Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Venres, 15 de marzo de 2019 Páx. 14154

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión dunha bolsa de formación na Escola Galega do Consumo e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma, nos termos previstos nos artigos 38, 131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución.

A disposición adicional terceira da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, sinala que todas as actuacións en materia de formación e educación se realizarán a través da Escola Galega do Consumo, como órgano integrado no Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

O artigo 51.2 da Constitución establece o dereito básico dos consumidores á formación e á educación en materia de dereitos dos consumidores. Neste senso, o artigo 47 da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, sinala que a Comunidade Autónoma de Galicia, a través do órgano competente en materia de consumo, fomentará a formación e a educación dos consumidores, coidando a integración da perspectiva de xénero, e de xeito especial o coñecemento dos seus dereitos para que os poidan exercer de acordo con pautas de consumo responsable nun mercado global, altamente tecnificado e cambiante.

Para acadar o obxectivo anteriormente sinalado, o artigo 49 da Lei 2/2012 habilita a Administración competente en materia de consumo para a elaboración de plans e programas de actuación conducentes ao impulso do tratamento da educación para o consumo nos diferentes niveis e etapas do ensino regrado.

Coa finalidade de facilitar a formación en materia de consumo, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia convoca unha bolsa de formación na Escola Galega do Consumo, de xeito que se posibilite a incorporación ao mercado laboral de profesionais no eido do márketing, publicidade e comunicación capacitados para dar cumprimento ao mandato constitucional de garantir a formación e a educación das persoas consumidoras e usuarias.

Abórdase así a necesidade de pór en marcha esta actuación formativa desde una dobre perspectiva. Por un lado, consolidar este mecanismo como un sistema eficaz de formación previo ao acceso á vida laboral. Por outra banda, neste contexto de crise económica, posibilitar aos/ás mozos e mozas con titulación universitaria de licenciatura ou de grao obter unha formación práctica no eido do márketing, publicidade e comunicación sobre consumo que lles permita un mellor acceso ao mercado laboral.

Neste senso, por medio desta resolución establécense as bases da convocatoria dunha bolsa de formación na Escola Galega do Consumo para o ano 2019.

Con este fin, na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG do 28 de decembro de 2018), existen nas aplicacións 09.80.613A.480.0 e 09.80.613A.484.0 partidas orzamentarias consignadas polas contías de 10.800,00 € e 500,00 €, respectivamente, para atender a bolsa de formación da presente resolución.

Por outra banda, coa finalidade de que a persoa adxudicataria da bolsa poida comezar canto antes a súa formación, prevese a tramitación do procedemento de concesión da bolsa pola vía de urxencia, polo que se reducen á metade (5 días) os prazos para efectuar os requirimentos de emenda, presentar reclamacións á lista provisional de puntuacións, poñer de manifesto o procedemento ás persoas interesadas e aceptar as bolsas.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión dunha bolsa de formación no Instituto Galego do Consumo e da Competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, na Escola Galega do Consumo, para as persoas tituladas que se especifican no anexo I, e proceder á súa convocatoria (código do procedemento IN117A).

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 11.300,00 €, que se imputará ás aplicacións 09.80.613A.480.0, «formación en materia de educación para o consumo responsable» (10.800,00 €), e 09.80.613A.484.0, «cotas Seguridade Social bolseiros» (500,00 €), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2019, e que se destinará ao pagamento da persoa bolseira e das cotas da Seguridade Social. O importe da bolsa non excederá a contía de 10.800 €.

2. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 500,00 €, en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte do Instituto Galego do Consumo e da Competencia por continxencias comúns e profesionais.

Artigo 3. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión desta bolsa tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 4. Órganos competentes

A competencia para resolver as solicitudes de concesión de bolsas presentadas ao abeiro desta convocatoria corresponderalle á directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Artigo 5. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, http://consumo.xunta.gal.

b) Nos teléfonos 881 99 90 91 e 881 99 90 75 do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

c) No enderezo electrónico igc.escuela@xunta.gal.

d) Nas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, na Avenida Gonzalo Torrente Ballester, nº 3, 1-5, baixo, Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Instituto Galego do Consumo e da Competencia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2019

Sol Mª Vázquez Abeal
Directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dunha bolsa de formación na Escola Galega do Consumo para o ano 2019

Artigo 1. Obxecto e duración das bolsas de formación

1. A bolsa de formación na Escola Galega do Consumo ten como obxectivo contribuír á formación práctica de titulados superiores en materia de consumo.

2. A Escola Galega do Consumo elaborará un programa formativo, que integrará aspectos relativos aos dereitos e deberes das persoas consumidoras e usuarias; a educación en materia de consumo responsable, tanto no eido da ensinanza regrada como non regrada; a innovación educativa e a educación e formación en valores, e a investigación sobre os hábitos de consumo da sociedade galega. O programa formativo poderá estenderse a todas aquelas actividades de formación en materia de consumo responsable realizadas na Escola Galega do Consumo.

3. Así mesmo, a Escola Galega do Consumo nomeará un/unha titor/a responsable das actividades de formación que desenvolverá a persoa bolseira.

4. O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2019 cunha duración máxima de doce meses, contado desde a data da incorporación da persoa bolseira ata o 30 de decembro. Non se concederán bolsas para suplir baixas ou renuncias por tempo inferior a un mes.

Artigo 2. Dotación económica

A bolsa estará dotada cun importe máximo de 10.800,00 € brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 900 € por mes.

Artigo 3. Condicións e incompatibilidades

1. A persoa beneficiaria adquire exclusivamente a condición de bolseira, coas obrigas e dereitos dela e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. A percepción desta bolsa é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institución ou ente público, así como con calquera actividade laboral ou remunerada.

3. A bolsa é incompatible coa percepción da prestación por desemprego.

Artigo 4. Centro de destino

A formación terá lugar nas dependencias da Escola Galega do Consumo.

Artigo 5. Requisitos da persoa beneficiaria

Poderán optar á concesión desta bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliado/a na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4. Só se lles concederá validez ás titulacións ou aos cursos homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

c) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias de licenciatura ou de grao: Márketing e Comunicación Dixital, Publicidade, Xornalismo, Comunicación, Márketing, Relacións e comunicación institucional ou equivalentes. A persoa solicitante deberá estar en posesión do correspondente título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter finalizado os estudos conducentes para a súa obtención no ano 2007 ou posterior. Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais deberán estar homologados ou recoñecidos e producir plenos efectos xurídicos na data de presentación da solicitude.

d) Non gozar de calquera outra bolsa ou axuda.

e) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.

f) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.

g) Non ter sido beneficiario/a desta mesma bolsa en convocatorias anteriores por un tempo superior a catro meses.

h) Non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra la liberdade e a indemnidade sexual, segundo o previsto no artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.

i) Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

j) Non incorrer en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Proceso de selección

1. Para a concesión da bolsa realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas e establecerase unha prelación entre elas de acordo co proceso de selección e cos criterios de valoración establecidos a continuación.

2. Resultará adxudicataria a persoa que acade unha maior puntuación como resultado da suma dos puntos obtidos nas dúas fases de que consta o proceso de selección:

a) A primeira fase consistirá na valoración dos méritos segundo os criterios establecidos no artigo seguinte, que se puntuará de 0 a 18 puntos.

A puntuación mínima exixida para pasar á segunda fase é de 6,75 puntos.

b) A segunda fase consistirá nunha entrevista persoal, que se puntuará de 0 a 2 puntos.

3. A puntuación máxima no proceso de selección será de 20 puntos.

Artigo 7. Criterios de valoración dos méritos

1. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente, de acordo cos seguintes criterios:

Titulación

Máximo 4 puntos

Estar en posesión dunha titulación universitaria de licenciatura ou de grao en Márketing e Comunicación Dixital, Publicidade, Xornalismo, Comunicación, Márketing, Relacións e Comunicación Institucional, ou equivalentes

– 2 puntos por cada titulación, ata un máximo de 4 puntos.

Forma de acreditación, só para o caso de non autorizar a súa comprobación de acordo co artigo 10: fotocopia dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

Expediente académico

Máximo 5 puntos

Nota media obtida na titulación con que concorre á bolsa.

No caso de ter máis dunha titulación, deberá indicarse a titulación con que concorre. No caso de non indicalo, para os efectos de computar a nota media do expediente académico, entenderase como titulación con que concorre á bolsa a titulación obtida en primeiro lugar

– Aprobado: 2 puntos.

– Notable: 3 puntos.

– Sobresaliente: 4 puntos.

– Matrícula de honra: 5 puntos.

Forma de acreditación: certificación académica oficial expedida pola universidade, en que conste a nota media do expediente.

Outras titulacións universitarias

Máximo 2 puntos

Estar en posesión doutras titulacións universitarias de licenciatura ou de grao

– 1 punto por cada titulación, ata un máximo de 2 puntos.

Forma de acreditación, só para o caso de non autorizar a súa comprobación de acordo co artigo 10: fotocopia dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

Formación complementaria universitaria

Máximo 3 puntos

Máster, diploma de estudos avanzados e cursos de experto/a ou especialista universitario/a en materias relacionadas co programa formativo establecido no artigo 1 das bases reguladoras. O enunciado de, polo menos, a metade de horas/créditos impartidos nestes estudos debe estar directamente relacionado co programa formativo

– Por cada máster universitario ou certificado-diploma de estudos avanzados: 1 punto.

– Por cada curso de experto/a ou especialista universitario/a: 0,70 puntos.

Forma de acreditación, só para o caso de non autorizar a súa comprobación de acordo co artigo 10: fotocopia dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

Formación complementaria relacionada co ámbito obxecto da bolsa

Máximo 3 puntos

Cursos en materia de innovación educativa, consumo, igualdade de xénero, márketing, publicidade, actividades de ocio e tempo libre ou informática

– De 12 ata 20 horas: 0,10 puntos.

– De máis de 20 horas ata 50 horas: 0,20 puntos.

– De máis de 50 horas ata 100 horas: 0,40 puntos.

– De máis de 100 horas ata 300 horas: 0,60 puntos.

– De máis de 300 horas: 0,80 puntos.

Non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica, nin os cursos que non acrediten as horas lectivas e as materias cursadas.

Forma de acreditación: fotocopia dos títulos ou certificado de participación nas actividades formativas, onde se especifiquen o número de horas lectivas e unha relación das materias cursadas.

Coñecemento de idiomas

Máximo 1 punto

Coñecemento de idiomas

– 0,50 puntos por cada idioma, ata un máximo de 1 punto

Non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Forma de acreditación: fotocopia do título ou certificado expedido pola escola oficial de idiomas, institución ou centro recoñecido oficialmente.

a) Titulación:

1º. Por estar en posesión dunha titulación universitaria de licenciatura ou de grao en Márketing e Comunicación Dixital, Publicidade, Periodismo, Comunicación, Marketing, Relacións e Comunicación Institucional, ou equivalentes: 2 puntos por cada titulación, ata un máximo de 4 puntos.

2º. Forma de acreditación, só para o caso de non autorizar a súa comprobación de acordo co artigo10: fotocopia compulsada dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

b) Expediente académico:

1º. Pola nota media obtida na titulación coa que concorre:

– Aprobado: 2 puntos.

– Notable: 3 puntos.

– Sobresaliente: 4 puntos.

– Matrícula de honra: 5 puntos.

2º. Forma de acreditación: certificación académica oficial.

c) Outras titulacións:

1º. Por estar en posesión doutras titulacións universitarias de licenciatura ou de grao: 1 punto por cada titulación, ata un máximo de 2 puntos.

2º. Forma de acreditación, só para o caso de non autorizar a súa comprobación de acordo co artigo 10: fotocopia compulsada dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

d) Formación complementaria recibida, ata un máximo de 6 puntos, conforme o seguinte baremo:

1º. Formación complementaria universitaria, ata un máximo de 3 puntos:

– Por cada máster universitario ou certificado-diploma de estudos avanzados: 1 punto.

– Por cada curso de experto/a ou especialista universitario/a: 0,70 puntos.

Os ditos estudos deben ter relación directa co programa formativo establecido no artigo 1 das bases reguladoras. Para estes efectos, considerarase que o enunciado de, polo menos, a metade de horas/créditos impartidos nestes estudos debe estar directamente relacionado co dito programa formativo.

2º. Por cada curso de formación en materia de innovación educativa, consumo, márketing, publicidade ou informática, ata un máximo de 3 puntos:

– De 20 horas ata 50 horas: 0,20 puntos.

– De máis de 50 horas ata 100 horas: 0,40 puntos.

– De máis de 100 horas: 0,60 puntos.

Non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica nin os cursos que non acrediten as horas lectivas.

3º. Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificado de participación nas actividades formativas.

e) Por coñecemento de idiomas: 0,50 puntos por cada un, ata un máximo de 1 punto.

Non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada do título ou certificado correspondente expedido pola escola oficial de idiomas, institución ou centro recoñecido oficialmente.

2. Todos os méritos recollidos neste artigo se computarán ata a data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 8. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Debido á capacidade técnica das persoas físicas beneficiarias da presente bolsa, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente no presente procedemento.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para emendala a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación académica oficial, en que conste a nota media do expediente académico da titulación universitaria con que concorre.

b) Curriculum vitae, en que se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a experiencia profesional.

c) Documentos acreditativos de todos os méritos alegados no curriculum vitae.

d) Xustificante do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente, se é o caso.

e) Títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais, se é o caso.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para emenda a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Certificado de residencia con data da última variación do padrón da persoa solicitante.

c) Celga 4 ou documento acreditativo do nivel de coñecemento do idioma galego expedido polos órganos competentes en materia de política lingüística.

d) Título/s universitario/s de licenciatura ou grao. No caso de títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais, será necesario presentar o documento orixinal ou unha copia compulsada e dixitalizada.

e) Non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e a indemnidade sexual, segundo o previsto no artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.

f) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa facenda pública da Comunidade Autónoma.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.

b) Non gozar de calquera outra bolsa ou axuda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Prazo de presentación das solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo concluirá o mesmo día en que tivo lugar a publicación no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non hai día equivalente a aquel no que comeza o cómputo, o prazo rematará o último día do mes.

Artigo 12. Prazo de duración do procedemento

Unha vez rematado o prazo para a presentación das solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas presentes bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de cinco días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se non o fai así, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se realizará se das comprobacións obtidas de conformidade co artigo 10 resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 40, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos de emenda poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e esta producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal). Se a instrución do procedemento o aconsella, poderase substituír a publicación pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 40 da mesma lei.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as súas causas.

Artigo 15. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 7, de efectuar a entrevista persoal e de propoñer a concesión ou denegación das bolsas ás persoas interesadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– A persoa titular da xerencia do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

– O/a director/a técnico/a da Escola Galega do Consumo.

– O/a xefe/a do Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

– Un/unha funcionario/a da Escola Galega do Consumo.

3. A comisión de valoración constituirase na sede do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Todos os membros terán dereito a voto.

Artigo 16. Primeira fase: valoración de méritos

1. A comisión valorará os méritos acreditados documentalmente conforme os criterios establecidos no artigo 7. Unha vez avaliados pola comisión os méritos achegados, publicarase na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal) unha lista coas puntuacións provisionais outorgadas ás persoas solicitantes.

2. Contra estas puntuacións provisionais poderá presentarse reclamación no prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación. Neste prazo de reclamacións non se terá en conta a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

3. Resoltas as reclamacións contra as puntuacións provisionais, publicarase na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal) a lista coas puntuacións definitivas obtidas na primeira fase.

Artigo 17. Segunda fase: entrevista persoal

1. A comisión de valoración convocará as persoas que obteñan un mínimo de 6,75 puntos na primeira fase para realizar unha entrevista persoal, na sede do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, en que se valorará a súa capacidade de resposta, madurez, motivación e iniciativa.

2. A convocatoria para a entrevista persoal realizarase mediante publicación na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal), na cal se indicarán a data e a hora de realización da entrevista para cada unha das persoas convocadas.

3. A concorrencia é obrigatoria. De non se presentar á entrevista, entenderase que a persoa convocada renuncia á bolsa, polo que a súa solicitude será desestimada.

4. Realizadas as entrevistas persoais, a comisión de valoración elaborará a relación de candidatos/as por orde de puntuación, que se publicará na páxina web do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal).

5. En caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación na primeira fase.

b) A maior puntuación na segunda fase.

c) A maior antigüidade na data de obtención do título.

d) A maior idade da persoa solicitante.

Artigo 18. Audiencia

1. Despois de instruír o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de cinco días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 19. Resolución

1. A comisión de valoración elevaralle á directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través da Escola Galega do Consumo, a persoa proposta segundo a orde de prelación acadada e a lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia da persoa proposta.

2. A directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditará resolución mediante a cal se adxudicará a bolsa á persoa que obtivese maior puntuación. A dita resolución será publicada na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal) e notificada á persoa adxudicataria, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres meses. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Aceptación ou renuncia

1. Recibida a notificación da resolución de adxudicación da bolsa, no prazo máximo de cinco días hábiles a persoa beneficiaria deberá comunicarlle por escrito a súa aceptación ou renuncia ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, conforme o modelo que figura como anexo III desta convocatoria.

2. Transcorrido o dito prazo, se a persoa beneficiaria non se declara en ningún sentido, entenderase que renuncia á bolsa.

3. No caso de que a persoa beneficiaria non acepte a bolsa, non se poida incorporar por calquera outro motivo ou renuncie á bolsa, poderá ser substituída polas persoas que figuren na lista de reserva en función da orde de prelación.

Artigo 22. Natureza xurídica da relación

1. A condición de beneficiario/a desta bolsa non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia ou cos organismos ou entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. En materia de seguridade social, será de aplicación, no que corresponda, o disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

Artigo 23. Pagamento da bolsa

1. O pagamento da bolsa realizarase por períodos mensuais vencidos e logo de que o/a titor/a correspondente expida a certificación en que se faga constar que se cumpriu o programa formativo inicialmente proxectado e se acadaron os obxectivos previstos. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a persoa beneficiaria percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa.

De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), a persoa beneficiaria da bolsa queda exenta da obriga de constituír garantía.

2. Os pagamentos produciranse logo da expedición da certificación mencionada no parágrafo anterior e unha vez cumpridos os demais requisitos exixidos na normativa de aplicación.

3. De acordo co establecido no artigo 7.j) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio (BOE núm. 285, do 29 de novembro), estas bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

4. Os pagamentos xestionaraos a Habilitación do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, de xeito que os documentos contables sexan expedidos a favor desta para facer fronte ao pagamento das bolsas.

Artigo 24. Obrigas da persoa beneficiaria

A persoa beneficiaria da bolsa terá as seguintes obrigas:

a) Aceptar por escrito as normas e obrigas establecidas nas bases reguladoras e na convocatoria da bolsa dentro do prazo de 5 días posteriores á notificación da resolución de concesión.

b) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, declaración de non percibir outras subvencións, bolsas, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas, segundo o modelo do anexo IV.

c) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, declaración responsable coa conta bancaria onde deba aboarse a bolsa, segundo o modelo do anexo IV.

d) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, certificación médica acreditativa de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coa realización das funcións que se desenvolverán.

e) Incorporarse á bolsa na data sinalada na resolución de concesión e cumprir un horario de trinta e cinco horas semanais, de acordo coa distribución que lle asigne a Escola Galega do Consumo.

f) Xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos.

g) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios, presentando os traballos e informes que determine a Escola Galega do Consumo. Así mesmo, deberá asistir ás actividades que o dito centro considere convenientes para a súa formación.

h) Non desenvolver outras tarefas que dificulten o cumprimento das súas obrigas como persoa bolseira.

i) Manter a confidencialidade e a reserva sobre a totalidade dos documentos que lle sexan confiados ou sexan elaborados en cumprimento das súas funcións como persoa bolseira. Esta confidencialidade é extensible a calquera dato que puidese coñecer con ocasión da realización da bolsa, especialmente os de carácter persoal, que non poderá copiar ou utilizar cun fin distinto ao da bolsa, nin tampouco ceder a outros nin sequera para efectos de estudo, consulta ou divulgación.

j) Comunicarlle á Escola Galega do Consumo a obtención doutras bolsas ou axudas, así como calquera outra alteración dos requisitos impostos ás persoas beneficiarias para o outorgamento destas bolsas.

k) Comunicarlle a súa renuncia á Escola Galega do Consumo con dous días de antelación á data de cesamento, no caso de que se produza con posterioridade ao inicio da formación.

l) Presentar ante a Escola Galega do Consumo, no prazo dun mes a partir da finalización da formación, unha memoria detallada das actividades realizadas, na cal especificarán os obxectivos acadados.

m) Disfrutar dun período de vacacións de vinte e dous días hábiles ou o tempo proporcional ao período de disfrute da bolsa.

n) As demais que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Modificación, revogación e réxime sancionador

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. A directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, logo de proposta motivada do/a director/a técnico/a da Escola Galega do Consumo, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas para a súa concesión.

3. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia e no título V do Regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro).

4. Á persoa beneficiaria da bolsa regulada nestas bases seralle de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia e no título VI do seu regulamento.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27. Control e publicidade

1. Esta bolsa estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 28. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non for expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file