Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 2019 Páx. 18403

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 11 de abril de 2019 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega que afecta a todo o persoal que presta os seus servizos para o transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama na empresa Transportes Pacholo, S.L., que comeza o día 15 de abril de 2019 e se estenderá desde a dita data con carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma. O artigo 3 deste decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

Á Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), en virtude do establecido no artigo 10 da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, correspóndelle a función de xestión dos residuos sólidos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento, previstas no plan de xestión de residuos urbanos, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado dos residuos. Neste sentido, engade, no parágrafo segundo do dito artigo 10, que toda a xestión de Sogama se realizará de xeito que se garanta o cumprimento de todos os obxectivos recollidos na devandita lei e nos correspondentes plans de residuos da Xunta, para o cal deberá concertar as súas accións coas dos xestores que interveñan nas fases iniciais do proceso.

A xestión dos residuos urbanos iníciase coa recepción dos residuos de máis de 295 municipios e atende unha poboación superior a 2 millóns de persoas, o que supón unha media diaria de arredor de 2.400 toneladas de residuos que proceden de toda Galicia e que chegan ás instalacións de Sogama en Cerceda por medio de camións e/ou trens, neste último caso, procedentes de Ourense, Vigo e Lugo.

A convocatoria de folga foi presentada pola Confederación Intersindical Galega e afecta a todo o persoal que presta os seus servizos para o transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama na empresa Transportes Pacholo, S.L.

Polo tanto, a parada deste servizo considérase estratéxica para a continuidade da xestión dos residuos, cuxa alteración suporía o colapso das estacións de transferencia e imposibilita directamente a prestación do servizo público que foi expresamente regulado na Lei 10/2008, do 13 de novembro, de residuos de Galicia, e na Lei de bases de réxime local, que cualifica a xestión de residuos como servizo ineludible á comunidade (Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 9 de outubro de 2002, Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Primeira, nº 1538/2002, rec. 380/2002).

O proceso que se realiza nas instalacións de Sogama débese desenvolver en ciclo continuo e, por tanto, a súa interrupción é grave en calquera das súas fases, pero a paralización nunha fase inicial como é o transporte de residuos desde as plantas de referencia ata o centro de xestión de Cerceda (A Coruña) provocaría o inmediato colapso desta planta por non poder evacuar os contedores de residuos cheos ata o mencionado centro de xestión, e quedarían sen posibilidade de tratamento sobre 2.400 toneladas de residuos diarias.

En Galicia actualmente non existe outra instalación que poida asumir tal cantidade de toneladas diarias de lixo, polo que a acumulación de residuos sen tratamento durante varios días non podería ser reparada de forma axeitada polo complexo medioambiental de Sogama, aínda que traballase a pleno rendemento, una vez finalizada a folga, sen decretar os servizos mínimos.

No tocante á folga comunicada e que afecta todo o persoal que presta os seus servizos para o transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama na empresa Transportes Pacholo, comezará ás 0.00 horas do día 15 de abril de 2019 e ten una duración indefinida, o cal significa que, no caso de non decretárense os servizos mínimos, se ten que paralizar totalmente a actividade de xestión dos residuos durante os días que dure a folga.

Por todo isto, tendo tamén en conta o volume de residuos que se transportan e xestionan diariamente, a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos a nivel autonómico que, no mellor dos casos, tardaría días en corrixirse, o que, sen lugar a dúbidas, pode provocar serios problemas de salubridade e ambientais a nivel autonómico, cuxas consecuencias serían imprevisibles, e non se pode garantir a prestación do servizo público se non se mantén o mínimo de actividade das instalacións na determinación de servizos esenciais para a comunidade, ao abeiro do Decreto 155/1988, do 9 de xuño.

Os criterios para a fixación dos servizos mínimos establecidos nesta orde tiveron en conta o pronunciamento do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia en relación cos servizos fixados na xornada da anterior folga do 15 de febreiro de 2016 e a súa xustificación vén sustentada na análise pormenorizada e na determinación dos servizos mínimos imprescindibles para o mantemento do servizo esencial de que se trata.

Por outra parte, nesta orde prevense uns servizos mínimos diferenciados para os días festivos 19 e 20 de abril, nos cales, debido ao incremento da produción de residuos en case todas as plantas con respecto ao resto dos días en aproximadamente o 20 % da produción normal, é necesario incrementar puntualmente os servizos mínimos para esas datas en concreto.

Por outra banda, dáse cumprimento ao establecido na citada sentenza no que atinxe á audiencia ao comité de folga, unha vez que foi a Administración, de xeito directo, a que convocou e deu audiencia ao comité para a negociación destes servizos mínimos.

En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma, oído o comité de folga na xuntanza do día 9 de abril de 2019,

ACORDO:

Artigo 1

A convocatoria de folga que afecta todo o persoal que presta os seus servizos para o transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama na empresa Transportes Pacholo, que se iniciará ás 0.00 horas do vindeiro día 15 de abril de 2019 e que se estenderá desde a dita data con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a seguir:

– Condutores: 44.

– Mecánicos: 1.

– Traballadores con funcións administrativas, de organización do tráfico, mantemento de camións e recursos humanos: 4.

Para os días 19 e 20 de abril, os sevizos mínimos serán os seguintes:

– Condutores: 54.

– Mecánicos: 1.

– Traballadores con funcións administrativas, de organización do tráfico, mantemento de camión e recursos humanos: 4.

Os servizos mínimos propostos son proporcionados ao afectaren o 61 % do cadro do persoal atinxido pola folga, agás os días 19 e 20 de abril, que afectarán o 73 %.

Artigo 2

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir os distintos servizos será realizada pola dirección da empresa Transportes Pacholo, S.L.

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda