Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Xoves, 28 de marzo de 2019 Páx. 16245

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 20 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada e se convocan para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 446177.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán acceder ás axudas as persoas físicas e xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 150 localidades que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2019, debendo probar a dispoñibilidade da sala mediante copia de escritura, contrato de alugamento ou calquera documento válido en dereito, así como estar en posesión da licenza de apertura para a cal solicita a axuda e que realizasen un mínimo de 60 representacións no ano 2018.

Segundo. Finalidade

A finalidade desta resolución é establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións establecidas pola Agadic para o fomento da estabilidade e consolidación das salas de artes escénicas de titularidade privada e para o desenvolvemento das súas programacións artísticas de carácter profesional e aprobar a súa convocatoria para o ano 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 20 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Importe

O financiamento destas axudas nesta convocatoria realizarase en todo caso en función das dispoñibilidades orzamentarias, destinándose un crédito global de 150.000 euros, das aplicacións orzamentarias 11.A1.432B.470.0 de 75.000 euros que financiarán os gastos de funcionamento da sala (alugamentos, subministracións, gastos correntes e de servizos, seguros, gastos de xestoría, gastos do persoal contratado, gastos financeiros do artigo 29.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, cun límite global do 40 % do gasto total do proxecto) e 11.A1.432B.770.0 de 75.000 euros do código de proxecto 2015-00003, que financiarán os gastos de investimentos vinculados á programación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais