Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 22 de abril de 2019 Páx. 19468

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 1 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o fomento do desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

BDNS (Identif:): 449202.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas ou organizacións destas con ámbito de actuación autonómico, legalmente constituídas e inscritas no correspondente rexistro, que desenvolvan proxectos de innovación en colaboración con organismos científicos ou técnicos recoñecidos polo Estado ou pola la Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos desta orde, considéranse empresas acuícolas as persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Finalidade

Esta orde, con código de procedemento PE205I, ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas á realización de proxectos que fomenten o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura (artigo 47 do Regulamento (UE) núm. 508/2014) e que teñan como obxectivo:

a) O desenvolvemento de coñecementos técnicos, científicos ou organizativos nas explotacións acuícolas, que reduzan o impacto no ambiente, reduzan a dependencia da fariña e o aceite de peixe, impulsen un uso sustentable dos recursos na acuicultura, melloren o benestar dos animais ou faciliten novos métodos de produción sustentable.

b) O desenvolvemento ou introdución no mercado de novas especies acuícolas, produtos novos ou substancialmente perfeccionados, procesos novos ou perfeccionados, ou sistemas de xestión e organización novos ou perfeccionados.

c) O estudo da viabilidade técnica ou económica de produtos ou procesos innovadores.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 1 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o fomento do desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria que figura no cadro que se insire, que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2019 aprobado pola Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019. Os importes máximos das subvencións que se concedan nos ditos exercicios orzamentarios ascenderán ás seguintes contías:

Aplicación orzamentaria

Ano 2019

Ano 2020

Total

15.02.723A.770.0

505.000 €

505.000 €

1.010.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2019

Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar