto pola presente orde serán de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición derradeira primeira. Autorizacións

Facúltase o titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarios para a execución e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Vixencia

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file