Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 9 de abril de 2019 Páx. 17845

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 35/2019, do 14 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto técnico para a mellora e restauración de hábitats naturais no corredor fluvioestuarino da ría de Ribadeo-ría do Eo (ZEC río Eo-Galicia ES1120002, ZEPA Ribadeo ES0000085, ZEC/ZEPA ría do Eo ES1200016), no termo municipal de Ribadeo.

O Pleno do Concello de Ribadeo, en sesión que tivo lugar o día 24 de maio de 2018, aprobou inicialmente o proxecto técnico para a mellora e restauración de hábitats naturais no corredor fluvioestuarino da ría de Ribadeo-ría do Eo (ZEC río Eo-Galicia ES1120002, ZEPA Ribadeo ES0000085, ZEC/ZEPA ría do Eo ES1200016), no termo municipal de Ribadeo, e acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada o 24 de agosto de 2018 na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración da urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previamente á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado xa que o Concello alega que resulta imprescindible para abordar a recuperación dos tipos de hábitat 91E0 e 9230 no tramo do corredor fluvioestuarino na ría de Ribadeo, situado ao sur da enseada das Aceas. Entre os riscos que é preciso evitar están o risco de incendio forestal, pola acumulación de grande cantidade de material combustible de alta inflamabilidade. Tamén supón un risco de deterioración de infraestruturas viarias e de seguridade das persoas, pola presenza e proliferación de especies arbóreas exóticas nas proximidades que se encontran en estado de senescencia (próxima á morte natural) polo que poderían caer sobre a estrada N-642 ou a vía do FEVE.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de marzo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto técnico para a mellora e restauración de hábitats naturais no corredor fluvioestuarino da ría de Ribadeo-ría do Eo (ZEC río Eo-Galicia ES1120002, ZEPA Ribadeo ES0000085, ZEC/ZEPA ría do Eo ES1200016), no termo municipal de Ribadeo, e, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, débense obter as autorizacións necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza