Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Xoves, 14 de marzo de 2019 Páx. 13980

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 22/2019, do 28 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-116, treito AC-114-Meirás, punto quilométrico 6+500-12+030, de clave AC/16/063.06, nos concellos de Narón e Valdoviño.

Antecedentes:

Primeiro. O día 29 de xullo de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 143 o Anuncio do 14 de xullo de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-116, treito AC-114-Meirás, p.q. 6+280-9+270, de clave AC/16/063.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Non obstante, o proxecto sometido a información pública abarcaba un ámbito superior, alcanzando o treito ata o punto quilométrico 12+030.

Segundo. Tras a análise das alegacións, certificados e informes presentados, o 22 de febreiro de 2019 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-116, treito AC-114-Meirás, de clave AC/16/063.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto a execución dunha senda compartida peón-bici para conectar co paseo que bordea a Lagoa da Frouxeira e que chega ata o núcleo de Atios, permitindo a conexión peonil ao longo de toda a estrada AC-116 no municipio de Valdoviño. Tamén se mellorará unha intersección para a realización do cruce da estrada AC-116.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de febreiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-116, treito AC-114-Meirás, p.q. 6+500-12+030, de clave AC/16/063.06.

Santiago de Compostela, vinte e oito de febreiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade