Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Mércores, 6 de marzo de 2019 Páx. 12803

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 26 de febreiro de 2019 pola que se amplía unha praza no concurso de méritos para cubrir postos nos equipos de orientación específicos convocado pola Orde do 22 de outubro de 2018.

Mediante a Orde do 22 de outubro de 2018 convocouse concurso de méritos para cubrir postos nos equipos de orientación específicos (Diario Oficial de Galicia núm. 212, do 7 de novembro) que no seu artigo 1 establece que o obxecto desta é a convocatoria do concurso público de méritos para cubrir as prazas dos equipos de orientación específicos, así como as posibles resultas, que se relacionan no anexo I da dita orde.

Debido á existencia dunha nova praza vacante no cadro de persoal destes equipos de orientación específicos, cómpre ampliar a oferta do antedito anexo I da Orde do 22 de outubro de 2018.

En consecuencia, e en uso da autorización que figura na disposición derradeira primeira do Decreto 120/1998, do 23 de abril, que regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 27 de abril), esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Ampliación de prazas

Engádese unha nova praza no anexo I da Orde do 22 de outubro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 212, do 7 de novembro) correspondente á especialidade de Trastornos graves de conduta no equipo específico da Coruña.

Artigo 2. Prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes para a nova praza da especialidade de Trastornos graves de conduta no equipo específico da Coruña será de quince (15) días hábiles, computados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única

Para todo o procedemento relacionado coa convocatoria desta nova praza, agás o prazo de presentación de solicitudes, será de aplicación o establecido na Orde do 22 de outubro de 2018 pola que se convoca concurso de méritos para cubrir postos nos equipos de orientación específicos (Diario Oficial de Galicia núm. 212, do 7 de novembro), incluídos os seus anexos.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional