Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Martes, 23 de abril de 2019 Páx. 19702

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se abre a súa convocatoria para o ano 2019.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é o organismo autónomo encargado da realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación.

Dentro das funcións e dos obxectivos previstos do Instituto Galego da Vivenda e Solo está a promoción pública de vivendas de protección, así como garantir os dereitos dunha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores da poboación con menos capacidade económica.

Co fin de fomentar a mellora dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, faise necesario incentivar actuacións de reparación, rehabilitación e adaptación, mediante subvencións ás súas comunidades de propietarios/as, coas que poidan acometer as obras necesarias para a súa adecuación aos requisitos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e accesibilidade.

Neste marco, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo co establecido na normativa correspondente, aproba a presente resolución de bases e convoca as citadas axudas. A presente resolución estrutúrase en tres capítulos. O capítulo I regula as disposicións xerais que rexen a axuda; no capítulo II, baixo a rúbrica de Bases reguladoras da convocatoria, establécense as obrigas, a documentación que debe presentar, o procedemento para a selección dos participantes, a resolución e pagamento da axuda, e o capítulo III regula a convocatoria de participación para o ano 2019.

En consecuencia co anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas polo Decreto 97/2014, do 24 de xullo, como presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, a rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), correspondente ao código VI420A.

2. Así mesmo, por medio desta resolución procédese á convocatoria destas subvencións para o exercicio económico de 2019.

Segundo. Normativa aplicable

A tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG), e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (en diante, RLSG). Así mesmo, axustarase á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP), á Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP), e á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en diante, LOFAXGA).

Terceiro. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da LSG, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as comunidades beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da convocatoria, norma reguladora, relación de beneficiarios, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, e esta poderá substituírse pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do IGVS.

Quinto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

– Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa representante.

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade representante.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

– Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro respectivo, habilitado para tal efecto no formulario de solicitude (anexo I), e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. En todo caso, o IGVS poderá crear de oficio o enderezo indicado, para os efectos de asegurar o cumprimento da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétimo. Habilitación

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión desta axuda.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Oitavo. Ámbito de aplicación desta subvención

O ámbito de aplicación desta subvención está constituído polos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS que no momento de presentar a correspondente solicitude teñan máis de 10 anos de antigüidade e que non estean descualificados.

Noveno. Compatibilidade e incompatibilidade

Estas axudas serán compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto que outorgue calquera outra institución pública ou privada. De acordo co artigo 17.3 da LSG, en ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta resolución poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da actividade subvencionada.

Décimo. Beneficiarias

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean previstos no seu ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto desta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

Décimo primeiro. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta resolución que comprendan todas ou algunha das seguintes actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

2. As ditas actuacións poderán estar iniciadas no momento de solicitar esta subvención, sempre que non teñan comenzado antes do 1 de xaneiro do ano da correspondente convocatoria e non teñan executado máis dun 60 % do custo total das obras.

3. Non serán subvencionables as actuacións que teñan custos pagados con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano da correspondente convocatoria nin aquelas que teñan pagamentos efectuados por un importe superior ao 60 % do custo da obra con anterioridade á data da correspondente solicitude.

Décimo segundo. Orzamento subvencionable

1. O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das actuacións subvencionadas solicitadas, que estará integrado polo custo das obras, o custo dos honorarios facultativos, e o custo das licenzas e tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións.

2. En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da Base de datos da construción de Galicia, vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes. Para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos; subsidiariamente, requirirase a conformidade dos servizos técnicos do IGVS. O acceso á devandita base de datos pódese facer na páxina do IGVS, a través da seguinte ligazón: http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/588

Décimo terceiro. Intensidade da subvención

A intensidade da subvención, así como o importe máximo por vivenda establecerase en cada convocatoria e consistirá nunha porcentaxe do orzamento subvencionable conformado polos correspondentes servizos técnicos do IGVS.

Décimo cuarto. Criterios de valoración das solicitudes admitidas

1. Para os efectos da concesión da subvención, as solicitudes presentadas valoraranse de acordo cos criterios que a continuación se sinalan:

I. Tipo de actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade, ata un máximo de 8 puntos.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade, ata un máximo de 7 puntos.

c) Adecuación das condicións de funcionalidade, ata un máximo de 6 puntos.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade, ata un máximo de 5 puntos.

Nas actuacións a), b) e c), as obras declaradas urxentes, segundo os informes técnicos, incrementarán a súa puntuación en 2 puntos. Se as obras son relativas á actuación d) e no edificio viven persoas discapacitadas, con mobilidade reducida ou maiores de 65 anos, incrementarase a súa puntuación en 2 puntos, sempre que o solicitante acredite tal circunstancia mediante documentos ou certificados oficiais.

II. Antigüidade do edificio, segundo a data da cualificación definitiva:

– Ata 20 anos, 1 punto.

– Máis de 20 anos, 2 puntos.

2. Non se valorarán como actuacións de seguridade estrutural aqueles traballos que, como consecuencia da realización de actuacións de habitabilidade, funcionalidade ou accesibilidade, requiran de obras de adaptación estrutural.

3. No caso de empate, terase en conta o número de vivendas dos edificios, tendo prioridade a actuación que afecte máis número de vivendas; de continuar co empate, a prioridade determinarase por orde da data de presentación da solicitude no rexistro. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

Décimo quinto. Inicio do procedemento

O procedemento de concesión iníciase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

Décimo sexto. Órganos competentes

1. A instrución dos procedementos corresponderalles ás xefaturas de área do IGVS da provincia onde se atope o edificio.

2. A resolución sobre a concesión das axudas solicitadas é competencia da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. Co obxecto de realizar a selección dos beneficiarios, constituirase unha comisión de selección, presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo e da que tamén formarán parte, en condición de vogais, as persoas titulares das seguintes unidades:

– Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade, que realizará as funcións de secretaría.

– Dirección Técnica de Xestión do Patrimonio, Fianzas e Inspección.

– Servizo de Calidade.

– Servizo da Oficina Técnica.

– Xefaturas territoriais.

4. O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na LRXSP.

Décimo sétimo. Solicitude e documentación que se debe presentar

1. A solicitude de axuda (anexo I), debidamente cuberta e asinada, deberá presentarse coa seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo/a secretario/a da comunidade en que consten os acordos adoptados pola xunta de persoas propietarias de solicitar a axuda, de executar as actuacións solicitadas e do nomeamento da persoa autorizada pola comunidade para a tramitación da subvención, no caso de non ser a persoa que exerza a presidencia da comunidade.

b) Memoria descritiva das obras que se pretenden executar, desagregadas por tipo de actuacións, de acordo co ordinal décimo primeiro. No caso de actuacións de adecuación estrutural, deberase xustificar nesta memoria a necesidade das reparacións solicitadas, así como presentar unha proposta da solución técnica que se pretende executar, asinada por facultativo/a competente.

c) Orzamento estimado das obras, desagregado por cada actuación, así como dos demais gastos que se consideren necesarios para as actuacións e sexan subvencionables.

d) Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

e) Calquera outro documento que a comunidade solicitante considere necesario como complemento da documentación anterior.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos necesarios, requirirase a comunidade solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido, logo da resolución ditada para o efecto.

Décimo oitavo. Forma de presentación da solicitude e da documentación complementaria

1. A solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A documentación complementaria deberá presentarse tamén de forma electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. Se a solicitude e/ou a documentación complementaria se realiza de forma presencial, requirirase a comunidade interesada para que a presente de forma electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que foi atendido o requirimento, de conformidade co artigo 68.4 da LPACAP.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que os documentos que se presenten superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberán seguirse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/axuda/como-podo

6. As comunidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

Décimo noveno. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes virá establecido na convocatoria correspondente.

Vixésimo. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser presentados de xeito electrónico, accedendo á carpeta cidadán da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Vixésimo primeiro. Preavaliación das solicitudes

1. Coa recepción de cada solicitude, a unidade de xestión patrimonial da correspondente área provincial comprobará se o edificio se atopa no ámbito de aplicación desta resolución. Para estes efectos, emitirá un informe, en que constará expresamente se concorre a dita condición e, no caso de cumprimento, deberá indicar a identificación do edificio, así como o número de vivendas e a data de cualificación definitiva deste.

2. Posteriormente, o servizo técnico da área correspondente elaborará un informe para cada unha das solicitudes que estean no ámbito de aplicación desta resolución. No devandito informe definirase a tipoloxía das actuacións e a súa consideración como subvencionables, de acordo co ordinal décimo primeiro, a súa viabilidade, o prazo estimado da execución e o orzamento subvencionable, conforme coas actuacións procedentes. Así mesmo, este informe establecerá unha preavaliación das actuacións subvencionables, obtida en aplicación do baremo establecido no ordinal décimo cuarto desta resolución. No caso de que unha mesma comunidade solicite axudas para diferentes actuación, estas deberán preavaliarse separadamente.

3. En calquera momento, a correspondente xefatura de área do Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá requirir ás comunidades solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que se considere de relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes.

Vixésimo segundo. Selección das beneficiarias

1. A comisión de selección, á vista dos informes das unidades de xestión patrimonial e dos servizos técnicos, ordenará as solicitudes de maior a menor, en función da súa preavaliación. O secretario da comisión levantará unha acta na cal se indicará o total das solicitudes presentadas, as solicitudes non admitidas e a causa, así como a lista das solicitudes seleccionadas, segundo as puntuacións obtidas e a dispoñibilidade de crédito orzamentario.

2. As persoas titulares de cada xefatura de área, á vista da acta da comisión, requirirán ás comunidades beneficiarias seleccionadas para que no prazo de dous meses, contados desde a recepción da correspondente notificación, acheguen a seguinte documentación:

a) Licenza ou, no caso de non tela, solicitude desta, xunto co proxecto de execución das obras, redactado por técnico/a competente. No caso que pola natureza ou características das obras non sexa preciso proxecto nin licenza, deberanse presentar a comunicación previa e a memoria técnica presentada ao concello.

b) Orzamento das obras aprobadas, emitido pola empresa construtora encargada da execución.

De acordo co artigo 29.3 da LSG, cando o importe do gasto subvencionado supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público vixente para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar e presentar tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra ou servizo.

c) Declaración responsable da persoa que desempeña a presidencia da comunidade, respecto de se se solicitou ou non ao IGVS a derrama correspondente para a realización destas obras. En caso afirmativo, deberá achegar a copia do correspondente acordo da comunidade e indicar a data da súa solicitude.

3. De non presentarse a documentación requirida no prazo indicado, considerarase que a comunidade solicitante desiste da súa solicitude, e ditarase a correspondente resolución.

4. Os servizos técnicos do IGVS, unha vez analizada a documentación achegada, emitirán un informe indicando se as actuacións son subvencionables, o importe real da subvención con base nos orzamentos presentados, o prazo máximo para a finalización das obras e a anualidade correspondente para a xustificación de pagamento da axuda.

Vixésimo terceiro. Propostas de resolución

As persoas titulares das xefaturas de área, á vista dos acordos da comisión de selección, proporán as resolucións de concesión, indicando, no caso de que sexa estimatoria, o orzamento subvencionable, o importe da subvención, o prazo máximo para a finalización das obras, a súa xustificación e a solicitude de pagamento.

Vixésimo cuarto. Resolucións

1. A persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo resolverá de maneira motivada sobre a concesión das subvencións.

2. As resolucións de outorgamento da subvención comprenderán o orzamento subvencionable, o importe da subvención, o prazo máximo para a finalización das obras, a súa xustificación e a solicitude de pagamento.

3. As actuacións consideradas non susceptibles de ser subvencionadas por falta de crédito quedarán en reserva, por se puidesen ser atendidas, ben co crédito que quede libre, de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas que se poida producir, de conformidade co establecido no artigo 31.2 a) e b) da LSG.

Vixésimo quinto. Prazo da resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución, a axuda deberá entenderse desestimada.

Vixésimo sexto. Recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

2. O citado recurso poderase interpoñer no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Vixésimo sétimo. Obrigas das comunidades beneficiarias

1. As comunidades beneficiarias deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar as obras e acreditar a súa execución, de conformidade co disposto na resolución de concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se deberá achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Comunicar inmediatamente ao IGVS cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais en relación coas actuacións que solicita.

e) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da LSG.

2. As obras executaranse logo da comunicación previa ou licenza municipal, segundo o caso, e deberán suxeitarse estritamente á memoria ou ao proxecto de execución redactado, así como ás instrucións do facultativo/a director/a das obras contratado para o efecto, se for procedente.

3. Se no edificio hai vivendas titularidade do IGVS e é preciso atender derramas relacionadas coas actuacións para as cales se pediu a subvención, só poderá solicitar ao citado organismo a contía correspondente ao importe non subvencionado destas. De ser o caso que a comunidade xa recibise do IGVS a contía correspondente da derrama da totalidade do importe das actuacións, deberá devolverlle, antes do pagamento, a cantidade correspondente cuberta pola subvención.

Vixésimo oitavo. Inicio das obras

1. Se as obras non están iniciadas no momento de solicitar a subvención, o prazo máximo para inicialas será de tres meses, no caso de comunicación previa, e de seis meses, no caso de precisar licenza municipal. Estes prazos computaranse desde a notificación de resolución de concesión.

2. As comunidades que teñan iniciadas as obras no momento de presentar a solicitude deberán facer constar tal circunstancia no anexo I.

Vixésimo noveno. Prazo da finalización das actuacións

1. O prazo máximo para rematar as actuacións será o que se indique na correspondente resolución de concesión e en ningún caso poderá ser posterior á anualidade final prevista na convocatoria correspondente.

2. As comunidades beneficiarias non poderán solicitar prórrogas respecto á anualidade de finalización aprobada na resolución de concesión e perderán o seu dereito no caso de non ter finalizadas as actuacións e xustificado o seu pagamento no prazo correspondente.

3. De xeito excepcional, por causas xustificadas e antes do remate do prazo de finalización, poderanse solicitar prórrogas por un prazo non superior á metade do inicial. A súa concesión realizarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, logo do informe favorable do servizo técnico correspondente e do servizo de orzamentos.

Trixésimo. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia ao IGVS, de acordo co establecido no artigo 94 da LPACAP.

Trixésimo primeiro. Pagamento da subvención

1. Unha vez finalizadas as obras dentro da anualidade indicada na súa resolución de concesión, a comunidade de propietarios/as beneficiaria poderá solicitar o pagamento da subvención mediante a presentación do modelo de solicitude de pagamento (anexo II), debidamente cuberto e asinado, xunto coa seguinte documentación:

– Certificado final da dirección de obra, se procede.

– Certificado das instalacións tramitado ante o organismo correspondente, cando proceda.

– Fotografías que mostren as obras executadas.

– Factura/as de todos os gastos subvencionables.

– Licenza e xustificación das taxas e tributos satisfeitos.

– Xustificantes de pagamento dos gastos subvencionables, de acordo co artigo 42.2 do RLSG.

No caso de que a comunidade de propietarios/as cedese o dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/as para realizar as obras obxecto desta axuda, estarán exentos da presentación os xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos. Considéranse xustificantes de pagamento os certificados ou anotacións na conta das transferencias bancarias realizadas coa identificación do importe, da persoa que a ordena e da persoa receptora.

2. A persoa titular da xefatura de área remitirá a proposta de pagamento ao órgano competente pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, á vista do informe técnico e da documentación achegada. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria, logo da resolución de pagamento da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Trixésimo segundo. Cesión do dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/as

1. As comunidades de propietarios/as poderán ceder o dereito do cobramento da súa subvención ao/aos contratista/as das obras obxecto desta axuda. Neste caso, deberán presentar, xunto coa solicitude de pagamento e a documentación prevista no ordinal anterior, o anexo III, debidamente cuberto.

2. A cesión do dereito de cobramento non afectará as facultades do IGVS, respecto da comunidade, sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, se e o caso, do reintegro da subvención.

Trixésimo terceiro. Reintegro da subvención e sancións

O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención ou a concorrencia de calquera das causas de reintegro determinadas polo artigo 33 da LSG suporá, ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga do reintegro por parte da comunidade beneficiaria dos recursos achegados, incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da mesma lei.

Trixésimo cuarto. Información e tratamento dos datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, IGVS, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

4. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Trixésimo quinto. Información ás persoas interesadas

En relación con este procedemento administrativo, poderase obter documentación e información adicional a través dos seguintes medios:

a) Electrónicos, na páxina web da xunta: https://sede.xunta.gal ou na páxina web oficial do IGVS: www.igvs.gal

b) Presenciais, nas áreas provinciais correspondentes e nos servizos centrais do IGVS.

CAPÍTULO III

Convotaria para o exercicio 2019

Trixésimo sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación da solicitude será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e no mes de vencemento. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Trixésimo sétimo. Aplicación orzamentaria e contía

1. O importe máximo das subvencións reguladas nesta resolución instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 2019 07 83 451A 781.0 dos orzamentos do IGVS. A contía será de 1.000.000 euros, repartidos en 100.000 euros na anualidade 2019 e 900.000 euros na anualidade 2020.

2. Excepcionalmente, a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas por concorrer algunha das causas establecidas no artigo 31.2 da LSG e no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Trixésimo oitavo. Intensidade da axuda desta convocatoria

A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe igual ao correspondente ao 60 % do orzamento subvencionable, ata un máximo de 5.000 euros por vivenda.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file