Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 11 de abril de 2019 Páx. 18165

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 28 de marzo de 2019 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2018/19.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, determina que o sistema educativo orientarase, entre outros fins, á consecución do pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades dos alumnos, á educación na responsabilidade individual e no mérito e esforzo persoal e ao desenvolvemento da capacidade dos alumnos para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

A Orde EDU/482/2018, do 4 de maio, pola que se regulan os premios nacionais de bacharelato establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón, no artigo 5, que poderá optar a estes premios, logo de solicitude, o alumnado que obtivese premio extraordinario de bacharelato na súa Comunidade Autónoma e, no artigo 2, que as administracións educativas competentes poderán convocar e conceder premios extraordinarios de bacharelato nos seus respectivos ámbitos de competencias.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, consciente da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico o bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, convoca os premios extraordinarios de bacharelato.

En consonancia co anterior, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, de conformidade co establecido no artigo 2 da citada Orde EDU/482/2018, do 4 de maio, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de bacharelato (procedemento ED311A) para o alumnado que finalizase os estudos de bacharelato no curso 2018/19 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, ten como obxecto o recoñecemento do especial aproveitamento do alumnado que cursou na Comunidade Autónoma de Galicia calquera das modalidades de bacharelato establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios

1. Poderase conceder un máximo de 20 premios extraordinarios.

2. Cada premio estará dotado con 1.000 €, con cargo á partida orzamentaria 10.20.423A.480.1 do ano 2019, cunha dotación global de 20.000 €.

3. Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de bacharelato.

4. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais da contía económica, un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotaralle nel a distinción.

5. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de solicitude, ao correspondente premio nacional.

6. O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2019/20.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter rematado os estudos de bacharelato no curso 2018/19 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso.

2. Ter obtido unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75. A nota media calcularase de acordo co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de xuño de 2015).

3. Non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos relacionados neste artigo deberán posuírse no día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Prazo e forma de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 29 de abril de 2019 e rematará o día 28 de maio de 2019.

2. As solicitudes (anexo I) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se atopa no enderezo https://www.edu.xunta.es/premiosedu , desde onde deberá xerarse o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/as solicitantes.

4. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.es

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Expediente dos estudos de bacharelato cursados polo/a solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Procedemento dos centros educativos

Os centros públicos de educación dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en que está o expediente académico do alumnado de centros privados enviarán a certificación académica de bacharelato do alumnado que non teña todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE, en que se reflicta a cualificación final á que se refire o artigo 3.2 desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a.

Esta certificación enviarase ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.es

Artigo 9. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, requiriranse os/as interesados/as para que, nun prazo de dez (10) días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non o faceren, consideraranse desistidos/as da súa petición e arquivarase esta logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da citada lei.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

Artigo 10. Realización da proba para a obtención do premio

1. O alumnado deberá realizar unha proba que terá carácter único en todo o territorio da Comunidade, que terá lugar de forma simultánea nas distintas sedes.

2. Serán admitidos ás probas, condicionalmente, os alumnos e as alumnas que na data da súa realización estiveran pendentes de resolución de emenda da solicitude de inscrición.

3. A realización da proba terá lugar o día 27 de xuño de 2019 e realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (https:// www.edu.xunta.gal).

4. Os candidatos e as candidatas deberán realizar as probas, con carácter xeral, na provincia a que pertenza o centro educativo en que se atope o seu expediente académico. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá autorizar cambios de sede por causas debidamente xustificadas.

5. Para a realización das probas os candidatos e as candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

Artigo 11. Estrutura da proba

1. A proba estruturarase en dúas partes:

1.1. Primeira parte, para desenvolver en dúas horas:

1.1.1. Análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario.

1.1.2. Resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do bacharelato. O exercicio realizarase sen dicionario no idioma correspondente.

1.2. Segunda parte, para desenvolver nunha hora:

Desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado, para elixir entre as seguintes: Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II e Fundamentos da Arte II.

2. Os exercicios da proba cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal.

3. A puntuación de cada parte da proba obterase mediante a suma das puntuacións das materias que a compoñen.

4. A puntuación total será a suma das puntuacións obtidas en cada parte da proba. Para aspirar ao premio extraordinario, o alumnado deberá obter como mínimo 5 puntos en cada unha das materias da proba e 21 puntos ou máis na puntuación total.

5. O número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, polo que no caso de empate entre candidatos e candidatas darase preferencia á mellor nota media a que se refire o artigo 3.2 desta orde; despois, á cualificación da primeira parte da proba e, finalmente, á cualificación da segunda parte desta. De persistir o empate, o tribunal realizará un sorteo.

Artigo 12. Tribunal

1. Para elaborar, supervisar e avaliar a proba a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa designará un tribunal composto por un presidente ou unha presidenta, e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou inspectores e inspectoras de educación.

O presidente ou a presidenta deberá ser un subdirector xeral ou unha subdirectora xeral, ou un inspector ou unha inspectora de educación.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. O tribunal responsabilizarase da elaboración e do desenvolvemento das probas, da corrección e cualificación dos exercicios, da elaboración das actas e da proposta de concesión dos premios, así como da resolución das reclamacións que ás cualificacións se produzan.

3. Para os efectos de colaboración co tribunal na aplicación e na corrección das probas poderanse constituír comisións técnicas integradas por funcionarios e funcionarias dos corpos de inspectores/as de educación, de catedráticos/as de ensino secundario e/ou de profesores/as de ensino secundario, especialistas nas distintas materias que compoñen as probas.

Artigo 13. Puntuacións provisionais

1. O tribunal fará públicas as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

2. O alumnado examinado, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderá presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación.

A reclamación presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do anexo II dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, a reclamación poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación da reclamación poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Ademais, poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo premios@edu.xunta.es

3. As probas sobre as cales se solicitase esta reclamación serán revisadas por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

4. A puntuación final resultará da media aritmética das puntuacións obtidas nas dúas correccións. No suposto de que exista unha diferenza de 2 ou máis puntos entre elas, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección e a puntuación final será a media aritmética das tres.

Artigo 14. Resolución

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo tribunal á persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A relación de alumnado premiado comunicarase á Dirección Xeral de Planificación e Xestión Educativa do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de cinco meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, o/a interesado/a poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Recurso

A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Obriga dos/as gañadores/as

1. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado gañador debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, segundo o modelo de anexo III. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa beneficiaria ten a obriga de reintegrar, total ou parcial, a subvención ou a axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Publicación e información

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premiosedu, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Poderase solicitar información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.es

Artigo 18. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Efectos económicos do tribunal e das comisións técnicas de realización das probas

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, o tribunal e as comisións técnicas de realización ateranse á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Impugnación

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file