Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Xoves, 21 de marzo de 2019 Páx. 15397

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

EXTRACTO da Resolución do 1 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia (código de procedemento IN501A).

BDNS (Identif.): 444028.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta resolución:

a) Asociacións, organizacións e entidades sen ánimo de lucro representativas ou relacionadas co sector forestal.

b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI).

c) Colexios profesionais, cando as accións subvencionables se correspondan co seu obxecto e fins sociais, segundo o teor do disposto nos seus estatutos.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras que rexerán a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal, a competitividade, o deseño e a innovación e o desenvolvemento sustentable, en concordancia coa Estratexia de formación da industria forestal (código de procedemento IN501A).

2. A finalidade desta resolución é mellorar e reforzar as habilidades profesionais para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor, así como colaborar coa finalidade das asociacións do sector. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e reconciliada co ambiente, favorecendo a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 1 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia.

Cuarto. Contía

Estas axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A4.741A.481.0, código de proxecto 2018 00005, con 500.000,00 euros para o ano 2019.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2019

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal