Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 15 de abril de 2019 Páx. 18779

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 5 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 449200.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que se celebren durante o ano 2019 festas declaradas de interese turístico de Galicia incluídas no obxecto desta convocatoria.

Segundo. Obxecto

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia (liña 1).

2. Tamén será obxecto de subvención a posta en marcha, durante a celebración das festas declaradas de interese turístico de Galicia, da campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos: AGRESIÓNOFF, Eu digo non á violencia sexual, utilizando para iso a marca creada para estes efectos (liña 2).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Cuarto. Financiamento

1. As subvencións relativas ao apoio, promoción e difusión de festas declaradas de interese turístico de Galicia (liña 1) imputarase á aplicación orzamentaria 11 A2 761A 760.1, proxecto 2017 00005, cun crédito de 306.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación.

No que respecta ás subvencións para a posta en marcha, durante a celebración das festas declaradas de interese turístico de Galicia, da campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos: AGRESIÓNOFF, Eu digo non á violencia sexual (liña 2), imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.460.0, proxecto 2019 00001, cun crédito de 300.000 €, que transferirá para este proxecto a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia á Axencia Turismo de Galicia. Estes fondos proveñen do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Prazo de xustificación

Para cobrar a subvención concedida, o/a beneficiario/a terá de prazo ata o 30 de setembro de 2019 para eventos celebrados ata o 31 de agosto, e cando o evento subvencionado se celebre con posterioridade a esta data, ata o 20 de decembro de 2019.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2019

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia