Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Mércores, 20 de marzo de 2019 Páx. 14723

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 18 de marzo de 2019 pola que se determinan os servizos mínimos, no ámbito da asistencia sanitaria, durante a folga convocada para o día 21 de marzo de 2019.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización Solidariedade e Unidade dos Traballadores (SUT) convocou unha folga de 24 horas para o vindeiro 21 de marzo de 2019, dirixida –no seu teor literal– a «todos os traballadores temporais das distintas administracións públicas de todo o Estado e os funcionarios de carreira que queiran sumarse» a ela.

A Xunta de Galicia determinou a procedencia de fixar servizos mínimos para os sectores afectados por esta folga na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. En consecuencia, procede facer o propio no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades públicas adscritas ao dito organismo e á Consellería de Sanidade. Para o cal e ante a urxencia da comunicación da folga –recibida tan só uns días antes do seu comezo–, cómpre remitirse aos termos da anterior folga xeral do 8 de marzo de 2019 (publicada no Diario Oficial de Galicia –DOG– núm. 46, do 6 de marzo).

Con base no que antecede,

DISPOÑO:

Artigo único

A convocatoria de folga xeral que terá lugar o 21 de marzo de 2019, realizada pola organización Solidariedade e Unidade dos Traballadores (SUT), deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

Os cales, por remisión, serán os contidos na Orde do 1 de marzo de 2019 pola que se determinan os servizos mínimos, no ámbito da asistencia sanitaria, durante as folgas convocadas para o día 8 de marzo de 2019 (publicada no DOG núm. 46, do 6 de marzo de 2019 –páxs. 12719 e ss.–).

Deste xeito aplicarase na súa integridade a devandita orde, tanto no que atinxe ao seu articulado como aos seus anexos, para determinar os servizos esencias que se deberán respectar durante a folga do 21 de marzo de 2019; agás no que concirne ao persoal das empresas e entidades privadas recollidas naquela, por non estaren incluídos no ámbito de aplicación da folga do 21 de marzo, dirixida exclusivamente –á vista do seu teor literal– ao persoal temporal e fixo das distintas administracións públicas.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade