Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 15 de abril de 2019 Páx. 18748

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia (DOG núm. 216, do 11 de novembro), mediante o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

Galicia ten unha cultura propia arraigada que se amosa ao visitante foráneo a través das diferentes manifestacións festivas, entre as que destacan as de índole gastronómica, relixiosa, cultural ou histórica, que teñen lugar ao longo do ano por toda a xeografía galega.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, regula no seu artigo 93 as festas de interese turístico de Galicia, que define como aquelas manifestacións que supoñan unha valorización da cultura e das tradicións populares e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico.

A Axencia Turismo de Galicia considera que as festas que polas súas características e singularidades teñen un recoñecemento e prestixio a nivel autonómico son un recurso que hai que manter e potenciar, xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística. Ademais, engaden importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais.

Así mesmo, este ano no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, no que se recollen medidas tales como campañas que teñan como público obxectivo a mocidade, ou actuacións de sensibilización, prevención e elaboración de campañas e materiais contra a violencia sexual, implicando as entidades locais na elaboración de materiais, campañas e protocolos de actuación, que incidan na necesidade de establecer puntos seguros e de información sobre violencia sexual en espazos públicos (medidas 26, 30 e 256 do documento refundido final do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero), a Consellería de Cultura e Turismo e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza acordaron colaborar no establecemento dunha liña de axudas específica, que se inclúe na presente convocatoria de subvencións, destinada a desenvolver as actividades relativas á posta en marcha, durante a celebración das festas declaradas de interese turístico de Galicia, a campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos: AGRESIÓNOFF, Eu digo non á violencia sexual, utilizando para iso a marca creada para estes efectos.

A través desta resolución convócanse axudas que se tramitarán baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de xeito que as solicitudes recibidas no prazo establecido serán atendidas respectando a súa orde de incoación, sen que se produza comparación entre elas, e ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento vén motivada pola propia natureza das axudas, xa que a súa concesión unicamente a determina o cumprimento por parte das entidades solicitantes dos requisitos establecidos na propia resolución.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade ao abeiro do establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Polo exposto, e no exercicio das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1) Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas aos concellos galegos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, así como efectuar a súa convocatoria para o ano 2019 (TU500A).

2) O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rigorosa orde de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

2. Solicitudes.

1) Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2) As solicitudes deberán presentarse da forma e no prazo establecidos no artigo 4 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia:

http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU500A.

c) Os teléfonos 981 54 02 60 e 981 54 63 64 da devandita axencia.

d) Enderezo electrónico fomento.turismo@xunta.gal.

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2019

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións destinadas aos concellos galegos para o apoio, promoción e difusión de festas declaradas de interese turístico de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia (liña 1).

2. Tamén será obxecto de subvención a posta en marcha, durante a celebración das festas declaradas de interese turístico de Galicia, da campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos: AGRESIÓNOFF, Eu digo non á violencia sexual, utilizando para iso a marca creada para estes efectos (liña 2).

3. Será requisito indispensable que a festa conte coa declaración de interese turístico de Galicia regulada no Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).

Non serán obxecto de subvención as festas que, ademais da declaración de interese turístico de Galicia, conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional segundo establece a Orde ITC/1763/2006, do 3 de maio, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional (BOE núm. 135, do 7 de xuño de 2006).

4. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rigorosa orde de entrada no rexistro, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados no ano 2019.

Unicamente será subvencionable un evento por concello solicitante.

6. Considéranse gastos subvencionables, en relación coa liña 1, aqueles relacionados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas, material gravado referido á festa, etc.

No caso de celebración de festas gastronómicas serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

En todo caso, a publicidade da festa debe respectar a guía de publicidade non sexista elaborada pola Comisión asesora de publicidade non sexista, órgano dependente do Observatorio Galego de Violencia de Xénero. A citada publicidade non poderá atentar contra a dignidade da persoa ou vulnerar os valores e dereitos recollidos na Constitución, especialmente aqueles a que se refiren os artigos 18 e 20.4.

A utilización de calquera publicidade que non respecte o establecido no parágrafo anterior, suporá a perda ao dereito ao cobramento da subvención e, se é o caso, o reintegro das contías recibidas, segundo se establece no artigo 21 destas bases.

No que respecta á liña 2, serán gastos subvencionables aqueles relacionados co desenvolvemento da campaña AGRESIÓNOFF, Eu digo non á violencia sexual, como material para difusión, cartelaría, punto de información, merchandaxe....

7. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargos e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

8. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Neste suposto, tamén deberá achegar a resolución de adxudicación do contrato, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións relativas ao apoio, promoción e difusión de festas declaradas de interese turístico de Galicia (liña 1) imputaranse á aplicación orzamentaria 11 A2 761A 760.1, proxecto 2017 00005, cun crédito de 306.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación.

No que respecta ás subvencións para a posta en marcha, durante a celebración das festas declaradas de interese turístico de Galicia, da campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos: AGRESIÓNOFF, Eu digo non á violencia sexual (liña 2), imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.460.0, proxecto 2019 00001, cun crédito de 300.000 €, que transferirá para este proxecto a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia á Axencia Turismo de Galicia. Estes fondos proveñen do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade).

2. As actuacións subvencionables relativas á promoción das festas (liña 1) poderán acadar un máximo de axuda de 3.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 3.000 euros, a contía da axuda será como máximo o importe destes.

Así mesmo, as actuacións subvencionables relativas á campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos (liña 2), poderán acadar un máximo de 3.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 3.000 euros, a contía da axuda será como máximo o importe destes.

Os gastos subvencionables (como gastos en promoción ou cartelaría) que sexan comúns para ambas as liñas só poderán imputarse a unha das dúas liñas.

3. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

4. A Axencia Turismo de Galicia ten un convenio marco coa entidade financeira Abanca para o apoio á promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico na Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co establecido no dito convenio marco, Abanca comprométese a contribuír ao desenvolvemento das festas de interese turístico mediante a realización dunha achega económica en concepto de colaboración, ás entidades públicas ou privadas promotoras das festas.

De estaren interesados nesta colaboración, deberán manifestar a súa conformidade marcando o recadro correspondente no anexo II de solicitude. Abanca achegaría para a promoción da festa un importe de 1.500 euros, polo que o concello se obrigaría a incorporar na súa publicidade o distintivo corporativo da entidade bancaria nun lugar visible e destacado xunto coa imaxe da Axencia Turismo de Galicia.

Esta colaboración levarase a cabo a través da sinatura dun protocolo de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia, Abanca e o concello.

A achega da entidade Abanca é independente e complementaria da subvención que pode recibirse ao abeiro desta resolución.

5. No caso de que a entidade solicitante estea interesada en asinar o referido protocolo, a contía do orzamento presentado deberá ter en conta esta achega para a xustificación posterior, de acordo co sinalado no artigo 19.2.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que se celebren durante o ano 2019 festas declaradas de interese turístico de Galicia incluídas no obxecto desta convocatoria.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios en que se celebren festas declaradas de interese turístico de Galicia que reúnan os requisitos establecidos no parágrafo anterior, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

2. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.

Artigo 4. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de presentarse a solicitude por unha agrupación de concellos de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o instrumento xurídico que regule a agrupación, o cal deberá incluír en todo caso os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles e a designación do/da alcalde/alcaldesa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

b) Certificación do/da secretario/a da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

– Acordo de solicitar a subvención, e das liñas que se solicitan, isto é, a relativa á promoción e difusión da festa, e a relativa á campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos, e de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude. Este acordo deberá adoptarse antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes.

– Que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas.

O acordo deberá estar adoptado e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

c) No caso das agrupacións de concellos, achegarase unha certificación emitida pola secretaría do concello representante, na cal se faga constar con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:

– Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención e de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

– O nomeamento do/da alcalde/alcaldesa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

– Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos ou certificacións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

d) Memoria explicativa das actividades que se vaian desenvolver na correspondente edición da festa (liña 1), e das que se vaian desenvolver no que respecta á campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos (liña 2).

e) Orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar, para cada unha das devanditas liñas.

2. Ademais, no modelo de declaración que se incorpora no anexo II farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 17 das bases reguladoras.

g) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Facenda autonómica e coa Facenda estatal e fronte a Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda con ninguna outra Administración pública.

3. Para os efectos das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que as integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano instrutor.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

– Estar ao día do pagamento coa Consellería de Facenda.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Órganos competentes

A xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A proposta de concesión de subvencións efectuarase atendendo á orde de entrada das solicitudes, ata o límite do orzamento dispoñible para esta convocatoria.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 12. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución que elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por rigorosa orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF da entidade solicitante, data de presentación da solicitude, obxecto da subvención, importe do investimento subvencionable, contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o solicitante a que se lle concede a subvención, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

Unha vez esgotado o crédito destinado a cada unha das liñas de subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia, que comportará a inadmisión dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución á persoa interesada será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Se o acto non for expreso, poderá interpoñerse o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación desta antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar: memoria xustificativa da modificación solicitada, orzamento ou proxecto modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 11.

6. Cando o/a beneficiario/a da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o/a beneficiario/a das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios/as disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a se ditar proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Esta acreditación poderá realizarse mediante unha declaración responsable do solicitante, de conformidade co disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) O beneficiario deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control, así mesmo deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

g) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom), deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

h) Igualmente, o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turismo.gal/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados, así como as indicacións do uso.

Así mesmo, farase constar a marca Xacobeo 2021, de acordo co manual de identidade visual, aprobado polo Decreto 167/2018, do 29 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

No que respecta ao material que se elabora no marco da liña 2 de subvencións, deberá facerse constar nel a marca AGRESIÓNOFF, Eu digo non á violencia sexual, xunto cos logotipos da Xunta de Galicia e do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Así mesmo, deberá deixarse constancia, na sinalización exterior dos lugares onde se realicen as accións, e sempre nas actividades de difusión, que estas se financian cos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, debendo incluír o logotipo do Ministerio, ademais dos logos da Xunta e os establecidos anteriormente.

i) Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 18. Subcontratación

Poderán ser obxecto de subcontratación, ata o 100 %, as actuacións subvencionadas nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non proporcionen valor engadido ao seu contido.

A tramitación e contratación será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar. En todo caso, haberá que aterse ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Tamén deberá achegar a resolución de adxudicación na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o/a beneficiario/a terá de prazo ata o 30 de setembro de 2019 para eventos celebrados ata o 31 de agosto, e cando o evento subvencionado se celebre con posterioridade a esta data, ata o 20 de decembro de 2019, para presentar, por medios electrónicos e de acordo co sinalado no artigo 4 destas bases, orixinais ou copias da documentación que a seguir se indica:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo IV.

b) Conta xustificativa conforme os artigos 8 e 9 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará:

– En todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

– Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/alcaldesa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión, obxecto do gasto e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O investimento xustificado deberá gardar coherencia co orzamento presentado inicialmente e que serviu de base ao cálculo da subvención.

c) Unha memoria descritiva das accións realizadas para as que foi concedida a axuda, á cal se xuntarán os carteis, folletos, fotografías ou calquera outra documentación que xustifique o cumprimento da actividade subvencionada, esta documentación deberá incluír necesariamente a publicidade a que se fai referencia no artigo 17, alíneas g) e h) destas bases reguladoras.

d) Anexo V: modelo de declaracións.

No caso de xustificarse ambas as liñas de subvencións, deben quedar perfectamente diferenciados os gastos que se imputan a cada unha na conta xustificativa que se presente, segundo o disposto no presente artigo, así como na memoria descritiva das accións realizadas.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

2. O investimento xustificado deberá coincidir co importe do orzamento conforme o que se concedeu a subvención (incluída a achega de Abanca, se é o caso), ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado é menor e sempre que se cumpra coa finalidade para a que se concedeu a subvención, corresponderá igualmente o pagamento do importe concedido sempre que a contía xustificada sexa igual ou superior a este, descontada, se é o caso, a achega de Abanca.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 20. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión para cada unha das liñas de subvencións, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas ao abeiro da correspondente liña, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Aos/ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Os/as interesados/as poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario/a da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file