Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 18 de marzo de 2019 Páx. 14472

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2019 sobre delegación de competencias.

A Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), crea o Instituto e a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, leva a cabo unha reforma da anterior para adaptala ao disposto pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O 2 de xaneiro de 2015 foi publicado no Diario Oficial de Galicia o Decreto 165/2014, do 11 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia. Esta entidade instrumental configúrase como un órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais a que corresponde a xestión e a coordinación das políticas que nas materias de seguridade e saúde laboral establezan os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para a mellora das condicións de traballo co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo.

Segundo o previsto no artigo 12 dos citados estatutos, a presidencia do organismo autónomo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de traballo.

Na actualidade concorren na persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria competencias propias da súa condición de membro do Goberno da Xunta de Galicia e de titular da presidencia do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia. Esta actividade administrativa leva consigo unha concentración de funcións cuxo volume aconsella naqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal recorrer á delegación de competencias.

Son as competencias propias da persoa titular da presidencia do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia as que son obxecto de delegación a través desta resolución, respectando os principios que informan a actividade administrativa, e co fin de ordenar esta co obxecto de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nos artigos 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro

Delégase na persoa titular da Xerencia do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia o exercicio das seguintes competencias:

1. A autorización e disposición dos gastos, así como o recoñecemento de obrigas e a súa liquidación, e a ordenación dos pagamentos correspondentes do Instituto. Esta competencia engloba:

a) A proposta dos partes de alta, baixa e modificación de nómina e seguridade social.

b) O exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gastos dos orzamentos do Issga que teñan a consideración de «gastos por xustificar».

c) A elaboración de solicitudes de modificacións orzamentarias.

2. Actuar como órgano de contratación.

3. As actuacións relativas á xestión dos bens e dereitos patrimoniais do Instituto.

4. A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, así como a autorización para asistir a actividades de formación e perfeccionamento, excepto as atribuídas ás persoas titulares das xefaturas dos centros territoriais.

5. A ordenación da publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións e actos administrativos.

Segundo

Delégase nas persoas titulares das xefaturas dos centros territoriais do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, así como a autorización para asistir a actividades de formación e perfeccionamento do persoal destinado nos centros territoriais.

Terceiro. Criterios complementarios na aplicación da delegación

Na aplicación da delegación de competencias contida nesta resolución teranse en conta os seguintes criterios:

1. O exercicio das competencias que se delegan nesta resolución axustarase ao disposto no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. En calquera momento o órgano delegante poderá revogar o exercicio das competencias que se delegan ou avocar as competencias para o coñecemento dun asunto concreto.

3. Enténdese comprendida na delegación o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que se diten en virtude das competencias que se delegan nesta resolución e para, se for o caso, suspender a executividade dos actos impugnados.

4. Nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da Xerencia será suplida na totalidade das súas atribucións polas persoas responsables das subdireccións establecidas nos artigos 24 e 25 dos estatutos do Issga, aprobados polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro, e na orde de precedencia en que estas veñen refereridas.

Cuarto. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Quinto. Eficacia

A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2019

Francisco José Conde López
Presidente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia