Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Martes, 23 de abril de 2019 Páx. 19624

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de abril de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria.

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano, orientadas a unha real superación da pobreza e das desigualdades, precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e da equidade, en prol da configuración dunha cidadanía global. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos estatais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) para 2030, aprobados pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas o 25 de setembro de 2015, seguindo criterios de eficacia e calidade da axuda. Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade, así como a conformación dunha cidadanía global fomentando a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos, as causas da pobreza, potenciando valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia, xustiza e igualdade, para a construción dunha cidadanía global, crítica, activa ante as inxustizas e participativa para a construción dun mundo mellor.

Tendo isto en consideración, deben aprobarse as bases reguladoras do ano 2019 para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executen as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento de Galicia.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, de acordo con estas bases reguladoras, que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2019 e 2020, de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, por un importe total de 500.000 euros (200.000 euros no ano 2019 e 300.000 euros no ano 2020), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.481.0.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 4.5 da Orde do 29 de decembro de 2017, sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

Axudas a ONGD para proxectos de educación
para o desenvolvemento e a cidadanía global.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (código de procedemento administrativo PR804A):

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerarán agrupacións de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a dita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

Artigo 3. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e os proxectos.

Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran algún dos requisitos seguintes:

3.1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria.

b) Xustificar, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas para as anualidades 2016 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia, a outros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, se ditase resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.2. Requisitos dos proxectos:

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2019; será necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2019. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, deberá executarse antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España, Europa e países prioritarios) sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para achegar ás intervencións información e perspectiva dos países do sur e/ou a participación en redes.

c) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8 «gastos do proxecto» desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e á imputación adecuada dos gastos.

d) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia non pode ser o 100 % valorizado, ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.

e) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico coma o económico) adaptados á presente convocatoria.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE (rúa do Hórreo, 61, 2º andar, 15701 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. Estas deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes, efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

5.1. A solicitude de subvención presentarase electrónicamente segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras e conforme o que establece o artigo anterior.

5.2. As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades.

Os proxectos presentados por unha agrupación de entidades contan como un proxecto presentado por cada unha das entidades agrupadas.

5.3. A citada solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a continuación e do proxecto, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto. A documentación das carpetas 1 e 2 presentarase obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Carpeta 1. Información relativa á entidade solicitante que, en caso de agrupación de entidades, se deberá achegar de cada unha das agrupadas.

a) Anexo II: declaración responsable da persoa que exerza a representación legal da entidade en que se precisen outras axudas solicitadas e/ou concedidas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, asinado dixitalmente pola persoa representante legal da entidade.

b) Memoria da organización en Galicia en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención aos proxectos de educación para o desenvolvemento realizados, así como aos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.

c) Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación, ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos (dous como mínimo) en que se enmarca o proxecto presentado ou, de ser o caso, o Plan continuo de mellora da entidade.

d) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades no caso das agrupacións de entidades.

e) No caso de agrupación de entidades deberán xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que exerzan a representación legal das entidades, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade, ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas, designarán unha persoa que exerza a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e das achegas propias que executará cada unha delas en cada anualidade. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dende a finalización da execución do proxecto. No caso das universidades, o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado polo seu representante legal.

f) No caso de agrupación de entidades en que participen as universidades, estas incluirán certificación, expedida pola persoa que exerza a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, a que autoricen a participación no proxecto e, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.

g) No caso de agrupación de entidades en que participen os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro, achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o artigo 23.b) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. O devandito documento estará asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade.

Carpeta 2. Información sobre o proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.

A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/:

a) Formulario de presentación do proxecto.

b) Orzamento do proxecto.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal.

5.4. A falta de documentación e/o información nalgunha das carpetas 1 e 2 impedirá a avaliación do proxecto se non se y emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 da presente orde. So quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos que impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é, aqueles previstos nas alíneas b), c), d) da carpeta 1.

5.5. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5.6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5.7. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5.8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas.

– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Concesión de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Condicións de financiamento

7.1. Con cargo a esta convocatoria, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto. En en ningún caso poderá superar a subvención concedida os 35.000 €. Para proxectos que se executen só durante o ano 2019 a subvención máxima concedida será de 25.000 €.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 45.000 €. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2019 a subvención máxima concedida será de 35.000 €.

7.2. A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no ano 2019 e o 60 % no 2020.

7.3. A contía mínima que a entidade solicitante deberá achegar a través de fondos propios ou outros nunca poderá comprender financiamento solicitado ou concedido pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, a través de calquera dos medios previstos no III Plan director da cooperación galega. Aceptarase financiamento solicitado ou concedido por outros organismos financiadores que sexan distintos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, sempre que en ningún caso a totalidade do proxecto quede financiado con fondos da Xunta de Galicia.

As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizadas.

7.4. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 8. Gastos do proxecto

8.1. Gastos subvencionables:

a) Aqueles derivados da identificación da intervención, ata un máximo de 2.000 € por proxecto, sempre que se realizaran no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude a esta convocatoria.

Así mesmo, aqueles gastos derivados do establecemento de liñas de base ata un máximo de 3.000 €, sempre que se realicen no prazo dos seis primeiros meses de execución do proxecto, e que serán obrigatorias para os proxectos que nacen con vocación de continuidade e se planifican como primeiras fases doutros posteriores.

Para que poidan imputarse á subvención solicitada, tanto a identificación como a liña de base do proxecto deberán contar coa participación de persoal externo ás organizacións beneficiarias que non poderá ser de carácter interno exclusivamente; neste caso, deberán ser financiados coas achegas doutros financiadores.

b) Gastos de alugamento de locais para realizar as actividades incluídas dentro do proxecto (non inclúe aqueles correspondentes á sede da propia organización con cargo á subvención da Xunta de Galicia).

c) Axudas de custo, gastos de desprazamento e seguros de viaxe do profesorado, do persoal adscrito ao proxecto (remunerado e voluntario) e do colectivo destinatario ou participante do proxecto e, cando resulte imprescindible, as remuneracións de profesionais vinculados ás actividades do proxecto: profesorado, conferenciantes, monitores/as, investigadores/as, etc.

O importe máximo que se imputará á subvención solicitada á Xunta de Galicia será de 0,19 € por km, de 35,00 € por axuda de custo completa por manutención e de 18,00 € para media axuda de custo. No caso de que a organización teña recoñecidos importes superiores, a diferenza deberá ser asumida pola propia organización.

d) Asistencia a seminarios, xornadas e/ou obradoiros de formación técnica do persoal, socios/as, voluntariado, xunta directiva da entidade en Galicia, organizados por terceiros. Inclúense matrículas, gastos de viaxe e axudas de custo das persoas asistentes.

e) Gastos propios da actividade de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, incluídos a elaboración e o traslado de material vinculado á actividade, así como os gastos de publicidade, e de calquera outro servizo de diagnóstico, sistematización, edición de vídeos ou outros necesarios para a súa realización (non se inclúen os de adquisición de bens inventariables).

f) Gastos de persoal ao servizo do proxecto, debidamente motivados. Queda excluído o persoal da entidade non vinculado á actividade de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global. O persoal vinculado ao proxecto en cuestión debe ter o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. Nestes gastos inclúese salario e Seguridade Social. No caso de imputar como gasto as pagas extras, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto.

A contía máxima (inclúe o financiamento solicitado á Xunta e máis o doutros financiadores e os valorizados) que se pode imputar a este concepto non superará o 70 % do orzamento total do proxecto, incluído o persoal imputado na partida de custos indirectos.

g) Gastos vinculados ao deseño e elaboración por profesionais externos de plans vinculados coa educación para o desenvolvemento nas súas dimensións de sensibilización, formación, investigación para o desenvolvemento e mobilización social, como de plans de comunicación para o desenvolvemento, entre outros.

h) Comisións bancarias producidas na conta do proxecto, derivadas da realización de transferencias como pagamento dos gastos do proxecto.

i) Gastos derivados da avaliación externa da intervención, ata un máximo de 3.000 €. A avaliación externa será obrigatoria no caso dos proxectos que reciban unha subvención igual ou superior a 20.000 euros, e naqueles que se desenvolven por fases, a partir da súa segunda fase.

A avaliación externa poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto, aínda que sempre antes do 15 de decembro do ano en que remate a execución deste.

j) Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante relacionados co proxecto e asociados á administración, xestión e/ou supervisión, que non poderán exceder do 10 % do orzamento total do proxecto. Non serán subvencionables no caso de que a entidade sexa unha empresa ou entidade con fin de lucro. O persoal imputado nesta partida computará para o cálculo do límite establecido para gastos de persoal do 70 % do orzamento total.

Estes gastos imputaraos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade

Os gastos correspondentes a teléfono e internet consideraranse incluídos nesta epígrafe.

k) En ningún caso se subvencionarán gastos de capital, como adquisición de equipamentos ou materiais non funxibles, nin gastos en atencións protocolarias (agasallos, xantares, festas, recepcións,...), nin gastos derivados de procedementos xudiciais, nin as indemnizacións por despedimento do persoal.

l) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 15.000 € no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

8.2. A entidade solicitante e outros financiadores (exceptuada a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE) aceptarán achegas en especie ou valorizacións nos seguintes conceptos:

a) Aqueles derivados da realización da identificación, liña de base do proxecto, sempre que se respecten os prazos e importes establecidos para a súa realización no artigo 8.1, letra a), das presentes bases.

b) Locais para a realización de actividades xustificadas dentro do proxecto (poderanse incluír aqueles correspondentes á propia sede da organización, na proporción que razoablemente corresponda ao desenvolvemento da actividade).

c) Materiais funxibles: poderán valorizarse aqueles directamente adscritos á consecución dos resultados esperados (material funxible que sexa destinado ao exercicio da actividade). Deberase presentar a valorización do achegado, acreditada de forma suficiente a través de facturas, xustificantes de compra ou valorización externa á da entidade solicitante. A valorización do material non poderá exceder o 2 % do orzamento do proxecto.

Os elementos valorizados poderán ter sido adquiridos por motivos diferentes ao proxecto, polo que as facturas e xustificantes de compra poderán ser anteriores a este. Nestes casos deberase establecer un sistema de depreciación (exclúense materiais inventariables, non subvencionables nesta convocatoria).

d) Poderá valorizarse tamén a elaboración de diagnósticos e sistematizacións. A valorización de traballos de diagnóstico e sistematización incorporarase na partida de gastos propios da actividade, tendo en conta o custo do servizo total e non as horas de traballo do persoal voluntario encargado.

e) Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan e o custo suposto, que non deberá exceder dos 20 € por hora. Todo traballo voluntario se realizará baixo a forma de contrato privado, no que se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/a voluntario/a no proxecto. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria. A valorización do traballo das persoas voluntarias da organización imputarase na partida de persoal.

Artigo 9. Criterios de valoración dos proxectos

Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

9.1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 25 puntos.

1. Experiencia, traxectoria e capacidade de difusión e impacto da entidade en accións de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global en Galicia, suficientemente descrita nas carpetas 1 e 2, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución e seguimento do proxecto por parte da entidade (xestión, recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a entidade) para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 5 puntos.

3. Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e/ou de mellora da entidade en Galicia para os vindeiros anos (dous, como mínimo) axeitadamente deseñada, en que se insire o proxecto proposto e que inclúa a complementariedade coas prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 4 puntos.

4. Achega financeira da entidade solicitante ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo do 5 % do custo total do proxecto para ser puntuada e non se valorarán as achegas en especie ou valorizadas. Máximo: 2 puntos.

5. Contribución da entidade solicitante e establecemento de accións específicas para o fomento do sector galego de cooperación (valorarase a base social, o traballo e a presenza en Galicia, a participación activa en redes galegas e o acomodo a liñas estratéxicas da cooperación das axencias doadoras). Máximo: 4 puntos.

6. Proposta presentada en agrupación de entidades. Terase en conta o valor engadido da agrupación ao proxecto, así como a repartición coherente e xustificada da participación de cada unha das entidades agrupadas. Máximo: 3 puntos.

7. Outros méritos que a entidade solicitante queira alegar relacionados coa súa integración en proxectos, campañas ou movementos globais, a súa experiencia de traballo en rede, a súa coordinación con outras institucións, entidades, organizacións da sociedade civil e colectivos sociais a nivel local dos territorios nos que traballa. Máximo: 2 puntos.

9.2. Aspectos relacionados co proxecto: ata 75 puntos.

1. Pertinencia do proxecto, con especial atención ao contexto social, económico, político e cultural, en función do lugar/es de realización, do público obxectivo participante e dos resultados que se pretende conseguir. Valorarase especificamente a existencia dun proceso de identificación, ou diagnóstico participativo, e tamén dun proceso de avaliación anterior. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados formulados no proxecto, así como a calidade do deseño dos indicadores e das fontes de verificación para o seu seguimento e medición. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal, tendo en conta o/s colectivo/s a que vai dirixido e os resultados, produtos que se queren obter. Máximo: 3 puntos.

4. Contido da acción, enfoque pedagóxico e metodolóxico, segundo os criterios seguintes. Máximo: 25 puntos.

a) Proxectos que fomenten a xeración dunha cidadanía activa, concienciada e crítica que participa para a transformación social positiva a nivel local e global, a través do emprego de metodoloxías transformadoras desde a perspectiva da ética e a gobernanza global, asociadas a procesos de cambio persoal, que permitan a construción de identidades cosmopolitas que recoñezan a interdependencia e a común pertenza á humanidade. Máximo: 3 puntos.

b) Accións educativas de formación e reflexión crítica que desenvolvan ferramentas prácticas, capacidades cognitivas e concienciadoras, e aprendizaxes significativas que permitan entender o modelo cultural en que vivimos e imaxinar outros alternativos máis xustos para construír colectivamente. Máximo: 3 puntos.

c) Iniciativas con posibilidades de xerar efectos multiplicadores por incorporar a diversidade e riqueza dos distintos espazos educativos existentes (formais, non formais e informais) e/ ou por traballar con colectivos cunha alta capacidade de multiplicación e réplica como profesorado, futuros/as docentes, educadores/as de tempo libre e animación sociocultural, profesionais de medios de comunicación, colectivos feministas e/ou de mulleres, así como calquera colectivo que traballe a prol das prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 2 puntos.

d) Proxectos que acheguen outras realidades, fomenten a empatía intercultural, o respecto á diversidade cultural ou o intercambio de experiencias e capacidades como medio para o aumento do compromiso persoal e institucional coa transformación social e o desenvolvemento sustentable. Máximo 3: puntos.

e) Actuacións que versen sobre a loita contra as causas da pobreza, as desigualdades e a exclusión social, así como as posibilidades reais de superación destas a partir do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e dos sectores máis vulnerables da poboación. Máximo: 2 puntos.

f) Accións destinadas á difusión dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) e á difusión, promoción e defensa dos dereitos humanos. Máximo: 3 puntos.

g) Accións que promovan a equidade de xénero, a sustentabilidade ambiental, o respecto á diversidade cultural e a cultura de paz. Máximo: 2 puntos.

h) Accións que promovan o comercio xusto, o consumo responsable, a economía solidaria. Máximo: 2 puntos.

i) Accións que inclúan a educación en valores desde unha perspectiva socioafectiva e dos coidados, tendo en conta o importante papel das emocións como enerxías xeradoras de cambio, que proporcionen ferramentas na resolución de conflitos e na xestión das emocións. Máximo: 2 puntos.

k) Intervencións integradas en estratexias ou proxectos dos axentes con marcos de planificación a medio prazo ou que dean continuidade a intervencións previas, superando o carácter puntual e illado das actuacións; cómpre unha descrición precisa do proceso máis amplo que se está apoiando coa iniciativa. Máximo: 3 puntos.

5. Incidencia e impacto previsto das actividades: descrición precisa, cuantificación e desagregación, por sexo e idade, das persoas participantes, da súa participación no proxecto e da súa pertenza aos colectivos con posibilidade de multiplicación e réplica e/ou a colectivos tradicionalmente esquecidos neste tipo de intervencións (ANPAS, alumnado de formación profesional e/ou de adultos, colexios profesionais, colectivos sociais,…). Valorarase o establecemento de mecanismos de réplicas. Máximo: 5 puntos.

6. Ámbito de incidencia e/ou execución en concellos de menos de 50.000 habitantes e/ou concellos de zonas de montaña ou situados en zonas desfavorecidas (de acordo co establecido no Regulamento (CE) 1257/1999 do Consello, sobre a axuda ao desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e de Garantía Agrícola). Máximo: 3 puntos.

7. Financiamento: coherencia dos gastos orzamentados cos obxectivos do proxecto. División dos custos por actividade. Máximo: 5 puntos.

8. Recursos humanos (asalariado e voluntario) e técnicos adecuados ás necesidades de execución e seguimento dos obxectivos do proxecto e persoal específico con formación en xénero, en dereitos humanos, en educación para o desenvolvemento e noutras prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 3 puntos.

9. No caso de contratación de servizos externos valorarase a definición e concreción dos criterios que se empregarán para a súa selección, así como a achega de propostas de servizo concretas. Máximo: 2 puntos.

10. Establecemento dunha liña de base que permita coñecer o punto de partida inicial e os avances producidos co proxecto, así como o contexto en que se vai desenvolver a acción. Máximo: 3 puntos.

11. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 3 puntos.

12. Grao e tipo de impacto esperado coa intervención e ferramentas establecidas para medilo. Máximo: 3 puntos.

13. Integración no proxecto do traballo en rede e a complementariedade con outros axentes e actores, para unha actuación coordinada e complementaria en educación para o desenvolvemento ou para coordinar e compartir estratexias de fortalecemento. Terase en especial consideración o traballo coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para aqueles proxectos que se desenvolvan no ámbito da educación formal, así como para aqueles que xeren vínculos coa comunidade universitaria. Máximo: 3 puntos.

14. Orixinalidade, innovación e valor engadido da intervención. Máximo: 3 puntos.

15. Accións que inclúan a difusión de proxectos en execución ou executados con axudas da Xunta de Galicia, ou a realización de investigacións e sistematizacións aplicadas a eles. Máximo: 4 puntos.

Artigo 10. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou achegaren os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fan, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos nos artigos 21, 22 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electronica da Xunta de Galicia, a través da epígrafe denominada «a miña sede».

Artigo 13. Valoración das solicitudes

13.1. Para a valoración dos proxectos constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no título preliminar, capítulo II, sección 3º, artigos 25 e seguintes, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público. A comisión estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Estes informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.

13. 2. Para superar a fase de valoración será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % (12,50 puntos) nos criterios establecidos no número 9.1 da presente orde e do 50 % (37,50 puntos) naqueles establecidos no número 9.2.

No caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

A maior puntuación obtida na valoración do proxecto.

A maior puntuación obtida na valoración da entidade solicitante.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles proxectos que sexa posible dentro da contía total asignada a esta convocatoria.

13.3. No suposto de que non se esgoten os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no Plan director da cooperación galega e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e nas leis anuais de orzamentos.

Artigo 14. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de tres meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes consideraranse desestimadas.

Artigo 15. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente, por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resolverá o procedente.

Artigo 16. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 17. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de dez días, e por vía electrónica, declaración da súa aceptación en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente, deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto, o órgano competente, por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 18. Anticipos

18.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100% da anualidade de que se trate e sen necesidade de exixir garantía, sendo obrigatorio presentar un informe de seguimento cando remate a primeira anualidade, ademais do informe final.

18.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Anexo III: solicitude do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada dixitalmente pola persoa representante legal da entidade en Galicia.

b) Anexo II: declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidades, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, asinada dixitalmente pola persoa representante legal da entidade.

18.3. No caso de proxectos plurianuais, para o pagamento da subvención concedida na segunda anualidade e unha vez xustificada a primeira de acordo coas previsións do artigo 19.4 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Anexo III: solicitude do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinada dixitalmente pola persoa representante legal da entidade.

b) Anexo II: declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidades, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, asinada dixitalmente pola persoa representante legal da entidade.

Artigo 19. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

19.1. Con base no que establece o artigo 29.3 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos puntos seguintes.

19.2. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A primeira anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, e a segunda anualidade no prazo máximo de tres meses desde a finalización do período para a realización da totalidade das actividades, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co que establece o artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

19.3. Para a presentación dos informes de seguimento e final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web https://cooperacion.xunta.gal/.

19.4. Para a xustificación da primeira anualidade a entidade beneficiaria deberá presentar o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo IV, xunto cos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que exerza a representación legal da entidade solicitante, acreditativa da execución do proxecto de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente pola persoa representante legal da entidade.

b) Informe de seguimento sobre o estado de execución do proxecto, que deberá estar asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

c) Certificación dos gastos do proxecto na primeira anualidade, por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que ostente a representación legal da entidade beneficiaria.

d) Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

e) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en euros.

f) Anexo II: declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidades, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, asinada dixitalmente pola persoa representante legal da entidade.

g) Para os proxectos cuxa subvención sexa igual ou superior a 30.000 €, deberán presentar os xustificantes dos gastos correspondentes a esta anualidade, facturas ou documentos de valor probatorio no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, e incorporados na relación de gastos a que se fai referencia anteriormente e a documentación acreditativa do seu pagamento.

19.5. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo V e que constará de dúas partes:

1ª parte. Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que exerza a representación legal da entidade solicitante acreditativa da total execución do proxecto, de conformidade co previsto, e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.

– Informe final de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

– Avaliación externa obrigatoria para os proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que recibisen unha subvención superior a 20.000 euros, así como outras non obrigatorias que se recollan no documento de formulación que se achega coa solicitude de subvención.

2ª parte. Xustificación económica, que comprenderá toda a documentación que acredite a totalidade dos gastos efectuados para a execución do proxecto subvencionado.

Para proxectos cuxo importe de subvención sexa inferior a 30.000 €, farase mediante a forma de xustificación simplificada, e para proxectos cuxo importe de subvención sexa igual ou superior a 30.000 €, mediante conta xustificativa con entrega de xustificantes. Estas contas incluirán:

– Certificación dos gastos co importe total do proxecto distribuídos por partidas orzamentarias e na cal se indique as distintas fontes de financiamento, asinado dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.

– Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.

– Anexo II: declaración responsable do/a representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidades, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, asinada dixitalmente pola persoa representante legal da entidade.

– Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en euros.

– Para os proxectos cuxa subvención sexa inferior a 30.000 €, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, requirirá ás entidades beneficiarias a achega dos orixinais dos xustificantes que coide oportunos, que suporán polo menos o 25 % da cantidade subvencionada.

– Para os proxectos cuxa subvención sexa igual o superior a 30.000 €, deberán presentar os xustificantes dos gastos correspondentes á segunda anualidade, facturas ou documentos de valor probatorio no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación de gastos da anualidade correspondente e a documentación acreditativa do seu pagamento.

19.6. No caso de proxectos executados por unha agrupación de entidades na cal participen as universidades e conforme o establecido no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación económica da parte executada directamente pola universidade consistirá nunha certificación de gastos asinada dixitalmente pola Intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

19.7. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto e de pagamento durante un período de 4 anos desde a presentación da xustificación final do proxecto. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, en orixinal ou copia compulsada. No orixinal da factura ou do documento xustificativo do gasto é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada e no número de expediente, así como a referencia «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia», con indicación ademais, do tanto por cento de financiamento que se imputa a cada unha das entidades financeiras do proxecto. No suposto de documentos de gasto en que resulte imposible a impresión de tal selo-dilixencia como consecuencia do seu tamaño, achegarase unha relación deles en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Os pagamentos acreditaranse coa presentación do comprobante bancario de acordo co previsto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia y, con carácter excepcional, pagamentos en efectivo por importes inferiores a 1.000 €, conforme establece o artigo 42.3 do dito Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para gastos superiores a 1.000 € non poderán aceptarse pagamentos en efectivo.

As datas das facturas, medios de pagamento e demais documentos xustificativos da realización do proxecto deberán estar comprendidas no período de execución, é dicir, entre a data de inicio e a de remate do prazo de execución dos proxectos, coa excepción dos gastos de identificación, que poderán realizarse no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude a esta convocatoria, e os gastos da avaliación externa, que poderán realizarse fóra do prazo de execución do proxecto, aínda que sempre antes do 15 de decembro do ano en que remate a súa execución.

No caso de non xustificar a totalidade do proxecto, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria, consonte o establecido no artigo 23 destas bases.

Artigo 20. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

20.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos, considéranse vinculantes o orzamento e a documentación presentados no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, de ser o caso, da reformulación, de terse efectuado.

As entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a xustificar a totalidade dos gastos do proxecto, non só a parte correspondente á axuda recibida.

20.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

20.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

20.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/.

20.5. Os documentos o material divulgativo publicados, tanto en papel como en soporte audiovisual e/ou electrónico, que sexan resultado de actuacións financiadas pola Xunta de Galicia, ademais de conter o logotipo e o nome da Xunta de Galicia como financiador, deberán incluír o seguinte parágrafo, traducido ás linguas en que se publiquen os documentos ou materiais divulgativos: «Esta publicación realizouse co apoio financeiro da Xunta de Galicia. O contido desta publicación é responsabilidade exclusiva de <NOME ENTIDADE> e non reflicte necesariamente a opinión da Xunta de Galicia».

20.6. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e a avaliación dos proxectos rexeranse polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e pola propia Unión Europea.

20.7. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 21. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, persoas beneficiarias, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas mediante escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172 de titularidade «Xunta de Galicia» aberta na entidade Abanca, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que consten a data do ingreso, o seu importe, o motivo da devolución e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Reintegro por incumprimento

23.1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

23.2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe que haberá que reintegrar por posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) O incumprimento total das obrigas e os fins para os cales se outorgou a subvención e o incumprimento total das obrigas de xustificación dará lugar ao reintegro da totalidade da cantidade concedida.

b) A cantidade que se vaia reintegrar no caso de incumprimento parcial na execución das accións ou gastos e no caso de incumprimento parcial na xustificación será determinada, de acordo co criterio de proporcionalidade, polo volume e grao de incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención.

c) No caso de demora na presentación da documentación xustificativa da subvención e sempre que o cumprimento pola entidade beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e sexa acreditado por estes unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, solicitarase a devolución do 10 % da subvención concedida.

Artigo 24. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, polo Tribunal de Contas español e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a consellería responsable da iniciativa publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias, finalidade e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 26. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de que o acto fose expreso. Se este non o for (acto presunto), o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñelo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 27. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtido neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza–, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia coa finalidade de garantir unha maior transparencia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file