Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Martes, 23 de abril de 2019 Páx. 19662

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 2 de abril de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria.

BDNS (identif.): 449694.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerarán agrupacións de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvoltos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (procedemento PR 804A):

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 2 de abril de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destinase un crédito por un importe total de 500.000 euros (200.000 euros no ano 2019 e 300.000 euros no ano 2020), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.481.0.

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto. A subvención concedida non superará en ningún caso os 35.000 €. Para proxectos que se executen só durante o ano 2019 a subvención máxima concedida será de 25.000 €.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 45.000 €. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2019 a subvención máxima concedida será de 35.000 €.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no ano 2019 e o 60 % no 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2019

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza