Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 12 de marzo de 2019 Páx. 13682

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

EXTRACTO da Resolución do 26 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2019, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas.

BDNS (Identif.): 443028.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da Resolución do 26 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2019, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap), cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios da liña en réxime de concorrencia competitiva das subvencións convocadas os concellos, as deputacións provinciais e demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para o persoal empregado público, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do Afedap.

De conformidade co establecido no artigo 6, segundo parágrafo, do Afedap, só poderá ser beneficiaria da liña en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións convocadas a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Segundo. Obxecto

A concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais de Galicia no marco do Afedap (código de procedemento administrativo PR780A).

Terceiro. Bases reguladoras

As bases que rexerán serán as contidas na propia Resolución do 26 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2019, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas.

As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contía

A concesión das subvencións para os plans de formación obxecto desta resolución financiarase con cargo ao crédito dispoñible no orzamento da Escola Galega de Administración Pública por un importe de 415.332 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse exclusivamente por vía electrónica, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os formularios de solicitude están dispoñibles no enderezo https://fedap-galicia.inap.es/ e na páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal) e é preciso que a promotora estea previamente rexistrada no portal Fedap. O acceso ao portal Fedap poderá realizarse introducindo os díxitos de usuario e contrasinal facilitados polo portal ao rexistrarse, ou ben mediante o documento nacional de identidade electrónico ou certificado dixital recoñecido de persoa física ou xurídica.

As solicitudes deberán ir asinadas electronicamente pola persoa designada como representante da promotora para o plan presentado. Nos formularios normalizados cubriranse todos os campos obrigatorios sen engadir novos datos e sen emendar, variar ou raiar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública