Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Mércores, 6 de marzo de 2019 Páx. 12781

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2019 pola que se convoca un curso para persoal da Administración local de Galicia sobre a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar un curso para persoal da Administración local de Galicia sobre a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderán participar nas accións formativas convocadas mediante esta resolución o persoal ao servizo da Administración local de Galicia e, en caso de vacante, persoal da Administración autonómica e estatal, que se atopen en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Toda persoa solicitante que ao inicio ou durante o curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Este incidente debe comunicarse á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen nesta convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A dita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Así mesmo, os peticionarios poderán obter información sobre a súa admisión chamando ao teléfono 988 31 75 80 ou consultando a páxina web <www.depourense.es/formacion>

Cuarta. Criterios de selección

1. Con carácter xeral, darase prioridade no proceso de selección dos participantes aos solicitantes que presten servizos na Administración local da provincia de Ourense.

2. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2019, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 24 de xaneiro (DOG núm. 25, do 5 de febreiro), comezarase pola letra Q.

3. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Desde a deputación provincial poderá comunicárselles telefonicamente ás persoas seleccionadas a súa admisión, co fin de obter a confirmación sobre a súa participación na acción formativa.

Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia á actividade

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima dun día anterior ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1) Non poden superar en ningún caso o 10 % da duración da actividade. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % da duración da actividade, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade é necesario superar unha proba de avaliación final que terá lugar o último día do curso no lugar indicado no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de persoas admitidas sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Deputación Provincial de Ourense resérvanse o dereito para suspender ou para cancelar a actividade, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV19017.

Curso sobre a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

1. Obxectivos.

• Xerais:

A Deputación Provincial de Ourense na súa misión de asistencia municipal ten como obxectivo a formación continua, non só do seu propio persoal, senón tamén do persoal dos concellos da provincia.

A recentemente aprobada Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, supuxo un cambio notable na normativa de contratación pública, incidindo en aspectos tan relevantes como a transparencia e a axilización da contratación pública.

Coa finalidade de que as administracións públicas da provincia de Ourense presten un mellor servizo ao cidadán, organízase este curso de formación continua en materia de contratación pública.

• Específicos:

1) Estudar as novidades normativas que se produciron en materia de contratación pública coa aprobación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

2) Analizar dende unha perspectiva tanto teórica como práctica as claves da nova regulación sobre contratos públicos.

3) Dar a coñecer ao alumnado as especialidades contractuais e a súa problemática, con especial atención á súa incidencia na actividade dos entes locais.

4) Resolver as dúbidas dos participantes sobre a xestión práctica da contratación e compartir experiencias na aplicación das novidades normativas.

2. Destinatarios/as.

Funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter estatal, técnicos/as de Administración xeral e especial das entidades locais e empregados/as públicos/as con responsabilidades en materia de contratación.

3. Desenvolvemento.

Duración: 15 horas.

Datas: 26 de marzo e 2, 9, 23 e 30 de abril de 2019.

Horario: das 17.00 ás 20.00 horas.

Lugar: Ourense, aulas de formación da Deputación de Ourense no Centro Cultural Marcos Valcárcel (rúa Progreso, nº 30, 2º).

Prazas: 40.

4. Contido.

1. Antecedentes e aproximación ao novo texto legal: contextualización da Lei 9/2017.

1.1. A tramitación parlamentaria.

1.2. As directivas traspostas e o efecto directo.

1.3. Estrutura e obxectivos da nova Lei de contratos do sector público 9/2017.

2. Disposicións xerais da Lei 9/2017.

2.1. Obxecto, ámbito e finalidade de aplicación da lei.

2.2. Tipos contractuais.

2.3. Limiares SARA.

2.4. Contratos administrativos e privados.

2.5. Xurisdición competente.

3. Elementos estruturais dos contratos.

3.1. Aspectos xerais da contratación pública e encargos a medios propios.

3.2. Aspectos formais do contrato.

3.3. Recurso especial.

3.4. Competencia para contratar, perfil do contratante e loita contra a corrupción.

3.5. Medidas de auto limpeza.

3.6. Sucesión do contratista.

3.7. Obxecto do contrato.

3.8. Garantías exixibles.

4. A nova gobernanza na contratación pública.

4.1. Novas obrigas na materia de transparencia, integridade e conflitos de intereses, vencellados ás especialidades do mundo local.

4.2. Órganos de contratación.

4.3. Mesas de contratación.

4.4. Outros órganos e rexistros.

4.5. Remisión de información.

4.6. Plataforma de contratos do sector público.

5. Os contratos das administracións públicas.

5.1. Consultas preliminares de mercado.

5.2. Expediente de contratación e tramitación urxente.

5.3. Pregos e especificacións técnicas.

5.4. Adxudicación do contrato.

5.5. Procedemento aberto e aberto simplificado.

5.6. Procedemento negociado.

5.7. Asociación para a innovación.

6. Contratos doutros entes do sector público.

6.1. Contratos de poderes adxudicadores non Administración pública (PANAPS).

6.2. Contratos de entes do sector público na entidade adxudicadora.

7. A fase de execución do contrato.

7.1. Efectos dos contratos e interpretación destes.

7.2. Execución dos contratos.

7.3. Modificación dos contratos.

7.4. Extinción do contrato.

7.5. Subcontratación.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE núm. 267, do 8 de abril, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo de 2010), e corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.