O Concello da Teixeira remite para a súa aprobación definitiva o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG) e á disposición transitoria 2.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG). Conforme a esta disposición, o plan que na data de entrada en vigor da LSG contara con aprobación inicial, poderá continuar a súa tramitación a teor do disposto na LOUG, ben que as súas determinacións terán que adaptarse plenamente á LSG.
Analizada a documentación achegada polo concello; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O proxecto de ordenación do medio rural (POMR) da Teixeira foi aprobado definitivamente o 10.7.2001. Este proxecto clasifica como solo de núcleo rural os núcleos da Teixeira, A Abeleda, O Pombar, Cristosende, Celeirós, Valilongo, Igrexa, Iglesia, Soutelo, Portela, Sistín, Boazo, Nogueira, Pedrafita, Quintela de Arriba, Quintela de Abaixo, Cristina, Cima de Vila, Xirás, Cruz e Penelas. O resto do concello está clasificado como solo rústico.
2. Como instrumentos de ordenación do territorio con incidencia no concello constan as directrices de ordenación do territorio, aprobadas o 10.2.2011; e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal das minicentrais da Merca, Cardelle, Porto e Edo Baixo, aprobado o 17.6.2004.
3. Seguindo o procedemento establecido no artigo 7 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, o Concello da Teixeira remitiu ao órgano ambiental o 2.4.2009 o documento de inicio, para comezar o trámite da avaliación ambiental estratéxica. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu o documento de referencia o 12.4.2011.
4. En virtude do previsto no artigo 85.1 da LOUG, e logo das solicitudes do concello do 3.9.2009 e do 17.8.2011, a Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación inicial o 14.10.2011.
5. O 29.3.2012 o Pleno do Concello da Teixeira aprobou inicialmente o PXOM, logo dos informes técnico e xurídico, ambos do 12.3.2012. O documento foi sometido a información pública durante dous meses, mediante os anuncios no Diario Oficial de Galicia e nos xornais La Región e La Voz de Galicia, todos o 14.5.2012. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Castro Caldelas, Monforte de Lemos, Montederramo, Parada de Sil e Sober. Constan alegacións do concello de Montederramo do 16.5.2012. O resto dos concellos non responderon, segundo certificación do secretario do concello do 19.7.2018.
6. Pronunciáronse os departamentos sectoriais seguintes:
• Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Informe favorable do 20.1.2016.
• Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Memoria ambiental do 14.7.2017, que considera ambientalmente viable o PXOM.
• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Informe favorable condicionado do 20.4.2016.
• Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Informe do 12.12.2013.
• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural. Informe sen obxeccións do 24.5.2012.
• Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria. Informe dos dereitos mineiros do 10.5.2012.
• Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe. Informe do 12.4.2012.
• Deputación Provincial de Ourense. Informe favorable do 31.8.2016.
• Ministerio de Defensa. Informe sen obxeccións do 25.4.2012.
• Ministerio de Fomento. Informe sen obxeccións do 25.5.2012.
• Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital. Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información. Informe favorable do 14.2.2018.
• Axencia Galega de Infraestruturas. Informe favorable con observacións do 13.10.2016.
• Consellería de Facenda. Informe sen obxeccións do 31.5.2012.
• Consellería de Sanidade. Informe sen obxeccións do 21.9.2012.
Non constan máis contestacións á documentación remitida polo concello segundo certificación do secretario do concello do 19.7.2018, aínda que o 25.4.2012 se solicitaron os informes sectoriais e as consultas a: organismo autónomo Augas de Galicia; Dirección Xeral de Montes; Subdelegación do Goberno en Ourense; Xerencia Territorial do Catastro; Secretaría Xeral da Consellería de Economía e Industria; Dirección Xeral de Mobilidade; Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural; Secretaría Xeral da Presidencia; Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; e Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar Social
7. Mediante Resolución do 14.7.2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM da Teixeira (DOG do 30.8.2017).
8. O 19.7.2018 o Concello Pleno da Teixeira aprobou provisionalmente o PXOM.
9. Unha vez rematada a súa tramitación, o documento foi remitido a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva o 23.10.2018. O 23.12.2018 requiriuse o concello para que subsanase as deficiencias detectadas. O 21.2.2019 tivo entrada o documento corrixido.
II. Análise e consideracións.
Analizada a documentación que integra o PXOM da Teixeira, redactada pola consultora Senén Prieto Ingeniería, S.L., e datada en setembro de 2017; posta en comparación coas observacións formuladas no informe previo á aprobación inicial emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 14.10.2011 (IPAI); e vistas as modificacións do documento realizadas durante a posterior tramitación; púidose comprobar o cumprimento en xeral do establecido na normativa urbanística.
Porén, cómpre deixar constancia das seguintes puntualizacións:
a) Solo urbanizable: incorpórase o sistema xeral viario de conexión, mais non consta plano en que se sinale a conexión das infraestruturas previstas, conforme o artigo 56.1.d) da LSG.
b) Normativa: revisarase o catálogo do PXOM (cada elemento catalogado documéntase nun plano e nunha ficha; e nos índices só figura unha páxina, polo que está desordenado).
Incorporaranse no artigo 201 da normativa as consideracións relativas aos cemiterios parroquiais existentes, conforme o exixido no informe favorable condicionado da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 20.4.2016.
Na normativa constará así mesmo que nas zonas cualificadas polo PXOM como zona de núcleo afectada por inundabilidad e estudo de detalle de inundabilidade dos núcleos rurais de Nogueira, O Pombar, Cofra, Covas e A Boga; unicamente serán autorizables polo organismo de conca os usos establecidos nos artigos 57 e 58 do Plan hidrolóxico da CHMS e no artigo 9 do Regulamento do dominio público hidráulico, en relación coa zona de fluxo preferente.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.
III. Resolución.
En consecuencia, e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello da Teixeira, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, e o previsto na disposición transitoria 2ª.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG); con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no parágrafo II anterior.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
A Teixeira, 12 de abril de 2019
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda