De acordo co Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Consello Consultivo de Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,
RESOLVO:
Convocar os cursos que figuran no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2019
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
ANEXO I
Primeira. Requisitos do persoal participante
Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución os/as empregados/as públicos/as das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.
Toda persoa solicitante que ao inicio ou durante o curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.
Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación
As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como ás súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web https://egap.xunta.gal.
Terceira. Solicitudes e prazos
1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo
https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.
4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.
6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A dita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.
7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal.
Cuarta. Criterios de selección
Os criterios que se empregarán son os sinalados con carácter xeral na Resolución da EGAP do 4 de xaneiro de 2008 (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro), pero daráselle preferencia ao persoal habilitado nacional e funcionario da Administración local dos grupos A1 e A2, que teña responsabilidades en materia de tramitación e instrución relacionadas coas materias dos cursos.
Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado
1. A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar no dito curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.
2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia
1. Os cambios ou as substitucións na selección:
En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
Non obstante, aquel alumnado que non supere a actividade do módulo 1 no prazo establecido non poderá continuar o curso e será substituído por novo alumnado de acordo coa orde da lista de agarda.
2. A renuncia:
a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:
– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.
– Por outras causas xustificadas documentalmente.
b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.
Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal.
c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
3. As faltas de asistencia nas actividades presenciais:
a) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.
b) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Sétima. Realización de probas
Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación, que se realizará ao final delas.
Oitava. Certificados
Para obter o certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, quen emitirá un informe en que sexa declarado apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.
Novena. Facultades da EGAP
1. A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.
2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Consello Consultivo de Galicia resérvanse o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso no que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
3. A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
ANEXO II
Código: CV19019
Curso práctico sobre responsabilidade patrimonial das entidades locais
1. Obxectivos.
A análise da normativa sobre a responsabilidade patrimonial, dos procedementos administrativos para a súa efectividade e das súas diferentes dimensións (polo funcionamento anormal do servizo público, de autoridades e persoal ao servizo das administracións, do Estado lexislador, por actos de concesionarios e contratistas).
A materia presenta especial interese científico e técnico para aquel persoal funcionario que tramite calquera tipo de expediente relativo á exixencia de responsabilidade patrimonial perante o órgano ou dependencia en que prestan servizos.
Por outra banda, na regulación do procedemento de exixencia de responsabilidade patrimonial existen múltiples aspectos non resoltos na normativa, tales como as causas e os prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación, a función dos órganos consultivos, a cuantificación dos danos, o concepto de nexo causal, os propios requisitos para apreciar un funcionamento anormal dun servizo, o caso fortuíto ou forza maior... e que dan lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis que necesariamente ten que coñecer aquel persoal funcionario que, ordinaria ou eventualmente, participa na tramitación deste tipo de expedientes. Neste curso realízase unha análise práctica dos diferentes supostos, partindo dos máis recentes pronunciamentos xurisprudenciais na materia e estudo de criterios específicos de órganos consultivos: Consello de Estado e Consello Consultivo de Galicia.
2. Destinatarios/as.
Empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia e do sector público autonómico.
Preferentemente, habilitados nacionais e funcionarios da Administración local dos grupos A1 e A2 que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes.
3. Desenvolvemento.
Modalidade: presencial.
Duración: 27 horas por edición.
Edicións: cinco.
Lugares e datas:
– A Coruña: Edificio Administrativo de Servizos Múltiples, praza Luís Seoane, s/n, do 1 ao 15 de outubro de 2019. Proba final presencial: o día 15 de outubro ás 16.30 horas.
– Lugo: sala de xuntas Muralla (1º andar) do Edificio Administrativo de Servizos Múltiples, rolda da Muralla, nº 70, do 13 ao 27 de maio de 2019. Proba final presencial: o día 27 de maio ás 16.30 horas.
– Ourense: salón de actos da Delegación da Presidencia e Administración Pública, avenida da Habana, nº 79, do 4 ao 26 de xuño de 2019. Proba final presencial: o día 26 de xuño ás 16.30 horas.
– Pontevedra: sala 3 da Delegación da Presidencia e Administración Pública, avenida María Victoria Moreno, nº 43, do 13 ao 27 de xuño de 2019. Proba final presencial: o día 27 de xuño ás 16.30 horas.
– Santiago de Compostela: Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, nº 2-4, do 14 ao 28 de outubro de 2019. Proba final presencial: o día 28 de outubro ás 16.30 horas.
Horario: das 16.30 ás 19.30 horas.
Prazas: 30 por edición.
4. Contido.
Sesión 1. O Consello Consultivo de Galicia e as entidades locais: relacións e colaboración institucional.
Sesión 2. Regulación actual, características e presupostos da responsabilidade da Administración.
Sesión 3. Procedementos en materia de responsabilidade patrimonial:
– Procedemento ordinario.
– Procedemento abreviado.
Sesión 4. A responsabilidade de autoridades e persoal ao servizo das administracións públicas.
Sesión 5. A responsabilidade de contratistas e concesionarios.
Sesión 6. A responsabilidade por actos de natureza lexislativa.
Sesión 7. A responsabilidade patrimonial por actuacións urbanísticas I.
Sesión 8. A responsabilidade patrimonial por actuacións urbanísticas II.
Sesión 9. Exame final.
5. Valoración.
Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección no BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local, en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,45 puntos.
Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, corrección no DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.
Código: CV19020
Os recursos administrativos na nova Lei 39/2015
1. Obxectivos.
A análise da normativa sobre a revisión de actos firmes e os recursos administrativos, ordinarios ou extraordinarios, que se poden interpor fronte a todo tipo de resolucións administrativas. A materia presenta especial interese científico e técnico para aquel persoal funcionario que tramite todo tipo de procedementos administrativos.
O coñecemento desta materia redunda no mellor exercicio profesional da súa función, na medida en que a materia presenta múltiples dimensións e en que absolutamente todos os servizos públicos e, polo tanto, todas as actuacións, incluídas as puramente materiais ou de xestión, están suxeitas a eventual recurso administrativo.
Por outra banda, a entrada en vigor da Lei 39/2015, do 1 de outubro, é unha oportunidade para afianzar o coñecemento da normativa en aspectos tan esenciais e decisivos á hora de resolver un recurso, tales como as causas e os prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación ou a función dos órganos consultivos.
Ademais, a resolución de recursos administrativos dá lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis que necesariamente ten que coñecer aquel persoal funcionario que, ordinaria ou eventualmente, participa na tramitación deste tipo de expedientes.
Así mesmo, trátase dunha materia de grande interese xurídico e doutrinal, polo que no curso se fará pausada referencia ás novidades xurisprudenciais na materia, facendo especial fincapé na doutrina do Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como tamén do Consello Consultivo de Galicia.
2. Destinatarios/as.
Empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia e do sector público autonómico.
Preferentemente, habilitados nacionais e funcionarios da Administración local dos grupos A1 e A2, que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes.
3. Desenvolvemento.
Modalidade: presencial.
Duración: 21 horas por edición.
Edicións: cinco.
Lugares e datas:
– A Coruña: Edificio Administrativo de Servizos Múltiples, praza Luís Seoane, s/n, do 4 ao 13 de novembro de 2019. Proba final presencial: o día 13 de novembro ás 16.30 horas.
– Lugo: sala de xuntas Muralla (1º andar) do Edificio Administrativo de Servizos Múltiples, rolda da Muralla, nº 70, do 16 ao 25 de setembro de 2019. Proba final presencial: o día 25 de setembro ás 16.30 horas.
– Ourense: salón de actos da Delegación da Presidencia e Administración Pública, avenida da Habana, nº 79, do 2 ao 23 de outubro de 2019. Proba final presencial: o día 23 de outubro ás 16.30 horas.
– Pontevedra: sala 3 da Delegación da Presidencia e Administración Pública, avenida María Victoria Moreno, nº 43, do 21 ao 30 de outubro de 2019. Proba final presencial: o día 30 de outubro ás 16.30 horas.
– Santiago de Compostela: Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, nº 2-4, do 18 ao 27 de novembro de 2019. Proba final presencial: o día 27 de novembro ás 16.30 horas.
Horario: das 16.30 ás 19.30 horas.
Prazas: 30 por edición.
4. Contido.
Sesión 1. A resolución dos procedementos administrativos.
Sesión 2. Revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio.
Sesión 3. Revisión dos actos en vía administrativa: declaración de lesividade.
Sesión 4. Revogación de actos e rectificación de erros.
Sesión 5. Recursos ordinarios: recurso de alzada e recurso de reposición.
Sesión 6. Recurso extraordinario de revisión.
Sesión 7. Exame final.
5. Valoración.
Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección no BOE núm. 311, do 29 de decembro) pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local, en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.
Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, e corrección no DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.