Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 25 de marzo de 2019 Páx. 15718

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2019 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a asistencia a mercados e foros internacionais de contidos audiovisuais, e se convocan para o ano 2019.

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no artigo 3, determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é a de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, centraliza os programas de apoio destinados a empresas e industrias culturais privadas do sector audiovisual.

Un dos obxectivos da Axencia é consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentando a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego. Ao tempo quere promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega e lingua galegas como elementos singulares a novos mercados. Así e tal como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, na súa exposición de motivos: «A actividade cinematográfica e audiovisual conforma un sector estratéxico da nosa cultura e da nosa economía. Como manifestación artística e expresión creativa, é un elemento básico da entidade cultural dun país. A súa contribución ao avance tecnolóxico, ao desenvolvemento económico e á creación de emprego, xunto coa súa achega ao mantemento da diversidade cultural, son elementos suficientes para que o Estado estableza as medidas necesarias para o seu fomento e promoción, e determine os sistemas máis convenientes para a conservación do patrimonio cinematográfico e a súa difusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Todo iso considerando que a cultura audiovisual, da que sen dúbida o cinema constitúe unha parte fundamental, está presente en todos os ámbitos da sociedade actual».

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia quere seguir impulsando un marco de actuación cultural baseado en tres premisas substanciais:

1. O impulso do sector audiovisual galego, considerado como estratéxico para a comunidade.

2. A consolidación de industrias audiovisuais competitivas, con posibilidades de exportar e dar rendibilidade social e económica á cultura galega.

3. A busca da excelencia nos produtos culturais galegos, coa posta en valor da cultura galega a través da creación e divulgación de produtos audiovisuais galegos.

4. A mellora da cualificación profesional nas empresas audiovisuais e o fomento da participación dos postos directivos das producións en foros de formación e de negocio de ámbito internacional.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008: «En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

a) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.

b) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e das cidadás.

c) Impulsar a cooperación e o asociacionismo entre os traballadores e traballadoras e as empresas dos distintos sectores culturais, así como as medidas do sector profesional galego para aumentar a súa presenza e competitividade nos mercados culturais, en especial no apoio ás exportacións de bens e servizos culturais galegos».

Por todo iso, na súa virtude, e en uso das atribucións que me foron concedidas,

RESOLVO:

Aprobar a convocatoria pública de subvencións para a asistencia a mercados e foros internacionais de contidos audiovisuais, e convocalas para o ano 2019.

Primeira. Obxecto

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para promover a comercialización exterior de produtos de contido audiovisual galegos en mercados e foros de negocio de carácter internacional que teñan lugar entre o 1 de xaneiro de 2019 ata o 15 de novembro de 2019, dentro do marco das competencias deste organismo, e realizar a súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CT404C).

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por mercados e foros de negocio aqueles eventos de ámbito internacional que teñan por obxecto o financiamento de proxectos e a comercialización de obras audiovisuais, e que estean incluídos na cláusula quinta.

3. Sobre estas bases poderase obter información adicional na páxina web da Agadic: http://www.agadic.gal.

Segunda. Procedemento de concesión e principios de xestión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes da Administración da Xunta de Galicia e de calquera outra Administración ou ente público ou privado, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poida superar o 100 % do custo do evento.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura e Turismo e dos seus organismos dependentes.

4. Nos anexos desta resolución figuran as declaracións das axudas de minimis, así como doutras axudas percibidas polo solicitante, que deberán cubrir as persoas solicitantes.

5. A xestión destas subvencións realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

6. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo procedemento abreviado. A proposta de concesión formularaa o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención, sen que sexa necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas.

Terceira. Normativa aplicable

A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na resolución pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para a asistencia a mercados e foros internacionais e se convocan para o ano 2019; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e supletoriamente á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa de xeral aplicación.

Cuarta. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora e/ou distribuidora audiovisual e que leven a cabo algunha actividade de creación e produción no campo audiovisual galego ou algunha das actividades descritas na cláusula seguinte que motiven a subvención e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.

Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

2. Requisitos:

– Os mercados ou foros de negocio obxecto da presente convocatoria terán como datas de realización as comprendidas entre os días 1 de xaneiro de 2019 e o 15 de novembro de 2019, ambas as datas incluídas.

– As persoas solicitantes deberán estar dadas de alta no imposto de actividades económicas nas epígrafes 961.1 «Produción de películas cinematográficas» ou 962.1 «Distribución de películas e vídeos».

– A/s persoa/s asistentes deberá/n acreditar o vinculo laboral coas entidades beneficiarias.

– Deberán presentar:

a) A acreditación de asistencia ou participación nos mercados ou foros.

b) Memoria explicativa, individual para cada evento, das actividades previstas nos foros e/ou mercados para os cales se solicita a axuda.

c) Orzamento desagregado dos gastos subvencionables.

– O mercado ou foro de negocio corresponderase cun dos relacionados na base quinta desta convocatoria.

Quinta. Mercados e foros obxecto da convocatoria, contías e límites

1. Será subvencionable o 60 % dos gastos para a asistencia aos foros e mercados e/ou ata as cantidades máximas establecidas no seguinte cadro:

Europa

Cinemart-Rotterdam (Holanda)

1.300 euros

Marché du Court de Clermon-Ferrand (Francia)

1.300 euros

European Film Market-Berlín (Alemaña)

1.300 euros

MIPTV-Cannes (Francia)

1.300 euros

Marché du Film-Cannes (Francia)

1.300 euros

Sunny Side of the Doc-La Rochelle (Francia)

1.300 euros

MIPCOM-Cannes (Francia)

1.300 euros

Outros continentes

NATPE-Miami (EE.UU.)

1.800 euros

American Film Market-Santa Mónica (EE.UU.)

1.800 euros

A contía máxima por beneficiario será de 3.520 euros anuais e sempre co límite do 60 % dos gastos subvencionables e/ou ata as cantidades de 1.300 euros por evento non nacional que teña lugar en Europa, e 1.800 euros derivados da participación en eventos non nacionais fóra de Europa.

Sexta. Procedemento, orzamento e imputación de créditos

1. Admitiranse aqueles gastos que se realicen dentro do período comprendido entre o 10 de decembro de 2018 e as datas máximas de xustificación establecida nesta convocatoria, sen que poidan estas exceder o límite máximo do 30 de novembro de 2019.

2. O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 50.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 2019.11.A1.432B.470.0, código de proxecto 2015-00003.

3. O procedemento administrativo non comporta o esgotamento de crédito nun só acto, senón que a súa disposición se realizará en actos sucesivos, polo que o órgano xestor publicará o esgotamento total da partida orzamentaria asinada, así como a non admisión de solicitudes de concesión de axudas posteriores a el, salvo que proceda o previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O importe previsto nesta convocatoria poderá ser incrementado ao longo do exercicio nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia e tras declaración de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. De ser o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Sétima. Inicio do procedemento: presentación de solicitudes

1. A presentación electrónica das solicitudes será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica, e considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Estas bases, solicitudes e anexos que se xuntan, así como a Guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa do procedemento administrativo común.

Oitava. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto ata o esgotamento do crédito, como máximo ata o 1 de novembro de 2019. Para cada evento deberase presentar unha solicitude. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, de conformidade co disposto no artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Se a solicitude non se cubrise debidamente, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos. Indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste da súa petición, logo da resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

3. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas a presenta de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Novena. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. Ademais da solicitude (anexo I), os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

– Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritas no rexistro mercantil ou no que corresponda.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. Ademais, coas solicitudes deberase xuntar a seguinte documentación técnica:

– Memoria descritiva individual para cada evento das actividades previstas nos foros e/ou mercados para os cales se solicita a axuda. A memoria deberá describir cales son os obxectivo de participación da empresa. No caso das compañías produtoras, deberán constar os títulos dos proxectos e/ou obras rematadas que se presentarán no mercado e/ou foro e os países obxectivos en canto a coprodución e/ou vendas internacionais.

– Orzamento desagregado por evento dos gastos derivados da asistencia aos mercados ou foros para os cales se solicita a axuda (anexo II).

– Acreditación da asistencia ao foro ou mercado.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica para as persoas físicas. Non obstante, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-ROM ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Décima. Comprobación de datos

1. Para tramitar o procedemento destas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día de pagamento coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo primeira. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, a que estean atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo segunda. Instrución do procedemento

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución os efectuará nun único acto a Dirección da Axencia, e elevaraos á Presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada da solicitude no Rexistro da Agadic.

2. Ao se tratar dunha convocatoria aberta que dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, a Agadic publicará no DOG o esgotamento da partida orzamentaria asignada, así como a non admisión de ulteriores solicitudes destinadas a participar nesta convocatoria. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións a estas modalidades, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

4. Co fin de facilitar unha mellor verificación das solicitudes, poderánselles pedir datos, información complementaria ou aclaratoria necesaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura e Turismo, ou aos profesionais ou expertos consultados para as xestións das solicitudes. En todo caso, a Dirección da Agadic poderalles requirir ás persoas solicitantes que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Décimo terceira. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista dos expedientes e da documentación requirida, ditará as propostas de resolución das solicitudes recibidas, con indicación do importe económico proposto, e irá elevando á Presidencia da Agadic cada unha delas.

2. O presidente do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo de data 24 de xullo de 2012, DOG núm. 164), deberá ditar resolución expresa no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

As citadas resolucións deberanse ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, serán motivadas e farán mención expresa das persoas beneficiarias, da contía da axuda e da porcentaxe da axuda sobre o investimento subvencionable.

Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen se ter ditado resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo cuarta. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Deberáselle comunicar por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de «axuda de minimis» exenta en aplicación do Regulamento (UE) 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicaranlle á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Décimo quinta. Gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables os relativos a desprazamento, aloxamento e rexistro no foro ou mercado, debidamente xustificado con facturas dos provedores dos servizos (establecementos, empresas de transportes ou axencias de viaxe) para un máximo dunha persoa por empresa produtora e/ou distribuidora audiovisual.

Non se consideran gastos subvencionables as axudas de custo, a quilometraxe en vehículos propios e o desprazamento dentro das cidades en que teña lugar o foro ou mercado, con excepción dos traslados de aeroporto.

Só se admitirán gastos de desprazamento de liñas regulares con tarifas de clase turista.

2. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, respondan á realización do proxecto. Só se admitirán aqueles gastos que se realicen dentro do período comprendido entre o 10 de decembro de 2018 e o 15 de novembro de 2019.

3. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias, os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais.

Décimo sexta. Resolución, xustificación e pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos á conta.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. O prazo máximo de xustificación da subvención será de dous meses desde a data de notificación da resolución de concesión das subvención concedidas para asistencias a foros e/ou mercados anteriores e posteriores á convocatoria, sen que este poida superar o 30 de novembro de 2019.

Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic ou ante a carpeta do cidadán, tratándose de suxeitos obrigados á presentación a través da carpeta do cidadán, requiriranse as persoas beneficiarias para que a presenten no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

3. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. A Agadic está autorizada para realizar a comprobación e conseguinte verificación destes datos.

4. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos. As actuacións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado.

5. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. Deberá constar o título do proxecto ou obra rematada obxecto da participación, número de reunións realizadas no mercado ou foro, identificación de países contactados para coprodución e/ou comercialización internacionais.

b) Memoria económica abreviada co contido seguinte: estado representativo dos gastos en que se incorrese nas actividades subvencionadas, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Deberase indicar expresamente a que conceptos subvencionables corresponden as facturas presentadas. No caso de que a subvención se outorgue de acordo cun orzamento, indicaranse as desviacións producidas. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE.

c) Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Copia en formato electrónico dos contidos das actuacións realizadas obxecto de axuda (insercións, folletos, catálogos, fotografías, proxectos, acordos e demais documentación) onde se reflictan os logos da Agadic e da Xunta de Galicia.

6. De ser o caso, tradución dos documentos xustificativos escritos en lingua estranxeira a calquera das dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto cunha declaración responsable de que son un verdadeiro reflexo da realidade.

7. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración comprensiva de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade polas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos e privados, así como das axudas concedidas en réxime de minimis ou, de ser o caso, declaración de que non solicitou ou percibiu outros ingresos ou subvencións (anexo III).

Décimo sétima. Obrigas das persoas beneficiarias

A persoa beneficiaria deberá cumprir as seguintes obrigas:

a) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos (anexo III).

b) Levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado.

c) Proporcionar información sobre a participación e actividades que se vaian desenvolver no foro ou mercado, se fose solicitada pola Agadic, de cara a accións de difusión e promoción do audiovisual galego.

d) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

e) Facer constar os logotipos da Agadic e da Xunta de Galicia, segundo a súa normativa básica de identidade corporativa, en todos os elementos de difusión relacionados coa actividade subvencionada, excepto no suposto de que a actividade se iniciase antes da presentación da solicitude.

f) A persoa beneficiaria deberá dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

g) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se fixese antes da solicitude da subvención.

f) Xustificará os gastos de conformidade co disposto no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

h) Outras obrigas previstas na normativa de subvencións.

Décimo oitava. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou recursos –ou doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras– poderá dar lugar á modificación da resolución inicial de concesión e, eventualmente, á perda do dereito á obtención da axuda nos termos establecidos na súa normativa reguladora. En tal caso a Agadic poderá proceder á reclamación e conseguinte reintegro, total ou parcial, da suma concedida á compañía adxudicataria nos termos anteriormente estipulados.

2. Procederá a nulidade e revogación das subvencións concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente, desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos de incumprimento das obrigas anteriormente sinaladas, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipuladas nesta convocatoria pública.

Décimo novena. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipuladas nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésima. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Agadic coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderanse fundamentar no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais, e de conformidade co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa de xeral aplicación.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file