Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Xoves, 28 de marzo de 2019 Páx. 16247

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2019 pola que se dá publicidade do Protocolo de colaboración entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e o Consello de Contas de Galicia para a promoción de actuacións en materia de prevención de riscos da corrupción na Administración local de Galicia.

Con data do 13 de marzo de 2019 asinouse o Protocolo de colaboración entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e o Consello de Contas de Galicia para a promoción de actuacións en materia de prevención de riscos da corrupción na Administración local de Galicia.

Dando cumprimento á súa cláusula novena e ao abeiro das competencias que me corresponden conforme o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas,

RESOLVO:

Publicar no Diario Oficial de Galicia o Protocolo de Colaboración que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2019

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Conta de Galicia

ANEXO

Protocolo de colaboración entre a Federación Galega de Municipios
e Provincias (Fegamp) e o Consello de Contas de Galicia para a promoción
de actuacións en materia de prevención de riscos da corrupción
na Administración local de Galicia

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2019.

Reunidos:

Dunha parte, Alfredo L. García Rodríguez, na súa calidade de presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, en uso das facultades que ten atribuídas polo artigo 46, punto primeiro, letra B) dos vixentes Estatutos da Fegamp (aprobados pola asemblea xeral ordinaria do 4 de decembro de 2003) e en virtude do seu nomeamento pola asemblea xeral do 30 de outubro de 2015.

Doutra parte, José Antonio Redondo López, na súa calidade de conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, que actúa en nome e representación deste en virtude das atribucións que lle confire o artigo 8 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galicia.

Ambas as dúas partes recoñécense competencia e capacidade, respectivamente, para formalizar o presente protocolo, e por iso

EXPOÑEN:

Primeiro. A Lei 8/2015, do 7 de agosto, de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, e do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, para a prevención da corrupción, atribúe ao Consello de Contas novas competencias nesta materia e introduce modificacións na súa estrutura organizativa, á cal se incorpora unha nova Sección para a Prevención da Corrupción, cuxa presidencia corresponde ao conselleiro maior.

Segundo. As novas competencias en materia de prevención da corrupción recollidas no artigo 5.bis da citada lei e desenvolvidas no capítulo IV –artigos 52 a 61– do Regulamento de réxime interior do Consello, aprobado polo Acordo da Comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas do 23 de febreiro de 2017 (DOG nº 46, do 7 de marzo), habilitan o Consello para promover o establecemento en cada entidade pública de Galicia dun plan de prevención da corrupción, avaliar os sistemas de prevención que se poñan en marcha, asesorar sobre os instrumentos normativos máis axeitados para previr a corrupción e fomentar na sociedade civil e, particularmente, no ámbito empresarial a transparencia e o comportamento ético nas súas relacións.

Entre os obxectivos do Consello de Contas, a través da nova Sección de Prevención da Corrupción, tamén se atopa a promoción de instrumentos de colaboración cos órganos da Administración autonómica con competencias en materia de transparencia, así como con outros órganos representativos de diferentes entidades públicas, co obxecto de promover mecanismos de autorregulación na implantación, control e seguimento dos plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico e local de Galicia.

Terceiro. A Fegamp asumiu, no seu Plan de transparencia e bo goberno para entidades locais, aprobado o 18 de maio de 2015, o compromiso firme de adoptar políticas de transparencia que complementen as previsións da lexislación estatal na materia (Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno) e que sirvan como instrumento que facilite a aplicación das súas exixencias para as entidades locais.

Co convencemento de que a transparencia na xestión é unha necesidade para reforzar a eficiencia das administracións, facilitar a comunicación coa cidadanía e loitar contra a corrupción, a Fegamp comprométese ao impulso efectivo de políticas de integridade e de prevención da corrupción como elementos estratéxicos para unha xestión pública responsable das corporacións locais galegas.

Cuarto. Tanto a Fegamp como o Consello de Contas están interesados en establecer vías de colaboración permanentes en materia de prevención da corrupción que, respectando o ámbito propio das atribucións de cada unha das institucións, e sen prexuízo das competencias de fiscalización do Consello de Contas, favorezan o cumprimento das finalidades previstas no presente protocolo, inspirándose nos principios de lealdade institucional e información recíproca.

Quinto. As institucións asinantes son conscientes de que o fortalecemento da integridade no sector público local de Galicia e a observancia dos principios éticos e de bo goberno requiren dun plan específico de formación do persoal nos ámbitos da ética, da integridade pública e do control da corrupción.

Sexto. Mediante Acordo do 12 de marzo de 2019, o Pleno da institución acordou a subscrición do presente protocolo, conforme o previsto no artigo 7, número 3, da letra I da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

Polo anteriormente exposto, as parte acordan a sinatura do seguinte protocolo de colaboración, que se rexerá polas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto do protocolo

O presente protocolo ten por obxecto a fixación dun marco de colaboración institucional permanente entre as institucións asinantes coa finalidade de establecer mecanismos efectivos para a prevención e a loita contra a corrupción no sector público local de Galicia.

Segunda. Áreas de actuación

Co obxectivo de eliminar ou minimizar os riscos de corrupción no seo da estrutura orgánica das entidades integrantes do sector público local, establécense as seguintes áreas de actuación:

a) Promoción de políticas de integridade. As institucións asinantes comprométense a colaborar na propagación dunha cultura da transparencia e comportamento ético nos sectores público e privado, así como na difusión de conceptos esenciais en materia de control interno, administración de riscos e fomento da integridade institucional.

b) Fomento de instrumentos de prevención de riscos de corrupción. Ambas institucións fomentarán que todas as entidades que integran o sector público local establezan políticas de prevención de riscos de corrupción e conten cun plan estratéxico que oriente os esforzos das entidades cara á consecución dos seus obxectivos de xestión e ao cumprimento normativo, unha identificación e valoración dos riscos asociados aos obxectivos anteriores e o establecemento de medidas correctivas para o seu tratamento.

c) A Sección de Prevención da Corrupción do Consello de Contas elaborará modelos tipo de plans de prevención, que estarán á disposición das entidades locais, e desenvolverá actuacións de acompañamento na implantación dos plans de prevención de riscos da corrupción.

d) Formación dos empregados públicos en materia de prevención da corrupción. As entidades asinantes establecerán unha canle de información mutua neste ámbito e, se é o caso, organizarán conxuntamente actividades formativas que permitan aos servidores públicos a adquisición de coñecementos nos ámbitos da ética, a integridade pública e do control da corrupción.

Terceira. Comisión de seguimento e control

Para o seguimento da execución e do desenvolvemento do presente protocolo créase unha comisión mixta, composta por dous representantes de cada unha das institucións asinantes. Corresponderá á comisión de seguimento velar polo correcto cumprimento do protocolo, impulsando a realización de cantas actuacións sexan necesarias para o seu desenvolvemento e execución.

A comisión reunirase cantas veces sexa preciso para a boa marcha da execución do protocolo por petición de calquera das partes.

Cuarta. Alcance das actuacións

O disposto neste protocolo non suporá a renuncia nin limitacións a ningunha das potestades ou competencias de cada unha das partes.

Quinta. Modificación do protocolo

O presente protocolo poderá modificarse por mutuo acordo das partes asinantes.

Sexta. Gastos de execución do protocolo

A aplicación e execución deste protocolo de colaboración, incluídos para o efecto todos os actos xurídicos que se puidesen ditar na súa execución e desenvolvemento, non poderá supoñer obrigas económicas para ningunha das partes que o asina.

Sétima. Vixencia do protocolo

O presente protocolo producirá efectos desde a súa sinatura e ten vixencia indefinida. O protocolo poderá ser denunciado por ambas as dúas partes en calquera momento cun aviso previo de seis meses, mediante comunicación escrita á outra parte, sen prexuízo de finalizar aquelas actuacións xa iniciadas e que, por razóns de interese público, se deban levar a cabo.

Oitava. Protección de datos

O cumprimento das obrigas deste protocolo axustarase ás exixencias derivadas da normativa reguladora en materia de protección de datos de carácter persoal no que corresponde á confidencialidade da información e dos resultados, aplicando as medidas de carácter técnico, administrativo, informático e organizativo que resulten necesarias para cumprir cos requisitos legais e, en particular, garantindo a seguridade e integridade dos datos e a súa protección fronte a alteracións, perda, tratamentos ou accesos non autorizados.

Novena. Publicidade e transparencia

En cumprimento do establecido na normativa de aplicación, o Consello de Contas publicará o presente protocolo no Diario Oficial de Galicia e ambas partes farán a difusión que corresponda nas súas respectivas sedes electrónicas

E, en proba de conformidade, asínano por duplicado exemplar os intervenientes, no lugar e data sinalados no encabezamento.

José Antonio Redondo López

Alfredo L. García Rodríguez

Conselleiro maior do Consello
de Contas de Galicia

Presidente da Federación Galega
de Municipios e Provincias