Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Mércores, 24 de abril de 2019 Páx. 19914

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 1 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (código de procedemento TR356A).

BDNS (Identif.): 450640.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. As empresas de inserción laboral inscritas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción Laboral de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos na orde de convocatoria para a axuda deste programa.

2. As empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral.

Segundo. Obxecto

Promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, previamente cualificadas no rexistro administrativo de Galicia.

Terceiro. Tipo de axuda

As axudas establecidas neste programa destinaranse a financiar parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social incluídas no artigo 7 da orde de convocatoria.

Cuarto. Contía da axuda

A contía da subvención será equivalente ao salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora subvencionable, incluídas as pagas extraordinarias dos meses de decembro e xuño.

Quinto. Bases reguladoras

Orde do 1 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Sexto. Importe

Para a concesión das axudas reguladas neste programa destínanse trescentos mil euros (300.000,00 €) con cargo á aplicación 09.40.324C.470.5, código de proxecto 201500561.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para este programa comeza o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de setembro de 2019. Para este programa cada entidade só poderá presentar unha única solicitude.

Oitavo. Período subvencionable e xustificación das axudas

O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019.

A xustificación desta axuda deberá realizarse, como máximo, o 15 de novembro de 2019.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2019

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria