Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Venres, 15 de marzo de 2019 Páx. 14102

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 8 de marzo de 2019 pola que se convoca e establece o procedemento de adxudicación de prazas do servizo de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís 0-3 de titularidade privada para o curso 2019/20.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

Por último, o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúe á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Neste contexto, a Administración autonómica conta cunha rede propia de escolas infantís 0-3 e contribúe ao financiamento das escolas de titularidade municipal e de entidades de iniciativa social, que amplían e complementan a rede de recursos de atención á infancia sostida con fondos públicos.

Así mesmo, a consellería conta co programa do Bono concilia consistente nunha axuda económica directa ás familias para o pagamento total ou parcial dunha praza nunha escola infantil privada da súa elección. Esta axuda está destinada a aquelas familias que non obtivesen praza nunha escola pública ou financiada con fondos públicos e marcaran a opción do Bono concilia na súa solicitude, e a aqueloutras que residan en localidades que carezan de prazas públicas.

Pola súa vez, a fin de darlle unha solución eficaz e concreta ao volume das listas de espera que se concentran na rede pública de escolas infantís das sete grandes cidades e, por extensión, ás dos concellos das súas respectivas áreas de influenza, no curso 2015/16 púxose en marcha un concerto de prazas en escolas infantís de titularidade privada dirixido ás persoas solicitantes que non obtivesen praza en ningunha das escolas da rede pública autonómica.

Co fin de darlle continuidade a este programa, no ano 2018 publícase un novo contrato para a prestación do servizo de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís de titularidade privada en diversos concellos de Galicia.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar e establecer o procedemento de adxudicación de praza nas escolas infantís que resultaron adxudicatarias da prestación do servizo de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís de titularidade privada nas sete grandes cidades e nos concellos da súa área de influenza, así como no concello de Monforte de Lemos (Lugo) (código do procedemento administrativo BS402G). A relación destas escolas recóllese no anexo III.

Artigo 2. Persoas adxudicatarias

Poderá adxudicarse unha praza do servizo de educación infantil 0-3 anos nas escolas infantís de titularidade privada que se relacionan no anexo aos nenos e nenas que estean nos seguintes supostos:

a) Os nenos e as nenas escolarizados/as nunha praza do servizo de educación infantil en escolas 0-3 privadas durante o curso 2018/19 para a renovación de praza, sempre que non teñan cumpridos os tres anos de idade o 31 de decembro de 2019.

b) Os nenos e as nenas de novo ingreso cun irmán/á que renove unha praza deste servizo do curso 2018/19 para o curso 2019/20.

c) Os nenos e as nenas solicitantes de praza de novo ingreso para o curso 2019/20 nas escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou na escola infantil municipal de Monforte de Lemos, que queden en lista de espera por falta de prazas dispoñibles e que nas solicitudes das correspondentes convocatorias marcasen a opción de candidato/a a unha praza deste servizo de educación infantil en escolas 0-3 privadas.

Artigo 3. Procedemento de adxudicación das prazas

1. Para avanzar na conciliación da vida familiar e laboral e promover o dereito á escolarización de irmáns/ás no mesmo centro, en cada escola infantil as prazas adxudicaranse seguindo a orde de prelación coa que aparecen relacionadas no artigo anterior.

2. Nos supostos de solicitude de renovación, a praza será renovada na mesma escola infantil en que estivese escolarizado o neno ou a nena durante o curso 2018/19, con carácter xeral no mesmo horario e cos mesmos servizos cos que fose adxudicada no dito curso.

3. De ser necesario, ás solicitudes de novo ingreso de nenos e nenas cun irmán/á que renove praza para o curso 2019/20, adxudicaráselle a puntuación obtida pola unidade familiar no proceso de baremación que lle deu dereito ao acceso por esta quenda ao fillo/a escolarizado durante o curso 2018/19.

4. Para optar á praza tanto no suposto de renovación como de novo ingreso previsto no artigo 2.b) é requisito imprescindible estar ao corrente no pagamento das cotas mensuais na data de presentación da solicitude.

Artigo 4. Solicitudes e documentación

1. Para o procedemento de solicitude de praza, tanto de renovación como de novo ingreso (no caso de nenos/nenas cun irmán/á que renove unha praza deste servizo), presentarase o modelo normalizado de solicitude (anexo I).

Os impresos estarán dispoñibles nos enderezos electrónicos: https://sede.xunta.gal e https://xunta.gal/politica-social e nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos do/a cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Título de familia numerosa, só no caso de non ser expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Certificado de discapacidade do neno ou da nena, só no caso de non ser expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso.

d) Copia do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

Así mesmo, no caso de terse producido cambios que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual respecto aos que constan na declaración do IRPF correspondente ao ano 2017, que afecten á unidade familiar e que poidan incidir no cálculo da renda desta, a persoa interesada achegará, dentro do mesmo prazo de presentación de solicitudes, aqueles documentos que os acrediten ou xustifiquen.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificación de extranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante e do/a cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), da persoa solicitante, da/o cónxuxe ou parella e demais membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao ano 2017.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Título de familia numerosa expedido na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Discapacidade do neno ou da nena recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I e no anexo II segundo o caso e achegar os correspondentes documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible, anexo I, na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finaliza o día 5 de abril de 2019.

Artigo 7. Condicións xerais das prazas

1. Nas prazas das escolas infantís de titularidade privada adxudicatarias da prestación do servizo de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos, poderase optar, en canto que teñen a condición de públicas, por unha das seguintes modalidades de servizo:

a) Atención educativa con comedor.

b) Atención educativa sen comedor.

2. O horario para o alumnado que opte pola modalidade de servizo prevista na letra b) do punto anterior será o establecido polo centro con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.

3. As nenas e nenos que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos sempre que se solicite ante a dirección do centro con antelación suficiente e se aboe o prezo estipulado.

Unha vez concedida a praza de acordo co procedemento establecido nesta orde, esta manterase nas mesmas condicións durante todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

A permanencia do alumnado no centro non poderá superar as oito horas diarias dentro da xornada pola que opte.

Así mesmo, o alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2019/20.

Artigo 8. Prezos

As familias usuarias dunha praza nunha das escolas infantís obxecto desta orde aboarán mensualmente á escola infantil a cota que, en aplicación dos prezos públicos fixados na normativa reguladora vixente, lle corresponda segundo a renda per cápita de unidade familiar e os descontos aplicables en cada caso.

Para a determinación do importe mensual do prezo público teranse en conta as especificacións recollidas na normativa reguladora do réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes do sector público autonómico de servizos sociais vixente, a partir do cómputo da renda per cápita mensual da unidade familiar calculada seguindo as regras contidas nela.

Para estes efectos, para a presente convocatoria tomarase para o cálculo da cota a declaración do IRPF correspondente ao ano 2017.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 9. Instrución do procedemento

A instrución e proposta de resolución deste procedemento correspóndelle aos servizos con competencias en materia de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

No exercicio das súas competencias os ditos servizos comprobarán que as solicitudes presentadas reúnen os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, e de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10 días), emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 10. Resolución do procedemento

1. Corréspondelle á persoa titular de cada xefatura territorial por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, e por proposta dos servizos con competencias en materia de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ditar as resolucións de adxudicación das prazas

2. O prazo para resolver e notificar a dita resolución será de cinco meses contados desde a data de presentación da solicitude. Aquelas solicitudes que non resultasen adxudicatarias quedarán na lista de agarda de procedencia.

3. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa.

4. A adxudicación dunha praza en calquera das escolas privadas que participan neste programa leva consigo a exclusión automática da lista de espera das escolas públicas.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións destas resolucións e os actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Publicación das listas de persoas adxudicatarias e matrícula

1. As listas de persoas adxudicatarias, tanto de renovación de praza como de novo ingreso, faranse públicas a partir do día 1 de xullo de 2019 nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social así como no enderezo electrónico https://xunta.gal/politica-social.

2. Unha vez concedida a praza, a persoa interesada deberá realizar a matrícula na escola infantil en que lle foi adxudicada mediante o modelo oficial que estará dispoñible no enderezo electrónico https://xunta.gal/politica-social, na escola infantil en que se lle adxudicou e nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

Unha vez realizada, disporá de cinco (5) días contados desde a recepción da resolución de adxudicación de praza para remitir ao Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da xefatura territorial que lle corresponda unha copia deste impreso xunto coa copia da cartilla de vacinación do neno ou nena.

O cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación así como a formalización da matrícula é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realizase a persoa interesada decaerá da súa solicitude.

Artigo 13. Revisión do prezo

O prezo fixado inicialmente revisarase nos seguintes casos:

a) Modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) Diminución ou incremento dos ingresos en máis do 20 % en cómputo anual respecto aos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración mínima de seis meses para ser tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal de Administación Tributaria (AEAT) ou por calquera outra documentación que, a xuízo da xefatura territorial da Consellería de Política Social, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) Variación no número de membros da unidade familiar.

Para estes efectos, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar calquera variación que se produza nos supostos que deron lugar ao cálculo do prezo público que se lle aplica.

A modificación do prezo, será resolta pola persoa titular da xefatura territorial e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 14. Baixas

1. Será causa de baixa na escola infantil:

a) O cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) A solicitude das persoas proxenitoras ou representantes legais.

c) A falta de pagamento do prezo establecido durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar ao que se refire a débeda, sen prexuízo da reclamación desta polo procedemento administrativo de constrinximento, de acordo coa normativa en vigor de prezos públicos para as escolas infantís.

d) A comprobación de falsidade nos documentos ou nos datos achegados.

e) A incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) A falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que se produza unha falta de asistencia prolongada, deberá presentarse cunha periodicidade mensual a documentación acreditativa da causa que a produce. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas motivadas polo establecido na alínea e) serán resoltas pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, e por proposta da xefa ou xefe territorial correspondente, unha vez oída a dirección do centro ao que asiste a alumna ou alumno e realizado o trámite de audiencia da/s persoa/s interesada/s. O prazo de resolución será de 2 meses desde o inicio do expediente. Nos demais supostos aprobarase a baixa por resolución da persoa titular da Xefatura Territorial de Política Social no prazo dun mes desde o inicio do expediente.

