Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 26 de marzo de 2019 Páx. 15956

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convocan bolsas de traballo de persoal interino dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, establece que os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza poderán nomear funcionarios interinos por necesidade do servizo cando non sexa posible, coa urxencia exixida polas circunstancias, a prestación de servizos por funcionarios de carreira, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen por disposición da comunidade autónoma.

Mediante o Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, funcións que foron asumidas polo Decreto 438/1996, do 20 de decembro, da Xunta de Galicia.

A Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de outubro de 2018, regula a selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios nos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 204, do 25 de outubro de 2018). En concreto, o seu artigo 11 sinala que a Dirección Xeral de Xustiza é o órgano competente para a convocatoria e constitución das bolsas de traballo.

Polo exposto,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Convócase o proceso de formación de bolsas de traballo para desempeñar interinamente os postos de persoal funcionario dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e mais de auxilio xudicial nos órganos da Administración de xustiza en Galicia (código do procedemento XU700A).

2. Esta convocatoria regúlase polo establecido na Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de outubro de 2018, sobre selección e nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia (de aquí en diante, Orde do 4 de outubro de 2018).

Artigo 2. Bolsas de traballo e de reserva

1. Formarase unha bolsa de traballo e mais unha bolsa de reserva de ámbito provincial para cada un dos corpos de persoal funcionario indicados no artigo primeiro da presente resolución, cuxos integrantes estarán distribuídos, se for o caso, de conformidade coas zonas de preferencia sinaladas por eles na correspondente solicitude, as cales figuran na disposición adicional segunda da Orde do 4 de outubro de 2018. Cada bolsa estará integrada polos candidatos seleccionados, ordenados nunha listaxe en función da puntuación que obtivesen na valoración dos méritos.

2. Só se poderá estar incluído nunha bolsa provincial de traballo ou de reserva e nunha zona de preferencia.

3. O número de integrantes das bolsas de traballo e de reserva, de acordo coas porcentaxes sinaladas no artigo 7 da Orde do 4 de outubro de 2018, será o seguinte:

Corpo

A Coruña

Lugo

Ourense

Pontevedra

Traballo

Reserva

Total

Traballo

Reserva

Total

Traballo

Reserva

Total

Traballo

Reserva

Total

Xestión

54

25

79

13

6

19

12

5

17

42

20

62

Tramitación

100

53

153

25

13

38

26

14

40

81

43

124

Auxilio

77

39

114

19

10

29

18

9

27

63

31

94

4. En cada bolsa reservarase o 7 % dos postos para persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, sempre que acrediten mediante certificación ou informe oficial a compatibilidade funcional co desempeño das tarefas propias do correspondente corpo.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

1. O persoal aspirante a formar parte das bolsas deberá reunir, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

▪ Requisitos xerais:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ter cumpridos 16 anos de idade e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa. No caso do corpo de auxilio xudicial, a idade mínima será de 18 anos, ao abeiro do establecido no artigo 56.3 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, atendendo ás funcións atribuídas a este corpo no artigo 478 da Lei orgánica do poder xudicial e, particularmente, ao seu carácter de axentes da autoridade.

c) Non ter sido condenado por delito doloso a penas privativas de liberdade maiores de tres anos, a menos que se obtivese a cancelación de antecedentes penais ou a rehabilitación.

d) Non ter sido inhabilitado para o exercicio das funcións públicas, salvo que fose debidamente rehabilitado.

e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo dunha Administración pública.

f) Non estar incurso en causa de incompatibilidade para o exercicio da función pública na Administración de xustiza.

g) Figurar inscrito no servizo público competente como demandante de emprego ou de mellora de emprego, agás que se atope traballando ou estea nas bolsas de interinos da Administración de xustiza.

h) Non padecer defecto físico ou enfermidade psíquica ou física, ou calquera outra circunstancia que o incapacite para o desempeño das tarefas propias do corpo en que solicite a inclusión.

i) Non ter sido cesado como persoal interino por falta de capacidade ou rendemento nos últimos tres anos na bolsa de interinos do corpo respectivo.

▪ Requisitos específicos:

a) Titulación. Deberá posuír, ou estar en condicións de obter, a titulación que se exixiu na última convocatoria publicada no BOE para acceder como persoal funcionario de carreira ao corpo de que se trate:

– Para o corpo de xestión procesual e administrativa: título de grao, diplomatura universitaria, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou equivalente.

– Para o corpo de tramitación procesual e administrativa: título de bacharelato ou técnico/a ou titulación equivalente.

– Para o corpo de auxilio xudicial: título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria ou titulación equivalente.

b) Ter aprobado algún exercicio de calquera das dúas últimas convocatorias de oposicións para o acceso ao corpo en cuxa bolsa solicita ser incluído, ou ter prestados servizos durante un período mínimo de seis meses no corpo a que se pretende acceder.

As dúas últimas convocatorias a que se refire o parágrafo anterior son as publicadas polas ordes do Ministerio de Xustiza:

– Xestión procesual e administrativa: Orde JUS/1165/2017, do 24 de novembro, e Orde JUS/2293/2015, do 19 de outubro.

– Tramitación procesual e administrativa: Orde JUS/1166/2017, do 24 de novembro, e Orde JUS/2684/2015, do 1 de decembro.

– Auxilio xudicial: Orde JUS/1164/2017, do 24 de novembro, e Orde JUS/2681/2015, do 1 de decembro.

c) Para a inclusión nos corpos de xestión procesual e administrativa e mais de tramitación procesual e administrativa deberá acreditarse a experiencia na utilización de tratamento informatizado de textos.

2. O persoal funcionario interino integrante de bolsas anteriores que se atope prestando servizos na data de publicación desta convocatoria terá a obriga de presentar a correspondente solicitude aos corpos a que queira optar, incluído o corpo en que os estea a desempeñar. De non facelo, poderá continuar no seu posto ata o seu cesamento, pero non será incluído de oficio pola Administración nas novas bolsas.

3. O persoal funcionario interino integrante de bolsas anteriores que non se atope prestando servizos e que queira formar parte das novas bolsas tamén deberá presentar a correspondente solicitude aos corpos a que queira optar. En caso contrario, non será incluído de oficio pola Administración nas novas bolsas.

Artigo 4. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. Todas as persoas solicitantes deberán completar obrigatoriamente a súa solicitude a través do formulario electrónico dispoñible na Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza (OPAX), no sitio web http://opax.xunta.es, accesible tamén a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

3. Para cubrir e presentar correctamente a solicitude, no dito sitio web disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, as persoas interesadas poderán dirixirse á Dirección Xeral de Xustiza, ao número de teléfono 981 54 62 19.

4. Para acceder ao módulo de solicitudes de inclusión nas bolsas de persoal interino, as persoas solicitantes deberán identificarse, para o cal están habilitadas dúas modalidades de identificación:

a) Mediante a utilización dun certificado dixital recoñecido (DNI electrónico, tarxeta de identificación de persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia ou outro que a Comunidade Autónoma de Galicia considere válido).

b) De non disporen dun certificado dixital recoñecido, as persoas solicitantes accederán á OPAX mediante un usuario e o correspondente contrasinal.

En ambos os casos, a persoa solicitante deberá ter un usuario rexistrado na OPAX. Para o suposto de non contar con usuario, farase uso da opción habilitada na OPAX para rexistro de novos usuarios. No caso de que o sistema non recoñeza o usuario como válido ou de que este non lembre o seu contrasinal, farase uso da opción habilitada para estes efectos.

5. Unha vez realizada a identificación de acordo co punto 4 anterior, a persoa solicitante deberá seleccionar na OPAX a opción correspondente á solicitude de inclusión nas bolsas de persoal interino e cubrir todos os campos requiridos, indicando as bolsas a que se presenta, provincia/s, corpo/s e zona/s de preferencia.

6. Os datos que, de ser o caso, consten no sistema informático de xestión de persoal da Administración de xustiza en Galicia aparecerán precargados.

7. A persoa solicitante, despois de comprobar que todos os datos son correctos, deberá validar e presentar a solicitude consonte o previsto no artigo quinto desta resolución e, xuntar, de ser o caso, a documentación acreditativa dos requisitos e méritos alegados.

Artigo 5. Forma de presentación da solicitude

1. As persoas solicitantes deberán presentar a solicitude da seguinte forma:

a) O persoal integrante das bolsas de traballo e reserva actualmente vixentes realizará necesariamente a sinatura da solicitude e mais a súa presentación de forma telemática, para o cal fará uso dun certificado dixital recoñecido ou do DNI electrónico. O sistema asignará un código de presentación que acreditará a presentación electrónica, e será posible obter do sistema un xustificante desta.

b) As persoas solicitantes que non se atopen no suposto anterior terán dúas opcións:

– Ou ben poderán asinar e presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co procedemento descrito na alínea a) anterior;

– Ou ben poderán realizar a presentación imprimindo o formulario validado da solicitude, que deberá ser asinado e presentado nos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xunto coa documentación requirida.

As solicitudes que se presenten nas oficinas de correos enviaranse por correo certificado, para o cal se presentarán nas ditas oficinas en sobre aberto co fin de seren datadas e seladas polo persoal de Correos antes de seren remitidas; sen o cumprimento deste requisito as ditas solicitudes serán rexeitadas.

2. Non se admitirán as solicitudes que sexan presentadas por fax ou correo electrónico. Tampouco se admitirán as solicitudes en estado de borrador nin as que non estean validadas na aplicación informática.

3. Unha vez presentada a solicitude, se o solicitante non está conforme cos datos presentados pode, se o desexa, presentar unha nova solicitude dentro do prazo de presentación sinalado no artigo 4.1 desta resolución; neste caso, só será válida a última das solicitudes presentadas de conformidade co presente artigo, quedando anulada calquera outra solicitude, electrónica ou manual, presentada anteriormente.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas solicitantes deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado acreditativo de se atopar traballando ou estar nas bolsas de persoal interino da Administración de xustiza (só no caso de que estas non estean xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia).

b) Para aqueles casos en que a persoa solicitante participe pola cota de discapacidade, documento acreditativo da condición de persoa discapacitada en que conste o grao de discapacidade (só no caso de que a discapacidade fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia).

Así mesmo, será necesaria unha certificación ou informe de compatibilidade para o desempeño das funcións do corpo de funcionarios sinalado na solicitude, expedido polo equipo de valoración e orientación correspondente ou órgano competente.

c) Copia da xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título).

d) De ser o caso, copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española no caso de presentar un título académico estranxeiro.

e) Documento acreditativo dos servizos prestados como persoal funcionario da Administración de xustiza (só no caso de que estes non estivesen recoñecidos pola Comunidade Autónoma de Galicia).

f) Documento acreditativo da experiencia na utilización de procesador de tratamento informatizado de textos, de ser o caso.

g) Documentación acreditativa de cursos de formación continua (só no caso de que non estivesen certificados pola Escola Galega de Administración Pública).

2. Non será necesario presentar documentación acreditativa para aqueles solicitantes que estean conformes cos datos precargados na aplicación informática ao cubrir a solicitude. No caso de non estaren conformes con estes datos poderán modificalos, tendo que presentar a documentación acreditativa deles.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia presentada.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos:

a) Documento nacional de identidade/NIE da persoa solicitante.

b) Estar inscrito no Servizo Público de Emprego, de ser o caso.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Títulos oficiais non universitarios.

e) Datos de exercicios aprobados para o acceso ao corpo en cuxa bolsa se solicita ser incluído.

f) Servizos prestados como persoal funcionario de Xustiza (só no caso de que estes fosen recoñecidos pola Comunidade Autónoma de Galicia).

g) Certificado acreditativo de se atopar traballando ou estar nas bolsas de persoal interino da Administración de xustiza (só no caso das bolsas xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia).

h) Celga 4, ou titulación equivalente, se están expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

i) Cursos de linguaxe xurídica de nivel medio e de linguaxe xurídica de nivel superior certificados pola Escola Galega de Administración Pública.

j) Cursos de formación continua certificados pola Escola Galega de Administración Pública.

2. Consultarase, ademais, o seguinte dato cando a persoa solicitante faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Documentación acreditativa do grao de discapacidade da persoa solicitante, en caso de que fose recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes. A inexactitude ou falsidade nos datos alegados poderá dar lugar á exclusión da bolsa correspondente, tras audiencia da persoa interesada.

Artigo 8. Presentación da documentación

1. Durante o prazo de presentación de solicitudes, e de ter que presentar documentación, a persoa solicitante deberá facelo do seguinte xeito:

a) No caso de que a presentación da solicitude fose integramente electrónica, deberá cubrir o formulario dispoñible na aplicación informática, anexar a documentación acreditativa e presentar todo electronicamente a través da aplicación informática.

A presentación electrónica da documentación será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude, de conformidade co previsto no artigo quinto desta resolución. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Os documentos que se xunten deberán escanearse en formato PDF, sen que se admita ningún outro formato.

b) No caso de que a presentación da solicitude fose manual, deberá imprimir e cubrir o formulario dispoñible na aplicación informática e relacionar os distintos documentos que se presentan. Unha vez asinado o formulario deberá presentalo, xunto coa documentación e a solicitude de inclusión na bolsa de interinos, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa do procedemento administrativo común.

2. No suposto de que a persoa solicitante estea desconforme cos datos que reflicte a aplicación informática respecto dos servizos prestados, deberá achegar a documentación de todos aqueles que alegue, e non só daqueles sobre os cales discrepe.

3. Os méritos non alegados na solicitude nin acreditados pola aplicación informática directamente ou pola documentación que achegue a persoa solicitante non serán obxecto de baremación.

4. Carecerán de validez os documentos achegados con emendas ou borranchos ou aqueles que non resulten lexibles.

5. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes, non se admitirá documentación referida ao cumprimento dos requisitos nin xustificantes dos méritos non alegados na solicitude.

Artigo 9. Valoración de méritos

A valoración dos méritos alegados rexerase polo establecido no artigo 10 da Orde do 4 de outubro de 2018.

Só se valorarán aqueles méritos que se posúan na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Procedemento de configuración das listas

1. Listas provisionais de admitidos e excluídos.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, e tras a correspondente valoración, publicarase mediante resolución asinada electronicamente, no sitio web da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://cpapx.xunta.gal) e mais na intranet de Xustiza (http://intranet.xustiza.gal/), a lista provisional de admitidos, ordenados alfabeticamente, e na cal constará a puntuación detallada por cada unha das epígrafes dos méritos. No caso dos non admitidos indicarase, ademais, a causa de exclusión.

No prazo de dez días hábiles a partir da súa publicación, as persoas solicitantes poderán presentar as alegacións que consideren pertinentes utilizando o formulario electrónico dispoñible na aplicación informática, presentación que se deberá realizar de acordo co disposto no artigo oitavo desta resolución.

As persoas non admitidas e que non emenden o defecto que motivou a súa exclusión teranse por desistidas na súa solicitude.

2. Listas resultantes.

Finalizado o prazo de presentación de alegacións, publicarase na forma e nos lugares establecidos no punto 1 anterior a resolución coas listas resultantes por cada corpo e provincia ordenadas por puntuación, que aparecerá detallada por cada unha das epígrafes dos méritos.

Cada persoa solicitante só poderá formar parte dunha única bolsa, corpo e provincia, de acordo co previsto no artigo 12 da Orde do 4 de outubro de 2018, polo que no caso de que estea incluída en bolsas de distintos corpos, ou en varias provincias da mesma bolsa, deberá seleccionar aquela única na cal desexe quedar. Se non o fai, entenderase que desiste de todas as súas solicitudes.

A elección deberá realizarse telematicamente, no prazo de dez días hábiles a partir da publicación das listas resultantes previstas neste punto, cubrindo necesariamente o formulario electrónico dispoñible na aplicación informática. O formulario, unha vez cuberto e validado, deberá ser presentado, electrónica ou presencialmente, de conformidade co previsto no artigo oitavo desta resolución.

As persoas que unicamente solicitaran formar parte dunha única bolsa, corpo e provincia non terán que efectuar a dita elección.

3. Listas definitivas.

Rematado o prazo para formular a elección prevista no punto 2 anterior, a Dirección Xeral de Xustiza aprobará as bolsas definitivas de persoas seleccionadas para cada corpo e provincia, ordenadas por puntuación, que se publicarán no sitio web da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e mais na intranet de Xustiza.

4. Entrada en vigor das listas.

As listas definitivamente aprobadas entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación e substituirán as listas vixentes, que quedarán anuladas nesa mesma data, sen que isto supoña ningún dereito para os integrantes destas.

Con todo, e de acordo coa disposición transitoria terceira da Orde do 4 de outubro de 2018, o persoal que no momento da entrada en vigor estea prestando servizos como persoal funcionario interino seguirá desempeñando o posto de traballo ata que proceda o seu cesamento.

Artigo 11. Recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xudicial competente no prazo de dous meses, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ambos os prazos contados a partir da data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia –Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza– coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida no propio formulario da solicitude e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Co fin de lle dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados consonte o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Normativa aplicable

Para todas as cuestións non reguladas especificamente nesta resolución, atenderase ao disposto na Orde do 4 de outubro de 2018 sobre selección e nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2019

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza