Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Mércores, 24 de abril de 2019 Páx. 19916

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 1 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Programa II: axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social (código de procedemento TR356C).

BDNS (Identif.): 450641.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral que cumpran as condicións e os requisitos establecidos na orde para os distintos tipos de axudas.

2. As empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral.

Segundo. Obxecto

Promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, previamente cualificadas no rexistro administrativo de Galicia.

Terceiro. Tipos de axudas

1. As empresas de inserción laboral poderán acceder aos seguintes tipos de axuda deste programa (TR356C):

a) Asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EIL.

b) Inicio e posta en marcha da actividade.

c) Creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción.

d) Contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción necesarias para garantir a viabilidade da EIL.

e) Contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción.

f) Formación para as persoas en proceso de inserción.

g) Mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario da persoa en situación ou risco de exclusión social.

2. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán ser beneficiarias das axudas indicadas nas letras a) e e). Se a subvención a solicitan as entidades promotoras, non poderán solicitala a empresa ou as empresas de inserción laboral que promovan.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 1 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Quinto. Importe

Para a concesión das axudas deste programa destínanse oitenta mil euros (80.000,00 €) con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.40.324C.470.5 e 09.40.324C.481.5, código de proxecto 201500561.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para todos os tipos de axudas deste programa comeza a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 30 de setembro de 2019.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2019

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria