Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 3 de maio de 2019 Páx. 21425

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dispón a publicación do Acordo da Mesa Sectorial de Sanidade, do 12 de marzo de 2019, de modificación do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

A Lei 1/2018, do 2 de abril, pola que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, introduce no seu artigo 69 o distrito sanitario como división territorial das áreas sanitarias e marco de referencia para a coordinación dos dispositivos de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria.

As referencias á área e zonificación contidas no Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, aprobado mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 13 de xuño de 2016 (DOG núm. 123, do 30 de xuño) como ámbitos de inscrición e xestión de chamamentos coinciden coa delimitación territorial de distrito sanitario que establece a nova lei.

Co obxecto de adecuar a redacción á nova regulación, logo do seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto, a Administración sanitaria e as centrais sindicais integrantes da mesa sectorial de negociación do persoal estatutario –CIG, CESM-O´MEGA, UGT, CSIF e SATSE– aprobaron modificar o vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia de tal modo que as referencias a área sanitaria e zonificación contidas nel, sexan substituídas por distrito sanitario.

A negociación realizouse de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen o artigo 38 da Lei do Estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro); o artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e os artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto na citada normativa, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVE:

Dar publicidade á modificación acordada do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño de 2016), de tal modo que as referencias a área sanitaria e zonificación contidas nesta regulación deben substituírse por distrito sanitario.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos