A Área de Explotación e Planificación Portuaria da entidade pública empresarial Portos de Galicia redactou e tramitou o documento da delimitación dos espazos e dos usos portuarios (DEUP) do porto da Pobra do Caramiñal, instalacións portuarias situadas no termo municipal do mesmo nome da provincia da Coruña e adscritas á entidade pública para a súa xestión.
Este documento foi redactado de acordo coa súa formulación prevista no artigo 69 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 2/2011, de 5 de setembro (Boletín Oficial del Estado núm. 253, do 20 de outubro de 2011), e axústase ao disposto nos artigos 52 e 53 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 236, do 14 de decembro de 2017), tal como establece a disposición transitoria quinta da antedita lei autonómica.
Na reunión do Consello Reitor de Portos de Galicia celebrada o día 31 de xaneiro de 2019, este acordou dar a súa conformidade á proposta de DEUP do porto da Pobra do Caramiñal, así como elevala e propoñela para a súa aprobación a través da Consellería do Mar.
Unha vez visto o informe sobre o trámite da proposta de DEUP elaborado pola xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria de Portos de Galicia do 28.1.2018, que conta coa conformidade do director da entidade pública empresarial, así como o acordo do Consello Reitor de Portos de Galicia do 31.1.2019 dando a conformidade á proposta da DEUP do porto da Pobra do Caramiñal e elevándoa e propoñéndoa para a súa aprobación, a Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Mar conferida por Orde do 30 de marzo de 2012, resolve:
Aprobar o documento da delimitación dos espazos e dos usos portuarios do porto da Pobra do Caramiñal (A Pobra do Caramiñal, A Coruña), na súa última versión asinada en xullo de 2018 polos enxeñeiros de camiños, canais e portos da entidade pública empresarial Andrés D. Cervantes Refojos, xefe do Departamento de Planificación Portuaria, e Ana Isabel Calzadilla Bouzón, xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria.
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2019
José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia