Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 16 de abril de 2019 Páx. 18973

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES). Anualidade 2019 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

As axudas obxecto desta convocatoria teñen o seu encaixe no Programa de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES) aprobado polo Real decreto 72/2019, do 15 de febreiro, co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas a actuacións de apoio á mobilidade, mellorando a eficiencia enerxética no sector do transporte e da calidade do aire nas cidades, así como a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, coa finalidade de cumprir cos obxectivos asignados a España nas correspondentes directivas do sector enerxético.

O Real decreto 132/2019, do 8 de marzo, no seu artigo 1 acorda que serán beneficiarias directas das axudas previstas neste programa as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla que deberán destinar o importe das axudas aos suxeitos que se enumeran no apartado segundo do artigo 2 do Real decreto 72/2019, do 15 de febreiro, que son os destinatarios finais das mesmas.

A entidade responsable da execución do Programa MOVES na Comunidade Autónoma de Galicia será o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

O Inega constitúese en Axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición a consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 61, do 30 de marzo).

Entre os obxectivos básicos do Inega están o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia.

A Axencia ten entre as súas funcións, a teor do disposto no artigo 8 do Decreto 142/2016, de 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, as seguintes funcións:

a) Elaborar e propoñer á consellería competente en materia de enerxía plans e programas en materia enerxética.

b) Promover e, se for o caso, executar os plans e programas indicados, aprobados pola consellería competente en materia de enerxía.

c) Propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión de políticas enerxéticas.

d) Elaborar programas de racionalización do uso de enerxía e promover o aproveitamento dos recursos enerxéticos.

O Inega para financiar esta convocatoria de axudas dispón nos seus orzamentos de 2.616.913,80 €, procedentes do Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES) copromovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Estas axudas estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, e nas demais disposicións da Unión Europea que resulten de aplicación.

O Real decreto 72/2019, do 15 de febreiro, establece que a coordinación e seguimento do Programa MOVES será realizado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). No exercicio destas funcións o IDAE informa que o Programa MOVES se acolle a categoría de Axudas para a Protección do Medio Ambiente, sección 7, artigo 36 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión. Indica que os custos subvencionables se calcularán para a Actuación 1 tendo en conta o punto 5.b) do citado artigo, para as Actuacións 2 e 3 segundo o punto 5.a) e para a Actuación 4 polo punto 5.a) ou 5.b) segundo a tipoloxía do proxecto. Ademais o IDAE informa de que para evitar efectos fronteira dispón de diferentes informes e datos que permiten xustificar o cálculo do custo subvencionable e, polo tanto, das contías das axudas establecidas no Real decreto 72/2019 para a Actuación 1 e que responderá ante a Comisión, caso de que houbese que xustificar a contía destas.

O Inega considera conveniente atribuír a colaboración, no seguimento da xestión das axudas relativas a: Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías alternativas e Actuación 2-Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos (artigo 4.1 do Real decreto 72/2019) as entidades colaboradoras que reúnan os requisitos establecidos no artigo 6.1 desta convocatoria.

A presente resolución, que aproba a convocatoria para os anos 2019-2021 do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES), ditase conforme o disposto nos artigos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e nos artigos 2 e 8 das bases reguladoras.

En virtude de todo o anterior

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

1. A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente as anualidades 2019-2021 para a concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

2. Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Actuación 1: adquisición de vehículos de enerxías alternativas, será obrigatorio o achatarramento dun vehículo M1 de máis de dez anos ou dun vehículo N1 de máis de sete anos para as adquisicións de vehículos novos M1 ou N1.

Actuación 2: implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos.

Actuación 3: implantación de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas.

Actuación 4: implantación de medidas contidas en plans de transporte ao traballo en empresas.

Artigo 2. Réxime de concesión e normativa aplicable

1. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

2. As axudas obxecto de esta convocatoria estarán sometidas ao disposto no Real decreto 72/2019, do 15 de febreiro, polo que se regula o Programa de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES) e onde se establecen as bases reguladoras das axudas a actuacións de apoio á mobilidade baseada en criterios de eficiencia enerxética, sustentabilidade e impulso do uso de enerxías alternativas, incluída a disposición de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos (en diante, bases reguladoras).

Ademais será de aplicación a seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As axudas recollidas nesta convocatoria de axudas, cando os beneficiarios sexan autónomos, empresas ou outras entidades que emprendan actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 2.2 das bases reguladoras sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. En concreto, os seguintes:

Tipo de actuación

Beneficiarios

Actuacións 1 e 2

Profesionais e autónomos

Persoas físicas

Comunidades de propietarios

Persoas xurídicas e outras entidades con ou sen personalidade xurídica cuxo NIF comece polas letras A, B, C, D, E, F, G, J, N, R ou W.

O sector público: Administración do Estado, Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e Administración local e sector público institucional.

Actuacións 3 e 4

Profesionais e autónomos

Persoas xurídicas e outras entidades con ou sen personalidade xurídica cuxo NIF comece polas letras A, B, C, D, E, F, G, J, N, R ou W.

O sector público: Administración do Estado, Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e Administración local e sector público institucional.

2. Non serán beneficiarios destas axudas:

a) Empresas en crise segundo a definición do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

b) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que tivese declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Financiamento e contía máxima das axudas que outorgarán coa convocatoria

1. As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo á partida orzamentaria 09.A2.733A.782.1 recollida nos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.616.913,80 euros.

Importe 2019 (€)

Importe 2020 (€)

Importe 2021 (€)

Total (€)

1.050.000,00

1.280.000,00

286.913,80

2.616.913,80

O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A2.733A.782.1, 09.A2.733A.714.1, 09.A2.733A.762.1, 09.A2.733A.700.1 e 09.A2.733A.772.1.

2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Tipo de actuación

Orzamento total

Actuación 1: adquisición de vehículos de enerxías alternativas

Actuación 1.1: vehículos eléctricos

1.178.456,90 €

Actuación 1.2: vehículos GLP ou gas natural

130.000,00 €

Actuación 2: implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos

Actuación 2.1: sistemas de recarga rápida e ultrarrápida

524.256,90 €

Actuación 2.2: outros sistemas de recarga

523.200,00 €

Actuación 3: implantación de sistemas de préstamo de bicicletas eléctricas

131.000,00 €

Actuación 4: implantación de medidas contidas en plans de transporte ao traballo en empresas

130.000,00 €

Total

2.616.913,80 €

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se pasado un mes desde a apertura do prazo de solicitudes nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe listaxe de espera. Esta redistribución, de producirse, respectará en todo caso as porcentaxes establecidas no artigo 8.3 do Real decreto 72/2019 ata que reste un mes para a finalización da vixencia da convocatoria.

3. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria.

De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal).

4. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio da Presidencia, relacións coas Cortes e Igualdade, no marco do Plan MOVES.

5. A contía das axudas para cada unha das actuacións ven establecida no anexo III do Real decreto 72/2019, do 15 de febreiro, polo que se regula o Programa de incentivos á mobilidade eficiente e sostible (Programa MOVES) publicado no BOE núm. 41, do 16 de febreiro de 2019. Para o non establecido no citado anexo III, salvo desenvolvemento expreso do organismo responsable da coordinación, aplicaranse os seguintes criterios:

– Para a Actuación 1, no caso de beneficiarios non recollidos expresamente no punto 1, nin no punto 2 do anexo III do Real decreto 72/2019 aplicaranse as axudas establecidas no punto 1 do citado anexo.

– Para a Actuación 2, no caso de beneficiarios non recollidos expresamente no anexo III do Real decreto 72/2019, aplicarase unha intensidade de axuda do 40 % do custo subvencionable.

– Para a Actuación 4, no caso de beneficiarios non recollidos expresamente no anexo III do Real decreto 72/2019, aplicarase unha intensidade de axuda do 50 % do custo subvencionable.

Artigo 5. Forma de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaraas directamente o beneficiario ou a persoa que o represente, salvo cando se trate de axudas para:

– Actuación 1: adquisición de vehículos de enerxías alternativas. Neste caso a solicitude farase a través dos concesionarios de automóbiles que actuarán como entidades colaboradoras.

– Actuación 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos todas as solicitudes, independentemente do tipo de beneficiario de que se trate, faranse a través de empresas con actividade de instalación de baixa tensión que actuarán como entidades colaboradoras.

Artigo 6. Procedemento de adhesión de entidades colaboradoras que participen na xestión da Actuación 1 e na Actuación 2 (procedemento IN421Q)

1. Requisitos, condicións e solvencia.

a) Poderán ser entidades colaboradoras:

1º. Para a Actuación 1: os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa 615.1 Comercio por xunto de vehículos, motocicletas, bicicletas e os seus accesorios, ou 654.1 Comercio ao retallo de vehículos terrestres.

2º. Para a Actuación 2: as empresas con actividade de instalación de baixa tensión. Será necesario que estas empresas estean dadas de alta na Consellería de Economía, Emprego e Industria como empresas con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A).

As entidades colaboradoras teñen que ter o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e sen que isto implique a entrega e distribución dos fondos públicos aos beneficiarios, que recibirán o importe da axuda directamente do Inega.

c) Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

1º. Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

2º. Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.

3º. Xustificación da axuda ante o Inega.

d) Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na paxina web do Inega (www.inega.gal).

e) Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo que se indica no número 3 deste artigo.

f) De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo II destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

g) Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas, en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Formularios.

Apróbanse e incorpóranse o seguinte formulario e modelo de convenio de colaboración como anexos á presente convocatoria:

– Anexo I, Solicitude de adhesión de entidades colaboradoras.

– Anexo II, Convenio de colaboración a subscribir cas entidades colaboradoras.

3. Prazo para presentar as solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará no prazo dun mes contado a partir do día hábil seguinte á publicación no DOG da presente convocatoria e finalizará cando remate a vixencia do Programa MOVES, e para solicitar a súa adhesión terán que cubrir e presentar o formulario de adhesión (anexo I).

4. Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras.

a) Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1º. Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado, da Administración autonómica así como coa Seguridade Social.

2º. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

3º. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito co Inega.

4º. Actuar en nome e por conta do Inega para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións sen que se produza a entrega previa e distribución dos fondos recibidos.

5º. Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de tres anos desde a súa concesión.

6º. Remitir copia dixitalizada de dita documentación ao Inega.

7º. Deixar clara constancia nos seus rexistros contable e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecida, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

1º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo III) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

2º. Vender no marco da iniciativa só os equipos que cumpran coas condicións establecidas na convocatoria de axudas.

3º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do convocatoria, en concreto no caso de que proceda a autorización ou inscrición da instalación no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria.

4º. Exhibir nos seus centros de traballo ou punto de vendas durante a vixencia do Programa MOVES un cartel de promoción deste en que se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web do Inega.

5. Adhesión de entidades colaboradoras.

a) A primeira vez que a entidade colaboradora acceda a aplicación asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

b) A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para encher a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II), xerarase un documento en formato PDF con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Se a entidade interesada presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.

c) As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1º. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.

2º. Convenio de colaboración (anexo II) debidamente asinados pola entidade colaboradora.

Unha vez asinado polo Inega a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.

d) Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

1º. NIF da entidade solicitante cando sexa unha persoa xurídica.

2º. DNI/NIE da persoa solicitante cando sexa unha persoa física.

3º. DNI/NIE da persoa representante.

4º. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.

5º. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

6º. Certificado de estar ao día no pagamento coa Facenda Autonómica.

7º. Certificación de alta no Imposto de actividades económicas cando a entidade colaboradora sexa unha empresa.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

e) A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose presentada a emenda.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos 5 MB, por arquivo individual, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

6. Órganos competentes.

A xefa da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de adhesión das entidades colaboradoras, e corresponderá ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

7. Instrución do procedemento de adhesión.

a) Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda, rexistro mercantil e outros rexistros públicos.

b) De conformidade co establecido no artigo 6.1.d) desta convocatoria en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

c) A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:

1º. Enviaráselle a entidade colaboradora, ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión, un aviso que o informará da posta á disposición do requirimento.

2º. Poderá acceder ao citado requirimento no taboleiro dispoñible na aplicación co seu usuario e contrasinal.

3º. Todos os trámites posteriores que as persoas interesadas teñan que realizar presentaranse electronicamente a través da aplicación do Inega.

8. Resolución.

O prazo máximo para que o director do Inega resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de 20 días hábiles desde a presentación da solicitude. Pasado o devandito prazo, as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes, e notificarase seguindo estritamente a súa orde de presentación, salvo que se deba emendar, momento en que se terá en conta a data de presentación da emenda.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos a este programa.

9. Notificación das resolucións.

a) Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b) Segundo o establecido no artigo 6.1.d) desta resolución, en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada salvo que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

Artigo 7. Forma e prazo de presentación de solicitudes (procedemento IN421R)

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito ou cando se trate das Actuacións 1 e 2, as entidades colaboradoras. Unha vez presentada unha solicitude non se poderá modificar o proxecto ata que recaía resolución de concesión.

Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas para tramitar as Actuacións 1 e 2.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará no prazo de dous meses contados a partir do día hábil seguinte á publicación no DOG da presente convocatoria, comezará as 9.00 horas e permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2019.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso a aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas, se é o caso, polas entidades colaboradoras.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario por duplicado.

4. A solicitude (anexo III) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

A entidade colaboradora presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada polo beneficiario ou representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo III.

5. Para que unha solicitude sexa válida debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda, anexo III.

b) Autorización para a representación, anexo IV, salvo persoas físicas ou xurídicas que presenten directamente co seu certificado dixital.

c) Unha oferta dun provedor para todas as actuacións e, salvo para a Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías alternativas, tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

6. Os fondos solicitados e os validados poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Polo tanto, a axuda máxima que se concederá ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 8. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Co envío da solicitude (anexo III) deberase incluír dixitalmente e en formato PDF, con tamaño máximo por arquivo individual de 5MB, a seguinte documentación complementaria:

a) Autorización para a representación segundo o anexo IV.

b) Cando se trate da Actuación 2: implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e da Actuación 3: implantación de sistema de préstamo de bicicletas eléctricas, deberá acreditar a titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se vai executar o proxecto, ou da dispoñibilidade destes durante un período mínimo de tres anos (que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo).

Os documentos admitidos para acreditar a titularidade son: certificado do rexistro da propiedade, escritura pública de obra nova, escritura pública de compravenda, escritura pública de aceptación da herdanza, escritura pública de doazón e aceptación ou sentenza xudicial, segundo corresponda. Contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredita a titularidade do arrendador ou cedente.

Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos de impostos de bens inmobles ou certificacións do catastro inmobiliario.

c) Para as actuacións tipo 2, 3 e 4 memoria técnica descritiva da actuación que se vai acometer segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

d) Cando se trate dunha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, ademais da documentación sinalada nas letras a), b) e c) deberá achegarse pola entidade colaboradora a seguinte documentación (Actuación 1-Adquisición de vehículos e Actuación 2-Implantación de infraestruturas de recarga):

1º. Documentación que acredite a súa constitución.

2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.

3º. Cando se trate da Actuación 2-Instalación de infraestruturas de recarga, documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán, igualmente, a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo V, que se xunta a título informativo. A agrupación deberá nomear un representante autorizado para tramitar a subvención. Non se poderá disolver en canto estean vixentes os prazos de prescrición aplicables. Este anexo deberá formalizarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

4º. Cando se trate dunha comunidade de veciños o acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios, aceptando as bases da convocatoria, comprometéndose a execución das respectivas obras (Actuación 2-Instalación de infraestruturas de recarga) e facultando o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención. Deberán constar os compromisos asumidos por cada membro, así como o importe da subvención que se vaia aplicar a cada un deles.

e) As administracións públicas, ademais da documentación sinalada nas letras a), b) e c), deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Declaración responsable onde se acredite a súa adscrición, especificando se se refire a Administración xeral do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia ou a unha entidade local.

3º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

4º. No caso das administracións locais, certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas de cada exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

f) As empresas, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nas letras a), b) e c) deste artigo, e cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no rexistro mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente. (Non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

1º. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente a actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

2º. Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3º. No caso de empresas públicas, ademais, deberá achegarse certificado do representante legal ou de persoa habilitada onde se acredite a súa condición de empresa pública.

g) Presentación da oferta do proxecto que se pretende levar a cabo.

Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 € o solicitante ou persoa que o represente presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo. Isto non será aplicable no caso da Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías renovables.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Neste suposto o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

h) Para aqueles casos en que o IVE poida ser subvencionable por non ser recuperable conforme a lexislación vixente será preciso comprobar a xustificación por parte dos beneficiarios de non suxeición ou exención do imposto emitida pola AEAT mediante a presentación da documentación oportuna. Con carácter xeral, salvo para persoas físicas, considerarase o IVE como non subvencionable.

i) Cando se trate da Actuación 4. Implantación de medidas contidas en plans de transporte ao traballo en empresas, no caso de investimentos en protección do medio natural non separados, deberase achegar oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que supoña unha menor protección do medio natural e que se podería realizar de forma crible sen a axuda.

j) Cando se trate da Actuación 1, cando proceda, certificado de discapacidade emitido por outra administración distinta da Xunta de Galicia.

k) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, Seguridade Social e Facenda Autonómica.

c) DNI ou NIE, cando a persoa solicitante sexa unha persoa física.

d) NIF do solicitante, cando se trate dunha persoa xurídica.

e) Consulta dos administradores da sociedade, cando se trate dunha persoa xurídica.

f) DNI/NIE da persoa representante.

g) NIF da entidade representante.

h) Consulta de datos de vehículos e propietarios coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

i) Título de familia numerosa.

j) Certificado de discapacidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esa consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Órganos competentes

A xefa da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.

Artigo 11. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, recaia resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado ou, se for o caso, a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, teráselle por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, da verificación do DNI/NIE e datos de vehículos e propietarios na DXT.

Non será subsanable a falta de achega dos documentos que necesariamente teñen que acompañar a solicitude e indicados no artigo 7.5 das presentes bases reguladoras.

2. Poderá requirirse o interesado o, se for o caso, a entidade colaboradora para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Logo do informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e un técnico do Inega. O comité de avaliación elaborará unha proposta en que figuren de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter subvención, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 12. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase ó director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de 6 meses desde a data de presentación da solicitude e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión comprendera a identificación do beneficiario, o investimento para a Actuación 1 e o custo elixible do proxecto para as Actuacións 2, 3 e 4 e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou aos solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

Artigo 13. Notificación

1. As notificacións de actos e resolucións administrativos realizaranse por medios electrónicos, a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen dez (10) días naturais sen que se acceda ao seu contido, se entenderá que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

Para poder recibir as notificacións, o sistema solicitaralle o número do NIF e o contrasinal determinado pola persoas interesada.

2. A notificación do requirimento de emenda practicarase do seguinte xeito:

– Enviaráselle ao interesado e, se for o caso, á entidade colaboradora ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude un aviso en que se lle indica a posta á súa disposición desta notificación.

Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante.

3. Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da administración Autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante o Inega directamente ou a través da entidade colaboradora, cando proceda, que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Presentar ante o Inega directamente ou a través da entidade colaboradora seleccionada, cando proceda, as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

d) Acreditar ante o Inega directamente ou a través da entidade colaboradora, cando proceda, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 23 desta convocatoria.

f) Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitarase directamente polo beneficiario ou pola entidade colaboradora, cando proceda, mediante a presentación do anexo VI que se xunta a título informativo. Este anexo estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

g) O beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os tres (3) anos posteriores á data da resolución de pagamento final, no caso da Actuación 1-Adquisición de vehículos alternativos, este prazo será de dous (2) anos salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

h) Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de tres (3) anos desde a resolución de pagamento final, no caso da Actuación 1-Adquisición de vehículos alternativos, este prazo será de dous (2) anos, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Comunicarlle ao Inega, directamente ou a través da entidade colaboradora, cando proceda, da modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e, en xeral, calquera medio de difusión debe cumprir cos requisitos que figuran no manual de imaxe do Programa que estará dispoñible na web do IDAE, en que figuran o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo como ministerios co-propoñentes da norma, e ao Programa de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable, MOVES e tamén deberán constar o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 16. Incompatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas convocatoria serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 19 desta convocatoria.

Artigo 17. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal.

2. No teléfono 981 54 15 00.

3. Presencialmente, no Inega (rúa Avelino Pousa Antelo, 5. San Lázaro, 15703 Santiago de Compostela).

Artigo 18. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin a vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, a entidade colaboradora debe notificarllo ao órgano competente para a concesión da subvención mediante a presentación do anexo VIII.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade a xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da proposta de resolución definitiva sen que o beneficiario e, se for o caso, a entidade colaboradora comunique expresamente a renuncia á subvención, entenderase que o solicitante acepta a subvención, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo ao Inega ou, se for o caso, a través da entidade colaboradora presentando o anexo VI polos medios establecidos no artigo 7 destas convocatoria, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará, de conformidade co procedemento establecido no artigo 7 desta convocatoria.

Artigo 21. Prazos de execución e xustificación das actuación

O prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 12 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión. Ademais, o prazo de execución das actuacións en ningún caso poderá exceder o 30 de xuño de 2021.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención considere a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades colaboradoras, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 13.2 desta convocatoria.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación algunha, requirirase igualmente a entidade colaboradora para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles, a presente.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta de verificación do NIF do solicitante (persoa física).

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei correspondan.

Artigo 23. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 21 destas bases reguladoras, debendo estar, nese momento, os investimentos plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para o cobramento polo solicitante da subvención concedida, a entidade colaboradora, para a Actuación 1 ou 2, ou o beneficiario, para a Actuación 3 ou 4, deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo VII, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cumprimentarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Para xustificar cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas, en que figurará o importe total para pagar, e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento da totalidade do equipamento polo solicitante.

1º. A factura deberá reflectir con claridade os seguintes datos:

– Data de emisión.

– Nome e NIF/NIE do beneficiario.

– Base impoñible, IVE, total da base impoñible mais IVE.

– No caso de adquisición de vehículos de enerxías altenativas: matrícula ou número de bastidor, marca, modelo e versión do vehículo adquirido e un desconto por parte do fabricante/importador ou punto de venda de, polo menos, mil (1.000) euros para a adquisición de vehículos M1 e N1. No resto das actuacións, enderezo onde se realiza a obra e descrición detallada da totalidade do equipamento instalado de acordo coa solicitude.

Non se admiten as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen.

A expedición da factura e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación.

2º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas: transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria, nos cales deberán estar claramente identificados:

– Titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que deben coincidir, en todo caso, coa persoa beneficiaria da subvención.

– Receptor do pagamento (empresa ou autónomo).

– Número de factura obxecto do pagamento e, se for o caso, vehículo obxecto da subvención.

3º. Non se admitirán os supostos de autofacturación.

4º. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5º. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade.

6.º No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

7º. No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considerase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios.

b) Para a Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías altenativas, ademais da documentación que figura na letra a) debe achegar:

i. Ficha técnica (tarxeta ITV) do vehículo adquirido.

ii. Permiso de circulación do vehículo adquirido ou do permiso de circulación provisional emitido pola Dirección Xeral de Tráfico. Nos casos en que se emita permiso temporal para vehículos cuxa matrícula comece pola letra P, exixirase que se xunte permiso de circulación no prazo de 1 mes.

iii. No caso de renting ou leasing operativo, achegarase copia do contrato de renting o leasing operativo, que estableza unha duración mínima de dous anos e onde figure como o seu arrendatario o solicitante de axuda ou potencial destinatario final da axuda.

iv. No caso de vehículos M1 e N1, certificado acreditativo da baixa definitiva do vehículo, por parte do correspondente centro autorizado de tratamento de vehículos (CAT), en nome da Dirección Xeral de Tráfico ou, na súa falla, informe do Rexistro Xeral de Vehículos da correspondente Xefatura Provincial de Tráfico, que acredita a baixa definitiva.

v. No caso de vehículos M1 e N1, fotocopia do anverso e reverso da ficha técnica (tarxeta ITV) do vehículo achatarrado onde conste a última inspección técnica de vehículos e a súa caducidade, de maneira que a inspección técnica estea vixente na data de entrada en vigor do presente programa, e do permiso de circulación do vehículo onde conste a data de primeira matriculación, data de matriculación en España e data de expedición. En ausencia de calquera de estes documentos, achegarase o informe da Dirección Xeral de Tráfico co historial do vehículo.

vi. No caso de vehículos M1 e N1, recibo do imposto de vehículos de tracción mecánica do vehículo achatarrado, debidamente aboado, polo menos, desde o exercicio 2018.

c) Para a Actuación 2-Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, ademais da documentación que figura na letra a) debe achegar:

i. Memoria técnica ou proxecto da instalación realizada se así o require, segundo regulamento electrónico de baixa tensión.

ii. Ubicación dos sistemas de recarga, referencia nun plano.

iii. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa xurídica pública, certificación acreditativa da data de publicación dos pregos da licitación para a adquisición dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, expedido polo órgano competente da persoa xurídica pública beneficiaria correspondente.

iv. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa física ou xurídica privada, copia do contrato de subministración dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, formalizado pola persoa física ou xurídica privada beneficiaria correspondente.

v. Copia do certificado de execución de obra civil, expedido por técnico competente.

vi. Xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria no cal se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se for necesario.

vii. Certificado do instalador en que se indique a data de finalización da instalación subvencionada asinado polo técnico competente: en todo caso, a data de finalización debe estar comprendida dentro do período de xustificación. Naquelas actuacións que requiran proxecto achegarase no seu lugar o certificado de dirección de obra.

d) Para a Actuación 3-Implantación de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas, ademais da documentación que figura na letra a), debe achegar:

i. Memoria da obra realizada.

ii. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa xurídica pública, certificación acreditativa da data de publicación dos pregos da licitación para a adquisición dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, expedido polo órgano competente da persoa xurídica pública beneficiaria correspondente.

iii. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa física ou xurídica privada, copia do contrato de subministración dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, formalizado pola persoa física ou xurídica privada beneficiaria correspondente.

iv. Copia do certificado de execución de obra civil, expedido por técnico competente.

e) Para a Actuación 4-Implantación de medidas contidas en plans de transporte ao traballo de empresas, ademais da documentación que figura na letra a), debe achegar:

i. Plan de transporte ao traballo.

ii. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa xurídica pública, certificación acreditativa da data de publicación dos pregos da licitación para a adquisición dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, expedido polo órgano competente da persoa xurídica pública beneficiaria correspondente.

iii. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa física ou xurídica privada, copia do contrato de subministración dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, formalizado pola persoa física ou xurídica privada beneficiaria correspondente.

iv. Declaración responsable acreditativa de que a execución da medida do plan se realizou con posterioridade á data de rexistro da solicitude de axuda.

v. Memoria xustificativa do aforro enerxético xerado pola medida, calculado con base nas viaxes evitadas (tep/ano).

Artigo 24. Incumprimentos xerais do proxecto

1. Incumprimento total. Se se xustifican conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinará a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. Incumprimento parcial. Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Artigo 25. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 26. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Enerxético de Galicia, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 27. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. O Inega reservase para si o dereito a realizar cantas comprobacións, inspección e demais medidas de control que se consideren oportunos para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se no curso destas verificacións se detectara que os beneficiarios da subvencións ou as entidades colaboradora adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas nesta bases reguladoras, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, se for o caso, o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades colaboradoras e os beneficiarios das subvención, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file

ANEXO II

Convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e a entidade colaboradora ___________ para a xestión das subvencións da Actuación 1. Adquisición de vehículos de enerxías alternativas/ 2. Implantación
de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, correspondente ao
Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable
(Programa MOVES) para as anualidades 2019 a 2021

Santiago de Compostela, ____ de _________ de ______

Dunha parte, o director do Inega, en virtude das facultades do seu cargo e das que lle foron conferidas en virtude das atribucións que lle confire o artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 212, do 8 de novembro) e polo Acordo do Consello da Xunta, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, publicado mediante Resolución do 8 de abril de 1991, da Consellería de Economía e Facenda.

Da outra parte___________________________________, con NIF____________, actuando en nome e representación da entidade ________________________________________________ con NIF/CIF _______________, debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Inega acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para a tramitación das axudas para o Programa estatal de incentivos a mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES), estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Inega e os beneficiarios das axudas que se convoquen para a Actuación 1. Adquisición de vehículos de enerxías alternativas, e para a Actuación 2. Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos.

II. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Obxecto da colaboración

O obxecto deste convenio consiste en establecer un marco de colaboración entre o Inega e a entidade ________________________________________ do acordo coa Resolución de ____ de _______ de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES) para as anualidades 2019 a 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. ____, do ___ de _______ de ___).

Segunda. Entidade colaboradora

A entidade ______________________________________________________ é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 6.1 e 6.4 da convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES) para as anualidades 2019 a 2021 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R) (en diante, convocatoria das axudas), que acredita o cumprimento dos requisitos para a xestión das subvencións da Actuación 1. Vehículos de enerxías alternativas/ Actuación 2. Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas na mencionada resolución.

Terceira. Prazo de duración

Este convenio terá vixencia ata o 15 de decembro de 2021.

Cuarta. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais de ao establecido no artigo 6.4.a) da convocatoria das axudas, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

– Asumir a tramitación e xestión ante o Inega das axudas dos beneficiarios.

– Comprobar e certificar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos na convocatoria das axudas para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así como a idoneidade da documentación que se lles exixe para a percepción da subvención.

– Presentar as solicitudes das axudas dos beneficiarios e a documentación xustificativa do desenvolvemento das actuacións, tal e como se recolle na convocatoria das axudas.

– Vender ao solicitante da axuda no marco da iniciativa só os equipamentos que cumpran coas condicións establecidas na convocatoria de axudas.

– Comunicarlle ao Inega calquera variación que se produza nos datos inicialmente indicados para adherirse a este convenio, garantindo a confidencialidade dos datos fornecidos.

– Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección da persoa física no que respecta o tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos e as normas que o desenvolvan.

– Atoparse sometida ás actuacións de comprobación e control previstas na letra d) do artigo 12 da mencionada Lei 9/2007.

– Atoparse ao día no pagamento das obrigacións coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

– Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de tres anos desde a súa concesión.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 6.4.b) da convocatoria das axudas, a entidade colaboradora comprométese a:

– Coñecer o contido da convocatoria destas axudas e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

– Que ten o domicilio social ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 6.1 da resolución.

– Que consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Inega segundo o establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Que non se atopa incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Que comunicará ao Inega calquera variación que poida ocorrer nos datos recollidos nos documentos presentados.

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria en relación co NIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para a comprobación mencionada, deberá presentar copia do NIF da entidade colaboradora (non do representante legal).

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación mencionada anteriormente, deberá presentar certificación xustificativa de estar ao día nas súas obrigacións cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigacións do Inega

– Facilitar á entidade colaboradora toda a información e documentación normalizada que precise durante a tramitación da convocatoria de axudas.

– Dispoñer na páxina web do Inega (www.inega.gal) unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

– Manter informada en todo momento e comunicar á entidade colaboradora o estado de tramitación das axudas.

Sétima. Xustificación dos requisitos dos beneficiarios

A xustificación polos beneficiarios das condicións establecidas para o outorgamento das subvencións correspondentes realizarase no momento da solicitude.

A entidade colaboradora atópase obrigada a requirir aos beneficiarios a documentación establecida na convocatoria das axudas, así como a comprobala e a gardar a mencionada documentación durante un período de tres anos desde a concesión da axuda.

Oitava. Rexistro especial de operacións

A entidade colaboradora, para facilitar a xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas na convocatoria das axudas, levará un rexistro especial das operacións que se realicen dentro de cada convocatoria de axudas, que estará á disposición do Inega e demais órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia, do Estado e da Comunidade Europea.

Neste rexistro gardarase unha copia da documentación xustificativa das operacións rexistradas, así como da documentación que lle entreguen os beneficiarios.

Novena. Requisitos da entidade e dos beneficiarios

Os requisitos que debe cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do procedemento de xestión das subvencións, son os que se especifican nos artigos 6.1 e 6.4 das bases reguladoras das axudas.

Décima. Xustificación das subvencións

Os beneficiarios xustificarán as subvencións, a través da entidade colaboradora, nos prazos e na forma prevista nos artigos 20, 21 e 22 da convocatoria das axudas.

Décimo primeira. Causas de resolución

Son causas de resolución deste convenio entre o Inega e a entidade colaboradora o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas, no articulado das bases reguladoras das axudas, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso, así como a falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polas entidades colaboradoras.

Décimo segunda. Incumprimento

Se no curso das verificacións que realizará o Inega se detecta que a entidade colaboradora incumpre algunha das condicións establecidas na normativa de aplicación resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios.

Décimo terceira. Natureza administrativa

O presente convenio ten natureza administrativa e queda fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público; sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita Lei para resolver as dúbidas ou lagoas que se poidan presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo cuarta. Normativa reguladora especial

Para todo o non previsto neste convenio observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Acordo do Consello da Xunta do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares; na Lei 4/2006, de 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como no resto das normas xerais do procedemento administrativo.

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria están financiadas con fondos procedentes do Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sostible (Programa MOVES) estarán sometidas ao disposto no Real decreto 72/2019, do 15 de febreiro, polo que se regula o Programa de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES), e onde se establecen as bases reguladoras das axudas a actuacións de apoio a mobilidade baseada en criterios de eficiencia enerxética, sustentabilidade e impulso do uso de enerxías alternativas, incluída a disposición de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos.

(Sinatura)

O director do Instituto Enerxético de Galicia
Ángel Bernardo Tahoces

(Sinatura)

Pola entidade colaboradora,
Representante legal de ________

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file