Contra as resolucións ditadas no procemento anterior será de aplicación o establecido no artigo 10.3.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais ou páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Política Social nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social para a resolución desta convocatoria, así como para as baixas previstas no artigo 14.1.a), b), c), d), f), e na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para a prevista no artigo 14.1.e).

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

ANEXO III
Relación de escolas infantís que ofertan prazas do servizo de educación infantil para nenos e nenas de 0-3 anos en escolas de titularidade privada para o curso 2019/20

Entidade

Centro

Enderezo

Concello

Provincia

Grupo idade

Nº prazas

A Coruña

G Matogrande, S.L.

EI Pequerrechos Cambre

Constitución, 11-13 P Marítimo O Graxal

15670

Cambre

A Coruña

0-1

5

1-2

13

2-3

16

A Fraga Encantada, S.C.

EI A Fraga Encantada

Pintor Lucio Muñoz, 3-B

15660

Cambre

A Coruña

0-1

4

1-2

10

2-3

20

Amelia Barallobre Carreira

Xardín de Infancia Chiquitín

Celso Emilio Ferreiro, 29-B, El Temple

15679

Cambre

A Coruña

0-1

1

1-2

5

2-3

5

EI Trasnos, S.L.

EI Trasnos

Castellana, 87

15660

Cambre

A Coruña

0-1

2

1-2

13

2-3

15

Dana Coruña, S.L.

EI Dana

Pozo, 11 baixo

15005

A Coruña

A Coruña

0-1

2

1-2

6

2-3

6

Santiago de Compostela

María Belén Muiña Romay

EI Piolín de Ames

Urbanización Palmeras-Bertamiráns

15220

Ames

A Coruña

0-1

3

1-2

4

2-3

23

Sociedade Santa Apolonia, S.L.

EI Santa Apolonia II

A Rocha, Poza Real, 2

15706 Santiago de Compostela

A Coruña

0-1

5

1-2

5

2-3

5

Ferrol

Lendo e Crecendo, S.L.

EI Os Pequerrechos de Ferrol

Praza de España, 7-B, baixo

15403

Ferrol

A Coruña

0-1

2

1-2

4

2-3

4

Lugo

EI Gliemmo, Vilariño y Pizzo, S.L.

EI Pepa Vagalume

Agro da Torna, 16, baixo

27002

Lugo

Lugo

0-1

5

1-2

5

2-3

10

Monforte de Lemos

Diego Rosales Galiñanes

EI San Vicente de Paúl

Eduardo Pondal, s/n

27080

Monforte de Lemos

Lugo

0-1

-

1-2

-

2-3

10

Ourense

Colegio Infantil

Los Tilos, S.L.

EI Los Tilos

Alfredo Brañas, 62-A

32001

Ourense

Ourense

0-1

8

1-2

12

2-3

16

Lazos Colexio Infantil, S.L.

EI Lazos

Irmáns da Xesta, 2-B

32002

Ourense

Ourense

0-1

1-2

1

2-3

1

E Infantil Lecer, S.L.L.

EI Lecer

Travesía de Portocarreiro, 10-12

32003

Ourense

Ourense

0-1

2

1-2

9

2-3

9

Pontevedra

Asociación G Laboral Pipo

EI Pipo de Lérez

Pasarón, 3

36005 Pontevedra

Pontevedra

0-1

3

1-2

10

2-3

10

Parrulos, S.L.

EI Parrulos de Pontevedra

Pr. Fermín Bouza Brey, 1-B

36004 Pontevedra

Pontevedra

0-1

1

1-2

3

2-3

3

EI Bamby, S.L.U.

EI Bamby

San Roque de Abaixo, 1

36001 Pontevedra

Pontevedra

0-1

2

1-2

9

2-3

10

Vigo

Asociación Educativa Dalila

EI Integral Dalila Cangas

Lisboa, 1-B

36940

Cangas

Pontevedra

0-1

7

1-2

17

2-3

17

Caracolandia, S.L.

EI Caracol de Cangas

Paz, 10, local 2

36940

Cangas

Pontevedra

0-1

7

1-2

20

2-3

20

C Educación Infantil Esme, S.L.

C Educación Infantil O Xardín

Ramón Couto, 27

36203

Vigo

Pontevedra

0-1

2

1-2

15

2-3

20

C E Infantil O Xardín Hispanidad, S.L.

C Educación Infantil

O Xardín Hispanidad

Hispanidade, 46,

Romil 57A

36203

Vigo

Pontevedra

0-1

2

1-2

15

2-3

17

Navuxil, S.L.

EI 0-3 Navuxil

Navuxil, s/n

36400

O Porriño

Pontevedra

0-1

1

1-2

5

2-3

10

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file