Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 29 de abril de 2019 Páx. 20726

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 15 de abril de 2019 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Hermanos Tenreiro e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Hermanos Tenreiro, adscrita ao protectorado da Consellería de Política Social, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta orde baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 30 de agosto de 2018 presentouse ante este protectorado a solicitude de ratificación do acordo de extinción da Fundación Hermanos Tenreiro adoptado polo seu padroado.

Segundo. A Fundación Hermanos Tenreiro foi constituída por vontade de Esperanza Tenreiro Arias-Uría reflectida no testamento pechado con data do 14.1.1952 autorizado polo notario José Roan Tenreiro. Foi recoñecida e clasificada como de beneficencia particular mixta por Orde do Ministerio da Gobernación do 28 de febreiro de 1967 e transferida á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 2411/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de servizos e asistencia sociais. Está adscrita ao protectorado da actual Consellería de Política Social por Orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 2 de febreiro de 2016 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), figurando inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1967/1.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 3 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

– Establecemento dun centro infantil a que poidan acollerse os nenos residentes na cidade da Coruña ou en áreas da súa influencia, comprendidos na idade de educación infantil, con preferencia os das clases sociais máis necesitadas, para que, durante o día e mentres os seus pais se dedican ao traballo, se lles atenda, coide, alimente e se lles dea unha instrución e formación propia da súa idade, con arranxo aos principios da relixión católica, apostólica e romana.

– Como fin complementario está o establecemento dun centro de día para que as persoas denominadas da terceira idade poidan recibir asistencia e realizar actividades de formación, desenvolvemento persoal e ocio adecuadas a súa idade e a súa concreta situación.

Cuarto. O padroado da fundación, na súa reunión do 27 de xuño de 2018, adoptou o acordo de extinción da fundación motivado na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

Quinto. No expediente tramitado consta a documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, de fundacións de interese galego, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento das fundacións de interese galego.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realizar o fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, corresponde a esta consellería resolver esta solicitude.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, e 15/2009, do 21 de xaneiro, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente, polo que:

RESOLVO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Hermanos Tenreiro.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da Fundación Hermanos Tenreiro no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Política Social no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2019

A conselleira de Política Social
P.D. (Orde do 3.3.2016; DOG núm. 54, do 18 de marzo)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social