Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 25 de marzo de 2019 Páx. 15744

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 20 de marzo de 2019 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a asistencia a mercados e foros internacionais de contidos audiovisuais, e se convocan para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 445032.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas físicas e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora e/ou distribuidora audiovisual e que leven a cabo algunha actividade de creación e produción no campo audiovisual galego ou algunha das actividades descritas na cláusula seguinte que motiven a subvención e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

A finalidade destas axudas é promover a comercialización exterior de produtos de contido audiovisual galego en mercados e foros de negocio de carácter internacional realizados entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 15 de novembro de 2019, dentro do marco das competencias deste organismo, e realizar a súa convocatoria para o ano 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 20 de marzo de 2019 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a asistencia a mercados e foros internacionais de contidos audiovisuais, e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 50.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 2019.11.A1.432B.470.0. código de proxecto 2015-00003, do orzamento de gastos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o ano 2019.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto ata o esgotamento do crédito, e como máximo ata o 1 de novembro de 2019. Para cada evento deberase presentar unha solicitude.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais