Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 6 de maio de 2019 Páx. 21702

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2019, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de construción dun itinerario peonil na AC-305, treito Tallós-Muro Novo, punto quilométrico 2+730-3+690, de clave AC/17/105.06, no concello de Dodro.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu punto 2º, a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 20 de decembro de 2018, a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun itinerario peonil na AC-305. Treito: Tallós-Muro Novo. Puntos quilométricos 2+730-3+690, de clave AC/17/105.06, no concello de Dodro, mediante o Decreto 173/2018, publicado no Diario Oficial de Galicia do 14 de xaneiro de 2019.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Dodro para que comparezan no lugar, nas data e nas horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación nas cales recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Dodro.

Lugar: salón de plenos da Casa do Concello de Dodro.

Data: 10 de maio de 2019, das 10.00 ás 13.30 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello de Dodro, e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer, nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria. Poderanse facer acompañar pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

A Coruña, 5 de abril de 2019

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña