Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 6 de maio de 2019 Páx. 21543

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 25 de abril de 2019 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia nas eleccións convocadas para o día 26 de maio de 2019 polo Real decreto 209/2019, do 1 de abril, polo que se convocan eleccións locais e ás asembleas de Ceuta e Melilla, e polo Real decreto 206/2019, do 1 de abril, polo que se convocan eleccións de deputados ao Parlamento Europeo.

Convocadas eleccións locais e ao Parlamento Europeo para o 26 de maio de 2019 mediante o Real decreto 209/2019, do 1 de abril, e o Real decreto 206/2019, do 1 de abril (BOE nº 79, do 2 de abril), é preciso adoptar as medidas oportunas para facilitar o exercicio dos dereitos e deberes do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, en virtude do previsto nos artigos 28, 76 e 78 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, e no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e demais disposicións concordantes, esta consellería, de conformidade coas facultades que lle confire o artigo 14 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia,

DISPÓN:

Primeiro

1. O persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de ata catro horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 26 de maio de 2019, coincida, polo menos en catro horas, co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

2. O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que teña previsto que na data da votación non se atopará na localidade onde lle corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poida exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporá, no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poida formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo, que se recolle no artigo 72 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, así como para a remisión do voto por correo.

Segundo

1. O persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais e as/os que acrediten a súa condición de interventoras/es teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. As/os que acrediten a súa condición de apoderadas/os teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.

3. A acreditación do persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais ou da condición de interventoras/es ou de apoderadas/os, realizarase mediante a achega da oportuna xustificación documental na correspondente dirección ou xefatura de persoal.

Terceiro

O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que se presente como candidata/o ás eleccións que terán lugar o vindeiro 26 de maio poderá ser dispensado, logo da súa solicitude, da prestación do servizo nas súas respectivas unidades durante a campaña electoral; é dicir, desde as cero horas do venres 10 de maio de 2019 ata as vinte e catro horas do venres 24 de maio de 2019. A competencia para a concesión do referido permiso corresponderalle á secretaría xeral técnica de cada consellería.

Cuarto

As direccións ou xefaturas de persoal das dependencias onde prestan os seus servizos as persoas afectadas por esta orde exixiranlles a estas os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que exerceron o seu dereito ao voto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2019

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda