Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 9 de abril de 2019 Páx. 17847

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 36/2019, do 28 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Redondela, do treito antigo da estrada EP-2702 Amoedo-Os Valos (estrada Nespereira), punto quilométrico 7+950 á N-550.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Redondela solicita á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade do tramo da estrada EP-2702 Amoedo-Os Valos (estrada Nespereira), punto quilométrico 7+950 á N-550, integrado no concello con carácter de rúa, logo de desenvolvemento por parte da deputación do proxecto denominado acondicionamento e mellora da seguridade viaria na intersección EP-2702, Amoedo-Os Valos con acceso á igrexa de Nespereira.

A Deputación Provincial de Pontevedra, no Pleno da Corporación Provincial que tivo lugar o día 31 de xullo de 2018, aceptou o cambio de titularidade proposto.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de marzo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Redondela, do treito da estrada EP-2702 Amoedo-Os Valos (estrada Nespereira), punto quilométrico 7+950 á N-550, cunha lonxitude total de 106 metros.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Redondela deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Corresponderán ao Concello de Redondela, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de marzo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade