Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Mércores, 24 de abril de 2019 Páx. 19829

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta aprobou o Plan rehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan inclúe un programa específico tendente a paliar os efectos dos desafiuzamentos por non pagamento das rendas de vivendas alugadas, como é o bono de alugueiro social.

No Boletín Oficial del Estado do 4 de agosto de 2018 publicouse o Real decreto lei 9/2018, do 3 de agosto, de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e nesa mesma data publicouse no Boletín Oficial del Estado a Resolución do 3 de agosto de 2018, da Secretaría de Estado de Igualdad, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros polo que se formalizan os criterios de distribución e a distribución resultante do crédito para o desenvolvemento por parte das comunidades autónomas e cidades con Estatuto de autonomía do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e a partir dese momento consignáronse os fondos correspondentes nos orzamentos da Secretaría Xeral da Igualdade.

O 6 de marzo de 2019 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, asinou un acordo coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para desenvolver, no marco das medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, as que se refiren a asegurar a existencia de recursos habitacionais suficientes e dignos para as mulleres vítimas de violencia de xénero.

Considerando as especificidades desta axuda, tanto no relativo ao seu financiamento como á duración anual da subvención e ao volume previsto de solicitudes, considérase oportuno crear unha liña específica, dentro do Programa do bono de alugueiro social, destinada a axudas ao alugamento de vivendas para as persoas vítimas de violencia de xénero, dando cumprimento ao previsto no citado Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

De conformidade con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

I. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as persoas vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que se tramitará co código de procedemento VI482C.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, a través de convocatoria pública, mediante resolución da persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

II. Bases reguladoras

Artigo 2. Persoas beneficiarias

As subvencións do Programa do bono de alugueiro social con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero están destinadas a atender as seguintes unidades de convivencia:

a) As das mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación.

Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, con resultado de morte.

b) As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.

2. Para os efectos desta orde, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha mesma vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Para que as unidades de convivencia previstas na letra a) do artigo 2.1 poidan ser beneficiarias destas axudas é preciso que concorran os seguintes requisitos:

a) Que, dentro do ano anterior á data de presentación da solicitude, cesase a convivencia co agresor ou coa persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación. No caso de violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, o feito causante deberase ter producido dentro do ano anterior ao da presentación da solicitude.

b) Que o documento acreditativo da situación de violencia fose emitido dentro dos doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

No caso de acreditar a situación de violencia de xénero a través da orde de protección ou da medida cautelar, estas deberán estar vixentes na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda. Para estes efectos, o órgano xestor solicitará informe ao Punto de Coordinación das Ordes de Protección de Galicia, radicado na Secretaría xeral da Igualdade.

2. Para que as unidades de convivencia previstas na letra b) do artigo 2.1 poidan ser beneficiarias destas axudas é preciso que concorra algún dos seguintes requisitos:

a) Que a persoa solicitante sexa menor de idade e estivese convivindo coa nai no momento da súa morte, independentemente da renda da unidade de convivencia.

b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e menor de 30 anos, e dependese economicamente da nai e/ou do agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando na data do falecemento as fillas e os fillos percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a doce mensualidades do indicador público da renda de efectos múltiples (en diante, IPREM) a que se refira a convocatoria.

3. Ademais dos anteriores, as persoas beneficiarias deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos comúns:

a) Estar empadroadas e ter residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda. Ademais, no caso das persoas estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, deberán posuír o permiso de residencia.

No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.

b) Que sexan persoas arrendatarias ou que estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso dos/das menores de idade orfos por violencia de xénero, así como das vítimas de trata menores de idade, o contrato de arrendamento deberá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor, nos termos que se determinen na normativa aplicable.

c) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.

d) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados no artigo 4 destas bases reguladoras.

e) Que os ingresos da súa unidade de convivencia, computados conforme estableza a resolución de convocatoria, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM ponderado, coa excepción prevista no suposto sinalado no artigo 3.2.a).

f) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Exceptúase o caso de que, dispoñendo dela, non goce do seu uso e desfrute ou se trate dunha vivenda insuficiente ou inadecuada, por razóns de habitabilidade e mobilidade.

Para os efectos anteriores:

– Considerarase unha vivenda insuficiente aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de 10 m² de superficie útil. Non se computará, neste suposto, a correspondente a baños, corredores e tendais.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade aquela que estea en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria a súa habitabilidade.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de mobilidade aquela que, pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos, implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.

h) Que non sexan arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.

i) Que a persoa solicitante e as restantes persoas da unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Ademais, non deben estar incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Non poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que tivesen concedido o Programa do bono alugueiro social sen financiamento do Pacto de Estado, acolléndose ao suposto de vítima de violencia de xénero, nos tres anos anteriores á data de presentación da correspondente solicitude, agás que perdesen o dereito por non ter xustificado a concesión da subvención coa presentación do contrato, ou que esgotasen o período máximo de desfrute ordinario do Programa do bono de alugueiro social sen financiamento do Pacto de Estado.

Artigo 4. Renda das vivendas

1. A renda mensual máxima non pode superar os seguintes importes:

a) 450 euros, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

b) 400 euros, para as vivendas situadas nos seguintes concellos:

– Provincia da Coruña: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.

– Provincia de Lugo: Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro,

– Provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

– Provincia de Pontevedra: A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

c) 350 euros, para as vivendas situadas no resto dos concellos de Galicia.

2. Estas contías incrementaranse ata un 20% no caso de que as persoas arrendatarias sexan integrantes dunha unidade de convivencia que necesite unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

Artigo 5. Contía da axuda

1. O importe mensual desta axuda terá as seguintes contías:

– 225 euros mensuais, para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o artigo 4.1.a).

– 200 euros mensuais, para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o artigo 4.1.b).

– 175 euros mensuais, para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o artigo 4.1.c).

No suposto de que a persoa beneficiaria non dispoña de contrato de alugamento no momento da concesión, recoñeceráselle inicialmente unha axuda por importe de ata un máximo de 225 euros mensuais, condicionada á achega do correspondente contrato. Non obstante, a contía definitiva da concesión virá determinada en función do concello en que estea situada a vivenda obxecto do contrato de alugamento que se achegue.

Para o caso de que o importe da axuda sexa superior ao da renda da vivenda, procederase ao seu reaxuste ata a citada cantidade.

2. A axuda ten carácter anual, de maneira que cada unidade de convivencia só poderá percibir unha subvención de doce bonos mensuais consecutivos, pero será susceptible, no caso de que se prevexa na correspondente convocatoria, dun máximo de dúas prórrogas ordinarias sucesivas, de doce meses cada unha, ata acadar unha duración máxima de trinta e seis meses.

3. Poderase solicitar unha axuda complementaria, de ata 600 euros, para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións. Esta axuda complementaria só se concederá unha vez, con independencia do número de contratos que se formalicen e do dereito á prórroga que, de ser o caso, se poida ter.

Artigo 6. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpore como anexo I á correspondente resolución de convocatoria, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia, salvo nos supostos en que as persoas solicitantes sexan as fillas e/ou fillos menores de 30 anos orfos. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas; todas as demais se terán por inadmitidas.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. No modelo de solicitude a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade, con indicación do seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no artigo 3.3.g) das bases reguladoras.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non existe vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grado, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugueiro ou a declaración responsable, de ser o caso, dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes.

f) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

Artigo 7. Documentación complementaria e forma de presentación

1. Coa solicitude achegarase a documentación complementaria que se especifique na correspondente resolución de convocatoria.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Artigo 8. Prórroga da subvención

1. Todas as persoas que resultasen beneficiarias deste programa e que non perdesen o dereito mediante a oportuna resolución poderán solicitar a prórroga da axuda, se así se prevé na correspondente convocatoria. Para tal efecto, deberán presentar, de conformidade co artigo 6, a solicitude de prórroga que figure incorporada á correspondente resolución de convocatoria.

2. No caso de que a correspondente convocatoria prevexa un período de prórroga da concesión inicial, o importe da axuda que se deberá percibir en concepto de prórroga será o mesmo que a que se viña percibindo, sen prexuízo do seu reaxuste, para o caso de cambio de domicilio, conforme o artigo 17.

3. No momento de solicitar a prórroga, a persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos comúns previstos no artigo 3.3. desta orde. O cómputo dos ingresos e a comprobación dos datos necesarios para a concesión das prórrogas realizarase conforme o establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 9. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Artigo 10. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente resolución de convocatoria da persoa titular da Presidencia do IGVS.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria, e rematará, en todo caso, co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que se fará constar no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, e advertirase de que, no caso de non atender o requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario, resolverá o que segundo dereito proceda.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous (2) meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 13. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes en que no informe social se sinale que as persoas que integran a unidade de convivencia incumpriron reiteradamente as normas da comunidade de propietarios.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será a orde cronolóxica de entrada da solicitude no rexistro do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde e na correspondente convocatoria.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación ou revogación da resolución de concesión da subvención, e comunicaralle, de ser o caso, á persoa beneficiaria a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. A xustificación da concesión da subvención realizarase mediante o correspondente contrato de alugamento, nos seguintes termos:

– No suposto de que a renda de alugueiro sexa superior ao importe da axuda, a persoa beneficiaria deberá xustificar o pagamento da súa parte da renda mensual mediante a achega do extracto ou certificado bancario que acredite o pagamento que lle corresponde satisfacer, no número de conta sinalado pola persoa arrendadora no correspondente anexo. Esta xustificación realizarase utilizando o modelo normalizado para a achega de documentación xustificativa dispoñible na Carpeta cidadá, que poderá presentar electronicamente, ou ben na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes.

– No suposto de que a renda de alugueiro sexa igual ou inferior ao importe da axuda nesa zona territorial, a persoa arrendataria deberá acreditar, dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes de vixencia do contrato de arrendamento, na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda que segue residindo na vivenda alugada mediante a presentación dunha declaración responsable.

2. A axuda complementaria prevista no artigo 5.3 desta orde xustificarase coa acreditación da constitución do depósito da fianza no IGVS, que comprobará a correspondente área provincial, e cos contratos de altas nas subministracións. Esta documentación xustificativa deberase presentar na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda dentro do prazo de dous (2) meses, contado desde a data de notificación da resolución da concesión da subvención.

Artigo 16. Pagamento da subvención

1. Unha vez que a persoa beneficiaria acredite ante o IGVS a xustificación do pagamento da súa parte da renda mensual ou, de ser o caso, presente declaración responsable sinalada no artigo anterior, realizarase o pagamento da subvención mensual do bono de alugueiro social mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora.

2. O pagamento da axuda complementaria realizarase, unha vez que se xustifique, conforme o sinalado no artigo 15.3, mediante transferencia bancaria na conta da persoa beneficiaria.

Artigo 17. Cambio de domicilio

1. Se durante a vixencia da concesión inicial ou das sucesivas prórrogas a persoa beneficiaria da axuda cambia o seu domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e subscribe un novo contrato de arrendamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á área provincial do IGVS que tramitou a concesión inicial ou a respectiva prórroga, no prazo máximo de cinco (5) días, contado desde a sinatura do novo contrato de arrendamento. Así mesmo, deberá achegar:

a) O novo contrato de arrendamento de vivenda, cunha duración mínima dun ano e con indicación expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

b) O xustificante de empadroamento conxunto dos membros da unidade de convivencia na nova vivenda.

c) Compromiso das persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do programa do bono de alugueiro social, debidamente cuberto, segundo o modelo que se publique coa correspondente convocatoria.

d) Declaración da persoa arrendadora do anterior contrato de que a persoa arrendataria non ten ningunha reclamación pendente por non pagamento das rendas e/ou das subministracións, segundo o modelo que se publique coa correspondente convocatoria.

2. A persoa beneficiaria non perderá o dereito á subvención polo cambio de domicilio, sempre que co novo arrendamento se cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras e na correspondente convocatoria e, ademais, o novo contrato de arrendamento se formalice sen interrupción temporal co anterior.

3. Nos casos de cambio de domicilio, a subvención reaxustarase en función do concello onde se localice a nova vivenda, sen que en ningún caso poida recibir máis subvención da que viña percibindo.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas nesta orde e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

1. Acreditar o pagamento da renda conforme o previsto nestas bases reguladoras.

2. Facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 19. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causas de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño, o restablecemento da convivencia co agresor, así como a resolución do contrato de arrendamento subvencionado, salvo no suposto de cambio de domicilio.

2. Na resolución de convocatoria de axudas deste programa poderá establecerse que os remanentes derivados das perdas de subvencións se reasignen á concesión doutras solicitudes, o que se fará atendendo á orde de prelación establecida no artigo 13.2.

Artigo 20. Compatibilidade e incompatibilidade

As subvencións previstas nesta orde serán compatibles coas axudas desta ou doutras administracións públicas, así como de calquera outra entidade, xa sexa pública ou privada, sempre que o importe total concedido por todas elas non supere o custo da renda do contrato de alugamento. En particular, estas axudas serán compatibles coas que perciban as persoas beneficiarias por mor da situación de violencia de xénero.

Non obstante, a percepción destas axudas será incompatible coas axudas ao alugamento de vivendas convocadas pola Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro dos plans estatais de vivenda, así como coa percepción da axuda do Programa do bono de alugueiro social sen financiamento do Pacto de Estado.

Artigo 21. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente na súa solicitude a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Non obstante, as persoas interesadas poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde á posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas beneficiarias destas subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Artigo 23. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional primeira. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Así mesmo, aplicarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión desta axuda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio ambiente, Territorio e Vivenda