Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 2019 Páx. 18487

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2019 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso na escala de letrados polo sistema xeral de acceso libre.

De conformidade co disposto na Resolución do 7 de decembro de 2016 (DOG do 15 de decembro), pola que se aproba a oferta pública de emprego para o ano 2016 do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo, esta reitoría, en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e polos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro), do Goberno da Xunta de Galicia, resolveu convocar un proceso selectivo para o ingreso, polo sistema xeral de acceso libre, na escala de letrados, con suxeición ás seguintes

Bases

1. Normas xerais.

1.1. Convócase proceso selectivo para cubrir unha praza de persoal funcionario de carreira da escala de letrados da Universidade de Vigo, subgrupo A1, pola quenda de acceso xeral libre.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición coas características que se indican no anexo I. Así mesmo, incluirá a realización dun período de prácticas por parte da persoa aspirante que, tendo superados os exercicios da fase de oposición e sumada, de ser o caso, a puntuación da fase de concurso, obteña a mellor orde de prelación.

1.3. O programa que rexerá as probas da fase de oposición relaciónase no anexo II.

1.4. As presentes probas selectivas axustaranse ao disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades; no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (EBEP); na Lei 2/2015, do 29 de abril do emprego público de Galicia (LEPG); no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aprobou o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aos estatutos da Universidade de Vigo e ao disposto na presente convocatoria.

2. Requisitos.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e manter ata a toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dalgún dos Estados membros da Unión Europea. Tamén poderá participar:

1. Os cónxuxes de españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes menores de vinte e un anos ou maiores de dita idade que sexan dependentes.

2. As persoas incluídas no ámbito de aplicación dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España nos que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

As persoas aspirantes non residentes en España incluídos no apartado 1, así como os/as estranxeiros/as incluídos no apartado 2, deberán acompañar a súa solicitude coa documentación que acredite as condicións que se alegan.

b) Ter cumpridos 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión ou en condicións de obter na data na que remata o prazo de presentación de solicitudes do título universitario de licenciatura ou grao en dereito, nos termos establecidos na base 8.1.a). As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título.

d) Ter aboadas as taxas por dereitos de exame.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

f) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo ou escala a que se presenta.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

3. Solicitudes.

3.1. Para tomar parte nestas probas selectivas deberase presentar unha solicitude seguindo o modelo oficial dispoñible no seguinte enderezo: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo > Solicitude de admisión, seguindo as indicacións que figuran nel, cubrindo todos os campos obrigatorios, validándoos e confirmándoos.

Asignarase a cada instancia un número de referencia de identificación único. Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares que deberán ser asinados pola persoa solicitante; segundo o lugar de presentación, un servirá de recibo para a persoa interesada e o outro deberá presentarse perante o reitor da Universidade de Vigo, consonte se regula no punto seguinte.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (edificio Exeria, campus Universitario, 36310 Vigo), nos rexistros auxiliares dos Campus de Ourense (Unidade Administrativa), Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal) e Vigo (rúa Torrecedeira nº 86), ou segundo as restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.3. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, as persoas aspirantes cun grado de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou medios que consideren necesarias para a realización das probas e o seu motivo; para este fin, deberase achegar coa solicitude un certificado que acredite a discapacidade así como o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade; para estes efectos, o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

3.4. Os dereitos de exame serán de 42,24 euros e o pagamento, no que deberá constar o nome, apelidos e DNI ou pasaporte da persoa interesada, poderá realizarase:

– Directamente nas oficinas de Abanca, indicando o código 1901, ou

– Mediante transferencia á conta ES49 2080 5000 6731 1022 5991; neste caso o documento xustificativo deberá presentarse xunto coa solicitude de participación.

3.5. Estarán exentas do pagamento desta taxa:

a) As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, que acheguen coa solicitude un ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego durante, polo menos, o mes anterior á data de publicación no DOG da convocatoria e que cumpran os seguintes requisitos:

1. Que no prazo de que se trate non rexeitasen unha oferta de emprego axeitada nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional, aspectos que deberán ser certificados pola oficina do Servizo Público de Emprego.

2. Que carezan de rendas superiores en cómputo mensual ao salario mínimo interprofesional, o que se acreditará mediante certificado da declaración presentada do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao último exercicio ou, no seu caso, certificado de nivel de renda.

c) As familias numerosas de categoría especial. Esta condición acreditarase mediante o correspondente título expedido dentro do ano anterior á data de publicación no DOG da convocatoria.

d) As vítimas de terrorismo, entendendo por tales as persoas que sufriran danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante unha sentenza xudicial firme ou en virtude dunha resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivira con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

e) As vítimas de violencia de xénero ás que fai referencia a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e os seus fillos ou fillas; para iso deberán presentar a resolución xudicial que outorga a orde de protección a prol da vítima, sentenza condenatoria, medida de cautela a prol da vítima ou calquera outra en que o órgano xudicial considere a existencia de calquera dos delitos ou faltas.

3.6. Terán dereito a unha bonificación do 50 % da taxa por dereitos de exame as familias numerosas de categoría xeral, debendo acreditalo consonte o establecido na base 3.5.c).

3.7. En ningún caso, o pagamento da taxa ou a xustificación da concorrencia dalgunha das causas de exención ou bonificación suporá a substitución do trámite de presentación, no tempo e na forma, da solicitude de participación no proceso selectivo.

3.8. De conformidade co disposto na Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos procederá a devolución das taxas de participación cando non se realice o feito impoñible por causas non imputables ao suxeito pasivo, a persoa interesada deberá solicitar a devolución e achegar os datos necesarios para a transferencia bancaria correspondente. Polo tanto, non procederá a devolución nos supostos de exclusión das probas selectivas por causa imputable á persoa interesada.

3.9. Coa instancia achegarase necesariamente, sendo motivo de exclusión a falta dalgún deles:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade; as persoas aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten as condicións que se alegan.

b) Xustificante de ter aboadas as taxas de inscrición, no caso de realizar transferencia, dentro do prazo de presentación de solicitudes ou documentación que acredite o dereito á exención ou bonificación nos termos expresados nesta base.

3.10. Ao cubrir a solicitude deberá indicar:

a) O sistema de ingreso polo que solicita acceder: acceso xeral libre.

b) O importe das taxas de inscrición que lle correspondan, consonte o colectivo no que estea incluído/a: bonificación, exención ou importe íntegro.

c) Se padece algunha discapacidade poderá solicitar as adaptacións de tempos e medios que consideren necesarias para a realización das probas; para este fin, deberá presentar o ditame médico citado na base 3.5.a), que deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

d) Se prestou servizos na Universidade de Vigo, co obxecto de que se emita de oficio a certificación prevista na base 3.12.a).

e) Se desexa formar parte dunha lista de espera para futuras necesidades de persoal desta escala. De non indicalo expresamente, considerarase que non desexa figurar nela.

f) Se está exento de realizar o exercicio de coñecementos de lingua galega por estar en posesión do Celga 4.

3.11. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes e poden unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola universidade.

3.12. Ata a data de remate do prazo de reclamacións contra a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, pero referidos á data de publicación no DOG desta convocatoria, os méritos alegados acreditaranse do seguinte xeito:

a) A experiencia acreditarase mediante certificación orixinal expedida polo órgano ou unidade competente en materia de persoal; no caso de servizos prestados na Universidade de Vigo, a certificación expedirase de oficio tras a publicación da relación definitiva de persoas admitidas, remitindo copia á persoa interesada.

b) A formación acreditarase mediante copia compulsada ou cotexada do título, diploma ou certificación correspondente no que consten todos os elementos necesarios para a valoración ou susceptibles dela.

c) De conformidade co establecido na base 6.7 da convocatoria, copia compulsada ou cotexada do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado. Noutro caso seralles de aplicación o previsto na devandita base.

d) De conformidade co establecido na base 6.8 copia compulsada ou cotexada do diploma de español de nivel B2 (intermedio) ou superior ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros/as expedido polas escolas oficiais de idiomas. Noutro caso seralles de aplicación o previsto na devandita base.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Reitoría da Universidade de Vigo ditará unha resolución que se publicará no DOG, aprobando a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, indicando o lugar no que se atope exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, co nome, apelidos e número de DNI, así como as causas que motivaran a exclusión, de ser o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderanse implícita na resolución do reitor, que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará igualmente no DOG.

4.4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non implicará recoñecer ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos, de xeito que a constatación de que non os posúen, segundo o establecido na base oitava, producirá o seu decaemento de todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

5. Tribunal.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas publicarase xunto coa relación provisional indicada na base 4.1 e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na LPACAP e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP, cando realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria, ou de ter colaborado durante ese período con centros de preparación de opositores, de acordo co artigo 59.2 da LEPG.

A Presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar aos e ás integrantes do tribunal cando concorran neles/as algunha das circunstancias sinaladas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da LRXSP.

5.3. A Reitoría publicará no DOG a resolución pola que se nomeen as novas persoas integrantes do tribunal que substituirán a quen perdese a súa condición por algunhas das causas previstas na base anterior.

5.4. Logo da convocatoria da Presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia do presidente/a e o secretario/a, ou, se é o caso, de quen os/as substitúan, e a metade polo menos dos/das seus membros.

5.5. Corresponderá ao tribunal a consideración, verificación e apreciación das incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento dos exercicios, e adoptará ao respecto as decisións que considere pertinentes.

5.6. O tribunal poderá propor ao reitor a designación de asesores/as especialistas que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitar do reitor a designación de persoal colaborador. Estas designacións publicaranse na páxina electrónica indicada na base 5.10 e seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ca o resto das persoas aspirantes. Para as persoas con discapacidades que soliciten na forma prevista na base 3.10, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios. Para tal efecto, o tribunal poderá recadar xustificación documental das persoas aspirantes e os informes sanitarios ou técnicos correspondentes.

5.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e excluirá a aquelas que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos na presente convocatoria, logo de audiencia da persoa interesada, deberá propor a súa exclusión ao órgano convócante ou, no seu caso, por no seu coñecemento a posible concorrencia desta circunstancia, para que, previas as comprobacións necesarias, se resolva ao respecto.

5.9. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.10. Os actos deste proceso que deban publicarse, agás cando a publicación se realice no DOG, terán como data de efectos a da súa publicación no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (edificio Exeria, Campus de Vigo).Todos eles publicaranse con efectos puramente informativos na seguinte páxina electrónica:

https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo

5.11. Para os efectos de comunicacións e consultas, o tribunal terá a súa sede no edificio Exeria, podendo dirixilas por correo electrónico: consultapas@uvigo.es, sen que teña a consideración de rexistro telemático, ou por teléfono: 986 81 35 79. A información relativa a este proceso publicarase na páxina indicada no punto anterior.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «Q», de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 24 de xaneiro de 2019 (DOG do 5 de febreiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, en que acreditarán a súa identidade e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan. Deberán obedecer as instrucións do tribunal, e de ser o caso, do persoal colaborador en orde ao seu correcto desenvolvemento; en caso contrario poderán impedir ao aspirante a continuación do proceso. Contra este acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos cinco días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente, tomando en conta, ademais do alegado, os dereitos das demais persoas aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e ás necesidades e aos intereses da universidade. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.4. O lugar, a data e a hora de realización do primeiro exercicio publicarase nos lugares previstos na base 5.10 cun mes de antelación, e non se realizará antes do 1 de xuño de 2019.

A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal, no lugar ou lugares onde se realizase o anterior, e ademais nos lugares indicados no parágrafo anterior, cunha antelación mínima de 48 horas á data sinalada para a súa iniciación.

6.5. En caso de que o tribunal acorde criterios de avaliación en desenvolvemento dos establecidos nesta convocatoria, publicaraos nos lugares previstos na base 5.10. Só se valorarán os méritos correctamente acreditados que se presentasen antes de que remate o prazo indicado na base 4.2, sendo responsabilidade exclusiva de cada aspirante verificar a correspondente documentación.

6.6. Tras cada exercicio, os e as aspirantes poderán levar os cuestionarios e, nas probas tipo test, o tribunal publicará as respostas correctas no local onde tivesen lugar así como na páxina electrónica indicada na base 5.10.

6.7. Estarán exentas de realizar o exercicio de coñecemento de lingua galega as persoas aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG do 30 de xullo), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG do 19 de febreiro). A relación de persoas exentas publicarase na páxina electrónica indicada na base 5.10.

6.8. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira, agás os e as nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español, deberán acreditar o coñecemento do castelán ben mediante a presentación dos diplomas e certificacións relacionadas na base 3.12.d), ou mediante a superación dunha proba que se axustará ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro. A proba cualificarase como apto ou non apto e será necesario obter a cualificación de apto para poder realizar á fase de oposición.

7. Cualificacións.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal publicará nos lugares da súa realización e nos previstos na base 5.10, a relación de persoas aspirantes que os superasen, con indicación do nome e da puntuación obtida.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da realización do primeiro exercicio para presentar reclamacións contra as preguntas. Así mesmo, disporán de idéntico prazo para reclamar contra as puntuacións dese e dos restantes exercicios, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

7.3. Rematada a fase de oposición, e para as persoas que a superen, o tribunal publicará as puntuacións provisionais obtidas na fase de concurso, detalladas para cada unha das epígrafes relacionadas no anexo I, que en ningún caso se poderán sumar para os efectos de superar os exercicios da oposición, e contra as que as persoas aspirantes poderán presentar reclamacións no prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

7.4. A cualificación final do concurso-oposición virá dada pola suma das puntuacións obtidas en ambas as dúas fases. No suposto de empate, resolverase de acordo, por orde, cos seguintes criterios:

a) Puntuación obtida no conxunto da fase de oposición.

b) Puntuación obtida en cada un dos exercicios pola seguinte orde: terceiro, cuarto, segundo e primeiro.

c) Puntuación obtida no conxunto da fase de concurso.

d) Puntuación obtida en cada unha das epígrafes da fase de concurso na orde en que se relacionan no anexo.

e) Sorteo entre as persoas implicadas.

7.5. Resoltas as reclamacións, a Presidencia do tribunal publicará a relación definitiva de persoas que superaran a fase de oposición, detallando as puntuacións de cada exercicio, as puntuacións definitivas da fase de concurso e a puntuación final, e elevará a proposta da persoa aspirante que obtivera a maior puntuación final para ser nomeada persoal funcionario en prácticas de acordo co previsto na base 1.2. A continuación a Reitoría ditará unha resolución poñendo fin á fase de concurso-oposición.

7.6. Coa finalidade de asegurar a cobertura da praza convocada e de configurar unha lista de espera, o tribunal valorará os méritos da fase de concurso de quen superara, polo menos, un dos exercicios obrigatorios da fase de oposición. Para formar parte desta lista haberá que indicalo na solicitude de participación.

8. Presentación de documentos e período de prácticas.

8.1. A partir do día seguinte ao da publicación indicada na base 7.5, a persoa candidata proposta para ser designada funcionario/a en prácticas disporá dun prazo de 20 días hábiles para presentar no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do título académico ou certificación académica acreditativa de ter aprobadas todas as materias que capacitan para a obtención del título, acompañando o resgardo xustificativo de ter aboado os dereitos para a expedición do título; no caso de titulación obtida no estranxeiro, presentarase credencial da súa homologación ou equivalencia.

b) Declaración xurada ou promesa relativa ao establecido na alínea f) da base segunda. Poderase utilizar o modelo que figura no anexo III.

c) Informe sobre o estado de saúde que acredite que non padece enfermidade nin está afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións.

8.2. Quen tivese a condición de funcionario/a de carreira en servizo activo e a acredite neste prazo, estará exento/a de presentar o documento indicado no apartado b) da epígrafe anterior.

8.3. Se dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non se presentase a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2 non poderá ser nomeado/a persoal funcionario en prácticas e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

8.4. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, nomearase a persoa proposta persoal funcionario en prácticas e convocarase para a realización do período de prácticas de catro meses, que en ningún caso implicará o desempeño dun posto de traballo.

As prácticas realizaranse baixo a dirección dun titor/a e avaliaranse as competencias e habilidades no exercicio das tarefas que se lle encomenden, así como os informes, propostas de mellora e memoria final que deberá elaborar a persoa candidata. A superación da fase de prácticas requirirá obter a cualificación de apto; en caso contrario, perderase o dereito ao nomeamento como persoal funcionario de carreira, procedéndose ao chamamento da/o seguinte candidata/o consonte a orde de prelación elevada polo tribunal, sempre que cumpra os requisitos exixidos para o seu nomeamento como funcionaria/o en prácticas.

8.5. Superado o período de prácticas, a persoa candidata será nomeada funcionaria de carreira. A preceptiva toma de posesión efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á data de publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

9. Norma derradeira.

9.1. De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento UE 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección de persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados na solicitude serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo, coa finalidade de xestionar a tramitación deste procedemento selectivo e amparados pola Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia; a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades e os estatutos da Universidade de Vigo.

Coa súa participación nesta convocatoria as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza desta convocatoria. Non obstante e co fin de previr riscos para a publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicará esta circunstancia coa maior celeridade á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumprir coa citada finalidade e conservarase durante o prazo necesario para determinar as posibles responsabilidades que puidesen derivar da dita finalidade e do tratamento dos datos.

As persoas participantes están obrigadas a facilitar estes datos en virtude do especificado nos parágrafos anteriores e, en caso de non facelo, excluiranse do proceso selectivo.

As persoas participantes teñen dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, a rectificación ou a supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a oporse ao devandito tratamento e a solicitar, agás casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Estes dereitos poderán exercerse mediante solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo no Rexistro da Universidade de Vigo, ou en calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da LPCAP. Máis información: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos.

Igualmente, pode dirixir a dita solicitude ao delegado de protección de datos do responsable (Pintos & Salgado Abogados S.C.P., avenida de Arteixo, 10, 1º esq., 15004 A Coruña, España), 981 22 70 76, dpd@uvigo.gal.

Tamén pode presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

9.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 3 de abril de 2019

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Proceso selectivo

A) Fase de oposición.

Non se permitirá o uso de ningún tipo de material nin recursos en ningún formato.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite no primeiro día do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio, estean publicadas no boletín ou diario oficial correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas que figuran no anexo II e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan no momento da súa derrogación, con data límite no primeiro día do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio.

A oposición estará formada polos seguintes exercicios:

Primeiro. De carácter teórico, escrito e eliminatorio. Consistirá en contestar un test de 100 preguntas con catro (4) respostas alternativas, das que só unha será correcta, acerca das materias do programa. Cualificarase de 0 a 10 puntos e será necesario obter 5 puntos para superalo.

O tempo de realización será de 125 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. O exercicio incluirá 10 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado.

Segundo. De carácter teórico, escrito e eliminatorio. Consistirá en desenvolver por escrito dous temas de entre seis propostos polo tribunal, un de entre tres do bloque de dereito civil e outro tema de entre tres do bloque de dereito procesual. Disporán de 120 minutos. Posteriormente deberá lelos en sesión pública perante o tribunal que poderá abrir un debate por un tempo máximo de 15 minutos, durante o que deberá contestar ás aclaracións, preguntas e observacións que formulen os membros do tribunal.

Valoraranse os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita, así como a súa forma de presentación e exposición.

Cualificarase de 0 a 20 puntos, dividíndoa a partes iguais entre os dous temas. Para superalo será necesario obter 10 puntos no conxunto do exercicios, e non obter menos de 4 puntos en ningún dos temas. Cada membro do tribunal poderá outorgar un máximo de 10 puntos por cada tema; sumaranse as puntuacións sen incluír a máis alta e a máis baixa (ou unha delas por cada extremo), dividindo o total que resulte tras realizar a dedución polo número de vogais asistentes cuxa cualificación se tivese computado; a cifra do cociente constituirá a cualificación do exercicio.

Terceiro. De carácter teórico, oral e eliminatorio. Consistirá en expor oralmente, en sesión pública perante o tribunal, catro temas extraídos ao chou durante un tempo máximo dunha hora, dous temas do bloque de dereito administrativo, un do bloque de dereito laboral e organización da Administración e un do bloque de universidades.

Os e as aspirantes disporán de vinte minutos para a preparación deste exercicio, no que deberán elaborar un guión que poderán utilizar durante a exposición e que entregarán tras esta. O tribunal poderá abrir un debate por un tempo máximo de 15 minutos, durante o que a persoa aspirante deberá contestar as aclaracións, preguntas e observacións que formulen as e os membros do tribunal. Valorarase a amplitude e comprensión dos coñecementos, a claridade de exposición e a capacidade de expresión oral.

Rematada a exposición de calquera dos temas o tribunal poderá invitar a persoa opositora a retirarse se apreciase unha manifesta deficiencia na exposición, deixando constancia na respectiva acta.

Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos, dividindo a puntuación a partes iguais entre os catro temas. Para superalo será necesario obter 15 puntos no conxunto deste exercicio e non obter menos de 3,5 puntos en ningún dos temas. Cada membro do tribunal poderá outorgar un máximo de 7,5 puntos por cada tema; sumaranse as puntuacións sen incluír a máis alta e a máis baixa (ou unha delas por cada extremo), dividíndose o total que resulte tras realizar a dedución polo número de vogais asistentes cuxa cualificación se tivese computado; a cifra do cociente constituirá a cualificación do exercicio.

Cuarto. De carácter práctico, escrito e eliminatorio, consistirá nunha ou máis dunha das seguintes posibilidades: analizar un suposto, preparar un informe sobre un tema, contestar a unha demanda ou responder a preguntas curtas; en todo caso, referidos aos bloques 2, 3, 4, 6, 7 e 8.

Disporán de catro horas. Valorarase o rigor analítico, a claridade expositiva, os coñecementos xerais e específicos, a capacidade de relacionalos, a pertinencia da proposta, así como as competencias persoais dos e das aspirantes, o grao de madurez, equilibrio, responsabilidade e capacidade de decisión.

Cualificarase de 0 a 25 puntos sendo necesario obter 12,5 puntos para superalo. De incluír máis dunha modalidade, será necesario acadar en cada unha o 50 % da cualificación que o tribunal lle outorgue.

Quinto. De carácter teórico, escrito e eliminatorio. Consistirá en contestar a un test de 20 preguntas sobre o coñecemento da lingua galega, con catro respostas alternativas das cales só unha delas será correcta. O exercicio incluirá 3 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado. Disporán de 30 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta.

Valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter a cualificación de apto. Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga 4 nos termos previstos nas bases da convocatoria.

B) Fase de concurso.

Os méritos que se valorarán nesta fase deberán referirse á data de publicación da presente convocatoria no DOG. Non se terán en conta os méritos que non estean suficientemente acreditados.

1. Experiencia, ata un máximo de 10 puntos.

1.1. Por cada mes completo de servizos na escala de letrados, para cuxo acceso se exixa a titulación especifica de licenciatura ou grao en dereito, da Universidade de Vigo ou noutras universidades públicas: 0,056 puntos mes.

1.2. Por cada mes completo de servizos na escala de letrados, para cuxo acceso se exixa a titulación específica de licenciatura ou grao en dereito, noutras administracións públicas: 0,028 puntos/mes.

A experiencia acreditarase mediante certificado do órgano competente en materia de persoal no que figurará o organismo, o posto, as funcións, a duración e a exixencia da titulación arriba citada. O cómputo dos meses realizarase por días naturais (30 días) e para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarase o cociente, desprezando os decimais pola puntuación sinalada.

2. Formación, ata un máximo de 5,5 puntos.

2.1. Académica, ata un máximo de 3 puntos:

– Título de doutor en dereito ou especialidades xurídicas: 2 puntos.

– Título de mestrado en especialidades xurídicas: 1 punto.

2.2. Asistencia a cursos de especialidades xurídicas ou universitarias (materias incluídas no programa) organizados por centros oficiais, ata un máximo de 1,5 puntos:

– Impartidos: 0,6 por duración superior a 100 horas, 0,35 por duración igual ou superior a 50 horas, 0,15 por duración igual ou superior a 20 horas, 0,05 por duración igual ou superior a 10 horas.

– Recibidos: 0,30 por duración superior a 100 horas, 0,17 por duración igual ou superior a 50 horas, 0,07 por duración igual ou superior a 20 horas, 0,03 por duración igual ou superior a 10 horas.

2.3. Coñecementos de idiomas estranxeiros, acreditados segundo o Marco europeo común de referencia para as linguas (MECR) e de acordo coas táboas de equivalencia de certificados aprobadas pola Asociación de Centros de Linguas na Ensinanza Superior (ACLES http://www.acles.es/files/ckeditor/tablas_de_certificados_reconocidos_por_acles_7.pdf), ata un máximo de 1 punto:

– Inglés, francés, alemán, portugués: C2, 1 punto; C1, 0,75 puntos; B2, 0,50 puntos e B1, 0,25 puntos.

– Resto de idiomas: C2, 0,75 puntos: C1, 0,50 puntos; B2, 0,25 puntos e B1, 0,10 puntos.

ANEXO II

Programa

Bloque 1. Dereito constitucional e autonómico.

1. O Estado na Constitución española de 1978. O Estado de dereito. O Estado social. O Estado democrático y pluralista. Os dereitos fundamentais e as liberdades públicas na Constitución. Estrutura e valor normativo do título primeiro. A reforma da Constitución.

2. A protección dos dereitos constitucionais. As garantías normativas. As garantías institucionais: o Defensor do Pobo e o Ministerio Fiscal. A tutela xudicial.

3. O procedemento preferente e sumario de protección dos dereitos fundamentais e liberdades públicas. A protección dos dereitos humanos no Consello de Europa. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

4. O ordenamento estatal e ordenamento das comunidades autónomas. Principios informadores. As relacións entre ambos ordenamentos.

5. Organización do Estado (I). Concepto de Constitución e expresións históricas. A Constitución española de 1978. Antecedentes históricos. Caracteres da Constitución de 1978. Formas de Estado. A monarquía parlamentaria como forma política do Estado. A institución da Coroa. Funcións do rei. O referendo dos seus actos.

6. Organización do Estado (II). O Parlamento: sistemas unicamerais e bicamerais. As Cortes Xerais: composición, estrutura e funcións; a función lexislativa. O Goberno. Composición, funcións e estatuto dos seus membros. A función de dirección política. O control político do Goberno. Goberno e Administración.

7. Organización do Estado (III). A Constitución económica. A potestade financeira. Os orzamentos xerais do Estado. Principios constitucionais do dereito tributario. O Tribunal de Contas.

8. A organización territorial do Estado. O Estado autonómico. Distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas. O proceso de formación das comunidades autónomas. Os estatutos de autonomía: contido, procedemento de elaboración e reforma.

9. O Poder Xudicial. O Consello Xeral do Poder xudicial como órgano constitucional. Administración de xustiza, Estado e comunidades autónomas. A submisión do xuíz á lei e a independencia xudicial; a inamobilidade.

10. O Tribunal Constitucional: o control de constitucionalidade das leis, o recurso de inconstitucionalidade e a cuestión de inconstitucionalidade. Conflitos de competencia.

11. Os dereitos humanos no ámbito universal europeo e español. A non discriminación por razón de sexo; a igualdade de sexo no ámbito xurídico laboral; a conciliación familiar. Políticas sociais de igualdade de xénero, contra a violencia de xénero e de integración de persoas con discapacidade.

12. O sector público institucional: entidades que o integran.

13. A autonomía galega: orixe e evolución. O Estatuto de autonomía de Galicia: estrutura e contido. A súa reforma. A posición xurídico-constitucional do Estatuto de autonomía: o estatuto no sistema constitucional; o estatuto como norma autonómica e como norma do Estado.

14. As bases fundamentais da autonomía galega. O territorio. Eficacia territorial das disposicións e actos da Comunidade Autónoma. As institucións de autogoberno de Galicia: descrición. Sede. O Parlamento de Galicia: o seu carácter e funcións. Composición e funcionamento do Parlamento. O Pleno e as comisións: as súas clases. A Deputación Permanente; as súas funcións. Réxime de sesións. Adopción de acordos.

15. A elaboración das leis da Comunidade Autónoma. A iniciativa lexislativa. A tramitación. Promulgación e publicación das leis. Leis de Galicia: o seu rango e posición constitucional; o principio de competencia nas relacións entre o ordenamento estatal e autonómico. Decretos lexislativos. Regulamentos autonómicos.

16. A Xunta de Galicia: natureza, composición e funcións. A Presidencia da Xunta de Galicia: as súas funcións e representación. Elección da presidencia.

17. Relacións da Xunta de Galicia co Parlamento. Información ao Parlamento. Cuestión de confianza e moción de censura: os seus efectos. Disolución do Parlamento.

18. A Administración pública galega no Estatuto de autonomía. Competencias para o establecemento do seu réxime xurídico. A Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia; competencias da Comunidade Autónoma en relación cos rexistros e o notariado. O Valedor do Pobo.

19. As competencias das comunidades autónomas: natureza; clases: exclusivas, compartidas, concorrentes. A reserva de competencias ao Estado do artigo 149: normativa básica; a atribución estatutaria de competencias e a cláusula de peche do artigo 149.3. O control da actividade das comunidades autónomas: o control ordinario e extraordinario.

20. A modificación extraestatutaria das competencias autonómicas: leis marco; en especial as leis orgánicas de transferencia e delegación; as leis de harmonización. Previsións constitucionais da prevalencia e supletoriedade do dereito estatal. A concorrencia normativa entre o Estado e as comunidades autónomas: normativa básica e normativa de desenvolvemento. Elementos formais e materiais no concepto de lexislación básica.

Bloque 2. Dereito civil.

1. As fontes do dereito: enumeración e xerarquía. A lei. O costume. Os principios xerais do dereito. A xurisprudencia. Outras fontes do dereito. Especial referencia ás fontes no dereito civil de Galicia. A Constitución como fonte do dereito.

2. As normas xurídicas: natureza, caracteres, estrutura e clasificación. O ordenamento xurídico: valores superiores. A interpretación das normas: clases, elementos e regras. Eficacia das normas xurídicas. Fraude de lei. Erro de dereito.

3. Aplicación das leis no tempo. O problema da retroactividade ou irretroactividade. Aplicación das leis no espazo. Dereito internacional privado e dereito interrexional: principais regras do Código civil.

4. A relación xurídica. A institución xurídica. O dereito subxectivo. Categorías de dereitos subxectivos. Adquisición dos dereitos subxectivos. As chamadas situacións xurídicas secundarias: expectativas de dereitos e situacións xurídicas interinas. Exercicio dos dereitos; os seus límites: a boa fe e o abuso do dereito.

5. O suxeito da relación xurídica. A personalidade: adquisición e extinción. A capacidade das persoas: as súas clases. As circunstancias modificativas da capacidade. A incapacitación. Protección das persoas con discapacidade.

6. A persoa xurídica: concepto e clases. Normas do Código civil. A teoría do levantamento do veo. Asociación e fundacións: concepto e réxime xurídico.

7. As fundacións de interese galego; disposicións xerais. Constitución. Goberno. Réxime económico. Funcionamento e actividade. Modificación dos estatutos. Fusión, escisión e extinción da fundación. O protectorado. Rexistro. O Consello Superior de Fundacións.

8. O obxecto da relación xurídica. As cousas: o seu concepto e clases. Bens mobles e inmobles. Bens de dominio público e propiedade privada.

9. O feito xurídico e o acto xurídico. O negocio xurídico. Teoría xeral dos elementos do negocio xurídico. A vontade: requisitos; o silencio como declaración de vontade. Os vicios da vontade.

10. A causa do negocio xurídico: concepto e teorías fundamentais. A causa no dereito español. Os negocios xurídicos indirectos, en particular, exame da simulación; referencia aos negocios xurídicos anómalos, fiduciarios e fraudulentos. A teoría do enriquecemento inxusto.

11. Influencias do tempo nas relacións xurídicas. O seu cómputo. Teoría xeral da prescrición. Concepto, clases, fundamento e efectos. A prescrición extintiva e a caducidade.

12. O dereito de propiedade. Extensión e contido: facultades integrantes do dominio pleno. As limitacións do dominio. A protección do dominio.

13. Modos de adquirir o dominio: a teoría do título e o modo. Clasificacións dos modos de adquirir o dominio. A ocupación. A tradición: exame das súas clases.

14. A accesión: normas do Código civil. A usucapión. Clasificación, requisitos e efectos. A renuncia á usucapión. Perda do dominio: teoría xeral. O abandono. A propiedade intelectual; referencia ao contrato de edición.

15. A posesión: concepto e natureza xurídica. Clases de posesión. Efectos da posesión, durante o seu exercicio e ao cesar nel. Adquisición, conservación e perda da posesión. A tutela da posesión.

16. A obriga: concepto e clasificación. Causas de extinción das obrigas. Incumprimento das obrigas. Cumprimento forzoso: a indemnización de danos e perdas. Os denominados medios indirectos: as accións subrogatoria e revogatoria.

17. O contrato: fundamento e función. Sistemas de contratación. Elementos dos contratos. Capacidade para contratar. Obxecto do contrato. A forma do contrato.

18. Preparación do contrato. A perfección e consumación do contrato. A sinatura electrónica. Ineficacia dos contratos. Ineficiencia. Nulidade, anulabilidade e rescisión.

19. A doazón: concepto e natureza xurídica. Clases. Elementos persoais, reais e formais. Efectos naturais e derivados de pactos especiais. Revogación e redución de doazóns. O contrato de arrendamento. Clases e normas do Código civil en materia de arrendamentos de cousa. O arrendamento de obra ou empresa. O arrendamento de servizos.

20. O contrato de préstamo: as súas especies. O comodato. O precario. O mutuo. O contrato de depósito: a súa natureza e clases. O depósito ordinario. Depósito irregular e necesario. O secuestro. A transacción. Aspectos civís da arbitraxe. O contrato de sociedade. Natureza e clases. Constitución. Contido. Extinción.

Bloque 3. Dereito procesual.

1. O proceso: concepto, natureza e fundamento. Os principios procesuais contidos na Constitución. O dereito á tutela xudicial efectiva. Abstención e recusación de xuíces e maxistrados. Requisitos xerais das actuacións xudiciais. Nulidade dos actos xudiciais. As resolucións xudiciais. Os actos de comunicación ás partes.

2. A Lei orgánica do poder xudicial: normas fundamentais sobre o poder xudicial e o exercicio da potestade xurisdicional. Extensión e límites da xurisdición española. Planta e organización dos xulgados e tribunais. Os conflitos e cuestións de competencias.

3. O proceso civil. A Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil: o seu título preliminar. A xurisdición dos tribunais civís: extensión e límites. Cuestións prexudiciais. As partes. Lexitimación procesual. Sucesión procesual. Representación e defensa técnica das partes: a defensa das administracións e dos entes públicos.

4. Feitos e actos procesuais. Actos preparatorios dos xuízos, as dilixencias preliminares reguladas na Lei de axuizamento civil. As cuestións incidentais; procedemento para a súa tramitación. Actos de iniciación do proceso civil: a demanda; os seus efectos.

5. A proba; o seu obxecto e valoración. A carga da proba. Disposicións xerais en materia de proba. A proba documental. Teoría xeral. A práctica da proba documental. O documento: concepto e clases. Valor probatorio. O interrogatorio das partes. O interrogatorio de testemuñas. Especialidades aplicables ás administracións públicas. O ditame de peritos. O recoñecemento xudicial. Outros medios de proba; as presuncións.

6. A sentenza: requisitos. Os seus efectos xurídicos: cousa xulgada formal e material. Outras formas de terminación do proceso: renuncia, desistencia, conformamento, transacción, satisfacción extraprocesual e carencia sobrevida de obxecto. A suspensión do proceso; a suspensión do curso dos autos para elevar consulta. A caducidade.

7. A eliminación do proceso. O acto de conciliación. A arbitraxe. Requisitos e procedemento arbitral. Recursos contra o laudo. Os efectos económicos do proceso. As custas.

8. O xuízo verbal. As medidas cautelares no proceso civil. Execución de sentenzas en que se condenen administracións públicas. A execución provisional de resolucións xudiciais.

9. A impugnación do proceso. Clases de recursos. Disposicións xerais. O recurso de reposición. O recurso de apelación. O recurso de casación: concepto e fin. Requisitos: resolucións contra as cales procede; motivos do recurso. Procedemento. Efectos da sentenza. O recurso de casación en materia de dereito civil de Galicia.

10. O proceso contencioso-administrativo. Natureza, extensión e límites da orde xurisdicional contencioso-administrativa. Concepto de Administración pública para os efectos do recurso. Cuestións a que se estende o coñecemento e cuestións excluídas desta orde xurisdicional.

11. Os órganos da orde xurisdicional contencioso-administrativa. Regras determinantes da súa respectiva competencia.

12. As partes: capacidade, lexitimación, representación e defensa das partes. Obxecto do recurso contencioso-administrativo: actividade administrativa impugnable. Pretensións das partes. Acumulación. Contía do recurso.

13. Procedemento contencioso-administrativo. Prazos. Medidas cautelares. Procedemento en primeira ou única instancia: dilixencias preliminares; a declaración de lesividade. Interposición do recurso. Anuncio do recurso e reclamación do expediente.

14. Emprazamento e comparecencia de demandados. Demanda e contestación: requisitos, contido e efectos. Achega de documentos. Trámite para completar o expediente administrativo. Alegacións previas. Proba.

15. Vista e conclusións: a presentación de cuestións novas. A sentenza: contido. Outros modos de terminación do procedemento. Custas.

16. O procedemento abreviado. Procedemento contencioso-electoral.

17. Procedemento para a protección dos dereitos fundamentais da persoa. A cuestión de ilegalidade. Procedemento nos casos de suspensión administrativa previa de acordos.

18. Recursos contra providencias, autos, dilixencias de ordenación e decretos. Recurso de apelación. Resolucións contra as cales procede. Procedemento. Contido e efectos da sentenza.

19. Recurso de casación. Revisión de sentenzas.

20. Execución de sentenzas: suspensión e execución, extensión dos seus efectos. Incidentes e invalidez de actos procesuais.

21. A xurisdición social: extensión e límites. Órganos xurisdicionais. As partes do proceso: capacidade e lexitimación. Representación e defensa procesual. Pluralidade de partes. Caracteres xerais do proceso de traballo.

22. A evitación do proceso. O proceso ordinario. Demanda e admisión. Conciliación e xuízo. Contestación e reconvención, a proba. Conclusións. Dilixencias finais. Acta do xuízo. Sentenza.

23. Modalidades procesuais. Enumeración. Despedimentos e sancións. Reclamación ao Estado do pagamento dos salarios de tramitación. Extinción do contrato por causas obxectivas e outras causas.

24. Vacacións e clasificación profesional. Materia electoral. O proceso de Seguridade Social. O proceso de conflitos colectivos. Impugnación dos convenios colectivos. O procedemento de oficio.

25. Medios de impugnación. Recursos contra providencias, autos, dilixencias de ordenación e decretos. Aclaración de sentenza. Recurso de suplicación: decisións susceptibles de recurso, obxecto do recurso, procedemento e efectos.

26. O recurso de casación. Decisións contra as cales se pode recorrer. Motivos de casación. Procedemento. Efectos. O recurso de casación para a unificación de doutrina. Disposicións comúns aos recursos de suplicación e de casación.

27. Execución de sentenzas. Execución definitiva. Disposicións xerais. Execucións en diñeiro. Condena de entes públicos. Execución provisional. Sentenzas de despedimento. Sentenzas condenatorias ao pagamento de cantidades. Outras sentenzas.

Bloque 4. Dereito administrativo.

1. A Administración pública. Actividade administrativa e actividade política. O dereito administrativo. O réxime administrativo: sistemas; trazos fundamentais do español. A consideración non xurídica da Administración: a ciencia da Administración. Transparencia e boas prácticas na actuación da Administración.

2. Fontes do dereito administrativo. A lei: as súas clases; leis orgánicas e ordinarias. Disposicións do Goberno con valor de lei: decretos lei e decretos lexislativos.

3. O regulamento: concepto e natureza. Fundamento da potestade regulamentaria. Clasificación dos regulamentos. Procedemento de elaboración dos regulamentos: normativa estatal e autonómica.

4. A eficacia normativa do regulamento: a súa inderrogabilidade singular. Os actos administrativos xerais e as instrucións e ordes de servizo. A impugnación dos regulamentos na doutrina e no noso dereito positivo.

5. Os principios de reserva de lei, de xerarquía normativa e de competencia. Nulidade de pleno dereito das disposicións administrativas por infracción daqueles principios. Outras fontes do dereito administrativo.

6. Os suxeitos no dereito administrativo. O Estado e a Comunidade Autónoma. A personalidade xurídica destes. Outras persoas xurídico-públicas. Relacións entre administracións públicas.

7. As potestades administrativas, o principio de legalidade e as súas manifestacións. A actividade administrativa discrecional e os seus límites. Control da discrecionalidade: estudo especial da desviación de poder. Os conceptos xurídicos indeterminados. A discrecionalidade técnica.

8. A Administración e os tribunais de xustiza. Conflitos de xurisdición entre os tribunais e a Administración. Outros conflitos de xurisdición. As accións posesorias e a Administración. Concorrencia de embargos administrativos e xudiciais.

9. O administrado. Dereitos públicos subxectivos e intereses lexítimos: conceptos e diferenzas. Clasificación dos dereitos públicos subxectivos. Situacións xurídicas pasivas. As prestacións do administrado. Colaboración dos administrados coa Administración pública.

10. Os actos xurídicos da Administración: actos públicos e privados. O acto administrativo: concepto e elementos. A forma dos actos administrativos: a motivación, a notificación e a publicación. Comunicacións e notificacións electrónicas. O silencio administrativo: natureza e réxime xurídico.

11. Clasificación dos actos administrativos. Especial referencia aos actos xurisdicionais, de trámite, provisionais e que poñen fin á vía administrativa. Os actos políticos: natureza e réxime de impugnación no dereito positivo. A eficacia dos actos administrativos na orde temporal: comezo, suspensión e retroactividade.

12. A executividade dos actos administrativos: fundamento e natureza. A execución forzosa pola Administración dos actos administrativos: os seus medios no dereito vixente. A teoría da «vía de feito». Estudo das súas manifestacións segundo a xurisprudencia.

13. A invalidez dos actos administrativos: nulidade de pleno dereito e anulabilidade. Os actos administrativos irregulares. A validación, conservación e conversión dos actos administrativos. Os erros materiais ou de feito: concepto e tratamento xurisprudencial.

14. A anulación dos actos administrativos pola propia Administración mediante a revisión de oficio: casos en que é procedente; tramitación. A revisión dos actos na vía xurisdicional por instancia da Administración: declaración de lesividade; requisitos e procedemento. Concepto da revogación; o seu tratamento no dereito vixente.

15. Os actos administrativos en particular. Estudo da licenza, autorización ou permiso; réxime xurídico. Referencia á concesión e ás súas clases.

16. O servizo público. A doutrina clásica do servizo público. Evolución da doutrina. As diferentes formas de xestión dos servizos públicos. A asunción pola Administración de actividades privadas e os seus instrumentos propios.

17. O procedemento administrativo común: a súa natureza e fins. Regulación legal: a cuestión da repartición competencial; ámbito de aplicación da Lei do procedemento administrativo común. Os principios xerais e as garantías do procedemento administrativo. Abstención e recusación.

18. As persoas no procedemento administrativo. Categorización e dereitos dos interesados no seo do procedemento administrativo. Identificación, autentificación e sinatura electrónica. Termos e prazos. Os informes no procedemento administrativo.

19. Iniciación, ordenación e instrución do procedemento: a proba. Participación dos interesados. Terminación: a resolución; terminación convencional; outros modos de terminación: desistencia, renuncia e caducidade. Referencia á xestión electrónica das distintas fases do procedemento administrativo común.

20. Tramitación simplificada. Os procedementos especiais. Procedemento para a elaboración de disposicións de carácter xeral. Principios da potestade sancionadora.

21. Os recursos administrativos: concepto, clases e principios xerais da súa regulación. A reformatio in peius: ámbito da súa admisión no noso dereito. Recurso de alzada. Recurso de reposición. Recurso de revisión.

22. A responsabilidade patrimonial da Administración. Principais teorías. Lexislación española; antecedentes e regulación actual. Procedemento. A responsabilidade das autoridades e persoal. Responsabilidade da Administración por actos dos seus concesionarios e contratistas. A responsabilidade do Estado lexislador.

23. A expropiación forzosa. Concepto e diferenza con figuras análogas. Teorías sobre a súa xustificación e natureza. Lexislación vixente: a repartición competencial. Suxeitos e obxecto da expropiación. O procedemento expropiatorio xeral.

24. Peculiaridades do procedemento de urxencia. Cita dos procedementos especiais. As garantías do expropiado; a reversión. O Xurado de Expropiación Forzosa da Comunidade Autónoma. Limitacións administrativas de dereitos e servidumes administrativas: diferenzas e réxime xurídico.

25. Acceso á información pública, transparencia e bo goberno: disposicións do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

26. Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Bloque 5. Dereito da Unión Europea.

1. Das comunidades europeas á Unión Europea. Os tratados constitutivos das comunidades europeas. O Tratado de Lisboa: o Tratado da Unión e o Tratado de funcionamento da Unión. O proceso de ampliación.

2. As institucións da Unión Europea: o Consello Europeo, o Consello, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

3. O dereito da Unión Europea. Fontes. Relación entre o dereito da Unión Europea e o ordenamento xurídico dos Estados membros. A participación dos Estados membros no proceso decisorio.

4. A aplicación do dereito da Unión Europea: principios xerais. Aspectos específicos da situación española.

5. A libre circulación de traballadores. A política social e de emprego. O espazo europeo de liberdade, seguridade e xustiza. A cohesión económica e social.

Bloque 6. Dereito financeiro e contratación administrativa.

1. O orzamento: concepto e clases. Principios orzamentarios. Principios clásicos do orzamento. Clasificación dos gastos públicos. O ciclo orzamentario.

2. Os ingresos públicos. Concepto e clases. Ingresos de dereito público e ingresos de dereito privado. Os tributos. Impostos, taxas e contribucións especiais. Os impostos directos: concepto e clases. Os impostos indirectos: concepto e clases.

3. O gasto público: concepto, principios reitores e réxime xurídico. A Facenda Pública de Galicia: dereitos e obrigas e a súa prescrición. Gastos plurianuais: concepto e funcionamento. A autonomía financeira das universidades. O réxime xurídico da actividade económico-financeira das universidades.

4. A Lei xeral orzamentaria: características e estrutura. O orzamento da Universidade de Vigo. Contido, elaboración, estrutura e aprobación. As modificacións de crédito: causas, competencias, modalidades e trámite. O expediente de gasto: fases. Execución do orzamento.

5. A contabilidade pública no sector público español. O Plan xeral da contabilidade pública: principios, estrutura e ámbito de aplicación. Contas anuais. A contabilidade analítica: o modelo CANOA para universidades.

6. A rendición de contas e o control da actividade económico-financeira da Universidade de Vigo. O Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia: composición, organización, competencias, funcións e procedementos.

7. A revisión de actos tributarios en vía administrativa: normas comúns. Procedementos especiais de revisión. O recurso de reposición. As reclamacións económico-administrativas.

8. Contratos do sector público-disposicións xerais: obxecto e ámbito de aplicación da lei; contratos do sector público. Órganos de asistencia.

9. Configuración xeral da contratación do sector público (I): disposicións xerais sobre a contratación do sector público.

10. Configuración xeral da contratación do sector público (II): partes no contrato. Obxecto, orzamento, base de licitación, valor estimado, prezo do contrato e a súa revisión.

11. Disposicións básicas dos contratos das administracións públicas: preparación; normas xerais de adxudicación; efectos, cumprimento e extinción dos contratos administrativos.

12. Disposicións básicas da preparación, execución, modificación, cumprimento e resolución do contrato de obras.

13. Disposicións básicas da preparación, execución, modificación, cumprimento e resolución do contrato de subministración e do contrato de servizos.

Bloque 7. Dereito laboral e organización da administración.

1. O dereito do traballo. Características. Principios constitucionais. As fontes do ordenamento laboral. Especial referencia aos convenios colectivos.

2. A aplicación das normas laborais: principios de ordenación. A relación lei-convenio colectivo; colisión e concorrencia entre normas estatais e normas convencionais. O principio de condición máis beneficiosa. Os principios de irrenunciabilidade de dereitos e de territorialidade das normas laborais.

3. O contrato de traballo. Partes. Capacidade para contratar. Contido. As prestacións do traballador e do empresario. Modalidades de contrato. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo.

4. Os dereitos dos traballadores. Especial consideración da liberdade sindical. Condicións de traballo. A prevención de riscos laborais.

5. A negociación colectiva e o procedemento negocial. Os conflitos colectivos: a folga e o peche patronal. Participación e réxime de representación do persoal. Especial referencia á Universidade de Vigo.

6. Réxime disciplinario laboral. Xurisdición social e administración laboral.

7. A Seguridade Social. Evolución. Características xerais do sistema español. O réxime xeral e os réximes especiais. A acción protectora da Seguridade Social. Notas básicas das continxencias protexidas e das prestacións.

8. Evolución do concepto de calidade: antecedentes históricos, definicións. A calidade na Administración pública: estratexias para promover a xestión de calidade nas administracións públicas. Sistemas de xestión de calidade ISO-9001. A familia das normas ISO 9000. O Modelo EFQM de excelencia: principios e estrutura. A xestión por procesos: concepto e elementos dun proceso. Clasificación dos procesos. Representación gráfica dos procesos.

9. O cadro de mando integral: obxectivos, descrición, o proceso de implantación e construción. As cartas de servizo: definición, obxectivos, contidos, elaboración, avaliación. Sistemas e técnicas de participación orientadas á xestión de calidade. O Benchmarking.

10. Caracterización do persoal ao servizo das universidades públicas na Lei orgánica de universidades. Clases de persoal.

11. Planificación e ordenación. A selección de postos de traballo do persoal ao servizo das universidades públicas. Adquisición e perda da condición de persoal funcionario.

12. Dereitos dos empregados públicos: promoción, mobilidade, retribucións e negociación colectiva. Deberes dos empregados públicos. O código de conduta. O réxime de incompatibilidades.

13. Os convenios colectivos do persoal ao servizo da Universidade de Vigo.

14. A igualdade efectiva de homes e mulleres nas administracións públicas. A igualdade na Universidade de Vigo.

Bloque 8. Universidades.

1. A configuración institucional das universidades. A autonomía universitaria. Réxime xurídico, fins, funcións e creación das universidades. A coordinación universitaria. A Conferencia de Reitores das Universidades Españolas.

2. A ordenación do Sistema universitario de Galicia.

3. Estrutura e organización das universidades. Órganos de goberno. Organización e centros da Universidade de Vigo.

4. Os estatutos da Universidade de Vigo.

5. A calidade no sistema público universitario: ANACA e ACSUG. Avaliación, certificación e acreditación.

6. O Estatuto do estudante universitario. Normativa propia da Universidade de Vigo.

7. O Espazo Europeo de Educación Superior. O Plan Boloña e o horizonte 2020. Estrutura das ensinanzas universitarias oficiais: grao, máster e doutoramento.

8. O acceso e o procedemento de admisión á universidade. Bolsas e axudas ao estudo. Programas de mobilidade dos estudantes universitarios.

9. A Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. O sistema público de I+D. Estrutura. Órganos de decisión, planificación y coordinación. Órganos de financiamento, execución e avaliación.

10. Xestión da investigación. Especial referencia aos contratos do artigo 83 da Lei orgánica de universidades. A función de transferencia de coñecemento no sistema universitario. Mecanismos para a transferencia de coñecemento. A protección da propiedade industrial e intelectual no eido universitario. As licenzas. A creación de empresas de base tecnolóxica.

ANEXO III

Declaración xurada/promesa

Don/Dona ............................................................................................................................., con DNI/NIE/pasaporte .........................................................................................................e nacionalidade .....................................................................................................................

DECLARA BAIXO XURAMENTO OU PROMETE, para os efectos de ser nomeado/a funcionario/a pola Universidade de Vigo.

□ (Cidadáns españois) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas.

□ (Cidadáns estranxeiros) Non estaren sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

..........................................., .......... de ............................. de 201......

                                             (localidade)                (día)                       (mes)                           (ano)