Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 12 de marzo de 2019 Páx. 13685

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2019 pola que se convoca o Curso sobre as novidades lexislativas en materia de intervención e tesouraría na constitución das novas corporacións locais.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local (Cosital) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o Curso sobre as novidades lexislativas en materia de intervención e tesouraría na constitución das novas corporacións locais que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderán participar na acción formativa convocada nesta resolución os/as funcionarios/as con habilitación de carácter nacional das entidades locais de Galicia que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Toda persoa solicitante que ao inicio ou durante o curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 20 de marzo de 2019.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Pagamento de matrícula

– O importe da matrícula é de sesenta euros (60 €) para os/as subscritores/as e novos/as subscritores/as de Cositalnetwork e da Revista de Estudos Locais.

– Para persoal da entidade local subscritora o importe da matrícula será de cento vinte euros (120 €).

– Para o resto de asistentes o importe da matrícula será de douscentos corenta euros (240 €).

O pagamento da matrícula farase efectivo mediante transferencia bancaria polo importe correspondente á conta dos subscritores do Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local (Cosital) ES09 0049 0263 55 2111621894 (Santander) e enviarase o xustificante da operación a mtcosital@cosital.es

A información sobre o pagamento da matrícula farase a través do enderezo electrónico <mtcosital@cosital.es> e no teléfono 915 21 18 25.

Quinta. Criterios de selección

Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro), tendo en conta a preferencia do persoal funcionario con habilitación de carácter nacional das entidades locais de Galicia subscritores do Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local (Cosital).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2019, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 24 de xaneiro (DOG núm. 25, do 5 de febreiro), comezarase pola letra Q.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera.

Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades impartidas na modalidade mixta:

As faltas de asistencia nas horas presenciais da actividade non poderá superar o 10 % da duración desta. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría na parte de teleformación da actividade pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e Cosital poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Cosital reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Cosital garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV19016.

Área de coñecemento: réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas.

Nome do curso: Curso sobre as novidades lexislativas en materia de intervención e tesouraría na constitución das novas corporacións locais.

1. Obxectivos.

Neste curso abordaranse as novidades en materia de intervención e tesouraría con motivo da constitución das novas corporacións locais.

Abordaranse, ademais, a través do coñecemento das máis modernas ferramentas de management, a xestión das novas competencias dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional e os modelos organizativos

Todo isto desde un punto de vista práctico e participativo e cun test final de avaliación que se realizará de forma telemática a través da Plataforma Cositalnetwork.

2. Destinatarios/as.

Funcionarios/as con habilitación de carácter nacional das entidades locais de Galicia.

3. Desenvolvemento.

Duración: 18 horas.

Edicións: unha.

Lugar: Santiago de Compostela, salón de actos da EGAP, rúa Madrid, nº 2-4.

Datas: 25 e 26 de marzo de 2019.

Horario: o día 25 de marzo das 9.00 ás 14.30 e das 16.30 ás 18.30 e o día 26 das 8.30 ás 15.30 horas.

Data da proba final: do 26 ao 29 de marzo de 2019.

Prazas: 60.

4. Contido.

Novidades en materia de intervención para o exercicio 2019.

Novidades en materia de tesouraría.

Control interno en materia de subvencións: elaboración e execución do plan anual de control financeiro en materia de subvencións.

Ferramentas de management: xestión das novas competencias dos funcionarios de habilitación nacional.

Modelos organizativos.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP, do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro) e corrección no BOE núm. 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,50 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG do 16 de marzo), e corrección (DOG do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.