Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 9 de abril de 2019 Páx. 17849

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e formación de persoas mozas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia Europea de Emprego, e de acordo coa Axenda 20 para o emprego e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

A Xunta de Galicia, no exercicio da competencia en materia de emprego atribuída en virtude do disposto nos artigos 29.1 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e logo da asunción de funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado no ámbito do traballo, o emprego e a formación, conforme os sucesivos reais decretos de transferencias, vén desenvolvendo un conxunto integral de medidas activas de emprego dirixidas á xeración de novos postos de traballo e ao fomento da iniciativa emprendedora.

De acordo co disposto no Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro; e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

A Xunta está a implementar a Axenda 20 para o emprego, para impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento. Céntrase en tres retos: fomentar o emprego de calidade, reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas. O Goberno galego busca reforzar a atención especial que xa presta aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

Para a Xunta de Galicia a situación de desemprego xuvenil constitúe unha das principais preocupacións e o centro de atención de diversas medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego. Froito delas, nos últimos anos acadáronse bos resultados que validan a adecuación das iniciativas de apoio á mellora da situación laboral do colectivo de mozos e mozas.

Sobre a base da experiencia e dos bos resultados logrados grazas a anteriores iniciativas e programas, considérase de gran importancia combinar incentivos á contratación das mozas e mozos participantes, así como medidas de apoio á mellora das capacidades das novas persoas empregadas que se incorporan aos centros de traballo. Deste xeito, satisfaise a necesidade das empresas de contar con persoas traballadoras cuns perfís axeitados aos postos de traballo e á forma de produción, incluíndo as liñas máis innovadoras e as novas tecnoloxías ao servizo da produción. E, ademais, perséguese consolidar un emprego estable, de calidade e con futuro, especialmente entre os galegos e galegas de menos de 30 anos sen experiencia laboral, contribuíndo a fixar poboación xuvenil na comunidade.

As bases dos programas regulados nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019; no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; e nesta orde.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, en réxime de concorrencia non competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2019, coa finalidade de facilitar a inserción laboral das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, e favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.

2. Por medio desta convocatoria as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación indefinida inicial, a contratación temporal cunha duración inicial mínima de 12 meses e formación por conta allea (procedemento TR349T).

Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial e a temporal cunha duración mínima inicial de doce meses das persoas desempregadas mozas menores de 30 anos.

b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019; no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; e no disposto nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, non concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. Se o orzamento establecido para esta axuda non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase de acordo co establecido nesta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas en rexistros diferentes, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

2. No exercicio económico 2019, as axudas recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.3, código de proxecto 2016 00308, cunha contía de 2.000.000 euros (1.000.000 de euros fondo finalista e 1.000.000 de euros fondo propio libre).

3. Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase:

1. Persoa desempregada: aquela que estea inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. Persoas mozas: persoas desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego que teñan menos de 30 anos no momento do inicio da súa relación laboral.

3. Acción formativa: formación que se impartirá, ben con medios propios da entidade beneficiaria ou ben a través dunha entidade externa ou expertos, co obxecto de que a persoa traballadora participante adquira coñecementos e habilidades en relación co posto de traballo que desenvolverá na empresa participante no marco do programa.

4. Taxa de estabilidade: a porcentaxe do persoal traballador fixo sobre o total do cadro de persoal, no mes da contratación pola que se solicita a subvención, no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

5. Sectores estratéxicos: En particular, de acordo coa última actualización da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE 2009), segundo o disposto no Real decreto 475/2007, do 13 de abril de 2007, terán a consideración de sectores estratéxicos, para efectos desta convocatoria, os seguintes:

a) Silvicultura:

021 Silvicultura e outras actividades forestais.

022 Explotación da madeira.

023 Recolección de produtos silvestres, agás madeira.

024 Servizos de apoio á silvicultura.

b) Sector de transformación da madeira:

161 Serrado e cepillado da madeira.

162 Fabricación de produtos de madeira, cortiza, cestaría e espartaría.

1621 Fabricación de chapas e taboleiros de madeira.

1622 Fabricación de chans de madeira ensamblados.

1623 Fabricación doutras estruturas de madeira e pezas de carpintaría e ebanistaría para a construción.

1624 Fabricación de envases e embalaxes de madeira.

1629 Fabricación doutros produtos de madeira; artigos de cortiza, cestaría e espartaría.

c) Fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores:

261 Fabricación de compoñentes electrónicos e circuítos de impresos ensamblados.

2611 Fabricación de compoñentes electrónicos.

2612 Fabricación de circuítos impresos ensamblados.

262 Fabricación de ordenadores e equipos periféricos.

263 Fabricación de equipos de telecomunicacións.

d) Sector automoción:

291 Fabricación de vehículos de motor.

292 Fabricación de carrozarías para vehículos de motor; fabricación de remolques e semirremolques.

293 Fabricación de compoñentes, pezas e accesorios para vehículos de motor.

e) Sector naval:

301 Construción naval.

f) Sector aeronáutico:

303 Construción aeronáutica e espacial e a súa maquinaria.

g) Fabricación de mobles:

310 Fabricación de mobles.

3101 Fabricación de mobles de oficina e de establecementos comerciais.

3102 Fabricación de mobles de cociña.

3103 Fabricación de colchóns.

3109 Fabricación doutros mobles.

h) Edición de programas informáticos.

5821 Edición de videoxogos.

5829 Edición doutros programas informáticos.

i) Telecomunicacións:

611 Telecomunicacións por cable.

612 Telecomunicacións sen fío.

613 Telecomunicacións por satélite.

619 Outras actividades de telecomunicacións.

j) Actividades relacionadas coa informática.

620 Programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática.

6201 Actividades de programación informática.

6202 Actividades de consultaría informática.

6203 Xestión de recursos informáticos.

6209 Outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información e a informática.

631 Procesos de datos, hosting e actividades relacionadas; portais web.

6311 Proceso de datos, hosting e actividades relacionadas.

6312 Portais web.

9511 Reparación de ordenadores e equipos periféricos.

9512 Reparación de equipos de comunicación.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso agás que adquirira eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilegalidade penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas ou entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 7. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos-chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

2. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións son persoas que xa teñen a obriga de relacionarse por medios electrónicos coa Seguridade Social (artigo 2.2.b) da Orde ESS/484/2013, do 26 de marzo, modificada pola Orde ESS/214/2018, do 26 de marzo), exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial que realicen, polo que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto, as solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

3. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.

4. As solicitudes de axudas polas contratacións por conta allea subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2018 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao da publicación e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

5. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

6. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2019, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

7. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria: https://www.xunta.gal/ceei e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

8. Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións firmes que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego e Economía Social da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio, que instruirá os procedementos de acordo cos criterios establecidos para o dito programa.

3. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora por que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. As persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

7. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón de territorio.

2. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Incompatibilidades e concorrencia

As subvencións previstas nestes programas son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

1. As axudas previstas no Programa de bono de contratación son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Tanto as axudas establecidas no Programa bono formación como no Programa bono contratación previstas nesta orde de convocatoria son incompatibles cos contratos para a formación e o aprendizaxe.

3. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona, no caso das contratacións indefinidas iniciais e 80 % do custo salarial dunha anualidade correspondente ao contrato que se subvenciona, no caso das contratacións temporais.

4. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias

Son obrigas das persoas e das entidades beneficiarias das axudas:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, por medios propios ou alleos, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos, tal e como establece o artigo 11.d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

d) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso coa finalidade de garantir o idóneo exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Excepto aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen o deber de levar unha contabilidade separada ou un código contable acomodado para os ingresos da subvención.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos por un prazo de 5 anos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos termos do disposto especificamente para cada programa nos capítulos II e III da presente orde.

2. As obrigas de reintegro establecidas nos capítulos desta orde entenderanse sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 17. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 18. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados, tanto no relativo aos contratos realizados como durante o plan formativo na empresa. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e nas resolucións de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios propios como alleos estean ao dispor da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 19. Réxime de axudas

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, modificado polo Regulamento (UE) 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L51 1/1, do 22 de febreiro), relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

CAPÍTULO II

Bono de contratación para incentivar á contratación indefinida inicial e a temporal inicial cunha duración mínima de doce meses de persoas mozas

Artigo 20. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables

Os incentivos previstos neste programa serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais e ás temporais cunha duración inicial mínima de doce meses que se celebren desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019 con persoas desempregadas menores de 30 anos.

Tanto a contratación indefinida inicial como a temporal cunha duración mínima inicial de doce meses, para poder ser subvencionada, deberá ser a tempo completo, incluída a modalidade de fixo descontinuo.

Artigo 21. Requisitos

1. A persoa desempregada pola que se solicita a subvención á contratación ten que cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser menor de 30 anos.

b) Estar en situación de desemprego no momento do inicio da relación laboral.

2. Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo e neto da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución do contrato de traballo durante o período de proba.

No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola que se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

3. Os incentivos previstos neste procedemento serán de aplicación a todas as modalidades contractuais de carácter temporal a tempo completo que se realicen con persoas mozas (engadir contrato formación e aprendizaxe).

Os contratos temporais terán unha duración mínima inicial de 12 meses.

Como consecuencia da contratación temporal que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto aos tres meses anteriores ao mes da contratación.

Para o cálculo do incremento do cadro de persoal neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba.

No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola que se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo (revisar contrato temporal).

4. As contratacións polas que se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 22. Contías dos incentivos

1. Para as contratacións indefinidas iniciais realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda de 6.000 euros por cada persoa desempregada menor de 30 anos contratada que cumpra os requisitos mencionados no artigo 21.

No caso de contratacións na modalidade de fixos-descontinuos a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo.

2. Para as contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda de 3.000 euros por cada persoa desempregada menor de 30 anos que cumpra os requisitos mencionados no artigo 21.

3. As contías establecidas nos puntos 1 e 2 incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

– Se é unha empresa con máis de 50 persoas traballadoras e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70 %.

– Se a actividade da entidade solicitante pertence ao ámbito de sectores estratéxicos.

Aplicarase a subvención polos incrementos indicados pola persoa ou entidade solicitante; en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude.

Artigo 23. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados neste programa:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con ela.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal ou mediante un contrato formativo, de relevo ou de substitución por anticipación da idade de xubilación. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 24. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I-A) a seguinte documentación:

a) Poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) Informe de vida laboral dun código conta de cotización correspondente aos tres meses anteriores ao mes en que se realiza a contratación indefinida inicial ou temporal cunha duración mínima inicial de 12 meses (desagregado mes a mes), máis o correspondente ao mes en que se realiza a dita contratación.

c) Declaración do cadro de persoal neto e fixo de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao inicio da contratación indefinida inicial (anexo I-B).

De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 21.2 da convocatoria.

d) Declaración do cadro de persoal neto de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao inicio da contratación temporal por unha duración mínima inicial de doce meses (anexo I-C).

De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 21.3 da convocatoria.

e) Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais de dúas anualidades no caso das contratacións indefinidas iniciais ou dunha anualidade para as contratacións temporais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo I-D) e a nómina do mes de contratación.

f) Autorización para a comprobación de datos da persoa traballadora contratada (anexo I-E), debidamente cuberto e asinado.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 25. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado da persoa ou entidade solicitante de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificado da persoa ou entidade solicitante de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificado da persoa ou entidade solicitante de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

g) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

h) Informe da vida laboral da persoa traballadora contratada.

i) Contrato de traballo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro indicado no formulario de solicitude, como figura no anexo I-A e no anexo I-E e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 26. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 31 de decembro de 2019.

2. Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda da metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude (anexo I-F).

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

1. Para as contratacións indefinidas inicias son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

a) Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período de dous anos contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha persoa traballadora desempregada menor de 30 anos pola que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

b) Manter en cómputo anual o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, durante polo menos 2 anos, que se contarán desde a data de realización da contratación.

c) Unha vez finalizado o período dos dous anos do cumprimento destas obrigas, corresponderá á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa. Para iso, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, unha declaración da media do persoal traballador fixo no conxunto dos centros de traballo en Galicia do período de 12 meses contados desde o mes seguinte ao da realización das contratacións subvencionadas.

Esta declaración deberá presentarse de cada un dos 2 anos seguintes ao mes en que se realizou a contratación subvencionada. A estas declaracións xuntarase o informe de vida laboral dun código conta de cotización expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social das 24 mensualidades.

2. Para as contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

a) Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo dun ano contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación realizada cunha persoa traballadora desempregada pola que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

b) Unha vez finalizado o período dun ano do cumprimento destas obrigas, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes, as nóminas correspondentes aos 12 primeiros meses da contratación.

Corresponderalle á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa.

Artigo 28. Incumprimento de obrigas e reintegro

Procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Para as contratacións indefinidas iniciais:

a) Por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no artigo 27.1.a) desta orde, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

b) Cando a substitución se realice transcorrido o prazo establecido no artigo 27.1.a) entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso a contía que se vai reintegrar calcularase do seguinte xeito:

i) Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora substituída.

ii) Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que concede a orde para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

iii) Multiplícase o importe obtido na operación primeira (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante.

c) Cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 27.1.b) desta orde procederá o reintegro da axuda, na contía que corresponda. Para o cálculo da contía que se vai reintegrar terase en conta a contía mínima de subvención concedida á empresa por cada persoa traballadora subvencionada, sendo esta a contía que se aplicará por cada un dos empregos diminuídos, ata o tope da contía concedida.

2. Para as contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 27.2.a) desta orde, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no antedito artigo, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa, e o reintegro parcial, que procederá no seguinte caso:

Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita no prazo anteriormente indicado.

O cálculo da contía que se vai reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre doce meses a subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante.

CAPÍTULO III

Programa de bonos de formación. Programa de financiamento de accións formativas no centro de traballo

Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos

1. As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar no capítulo II.

b) En canto a duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas no caso dos contratos indefinidos iniciais e dunha duración mínima de 50 horas no caso dos contratos temporais, de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.

c) Exclúese deste tipo de axuda a formación nas modalidades de teleformación e a distancia.

d) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e deberá estar finalizada o 30 de novembro de 2019.

e) Para as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2018 e a data de publicación desta orde a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

2. Queda excluída deste bono de formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 30. Lugar de impartición das accións formativas

As entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou por medio da súa contratación, podendo realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da súa formación.

Artigo 31. Contías dos incentivos e condicións da percepción

Esta formación incentivarase, no caso das contratacións indefinidas inicias cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido e de 2.000 euros por cada persoa contratada por medio dun contrato temporal inicial de doce meses e que en ambos os dous casos cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 32. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión e, en todo caso, no poderá ir máis alá do 31 de decembro de 2019. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da documentación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

2. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude (anexo I-F).

b) Documento acreditativo de que a persoa ou entidade solicitante comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a acción formativa xustificativa do bono de formación que se realizou coa solicitude desta axuda. No suposto de que non haxa representantes legais a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa.

c) Copia dos partes de asistencia asinados pola persoa titora e a persoa traballadora por cada sesión diaria de formación.

d) Informe de aproveitamento asinado pola persoa titora e a persoa traballadora en que se detalle:

– Os contidos das accións formativas na empresa.

– Programa de actividades e servizos que a empresa puxera á disposición do formando para familiarizarse coa empresa.

– Os seus coñecementos e habilidades melloradas.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 33. Incumprimento de obrigas

No caso de que a persoa traballadora pola que se solicita as axudas establecidas no bono de formación cause baixa na empresa, se esta non recibiu as horas de formación establecidas no artigo 29.1.b) na súa totalidade, a entidade beneficiaria non terá dereito a percibir esta axuda.

No caso de que a persoa traballadora que causou baixa fora substituída por outra persoa traballadora que cumprise as mesmas condicións que a anterior, a entidade beneficiaria poderá percibir a axuda establecida no bono formación no caso de que que esta nova persoa traballadora reciba a formación na súa totalidade segundo o artigo 29.1.b).

Esta axuda percibirase por unha soa persoa traballadora formada.

En todo caso, as accións formativas deberán executarse no referente aos prazos, segundo o establecido no artigo 29 desta orde de convocatoria.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria nos xefes e xefas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación do conselleiro.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditaren, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file