Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Venres, 26 de abril de 2019 Páx. 20349

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300C).

BDNS (Identif.): 450404.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o seu domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de dez (10) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable. Para as actuacións de expansión comercial previstas no artigo 4.1.3, que empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III e que esta constitúa a actividade principal da persoa solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dada de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. Obradoiros artesáns:

Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, terán de prazo ata o último día de prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.

Segundo. Obxecto

A concesión de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e de expansión do sector comercial e artesán.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente na convocatoria.

Cuarto. Importe

Destínanse 3.800.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.1.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria