Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Martes, 7 de maio de 2019 Páx. 21757

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2019-2021.

O obxecto desta orde, pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2019-2021 do procedemento TR301K, das subvencións para accións formativas dirixidas a persoas traballadoras desempregadas, é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional para o emprego, que teñen por obxecto a cualificación profesional das persoas traballadoras.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, regula a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.

Entre as iniciativas de formación para o emprego que regula a antedita lei, considérase a oferta formativa das administracións competentes para persoas traballadoras desempregadas, que inclúe os programas de formación dirixidos a cubrir as necesidades detectadas polos servizos públicos de emprego.

Coa aprobación do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, establécese polo miúdo a planificación e avaliación deste sistema, as accións formativas e áreas prioritarias, as modalidades e límites de impartición, as diferentes persoas destinatarias da formación, e outros aspectos de importancia. En concreto, no seu capítulo IV, regúlase a oferta formativa para persoas traballadoras desempregadas.

Ademais, a nova Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, regula a iniciativa de oferta formativa das administracións públicas para persoas traballadoras desempregadas.

A Comunidade Autónoma de Galicia asume as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional mediante o Decreto 69/1993, do 10 de marzo.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria atribúe á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral competencias relativas, entre outras materias, á formación profesional para o emprego.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2 que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos que se axusta esta disposición. Tamén será de aplicación o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense as que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde.

Ao abeiro das bases reguladoras establecidas na presente orde aprobaranse as sucesivas convocatorias durante o período 2019-2021.

Nese sentido a Axenda da competitividade «Galicia Industria 4.0», aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o 13 de maio do 2015, establécese a formación das persoas como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria.

A Xunta de Galicia está a desenvolver a Axenda 20 para o emprego para impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento. Céntrase en tres retos: fomentar o emprego de calidade; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas. O reto da formación ten como obxectivo atender as necesidades do mercado laboral e do tecido produtivo e tamén e fundamentalmente favorecer a formación ao longo da vida das persoas traballadoras desempregadas e ocupadas para mellorar as súas competencias profesionais e os seus itinerarios de emprego e formación, así como o seu desenvolvemento profesional e persoal.

Como novidades nesta orde con respecto á anterior, cómpre subliñar que estas bases reguladoras se adecúan á recente Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, introducen melloras nas solicitudes e nas xestións electrónicas, adóptanse medidas para favorecer a diversidade formativa e a impartición dun mínimo de cursos por comarca, afondan na liberdade de elección de centro por parte do alumnado e nas medidas de control de asistencia, dan un paso máis no modelo de simplificación das liquidacións a través de custos simplificados, garantindo un importe mínimo ás entidades, regulan expresamente as causas de exclusión dos cursos e fixan o procedemento respectivo, así como simplifican o cómputo horario para a expedición de diplomas e a presentación de documentación precisa para a realización de prácticas non laborais. Así mesmo, regulan o contido mínimo das convocatorias e flexibilizan o réxime de autorización de cambios de titularidade.

Consecuentemente con todo o anterior, logo de consultar á Federación Galega de Municipios e Provincias, ao Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto as convocatorias públicas como a execución das accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas, xestionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través das súas xefaturas territoriais (procedemento TR301K).

Para o exercicio das funcións que lle corresponden segundo estas bases reguladoras, as xefaturas territoriais poderán actuar a través das unidades administrativas competentes en materia de formación profesional para o emprego, das oficinas de emprego e dos centros de formación profesional para o emprego a elas adscritos.

2. As convocatorias das subvencións previstas nesta orde realizaranse mediante réxime de concorrencia competitiva.

3. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2019-2021.

4. As convocatorias públicas que se realicen no marco destas bases regularán os aspectos do financiamento e da execución das accións formativas que se subvencionen, con relación aos exercicios orzamentarios que indiquen expresamente e respectando o contido que se establece no capítulo IV, así como no resto da normativa aplicable.

Artigo 2. Programación e financiamento. Reservas de crédito

As accións formativas para as que se poden solicitar financiamento mediante subvención son as da modalidade de programación da oferta formativa para persoas traballadoras desempregadas, na cal poderán participar as entidades as que se refire o artigo 3.

As accións que poden ser obxecto de financiamento son aquelas especialidades formativas que se determinen no anexo I de cada convocatoria, así como os módulos transversais e complementarios que se impartan asociados ás anteriores.

Cada convocatoria, ademais de respectar o contido que sinala o capítulo IV, especificará as accións formativas que se consideran prioritarias, o financiamento e as reservas de crédito que, se for o caso, se establezan para determinadas accións formativas que se detallarán no correspondente anexo, e fixará, de entenderse necesario, o número límite de edicións de accións formativas que se financien por centro e/ou entidade de formación, así como o formulario de solicitude para efectos informativos e as listaxes de especialidades formativas que se conteñan nos anexos que repercuten no procedemento de valoración recollido nos artigos 7 e 8.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Sección 1ª. Da tramitación das subvencións

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases, as entidades que, na data de entrada en vigor da correspondente convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados no correspondente certificado de profesionalidade ou tivesen solicitada a inscrición mediante declaración responsable nesa data na correspondente especialidade formativa non vinculada a certificado de profesionalidade, na Administración pública competente para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para o caso de que a convocatoria o recolla, poderanse realizar accións formativas a través de centros móbiles e homologacións provisionais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que non contan con centros acreditados ou inscritos (formación á porta).

2. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

A xustificación polas entidades solicitantes de non estar incursos en ningunha das anteditas circunstancias, realizarase mediante unha declaración responsable que deberá incluír no modelo de solicitude que se contén no anexo VI de cada convocatoria, cuxo contido deberá respectar o que establece o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como referirse á capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, e de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir a xestión da totalidade dos cursos que solicita, que dispón da documentación que acredita tal cumprimento e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito.

A presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións requiridas para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedisen ou limitasen, poderá ter a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

3. Coa finalidade de garantir o cumprimento das exixencias deste artigo, as aplicacións informáticas de rexistro de centros/entidades de formación e SIFO contarán con controis específicos e poderá procederse a unha comprobación por mostra estatística por parte de persoal técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria (servizos periféricos e Servizo de Verificación) ou da entidade contratada para o efecto, durante calquera das fases, da que poderán derivarse, de ser o caso, as consecuencias sinaladas no número 2 para os supostos de falseamento do contido das declaracións responsables.

4. Será requisito para a concesión de subvencións a entidades locais titulares de entidades ou centros de formación, que teñan cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas as contas xerais de cada exercicio.

Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes mediante a aplicación SIFO, ou no enderezo directo https://sede.xunta.gal

As ditas solicitudes dirixiranse á xefatura territorial en cuxa provincia se imparta a correspondente acción formativa.

Cada entidade de formación so poderá formular, como máximo, unha solicitude en cada unha das provincias do territorio galego, e incluirá nela todas e cada unha das accións formativas para as que solicita subvención nos correspondentes centros de cada provincia, dentro da súa capacidade real de execución e con respecto aos límites e requisitos que se determinan nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Para os posibles efectos de desempate as accións formativas para as que se solicita subvención deberán ir ordenadas en función da prioridade de impartición que lles outorgue a entidade solicitante, de xeito que os centros que se consideren prioritarios figuren en primeiro lugar na solicitude e, dentro de cada centro, as accións formativas se ordenen tamén de maior a menor priorización.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365.).

A documentación complementaria, tanto a presentada na solicitude como noutras fases do procedemento, presentarase electrónicamente, mediante a presentación do documento orixinal de se tratar dun documento dixital, ou da imaxe electrónica do documento orixinal, de se tratar dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos.

As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, cor ou escada de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento orixe (respectará a xeometría do documento orixe en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figurasen no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).

A Administración actuante poderán solicitar o cotexo das copias achegadas pola entidade, para o cal poderase requirir a exhibición do documento ou da información orixinal. Para estes efectos, a entidade interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 5 anos desde a presentación da imaxe electrónica.

As imaxes electrónicas que acheguen as entidades interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia exclusivamente no ámbito da actividade das administracións públicas.

As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, o número de edicións por especialidade que se determinen na correspondente convocatoria, na cal tamén poderán indicarse excepcións ao dito límite.

No caso de que se solicite impartir máis dunha especialidade por aula deberá manifestarse expresamente na declaración responsable que, de acordo co disposto no artigo 5.3 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, polo que se crea o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego e se regula o procedementos para a súa inscrición e, se for o caso, a acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, as especialidades poden impartirse cos mesmos medios.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados nas bases reguladoras e/ou correspondente convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, considerarase desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

3. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:

a) Que, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

– Non se solicitaron nin se concederon ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.

– De se solicitar e/ou conceder outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención, deberán relacionarse.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) Que non está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

d) Que non está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que os lugares de impartición dos cursos serán aqueles que están inscritos ou acreditados para tal fin, nos termos do artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro e do artigo 6.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e que cumpren e manterán as condicións e requisitos que exixe a normativa aplicable á correspondente especialidade formativa, nomeadamente, a obriga de impartir a formación nos espazos e cos medios formativos acreditados e/ou inscritos para tal fin, así como a de manter as exixencias técnico-pedagóxicas, de instalacións, equipamento e medios humanos tidas en conta para a acreditación ou inscrición da especialidade.

g) Que coñece as estipulacións da presente orde, que cumpre cos requisitos sinalados nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.

h) Que a entidade conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir na súa totalidade a execución completa dos cursos que solicita.

i) Que a entidade dispón da documentación que acredita o cumprimento dos anteriores aspectos e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito.

j) Que a entidade asume que a presentación das declaracións responsables a que se refire a presente orde falseando ou ocultando circunstancias que impedisen ou limitasen a concesión da subvención ou o seu pagamento, así como que alterasen a puntuación obtida na baremación, poderá ter a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Ficha do curso de formación profesional para o emprego no anexo VII de cada convocatoria.

b) De ser o caso no anexo VII de cada convocatoria, acreditación documental de dispor dun sistema de calidade vixente no correspondente centro de formación na data límite de presentación das solicitudes relativo á súa actividade de formación profesional para o emprego.

c) Xustificación documental de ter cumprido na execución das accións formativas concedidas nas convocatorias correspondentes co compromiso de inserción laboral, para os efectos do establecido no artigo 8.

d) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

e) De ser o caso, cando as especialidades formativas que se solicitan correspondan a certificados de profesionalidade, as entidades deberán achegar no anexo VII de cada convocatoria o compromiso da subscrición do convenio ou acordo coa empresa ou empresas en que realizará o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluída no certificado de profesionalidade.

f) Xustificación documental de ter remitido ao Consello de Contas as contas xerais do último exercicio a que estean obrigadas segundo o establecido no artigo 223 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, no caso de tratarse de entidades locais.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle a entidade interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á remisión á comisión central de valoración dos expedientes e do informe técnico da xefatura territorial.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidade interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Procedemento

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática SIFO, debendo adecuarse a presentación de documentación derivada das notificacións practicadas pola Administración ao disposto no artigo 10.6 da presente orde.

2. Os órganos instrutores do procedemento serán os servizos de orientación e promoción laboral de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspondentes ao enderezo do centro ou entidade onde se vai impartir a formación.

3. A relación dos expedientes que cumpren os requisitos para a baremación, reflectirá a inclusión dos expedientes completos na aplicación SIFO e será remitida por cada órgano instrutor, xunto co informe técnico emitido pola xefatura territorial, á comisión central de valoración para que poida proceder ao estudo conxunto e informe nunha única fase.

4. Para estes efectos, a comisión central de valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Laboral, que a presidirá, serán vogais as persoas responsables das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e actuará como secretario a persoa titular do Servizo de Planificación da Promoción Laboral, con voz pero sen voto.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión central de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

5. A comisión de valoración empregará os criterios de baremación que se establecen no artigo 8 e contará co apoio dos medios e recursos tecnolóxicos dispoñibles e da aplicación informática SIFO, e emitirá a acta que conteña os anexos coas puntuacións obtidas en cada provincia polas accións formativas que cumpriran cos requisitos para ser avaliadas.

6. Unha mesma entidade beneficiaria non poderá ser adxudicataria de accións formativas que superen as 10 horas diarias por aula.

O número de horas por acción formativa non superará as 5 por día, nin as 25 horas semanais, salvo para a realización das prácticas non laborais en que o límite será de 8 horas por día e 40 horas semanais.

No formulario de solicitude de aplicación SIFO, cada entidade solicitante deberá detallar as características dos cursos que solicita para cada unha das súas aulas, priorizando a orde en que os solicita, con especial referencia aos aspectos de número de horas, planificación temporal e contía, e indicando o total de horas por aula.

Non serán obxecto de adxudicación as accións formativas contidas en solicitudes en que se supere o referido límite de horas por aula.

A aplicación informática SIFO contará con controis específicos para garantir que se cumpran os requisitos sinalados neste punto realizándose verificacións por mostras estatísticas por parte de persoal técnico das xefaturas territoriais durante calquera das fases.

Logo da notificación da resolución de concesión das subvencións, a xefatura territorial, de maneira excepcional, e mediante resolución motivada, poderá ampliar o referido límite máximo de horas diarias e semanais ata 7 horas por día e 35 semanais, o que comunicará á entidade beneficiaria.

7. Os servizos periféricos de orientación e promoción laboral, á vista da acta e dos anexos emitidos pola comisión central de valoración, procederán á proposta das accións formativas que sexan obxecto de concesión da subvención, en función da puntuación obtida e do proceso de selección por comarcas que se detalla no anexo I destas bases, que deberá ter en consideración a porcentaxe de persoas desempregadas por comarca sobre o total de persoas desempregadas na correspondente provincia na última enquisa en que se teñan datos.

En calquera caso, o procedemento de selección garantirá que en cada unha das comarcas da provincia en que existan solicitudes que superen o mínimo de puntuación establecida se seleccione, cando menos, unha acción formativa que, de ser o caso, será a que obteña maior puntuación á marxe da listaxe en que estea encadrada.

Ademais, no procedemento de selección evitarase que un mesmo número de censo poida acadar máis do 1,5 % do crédito orzamentario global da convocatoria, salvo nos casos en que se programen especialidades formativas obxecto de reserva de crédito, para as que se permitirá acadar un 2 % do crédito orzamentario global da convocatoria. Estes límites porcentuais non son acumulativos.

Finalmente, as especialidades dunha mesma familia profesional non poderán superar, no seu conxunto, o 25 % do importe global que se subvenciona en cada comarca, con excepción do establecido no segundo parágrafo deste punto e das especialidades formativas obxecto de reserva de crédito.

Para o desenvolvemento do referido proceso de selección por comarcas, os servizos periféricos contarán co apoio dos medios e recursos tecnolóxicos dispoñibles e da aplicación informática SIFO.

Nos supostos en que no referido procedemento de selección das accións formativas se esgote o crédito dalgunha anualidade orzamentaria da correspondente convocatoria, entenderase que poderán seleccionarse as accións formativas para ser impartidas noutro exercicio orzamentario do solicitado, salvo que na súa solicitude a entidade manifeste expresamente que non se acepta cambio de anualidade, en cuxo caso entenderase que desisten da súa solicitude de axuda para a acción formativa afectada, polo que quedará excluída da selección con independencia da puntuación obtida.

8. Á vista das propostas emitidas polos servizos de orientación e promoción laboral, o órgano competente ditará as resolucións correspondentes ao seu ámbito territorial.

9. De se producir dispoñibilidades de crédito como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia, ou como consecuencia de posibles minoracións, renuncias ou modificacións nas subvencións concedidas, o órgano instrutor poderá realizar novas propostas de concesión de proxectos continuando coa orde de prelación fixada pola comisión de valoración ata esgotar o novo crédito.

10. Nos supostos do anterior punto, os servizos periféricos de orientación e promoción laboral seguirán o procedemento sinalado no número 7.

Nos supostos de que as dispoñibilidades de crédito se produzan como consecuencia de renuncias ás subvencións concedidas, aplicarase o referido procedemento, en primeiro lugar, só no ámbito da comarca en que se tiña programada a acción formativa obxecto de renuncia e, para o caso de que sigan existindo dispoñibilidades de crédito, seguirase o procedemento xeral.

Artigo 8. Criterios de avaliación

1. Para avaliar as solicitudes, excepto as que se refiran a competencias clave que se relacionarán no anexo II de cada convocatoria, a comisión de valoración terá en conta os seguintes criterios:

1º. Accións formativas en especialidades formativas con maior relación coa industria 4.0 e as competencias dixitais, establecidas no anexo III de cada convocatoria: 25 puntos.

2º. Accións formativas recollidas no anexo IV de cada convocatoria, de especialidades formativas con maior demanda ou con maiores perspectivas de emprego: 20 puntos

3º. Polo compromiso de inserción laboral das persoas alumnas formadas: ata 15 puntos.

En cada acción formativa solicitada para a correspondente convocatoria, valorarase a porcentaxe que representa o alumnado que se propón insertar no mercado laboral, durante os 6 meses seguintes ao remate da acción formativa correspondente, ben como persoa traballadora por conta allea, ben como persoa traballadora autónoma ou outras modalidades de autoemprego con respecto ao total do alumnado formado, sempre que a contratación laboral, no caso de contratos temporais, se efectúe a xornada completa por un mínimo de 6 meses, ou tempo equivalente no caso de que a contratación non sexa a xornada completa ou que se trate dunha alta no réxime de persoas traballadoras autónomas, a través da seguinte fórmula:

15 puntos × % de alumnado que se propón insertar sobre o total de alumnado formado durante a acción formativa/100.

A inserción deberá realizarse nunha ocupación relacionada coa familia profesional a que pertenza a especialidade impartida.

Non se considerarán inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso, salvo que a persoa alumna rematase toda a formación teórica.

A realización do compromiso de inserción deberá acreditarse de xeito fidedigno por calquera medio válido xuridicamente, por exemplo, a través dunha declaración responsable que indique o NIF da/s empresa/s onde se insertou o alumnado durante os 12 meses seguintes ao remate da acción formativa correspondente, así como da alta no réxime de persoas traballadoras autónomas, cando proceda, e a Administración poderá verificar a veracidade e idoneidade da dita información.

O compromiso de inserción a que se refire este punto verificarase automaticamente a través da interconexión de datos das aplicacións electrónicas do SPEG e da aplicación SIFO, coas conseguintes consecuencias, de ser o caso, de minoración proporcional da puntuación obtida en posteriores convocatorias e nos termos do número 8º.

4º. Accións formativas relacionadas coas áreas prioritarias relacionadas na disposición transitoria segunda da Lei 30/2015, do 9 de setembro, relacionadas no anexo V de cada convocatoria (competencias de idiomas, ofimática e tecnoloxías da información e comunicación, coñecementos financeiros, xurídicos e do funcionamento das administracións públicas): 15 puntos.

5º. Se a entidade ou centro se compromete a colaborar na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado que participe nas súas accións formativas, de tal xeito que formule a súa solicitude e remita a documentación complementaria de xeito electrónico e elixa a opción de ser notificado por vía electrónica, así como, que colabore coa Administración na contestación aos requirimentos de corrección das solicitudes e actualice dilixentemente e, en calquera caso, antes dos límites establecidos, a información para a tramitación e xestión das bolsas e axudas na aplicación SIFO, ata 10 puntos, segundo o resultado de aplicar a seguinte fórmula:

10 puntos × % de alumnado que vai xestionar electronicamente a tramitación das súas respectivas bolsas e axudas sobre o total do alumnado do curso que formula a súa solicitude para percibir bolsas e axudas/100.

O compromiso de colaboración da xestión de bolsas e axudas deberá presentarse segundo o modelo que figura no anexo VII de cada convocatoria.

A colaboración na xestión electrónica a que se refire este punto verificarase a través das aplicacións electrónicas do SPEG, da sede electrónica da Xunta de Galicia e da aplicación SIFO, coas conseguintes consecuencias, de ser o caso, de minoración proporcional na puntuación obtida en posteriores convocatorias nos termos do número 8º, e non substitúe as obrigas de colaboración que nesta materia teñen os centros e entidades de formación, segundo a normativa estatal aplicable e a convocatoria de bolsas e axudas correspondente.

6º. Grado de ruralidade das zonas (parroquias) onde se sitúe o centro en que se impartirá a acción formativa: ata 5 puntos.

O grao de ruralidade das zonas de Galicia será a definida polo Instituto Galego de Estatística en atención á densidade de poboación (clasificación en ZPP, ZIP ou ZDP do grao de urbanización segundo o GU 2016).

A puntuación distribuirase segundo a urbanización, do seguinte xeito:

– As entidades que teñan os centros en zonas densamente poboadas (ZDP) definidas como conxunto contiguo de áreas locais (AL) de densidade de poboación superior a 500 hab./km2 e unha poboación total para a zona de, polo menos, 50.000 habitantes: 0 puntos.

– As entidades que teñan os centros en zonas intermedias (ZIP) definidas como o conxunto de áreas locais (AL) que non pertencen a unha zona densamente poboada onde cada unha conta cunha densidade de poboación superior a 100 hab./km2 e/ou ben a poboación total da zona é superior a 50.000 habitantes ou ben é adxacente a unha zona densamente poboada: 2 puntos.

– As entidades que teñan os centros en zonas pouco poboadas (ZPP) definidas como grupos de áreas locais (AL) que non pertencen a zonas densamente poboadas ou zonas intermedias: 5 puntos.

Esta información pode ser consultada na web do Instituto Galego de Estadística:

http://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=es

7º. Capacidade acreditada da entidade para desenvolver a formación que solicita: valorarase a situación da entidade de formación e/ou de cada un dos seus centros, na data límite de presentación da solicitude, con respecto á implantación dun sistema ou modelo de calidade vixente para a xestión/actividade da formación profesional para o emprego con ata 8 puntos.

A puntuación distribuirase do seguinte xeito:

– Á entidade e a totalidade dos centros para os que solicita subvención que acreditan ter implantado un sistema ou modelo de calidade na xestión/actividade da formación profesional para o emprego: 8 puntos.

– Á entidade e máis do 50 % dos centros para os que solicita subvención que acreditan ter implantado un sistema ou modelo de calidade na xestión/actividade da formación profesional para o emprego: 6 puntos.

– Á entidade e entre o 30 e o 50 % dos centros para os que solicita subvención que acreditan ter implantado un sistema ou modelo de calidade na xestión/actividade da formación profesional para o emprego: 4 puntos.

–·Á entidade que acredita ter implantado un sistema ou modelo de calidade na xestión/actividade da formación profesional para o emprego: 2 puntos.

8º. Puntuaranse negativamente todas as accións formativas solicitadas por aquelas entidades que non cumpriran o seu compromiso de inserción, nos termos dalgunha das 3 convocatorias previas e con cómputo dunha soa vez de cada incumprimento dunha convocatoria concreta, con ata -15 puntos.

De igual xeito, serán obxecto de puntuación negativa, todas as accións formativas solicitadas por entidades que incumpriran o seu compromiso de colaboración na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado, nos termos dalgunha das 3 convocatorias previas e con cómputo dunha soa vez de cada incumprimento dunha convocatoria concreta, con ata -10 puntos.

As convocatorias poderán establecer puntuacións negativas para todas as accións formativas solicitadas por aquelas entidades que renunciaran expresa ou tacitamente a accións formativas concedidas no marco da convocatoria previa, fóra dos supostos permitidos no artigo 9.4, con -15 puntos.

As verificacións necesarias para dar cumprimento a estes criterios realizaranse automaticamente a través das aplicacións electrónicas do SPEG, da sede electrónica da Xunta de Galicia e da aplicación SIFO.

2. Para avaliar as solicitudes que se refiran a competencias clave, a comisión de valoración non terá en conta os criterios 1º, 2º, 3º e 4º, pero a puntuación obtida multiplicarase por 1,75.

3. O emprego preferente da lingua galega na realización das accións formativas utilizarase como criterio de selección no caso de empate.

O compromiso do emprego da lingua galega deberá referirse a súa utilización polas persoas docentes na impartición das accións formativas.

No caso de que persista o empate entre varias solicitudes, resolverase atendendo á puntuación obtida no criterio 1º de valoración. Se o empate continúa, resolverase tendo en conta a puntuación obtida no seguinte criterio, e así sucesivamente, até que se produza o desempate.

No suposto de continuar o empate, aplicarase, como criterio de selección definitiva, a data e hora de presentación da solicitude.

Nos casos de empate entre accións formativas dunha mesma entidade de formación, resolverase atendendo á orde de priorización establecida na propia solicitude, segundo o recollido no artigo 4.

4. O mínimo de puntos exixibles para que unha entidade sexa beneficiaria é de 5 puntos.

Artigo 9. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas a que se refire esta orde de bases reguladoras, logo do informe da comisión de valoración, do cumprimento do trámite de audiencia, cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. As resolucións dos expedientes comunicaranse ao Consello Galego de Formación Profesional.

3. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvencións a que se refire esta orde. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Logo de notificar a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles para a súa aceptación a través da aplicación SIFO, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente rexeitada.

A aceptación da concesión da subvención, no marco desta orde, implica que a entidade interesada recoñece que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, para asumir na súa totalidade a execución completa dos cursos que solicita, así como que se compromete a dispoñer deles ao longo de todo o período de execución da actividade subvencionable.

No suposto de que as entidades a que se propoñan como beneficiarias decidan renunciar de xeito sobrevido posteriormente á súa aceptación desta condición a través da aplicación SIFO, só se considerarán causas xustificadas a imposibilidade de atopar alumnado suficiente para comezar o curso, por imposibilidade de contratar persoal docente que cumpra os requisitos exixidos para impartir a especialidade ou por circunstancias de gravidade e excepcionalidade acreditada, e estarán obrigadas a comunicar a súa renuncia no prazo cinco días hábiles desde que se produza a circunstancia causante a través do formulario «renuncia a acción formativa» na aplicación SIFO.

A xefatura territorial competente deberá ditar resolución expresa sobre a renuncia, nos termos preceptuados pola Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de non producirse unha renuncia expresa, se a acción formativa non dá comezo na data de inicio prevista, inicialmente ou nas sucesivas solicitudes de cambio aceptadas pola Administración, transcorridos cinco días hábiles desde o que debería terse iniciado, entenderase feita unha renuncia tácita, polo que o órgano xestor poderá iniciar a tramitación da dita renuncia, coas consecuencias que se establecen neste artigo.

Tanto nos supostos de rexeitamento expreso como no de renuncias sobrevidas, poderán ditarse novas resolucións nos termos da disposición adicional cuarta, coa finalidade de seleccionar outras accións formativas segundo a puntuación obtida. As accións formativas da entidade renunciante serán excluídas na súa totalidade do novo proceso de selección.

Se a renuncia foi tramitada de oficio tras renuncia tácita por non comezo do curso na data prevista ou, no caso de ser sobrevida, non se motiva adecuadamente, poderá dar lugar a unha minoración da puntuación en sucesivas convocatorias, especialmente naqueles casos en que se produza por ter solicitado cursos por riba da capacidade da entidade ou centro de formación.

5. A resolución da concesión de subvención fixará expresamente a contía total concedida, a puntuación técnica obtida, así como a prohibición de subcontratación, e incorporará, de ser o caso, as condicións, o compromiso de inserción do alumnado asumido, as obrigacións e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.

6. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, se o acto fose expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se o acto non fose expreso, de conformidade co que preceptúan os artigos 122 a 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10. Réxime das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), que remitirá ás persoas interesadas os avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas en momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A presentación de documentación derivada das notificacións practicadas será realizada exclusivamente mediante o programa informático SIFO, que disporá dun punto único para efectuar todos os envíos de documentación á Administración. Unicamente no caso de que non fose posible, por problemas técnicos, o interesado podería realizar a súa presentación por medio dos trámites comúns da sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal).

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

4. A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Sección 2ª. Das obrigas das entidades beneficiarias

Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias

Ademais das obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e das establecidas con carácter xeral para todos os centros e entidades de formación no artigo 7 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, e sen prexuízo das obrigas establecidas na Lei 30/2015, do 9 de setembro, no Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, e no artigo 9 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, as entidades beneficiarias das axudas deberán:

1. Requirir de cada persoa alumna, definida de conformidade co artigo 28, no momento da súa incorporación, a seguinte documentación, que deberá arquivarse separadamente por cada curso:

a) DNI.

b) Ficha individual.

Para os efectos de posibles notificacións, envío de diplomas ou remisión de certificados emitidos á solicitude da persoa interesada, esta deberá incluír para a súa incorporación na aplicación informática de SIFO o enderezo de correo electrónico das persoas participantes na actividade formativa.

c) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de acceso, para a formación correspondente.

d) Documentación acreditativa para a exención do módulo de prácticas profesionais non laborais, se é o caso.

e) Diploma do módulo transversal ou obrigatorio, de selo caso.

f) Documentos de información ao alumnado da subvención, debidamente asinados.

No caso de que existan alumnos ou alumnas que non cumpran os requisitos exixidos de acceso ao curso non se lles emitirá diploma ao finalizar a formación. Na liquidación realizarase unha minoración proporcional ao número de alumnos ou alumnas que non cumprían os requisitos.

2. Como mínimo sete días hábiles antes do inicio do curso:

Introducir na aplicación informática na ficha de SIFO de inicio os seguintes datos:

a) Programa completo, agás naquelas especialidades que teñen programación modular.

b) Enderezo completo.

c) Instrumentos de avaliación válido e fiables, cun sistema de puntuación e corrección obxectivo.

d) A relación de persoal docente que vai impartir o curso. Farase constar a súa formación metodolóxica e relación dos módulos que impartirá cada un deles.

e) Dixitalmente a través dos medios electrónicos a que se refire o artigo 4, facilitar á xefatura territorial correspondente a planificación temporal da acción formativa que, no caso de especialidades de estrutura modular, deberá detallarse para cada un dos módulos do curso, incluídos os transversais, indicando a previsión das visitas didácticas ao longo do curso.

f) No caso de accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade:

– Ratificación do compromiso de subscribir convenio ou acordo coa empresa ou empresas en que realizará o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluída no certificado de profesionalidade.

– Planificación didáctica, elaborada segundo o anexo III da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

– Programación didáctica de cada módulo formativo e, se é o caso, unidades formativas, utilizada como guía de aprendizaxe e avaliación, elaborada segundo o anexo IV da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

– Planificación da avaliación, completada de acordo co anexo V da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

Cada módulo formativo do certificado de profesionalidade poderá ser impartido, como máximo, por dúas persoas formadoras, que deberán cumprir cos requisitos que se establezan para cada módulo formativo no real decreto que regule o correspondente certificado de profesionalidade.

Toda persoa formadora que fose validada, por unha unidade administrativa competente da Administración autonómica, para impartir determinada especialidade ou módulo formativo, segundo o caso, vinculado ou non á obtención dun certificado de profesionalidade, entenderase que cumpre cos requisitos para impartilo en todo o territorio de Galicia durante o período que se determine en cada unha das convocatorias.

As persoas docentes encargadas da impartición do módulo de formación sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e corresponsabilidade familiar e doméstica, deberán acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou de experiencia profesional ou docente en materia de xénero, séndolles de aplicación os mesmos criterios de equiparación da acreditación que se establecen no parágrafo anterior para as persoas docentes que impartan módulos dos certificados de profesionalidade.

O persoal formador que imparta o resto de módulos transversais que se relacionan no artigo 32 deberán tamén cumprir os requisitos docentes de titulación, experiencia profesional e capacitación docente que lles sexan de aplicación:

– A documentación acreditativa da formación e experiencia do profesorado, cando esta non estea en poder da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

– A identificación do persoal de preparación de clases, titorías para o reforzo formativo e impartición da docencia.

– A identificación do persoal que asuma as tarefas de administración e dirección estritamente necesarias para a preparación, xestión e execución da acción formativa.

– O seguro de accidentes das persoas participantes.

– Chaves de acceso á correspondente plataforma, se é o caso.

3. O día de inicio de cada curso, remitirase á xefatura territorial correspondente a seguinte documentación:

a) Certificación xustificativa do comezo do curso e, de ser o caso, das modificacións producidas respecto dos datos sinalados no número 2 deste artigo.

b) As datas de inicio e remate do curso, así como o horario de impartición.

c) O enderezo completo do lugar de impartición.

4. Nos 5 días lectivos seguintes ao inicio do curso, remitirase á xefatura territorial correspondente o DNI dos alumnos e alumnas. Esta obriga de remisión entenderase referida ao día en que fagan a achega do DNI ou o día de incorporación ao curso, pero non máis alá do 10º día natural desde o comezo da acción formativa.

5. Mensualmente, remitirase á xefatura territorial correspondente a seguinte documentación:

a) Partes diarios de asistencia asinados por os alumnos, alumnas e persoal docente.

Este documento deberá ser o xerado pola aplicación SIFO, logo de completar a información necesaria, e deberán arquivarse os orixinais asinados, separadamente, por cada curso.

6. No prazo dun mes desde o remate de cada curso, e respectando os límites máis restritivos que poida impoñer cada convocatoria:

a) Completar a información relativa á finalización do curso na aplicación SIFO.

b) Proceder á xustificación do curso, nos termos do artigo 19.

7. Como complemento aos anteriores parágrafos, no momento da solicitude de persoas candidatas á oficina de emprego, a entidade beneficiaria deberá facilitar á oficina de emprego as datas de inicio e de finalización da acción formativa que se deberán introducir na aplicación informática SIFO.

Artigo 14. Sistema de pagamentos

A xustificación da subvención realizarase a través do sistema de módulos económicos conforme o previsto no artigo 7 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral e o artigo 28 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Para os efectos do previsto nos puntos seguintes, enténdese por módulo económico o custo por participante e hora de formación que poderá ser obxecto de financiamento público.

Os módulos económicos aplicaranse a todas as iniciativas de formación profesional para o emprego. As convocatorias determinarán os módulos económicos específicos para as distintas especialidades formativas logo do correspondente estudo da súa adecuación aos prezos de mercado en función da singularidade, especialización e características técnicas.

Unha vez xustificado o cumprimento das condicións establecidas e a realización da actividade subvencionada conforme o previsto no acto de concesión da subvención e logo da documentación segundo o establecido nas presentes bases reguladoras realizarase o pagamento que adoptará a forma de baremos estándar ou módulos nos termos do artigo 28 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 52 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Anticipos

Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

1. Ata o 25 % do total do importe concedido para cada acción formativa, en concepto de anticipo con carácter previo ao comezo da dita actividade, nos termos do número 8 do artigo 6 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, pode ser solicitado pola entidade beneficiaria despois de que reciba a notificación da resolución e conste aceptación da subvención nos termos do artigo 9.4.

De igual xeito poderase solicitar por parte da entidade beneficiaria o pagamento dun segundo anticipo de ata o 35 % adicional, unha vez acreditado o inicio da acción formativa. Este 35 % adicional, calcularase sobre o importe global concedido para o curso concreto a que se refira.

No caso de non existir a solicitude de anticipo do 25 % previa ao comezo da acción formativa, unha vez acreditado o inicio da acción formativa poderase solicitar de maneira conxunta un anticipo de ata o máximo do 60 % do importe concedido para a acción formativa.A documentación que se achegue para xustificar o importe destes anticipos poderá abranguer desde o outorgamento do 1º anticipo ata o final da acción formativa.

Nos termos do artigo 12.2 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, o cálculo do importe dos referidos anticipos poderá calcularse sobre a base do importe concedido para o total do programa ou proxecto formativo, entendido este como o conxunto das accións formativas obxecto da subvención, se así o solicita a entidade beneficiaria. Así mesmo, entenderase por inicio da actividade formativa o comezo da execución do primeiro curso subvencionado.

Os anticipos deberán ser solicitados a través da aplicación informática SIFO.

Nos termos do artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, os anticipos non poderán superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e, polo tanto, o pagamento poderá ser dividido en dúas anualidades para respectar este límite, para o cal se adoptarán as correspondentes medidas de xestión orzamentaria que permitan a percepción do importe total do anticipo ou suma de anticipos a que se teña dereito.

Os pagamentos dos anticipos faranse efectivos no prazo máximo de tres meses, a contar desde a data de presentación polo beneficiario da documentación requirida para formular a solicitude de anticipo, en atención ao disposto no referido artigo 12.2 da Orde TMS/368/2019.

2. En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados ás persoas beneficiarias nos supostos previstos no número 6, parágrafo terceiro, do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Conforme o previsto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, as entidades locais e institucións sen fins de lucro están exoneradas de constituír garantía para a realización dos anticipos.

As entidades con ánimo de lucro tamén quedan eximidas da obriga de constituír garantías para a realización dos anticipos, por aplicación do artigo 67.4 do antedito Decreto 11/2009.

4. Os gastos realizados con cargo aos anticipos deberán referirse á anualidade orzamentaria para a que foron concedidos e deberán xustificarse dentro do prazo que se sinale na correspondente convocatoria que, en calquera caso, non poderán sinalar para tal efecto unha data posterior ao 31 de marzo do ano natural seguinte á anualidade orzamentaria con cargo á cal foran outorgados.

Artigo 16. Execución da actividade por parte das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias están obrigadas a realizar as actividades de formación para a obtención de certificados de profesionalidade e especialidades formativas comprendidos no anexo I de cada convocatoria, así como ao resto das especialidades formativas a que se refire a presente orde, conforme o previsto na normativa aplicable e cumprindo as seguintes obrigas:

1. Comunicar á xefatura territorial correspondente a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

2. Expoñer no taboleiro de anuncios do centro e na páxina web do centro (de ser o caso), con axeitado cumprimento das obrigas de información e comunicación en relación co financiamento pola Administración correspondente e a Xunta de Galicia, o programa completo do curso temporizado por módulos, os dereitos e deberes do alumnado e dos centros e entidades de formación, así como a relación do persoal docente e o horario do curso.

3. Aboar mensualmente a remuneración do persoal formador a través de transferencia bancaria.

Non exime desta obriga o feito de que o centro ou entidade impartidora non percibise os anticipos previstos nesta orde.

4. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa e someterse ás actuacións de avaliación, seguimento e control, internas e externas, segundo o Plan anual de avaliación, recollido no artigo 18.2 do Real decreto 34/2008 que regula os certificados de profesionalidade.

Nomeadamente, non poderá comezar ningunha acción formativa que non conte coa validación previa do persoal técnico da unidade administrativa competente, a través da aplicación informática SIFO.

5. Dispor dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

O control de asistencia realizarase mediante control biométrico e/ou controis de asistencia que deberán asinar diariamente ao inicio e ao finalizar a actividade (de ser a acción formativa en horario de mañá ou tarde), e catro veces ao día de ser a acción formativa en xornada partida (ao inicio e ao fin da xornada de mañá e ao inicio e ao remate da xornada de tarde).

Tanto o conxunto do alumnado como o persoal docente estarán obrigados a efectuar o referido control de asistencia, de entrada e saída diaria, mediante o control biométrico e, simultáneamente e con carácter subsidiario, mediante partes de asistencia.

Para os efectos de poder efectuar o devandito control de asistencia o alumnado e o persoal docente deberán ter rexistradas en calquera das oficinas de emprego do SPEG as súas pegadas dixitais con carácter previo á data de inicio da actividade formativa.

A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral queda facultada para determinar, se o estima oportuno, que o control de asistencia de alumnado e persoal docente se efectúe, en exclusiva, mediante control biométrico.

No relativo á realización do módulo de prácticas non laborais dos certificados de profesionalidade, o control de asistencia non requirirá o control biométrico, e estará limitado a controis de asistencia que deberán asinar diariamente (de ser a acción formativa en horario de mañá ou tarde) ao inicio e ao finalizar a actividade e catro veces ao día de ser a acción formativa en xornada partida (ao inicio e ao fin da xornada de mañá e ao inicio e ao fin da xornada de tarde).

6. Contratar un seguro de accidentes para o alumnado, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso, como os do traxecto en concepto de desprazamento ao lugar de impartición das clases e das prácticas. A súa duración abranguerá o período do curso, incluíndo expresamente as prácticas en empresas cando estas se realicen, sen que poida admitirse restrición nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado. Non se admitirán pólizas con franquías.

O seguro deberá ter a seguinte cobertura mínima:

a) No caso de morte: 60.000 euros.

b) No caso de invalidez permanente: 60.000 euros.

c) Asistencia médico farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.

7. Contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que poidan derivarse da súa realización para os bens e as persoas, cando se realicen prácticas en empresas ou outras actividades relacionadas co curso. Non se admitirán pólizas con franquías.

O seguro deberá ter a seguinte cobertura mínima:

a) No caso de morte: 60.000 euros.

b) No caso de invalidez permanente: 60.000 euros.

c) Asistencia médico farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.

8. Poñer á disposición das persoas alumnas os materiais didácticos que se precisen de forma indubitada para a axeitada realización da formación, así como os equipos axeitados tanto para a realización das prácticas como para a súa protección e seguridade, do que deberá quedar constancia documental asinada por cada un dos alumnos e alumnas.

9. Comunicar ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos cursos programados, no prazo de dous días hábiles desde que se teña coñecemento de que se vai producir ou dun día hábil desde que se produza.

10. Solicitar ás xefaturas territoriais, con cinco días hábiles de antelación, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos cursos.

11. Aceptar as modificacións que, de ser o caso, introduza o órgano encargado da resolución dos expedientes en relación cos termos de impartición sinalados na solicitude.

12. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, polas xefaturas territoriais competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como someterse a todas as actuacións de comprobación e control previstas no artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

13. Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas, coa referencia común en todos eles á formación para o emprego.

14. Comunicar previamente á xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria correspondente, a realización de viaxes ou visitas de carácter didáctico, con quince días hábiles de antelación ao día en que vaian ter lugar. A xefatura territorial só poderá denegar estas actividades mediante resolución motivada, especialmente nos casos en que se propoñan máis dunha visita por módulo, cando o seu contido non supoña unha achega formativa para o alumnado ou reitere actividades xa realizadas.

15. Pedir ao alumnado a documentación acreditativa dos requisitos de acceso para poder participar no curso no momento da selección, tanto nas accións formativas de especialidades vencelladas a certificados de profesionalidade como noutras especialidades en caso de existir. Esta documentación deberán remitila, xunto coa acta de selección, á oficina de emprego para a súa validación.

16. Dispor de follas de reclamación á disposición de todos os usuarios e usuarias, en aplicación do disposto na Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

17. Realizar polo menos dous cuestionarios sobre a valoración da acción formativa por parte do alumnado (no 1º cuarto do curso e á finalización deste).

A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral poderá habilitar un sistema de captación de enquisas para esta finalidade.

18. Subscribir, con carácter previo á percepción do financiamento público, un compromiso verificable de calidade na xestión, transparencia e eficiencia na utilización de recursos públicos. Este compromiso estará referido ao seguimento da impartición e asistencia de todas as persoas que participan na acción, á súa satisfacción co desenvolvemento da acción formativa, aos seus contidos, aos seus resultados, á calidade do profesorado e ás modalidades de impartición.

19. Cumprir as obrigas de información e comunicación establecidas nesta orde.

A entidade beneficiaria deberá verificar que no momento do comezo da acción formativa a especialidade segue en alta no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal e que o programa de alta non difira do programa autorizado.

Non serán subvencionadas as accións formativas que no momento do seu inicio non estivesen de alta no catálogo de especialidades formativas do SEPE, e descontarase na liquidación o custo do alumnado que non reúne os requisitos exixidos para acceder á formación.

En ningún caso, nin a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral nin a Consellería de Economía, Emprego e Industria adquirirán ningunha responsabilidade respecto daquelas persoas que puidesen participar na formación sen reunir os requisitos de acceso exixidos para as especialidades formativas, especialmente certificados de profesionalidade, de que se trate, ou se a formación se imparte sen cumprir os requisitos exixibles de conformidade coa normativa aplicable e o catálogo de especialidades formativas do SEPE.

Neste sentido, non se expedirán diplomas nin certificados de ningún tipo ás persoas alumnas que participen na formación sen reunir os referidos requisitos, nin se asumirá ningún tipo de responsabilidade económica derivada da súa participación, o que inclúe que non terán dereito a percibir ningún tipo de bolsas e axudas e que non estarán cubertos polos seguros financiados con cargo a esta orde.

As entidades beneficiarias deberán comunicar por escrito os termos deste punto, coas especificidades aplicables á correspondente especialidade formativa, a todas as persoas que participen no proceso de selección do alumnado, con constancia asinada que acredite a recepción e comprensión deste comunicado.

20. A entidade beneficiaria deberá colaborar na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado que participe nas accións formativas correspondentes.

Artigo 17. Comezo e remate das accións formativas

As convocatorias que se realicen ao abeiro das presentes bases reguladoras establecerán as datas de comezo e remate das accións formativas.

Sección 3ª. Das subvencións á formación profesional para o emprego

Artigo 18. Subvención das accións formativas

1. As accións formativas impartidas ao abeiro desta orde serán obxecto de subvención conforme o previsto na presente orde. O réxime de concesión e xustificación da subvención será a través de módulos segundo o previsto no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Os baremos estándar de custos unitarios determináronse consonte a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral e a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

3. O custo subvencionable calcularase en función do custo unitario da hora de formación por alumno ou alumna e do número de horas efectivamente realizadas por cada un deles durante o desenvolvemento da acción formativa.

Para resultar computables tanto os alumnos e alumnas como as horas realizadas deberán cumprir os criterios establecidos nesta orde e incorporarse na certificación que a entidade beneficiaria debe achegar para a xustificación da acción formativa.

Deste modo, o custo subvencionable será o produto de multiplicar a suma do número de horas computables de cada alumno e alumna polo custo unitario de hora-alumno que corresponda para cada acción formativa, segundo se estableza en cada convocatoria, expresado en euros por hora e por persoa alumna.

A fórmula de cálculo aplicable será:

∑ horas de alumnado computable × custo hora-persoa alumna = custo subvencionable

Resultara computable para o cálculo da subvención o alumnado seguinte:

a) Quen asistira polo menos ao 75 % das horas lectivas da acción formativa, incluídas as prácticas non laborais. Para acadar está porcentaxe non se terán en conta as horas relativas aos módulos transversais e específicos, se ben serán computables para o cálculo do custo subvencionable.

No caso de cursos modulados, o 75 % de horas lectivas necesarias calcularase para cada alumno ou alumna sobre cada un dos módulos en que participe e consideraranse computables unicamente aqueles en que se acade a devandita porcentaxe coa excepción do alumnado que estea exento da realización dunha ou máis unidades formativas, en que se divida un módulo formativo para a obtención dun certificado de profesionalidade, de acordo co establecido no artigo 6.2 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade. Neste último caso, só se terán en conta, para o seu aboamento, as horas efectivamente realizadas por este alumnado.

b) Quen abandonou por acceder a un emprego e que realizase polo menos o 25 % das horas lectivas da actividade formativa.

Para determinar o número de horas computables, unicamente se terán en conta as efectivamente realizadas polo alumnado e que consten debidamente acreditadas a través do control biométrico e/ou da certificación e partes diarios de asistencia, nos termos do artigo 16.5. No caso de discrepancia entre as acreditacións achegadas, utilizarase para a determinación do custo o número de horas que resulte inferior.

Á suma das horas computables indicadas no parágrafo anterior, sumaranse as faltas de asistencia xustificadas ata un máximo do 25 % do total de horas da acción formativa non conducente á obtención de certificado de profesionalidade, ou do 25 % de calquera dos módulos formativos que integran as accións formativas dirixidas á obtención dos devanditos certificados. Para estes efectos consideraranse xustificadas as seguintes causas:

– Enfermidade ou accidente acreditados.

– Consulta médica propia ou de familiares ata o primeiro grao ou persoas ao seu cargo.

– Nacemento de fillo ou filla.

– Falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao, 2 días hábiles na mesma localidade e 3 días hábiles en distinta localidade.

– Contratación laboral que permita compatibilizar a asistencia ao curso ata completar o 75 % de horas lectivas da acción formativa.

– Realización de entrevistas ou probas para acceso ao emprego.

– Asistencia a exames finais e outras probas de aptitude, de carácter oficial.

– Citación administrativa ou xudicial.

– Permiso por violencia de xénero.

Outras causas expresamente autorizadas pola Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria que resulte competente para a concesión da subvención.

Para os efectos de cómputo do referido 25 % do total de horas da acción formativa ou do módulo, segundo os casos, para o cálculo da subvención tamén se terán en conta as faltas sen xustificar que se produzan dentro dos límites establecidos no artigo 33.6.

Así mesmo, de se producir abandonos que dean lugar a baixas non computables nin xustificadas, con posterioridade á impartición do 25 % das horas de formación, poderase admitir unha desviación do 15 % con respecto ao número de participantes que tivesen comezado as accións formativas, nos termos sinalados polo artigo 10.3 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, de maneira que os abandonos producidos dentro desta desviación non se teñan en conta para o cálculo do custo subvencionable.

4. No caso de accións formativas que teñan un mínimo dunha persoa alumna con certificación de discapacidade e logo de solicitude expresa da entidade beneficiaria, poderase incrementar o importe da subvención inicialmente aprobado, sempre que se xustifique axeitadamente e que se destine exclusivamente á contratación do apoio necesario para a axeitada participación na acción formativa das persoas con discapacidade.

A memoria explicativa das necesidades que se vaian cubrir deberá presentarse unha vez realizada a selección de alumnos e no prazo máximo de 15 días naturais desde a incorporación á acción formativa da persoa con discapacidade.

Para o financiamento destes custos adicionais ditarase unha resolución complementaria co importe total dos gastos autorizados polos conceptos de persoal de apoio e adaptación curricular ou do material didáctico. O importe adicional calcularase en función do custo unitario por cada hora lectiva da acción formativa en que deba participar a persoa ou persoas con discapacidade, independentemente do número de persoas alumnas con discapacidade. Este custo unitario establecerase en cada convocatoria expresado en euros por hora lectiva.

5. Consonte o previsto no artigo 17 da Lei de subvencións de Galicia, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada calculado segundo o artigo 18.3 da presente orde.

Segundo o previsto no artigo 29 da devandita lei e no artigo 42 do seu regulamento, na xestión da subvención deberase ter en conta que se consideran gastos subvencionables os realizados no prazo establecido polas convocatorias e considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

As subvencións previstas nesta orde son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma acción formativa procedentes de calquera persoa, Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

6. No momento da liquidación garantirase a percepción dun mínimo do 70 % do importe inicialmente concedido por cada acción formativa executada, se esta remata cun número de persoas alumnas equivalente, cando menos, ao 50 % do número de prazas inicialmente programadas.

Artigo 19. Solicitude de pagamento

O pagamento realizarase unha vez presentada á xefatura territorial correspondente a solicitude e a documentación precisa para a axeitada verificación da realización da acción formativa, no prazo de 6 meses computable desde a data da presentación da solicitude.

Para os efectos desta verificación a entidade deberá presentar no prazo dun mes desde a finalización da acción formativa:

1. Certificado da entidade beneficiaria de execución da acción formativa que incorpore unha relación do alumnado computable, con indicación do número de horas computables por cada un deles, con detalle das horas efectivamente realizadas, das horas relativas á faltas de asistencia debidamente xustificadas e das faltas de asistencia sen xustificar pero dentro dos límites do número 6 do artigo 33, e un cadro resumo co detalle dos cálculos da contía da subvención tendo en conta os custos unitarios e os criterios establecidos nesta orde.

No caso de que fose concedida a subvención complementaria para custos derivados da adaptación da acción formativa para a axeitada participación de persoas con discapacidade, deberá engadirse o cálculo correspondente ao financiamento adicional recoñecido.

2. Certificado (no caso de opoñerse á consulta por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria) de que están ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

A obriga de achegar un certificado de cumprimento das obrigas sinaladas no parágrafo anterior poderá substituírse, para os casos que se recollen no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por unha declaración responsable da entidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

3. Declaración complementaria do conxunto de todas as axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución) para a mesma acción formativa ás distintas administracións públicas competentes ou a calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.

4. Alumnado:

a) Relación nominal do alumnado, nas diferentes categorías de participante, formado e aprobado.

b) De ser o caso, e de terse producido incidencias no sistema de control biométrico de asistencia debidamente acreditadas perante o equipo de soporte, partes diarios de asistencia no modelo xerado pola aplicación SIFO asinados polo alumnado participante e o persoal formador ao inicio e ao final de cada xornada, así como da persoa responsable da entidade beneficiaria. Nos ditos partes deberanse identificar de maneira veraz as persoas participantes e expresar as horas realizadas diariamente por cada unha delas, reflectindo expresamente o número de horas de ausencia.

c) Resultado final das actividades realizadas de avaliación e seguimento do alumnado. Acta das avaliacións do alumnado.

d) No seu caso, documentación explicativa dos abandonos producidos. No caso de abandono por colocación deberá achegar a documentación xustificativa desa colocación.

5. Persoal vinculado á docencia:

a) Relación nominal do cadro de persoal vinculado á docencia que participan na acción formativa: persoas formadoras e das persoas titoras-formadoras internas e externas, así como, o persoal que, non tendo o carácter de persoa formadora ou titora-formadora da acción formativa, realiza tarefas relacionadas directamente co seguimento do proceso de aprendizaxe, asesoramento e orientación ao alumnado.

b) Cadro horario do persoal vinculado á docencia.

c) Nómina ou factura e xustificante do seu pagamento do persoal contratado vinculado á docencia.

d) No caso de persoa autónoma titular do centro ou entidade de formación que exerza como persoa formadora:

– Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

– Recibos de liquidación de cotización ao réxime especial de traballadores autónomos relativos ao período de execución das accións formativas.

6. Actividade formativa:

a) Programa completo da formación con detalle da planificación temporal e o profesorado correspondente.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, en que se indiquen as actividades realizadas e os resultados obtidos. A memoria debe reflectir os contidos impartidos, o número de persoas que inician o curso e o número de asistentes, competencias adquiridas ao final da formación e deberá estar asinada pola persoa responsable da entidade beneficiaria.

c) Inventario do material entregado ao alumnado con sinatura de recepción individualizada.

d) Cuestionarios realizados polo alumnado durante a realización da actividade formativa.

e) Indicación da tipoloxía de materiais utilizados para o desenvolvemento da acción formativa.

f) Documentos de seguimento e avaliación da actividade formativa.

g) Un informe de seguimento final da acción formativa realizada.

Poderase presentar outra información que a entidade considere oportuna. En todos os casos, ademais dos documentos orixinais deberán incluírse as modificacións que se produzan ao longo do curso.

7. Se como resultado da comprobación técnico-económica da documentación para a axeitada verificación da realización da acción formativa, a unidade administrativa competente comproba que o importe liquidable da acción formativa calculado segundo o sinalado no artigo 18 foi inferior á subvención concedida, aboarase únicamente o importe efectivamente xustificado.

Así mesmo, cando as entidades beneficiarias incumpriran, total ou parcialmente, os requisitos establecidos na normativa aplicable para a xustificación da subvención ou os fins para a que esta foi concedida, comunicaraselle esta circunstancia, xunto cos resultados da comprobación técnico-económica, e iniciarase o procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención.

8. No suposto de cofinanciamento por fondos da Unión Europea ou supranacionais, será de aplicación a normativa comunitaria ou internacional, estatal e autonómica correspondente, para os efectos da xustificación da subvención recibida.

Artigo 20. Información e comunicacións

A entidade beneficiaria establecerá en todas as accións formativas a referencia ao emblema da Xunta de Galicia e á Consellería de Economía, Emprego e Industria e, de ser o caso, das administracións públicas que confiancian.

Para estes efectos, os beneficiarios das subvencións terán que axustarse ás instruccións e á normativa que sobre información e comunicación a Consellería estableza para cada convocatoria.

Artigo 21. Pista de auditoría

Ante a exixencia subvencional de deixar unha pista de auditoría suficiente, a entidade beneficiaria deberá conservar a documentación correspondente a esta axuda, que deberá estar nun cartafol separado do resto da documentación do centro.

Cada cartafol separado deberá conter toda a documentación do persoal formador e de cada grupo de alumnos e alumnas, coa finalidade de que, os datos empresariais, académicos, laborais e económicos de cada centro sexan coincidentes cos que obran en poder da Administración outorgante da subvención.

A documentación que se custodiará será a orixinal da referida nos artigos 13 e 19 desta orde, así como outra documentación que o centro considere oportuna (documentos xustificativos das ausencias das persoas alumnas ou formadoras) e a documentación xeral relativa ás formadoras ao alumnado e ás comunicacións e notificacións da Administración actuante en materia de formación para o emprego (en concreto listaxe de persoas alumnas remitida pola oficina de emprego).

Para todos estes documentos, ademais dos documentos orixinais, deberán incluírse as modificacións que se produzan deles ao longo da acción formativa.

As entidades beneficiarias da subvención estarán obrigadas a conservar, polo menos durante 4 anos, a devandita documentación para os efectos das actuacións de comprobación e control. O dito prazo computarase a partir do momento en que remate o período establecido para presentar a xustificación e tendo en conta a interrupción do prazo de prescrición do dereito da Administración para recoñecer ou liquidar o reintegro da subvención concedida.

As entidades que, sen ter transcorrido o dito prazo, suspendan a súa actividade ou se disolvan, deberán remitir copia da documentación xustificativa ao órgano competente.

Artigo 22. Prazo de xustificación

Os prazos para a xustificación final dos gastos axustarase, en calquera caso, aos límites establecidos en cada convocatoria segundo a data de remate das accións formativas.

Artigo 23. Seguimento e control dos cursos

1. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde, as xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria aplicarán un sistema de seguimento e control, que poderá implicar, entre outras actividades, visitas presenciais.

2. As entidades impartidoras deberán por á disposición das xefaturas territoriais correspondentes, xunto co resto da documentación exixida nesta orde, a folla de control de asistencia, de ser o caso, debidamente asinada polas persoas técnicas de seguimento que visiten o curso. No caso de que non coincida a folla de control de asistencia que conste en poder das persoas técnicas coa remitida posteriormente polas entidades, presumirase a veracidade da primeira.

3. As persoas empregadas públicas encargadas do seguimento e control verificarán a realización da actividade e realizarán as comprobacións encamiñadas a garantir a correcta realización do proxecto ou acción obxecto da axuda, de maneira que a entidade beneficiaria deberá colaborar con estas actuacións de xeito dilixente e achegando, para tal efecto, canta documentación fora requirida.

4. Posibilitarase á entidade beneficiaria a posibilidade de asinar o informe ou acta durante a visita de control, para acreditar a súa presenza, así como de engadir as observacións que considere oportunas.

Cando se empreguen medios de control electrónicos a autoridade competente ofrecerá a posibilidade á beneficiaria de estampar a súa sinatura electrónica.

Artigo 24. Incumprimento de obrigas e reintegro

1. O incumprimento das obrigas establecidas na presente orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se establecesen na correspondente resolución de concesión dará lugar á perda total ou parcial do dereito ao cobramento da subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida e os xuros de demora correspondentes.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e co artigo 15.2 da Orde TMS/368/2019, o importe da perda do dereito ao cobramento da subvención ou do reintegro determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

1º. Supostos de incumprimento total:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: perda ou reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade obxecto de subvención ou incumprir os fins que a fundamentan: perda ou reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida para a xustificación da acción formativa: no caso de que non se presente ningunha documentación ou que se presente soamente parte da documentación exixida, procederase á perda ou ao reintegro do 100 % da subvención.

d) Incumprimento da obriga de comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións:

Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións que financien as actuacións subvencionadas.

e) Igualmente considerarase que concorre o incumprimento total se a realización da actividade subvencionada non acada o 25 % dos seus obxectivos, medidos co indicador do número de horas de formación multiplicado polo número de alumnos finalizados. Para estes efectos incluiranse tamén as horas de ausencia que resulten computables por falta xustificada ou por colocación, así como no caso de alumnos que cursen unha ou máis unidades formativas soltas integrantes dun modulo formativo destinado á obtención dun certificado de profesionalidade, sempre que estean exentos da realización desas unidades formativas por telas xa cursadas de acordo co establecido no artigo 6.2 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

2º. Incumprimento parcial:

a) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade, información e comunicación establecidas nesta orde e pola normativa aplicable: perda/reintegro do 2 % sobre o total do gasto subvencionado.

b) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 16, dará lugar á perda ou reintegro do 2 % sobre o total do gasto subvencionado.

c) A ausencia dunha pista de auditoría suporá a perda do 100 % da subvención outorgada e o mantemento dunha pista de auditoría insuficiente ou desaxeitada dará lugar a perda ou reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

d) O incumprimento da obriga de aboar, mensualmente e mediante transferencia bancaria, o importe das retribucións das persoas docentes ou formadoras, dará lugar, o primeiro mes, á perda ou reintegro do 5 % sobre o total do gasto subvencionado correspondente a esa mensualidade. De repetirse esta situación noutras mensualidades, esta porcentaxe incrementarase nun 2 % cada mes.

Non se aplicará a penalidade cando o incumprimento non sexa imputable á entidade beneficiaria, circunstancia que se acreditará documentalmente, e que será valorada pola xefatura territorial competente.

e) Procederá o reintegro do 20 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano que concede a subvención, a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

f) O incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a subvención ou da obriga da súa xustificación da mesma dará lugar ao reintegro parcial da subvención concedida. Cando a execución do indicador mencionado no parágrafo anterior estea comprendida entre o 25 % e o 100 %, a subvención concedida minorarase na porcentaxe que se deixara de cumprir, sempre que os gastos fosen debidamente xustificados.

g) No caso de impartir formación a alumnos ou alumnas que non cumpren os requisitos necesarios para o acceso á formación, minorarase a subvención na parte que corresponda a eses alumnos e alumnas.

Artigo 25. Infraccións e sancións

1. Conforme o previsto no artigo 19 da Lei 30/2015, do 9 de setembro polo que se regula o sistema de formación profesional para o emprego, o réxime de infraccións e sancións aplicables no ámbito da formación profesional para o emprego será o regulado polo texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

No non previsto no réxime de infraccións e sancións establecido no parágrafo anterior, observarase o contido da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As sancións impostas polas infraccións graves e moi graves en materia de formación profesional para o emprego que dean lugar a que a subvención sexa declarada indebida polo órgano concedente, unha vez firmes, incluíranse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

3. A obriga de reintegro establecida no artigo 24 entenderase sen prexuízo do previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se concorresen as accións e omisións tipificadas na antedita lei.

As infraccións poderán ser cualificadas como leves, graves ou moi graves e levarán aparelladas as sancións que en cada caso corresponda de acordo co previsto na antedita lei.

Artigo 26. Devolución voluntaria das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta IBAN ES82 2080 0300 8731 1006 3172 en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da beneficiaria.

O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

CAPÍTULO III

Normas relativas á execución das accións formativas

Sección 1ª. Das accións formativas

Artigo 27. Accións formativas

1. O obxectivo prioritario das accións formativas reguladas na presente orde é a inserción e a reinserción laboral das persoas traballadoras desempregadas naqueles empregos que require o sistema produtivo.

2. As accións formativas estarán constituídas polas especialidades e polo/os módulo/os transversal/ais e complementario/s a que se refire esta orde.

As especialidades formativas deberán estar incluídas no catálogo do Servizo Público de Emprego Estatal, que integra toda a oferta formativa desenvolvida no marco do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e previstas no articulado desta orde así como no anexo I de cada convocatoria.

Ademais, tamén deben cumprirse os requirimentos mínimos, tanto do persoal docente como das persoas participantes e das instalacións para cada especialidade formativa.

Nos supostos de programación de accións formativas constituídas por competencias clave, só se poderá/n incluír o/s módulo/s transversal/ais a que se refire o artigo 32.1.

3. A formación profesional para emprego obxecto de financiamento por esta orde impartirase de forma presencial.

4. Poderán impartir a formación profesional para o emprego as entidades de formación, públicas ou privadas, acreditadas ou inscritas no correspondente rexistro, para impartiren formación profesional para o emprego. Estas entidades non poderán subcontratar con terceiros a execución da actividade formativa adxudicada. Para estes efectos, non se considerará subcontratación, a contratación de persoal docente. Por contratación de persoal docente enténdese exclusivamente a contratación de persoas físicas.

Artigo 28. Persoas destinatarias da formación e definición de persoa alumna

1. As accións formativas irán dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia na data da súa incorporación ao curso. Non será precisa a inscrición como demandante de emprego no caso de estar inscrito no Ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil. Se durante o desenvolvemento dun curso algunha persoa alumna pasa a situación de ocupada, poderá continuar asistindo á acción formativa sempre que haxa total compatibilidade entre o horario formativo e o laboral.

Terán a condición de persoas alumnas as que cumpren os requisitos de acceso á acción formativa correspondente e fosen seleccionadas a través dun procedemento realizado de conformidade ao establecido na presente orde.

2. Terán preferencia para a participación nos cursos os seguintes colectivos de persoas desempregadas, sen prexuízo do que establece o artigo 29 no referido á selección directa por parte das entidades formativas e ao exercicio do dereito de elección de centro, e da priorización que, en calquera caso, terán, por esta orde, 1) as que teñan incluídas esta especialidade formativa no seu IPI, 2) as persoas que solicitasen a especialidade formativa en cuestión, comezando por aquelas que a teñan solicitado no centro que vai impartir o curso e, 3) as que tendo unha especialidade formativa dun nivel queiran acceder á do nivel inmediatamente superior da mesma familia e da mesma área:

1º. Mulleres, especialmente aquelas que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero, de acordo co disposto no artigo 3 do Real decreto 1917/2008, do 21 de novembro, polo que se aproba o programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero.

2º. Persoas desempregadas de longa duración.

3º. Menores de 30 anos.

4º. Persoas emigrantes retornadas.

5º. Persoas con discapacidade.

6º. Persoas en risco de exclusión social, entendéndose como tales aquelas en que concorre algún dos factores ou situacións enumeradas no artigo 2 do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, sempre que tal situación se certifique polos servizos sociais públicos correspondentes.

7º. Persoas con baixa cualificación, entendéndose como tales aquelas que non estean en posesión dun carné profesional, certificado de profesionalidade de nivel 2 ou 3, título de formación profesional ou dunha titulación universitaria.

8º. Persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen acreditacións parciais mediante o procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral.

3. No caso de empate no proceso de determinación das persoas traballadoras desempregadas que participarán nos cursos, acudirase aos seguintes criterios de desempate, pola orde que se indica a continuación:

1º. Tempo en que leven sen participar en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego.

2º. Tempo que levan inscritas como demandantes de emprego.

Artigo 29. Selección do alumnado

1. Cada entidade beneficiaria que desexe efectuar a selección directa do alumnado comunicarao á xefatura territorial correspondente, no momento de presentación da solicitude de subvención ou en calquera momento previo ao comezo da acción formativa correspondente, sempre que se trate de persoas desempregadas que cumpran os requisitos de participación exixibles na especialidade formativa en cuestión.

De acollerse ao dereito á selección directa do alumnado, as entidades priorizarán na participación nos correspondentes procesos selectivos ás persoas traballadoras desempregadas que exerzan o seu dereito de elección de centro, a través da web
https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/gl/buscador-de-formacion, con preinscrición directa ante a entidade ou centro de formación correspondente, ou por outros medios que determine a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a través de instrución ou circular.

2. Se as entidades beneficiarias non elixen o procedemento de selección directa do alumnado, deberán efectuar os seguintes trámites:

a) Con 15 días hábiles de antelación á realización da proba de selección, as entidades beneficiarias solicitarán directamente á oficina de emprego que corresponda, mediante o impreso normalizado establecido para o efecto, unha listaxe de persoas desempregadas que se adecúen ao perfil requirido para a realización de cada curso, en función dos requisitos de acceso do alumnado ao curso especificado no certificado de profesionalidade ou ben no programa do curso aprobado polo Consello Xeral da Formación Profesional.

b) A oficina de emprego, mediante sondaxe entre as persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, seleccionará dúas persoas por praza vacante en cada curso e convocará, mediante calquera medio que acredite a súa recepción de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ás persoas demandantes preseleccionadas para que asistan á proba de selección que deberá realizar a entidade de formación. Esta proba de selección deberá ser visada previamente pola oficina de emprego. A entidade de formación non debe predeterminar o colectivo a que vai dirixido o curso, limitarase a identificar os requisitos de acceso do alumnado.

c) Remitida a lista á entidade solicitante, esta procederá á selección do alumnado preseleccionado mediante a realización das probas que estime pertinentes, de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude, que deberán poñerse en coñecemento das persoas candidatas antes da súa realización. Da selección levantarase a correspondente acta no modelo normalizado establecido para o efecto.

Na realización das probas poderá estar presente unha persoa representante da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

d) As persoas demandantes propostas pola oficina de emprego só poderán ser rexeitadas para a realización do curso cando concorran causas xustificadas que así o determinen e sexan fidedignamente acreditadas pola entidade beneficiaria, especialmente, o incumprimento dos requisitos para participar na correspondente especialidade formativa.

e) No caso de que ningunha persoa demandante proposta pola oficina de emprego superase as anteditas probas, ou transcorran 15 días naturais desde a petición de persoas candidatas por parte da entidade beneficiaria e a oficina de emprego non remita persoas demandantes de emprego, ou as persoas demandantes enviadas sexan insuficientes, a oficina de emprego deberá tentar novas sondaxes entre persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego, que non respondan aos criterios que empregou na sondaxe inicial, entre os que poderán incluírse: sondar a persoas que teñen certificados de profesionalidade aprobados de menor nivel da mesma familia e área profesional, sondar por estudos cursados ou ocupación ou experiencia profesional afíns, relacionados coa especialidade que se imparta ou aumentar o ámbito xeográfico.

Se a pesar do anterior, non se cobren as prazas, a entidade beneficiaria poderá realizar a correspondente convocatoria pública ou optar pola selección directa.

Os anuncios da convocatoria pública poderán efectuarse por calquera medio de comunicación (prensa escrita, carteis, folletos, internet, correo electrónico, telefonía, redes sociais, radio, televisión e medios de comunicación análogos aos anteriores). Nos anuncios necesariamente deberá facerse constar o financiamento da acción por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, debendo figurar neles o logotipo da Xunta de Galicia.

Especificarase claramente, como mínimo: a institución ou centro ofertante, as vacantes existentes, o curso de que se trata, o perfil requirido do alumnado, o enderezo e teléfono do lugar de realización das probas de selección, así como a data e a hora.

3. Da selección darase conta á oficina de emprego encargada da preselección do alumnado, con independencia do tipo de metodoloxía de selección empregado, coa finalidade de que persoal técnico desa oficina ou do servizo periférico de que dependa poida validar a acta de selección no prazo máximo de 5 días naturais desde a recepción do documento, requisito previo imprescindible para que poida comezar a acción formativa.

A comunicación á oficina de emprego deberá realizarse previamente á data de inicio do curso.

4. O alumnado que realizase un curso e teñan dereito a diploma non poderá volver realizar outro curso da mesma especialidade. No caso de detectarse esta circunstancia, deberán ser dados de baixa. Ademais, neste suposto o alumnado correspondente non terá dereito a percibir ningunha das bolsas e axudas que se financian no marco do procedemento TR301V.

Ao comezo de cada curso informarase a todo o alumnado desta exixencia, a través dun medio que deixe constancia da súa recepción.

5. O número máximo de persoas alumnas participantes en cada curso será de 15, e non poderá iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 10 persoas alumnas presentes o primeiro día.

No suposto de que o curso se inicie con 10 ou máis persoas alumnas e menos de 15, deberá completarse o dito número dentro do primeiro cuarto deste.

De non se incorporar o alumnado seleccionado ou de se producir baixas dentro do primeiro cuarto do curso, poderán substituírse por novas persoas alumnas, sempre que, a xuízo dos responsables da entidade de formación, as persoas que se incorporen poidan seguir as clases con aproveitamento, unha vez superadas as probas de nivel correspondente, e non dificulten a aprendizaxe do grupo inicial. Cada nova alta ou baixa de alumnado que se produza no curso deberá ser comunicada á oficina de emprego correspondente no prazo máximo de 3 días hábiles desde que se produza.

De se tratar de accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade unicamente se poderá incorporar alumnado durante os primeiros 5 días lectivos desde o inicio da acción formativa, sempre que non se superara o primeiro cuarto. Superados os primeiros 5 días lectivos, só poderán incorporarse ao curso aquelas persoas alumnas que teñan pendentes un ou varios módulos formativos para finalizar a súa formación. A súa incorporación só poderá realizarse dentro dos cinco primeiros días lectivos do/s módulo/s formativo/s que teña pendente/s, sempre que non se superase o primeiro cuarto deste módulo. A persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel da persoa alumna.

Para estes efectos, naqueles casos en que os módulos transversais se impartan con anterioridade aos módulos formativos integrantes do certificado de profesionalidade, os primeiros cinco días lectivos entenderanse referidos aos cinco primeiros días lectivos do módulo formativo integrante do certificado, non aos cinco primeiros días lectivos do módulo transversal.

Igualmente, naqueles casos en que se impartan módulos formativos integrantes do certificado de profesionalidade do cal parte do alumnado estea exenta na súa realización, os cinco primeiros días lectivos serán referidos aos cinco primeiros días lectivos dos módulos formativos en que participe a totalidade do alumnado.

De se producir abandonos con posterioridade á impartición do 25 % das horas de formación, poderase admitir unha desviación do 15 % con respecto ao número de participantes que as tivesen comezado, nos termos sinalados pola Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

6. Os cursos en que, malia o intento de completarse o número de persoas alumnas, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ao 50 % do número programado, exceptuadas as baixas que se produzan por colocación das persoas alumnas, poderán ser cancelados polo órgano competente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. No caso de cancelación, a entidade terá dereito a unha indemnización, calculada de acordo co principio de proporcionalidade, que será proposta polo servizo de Orientación e Promoción Laboral de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria e aprobada pola persoa titular da respectiva xefatura territorial por delegación da persoa titular da consellería.

Artigo 30. Calidade e avaliación

1. As entidades deberán realizar unha avaliación e control de calidade da formación que executen. Deberán destinar a esa finalidade ata un 5 % do importe subvencionado.

As actuacións realizadas en materia de avaliación polas entidades, deberán comunicarse á Administración actuante no momento en que se efectúen, dando traslado de copia da documentación e dos resultados obtidos a través dun informe en que queden reflectidas, así como da verificación das condiciones de impartición do curso e as actuacións de mellora que se teñan realizado a raíz dos resultados das accións de avaliación e control.

Deberán facer un seguimento continuo que permita a identificación de áreas de mellora e a elaboración de plans de mellora, detectando debilidades que poidan ser emendadas dentro do período de realización do curso, e quedando reflectidas as actuacións levadas a cabo para tal fin na memoria final.

2. De conformidade co establecido nos artigos 24 e 25 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria velará pola calidade da formación profesional para o emprego e as/os entidades/centros de formación colaborarán na avaliación da formación que executen, seguindo as instrucións que para tal fin poderá ditar a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, en que concretará os criterios e posibles indicadores da avaliación e o tamaño da mostra representativa para avaliar os grupos de formación.

Artigo 31. Especialidades formativas

1. Os cursos serán de carácter presencial e a súa duración e horario non se poderá modificar respecto do indicado no formulario de solicitude, salvo autorización expresa da persoa titular da xefatura territorial.

2. As especialidades formativas obxecto de subvención serán os certificados de profesionalidade, as competencias clave, idioma, os módulos transversais e complementarios e as especialidades formativas a que se refire esta orde, así como as consecuentes convocatorias, no seu articulado e anexos, e poderán programarse ou ben completas, ou ben por módulos formativos, no caso de especialidades incluídas polo Servizo Público de Emprego Estatal na programación modular.

Nas especialidades formativas que dean lugar á obtención de certificados de profesionalidade, cando se programen todos os módulos dun certificado deberase incluír obrigatoriamente o módulo de prácticas non laborais en empresas, e non se poderá impartir o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas se non vai asociado a algún outro módulo formativo do curso.

Ademais, se só se programan algúns dos módulos dun certificado de profesionalidade, o alumnado non poderá realizar o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas se previamente non ten superado o resto de módulos do dito certificado.

3. Todas as especialidades formativas que se impartan dentro da programación de formación para o emprego deberán estar incluídas no catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal e comprenderán as especificacións técnico docentes e o contido formativo axeitado, de acordo co nivel e o grao de dificultade establecido.

4. O programa que se impartirá en cada curso será o previamente incluído no catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal.

Artigo 32. Módulos transversais

1. En todos os cursos subvencionados ao abeiro da presente orde, será obrigatoria a impartición do módulo transversal «Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero» (FCOO03), de dez horas de duración, das cales, cando menos dúas horas, deberán referirse á igualdade de xénero, vinculada coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e corresponsabilidade familiar e doméstica, coa finalidade de dar cumprimento ao que preceptúa a disposición a que se refire o seguinte parágrafo.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 26 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposición legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade, impartirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de tres horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas (FCOXXX23) e de oito horas nos cursos de duración superior a cincuenta horas (FCOXXX24).

2. Excepcionalmente, ademais dos módulos transversais sinalados no punto primeiro, as entidades poderán solicitar a impartición dun módulo de formación complementaria de entre os que se sinalan a continuación, sempre que a súa impartición estea xustificada polo contido da especialidade formativa solicitada. A súa impartición será autorizada ou denegada na resolución de concesión da subvención:

Código

Denominación

Horas

FCOXXX02

Creación de empresas

20

FCOI01

Alfabetización informática: internet

10

FCOI02

Alfabetización informática: informática e internet

25

FCOM01

Manipulador de alimentos

10

FCOA03

Medio ambiente na agricultura

25

FCOXXX03

Habilidades comunicativas en galego para o mundo laboral

20

FCOXXX26

Básico de prevención en riscos laborais

60

Non serán obxecto de subvencións os anteditos módulos de formación complementaria para o caso de especialidades formativas vinculadas con competencias clave.

3. As entidades, no momento de solicitar os cursos, deberán indicar no anexo VII de cada convocatoria os módulos complementarios que desexan impartir.

4. A valoración económica dos módulos transversais e complementarios será a mesma que a dos módulos do curso de formación en que se inclúan.

5. O alumnado que, segundo conste na aplicación informática SIFO, teña xa cursado algún módulo transversal da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, non poderá volver realizalo.

No suposto de que non figure recollida na aplicación informática SIFO a súa realización, poderán non realizalo, sempre e cando o xustifiquen a través da plataforma SIFO.

6. O alumnado que acredite documentalmente estar en posesión dun diploma oficial que acredite formación en materia de prevención de riscos laborais de 60 horas, do diploma de técnico intermedio ou superior de riscos laborais, estará exento da realización do módulo transversal de Prevención de Riscos Laborais.

7. O alumnado que acredite documentalmente ter recibido formación en materia de igualdade de xénero e igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e corresponsabilidade familiar e doméstica, nos termos e polas horas referidas no número 1, quedará exento da realización dos módulos transversais correspondentes, en función das horas acreditadas.

8. Os módulos transversais deberanse impartir ao final da acción formativa, sendo o módulo de igualdade o último en impartirse. A persoa titular da xefatura territorial correspondente poderá autorizar a modificación da orde de impartición logo de solicitude razoada presentada pola entidade formadora.

Artigo 33. Dereitos e deberes do alumnado

1. A formación será gratuíta para todo o alumnado das accións formativas derivadas desta orde.

2. O alumnado terá dereito a percibir as axudas ou bolsas que se establezan pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

3. Dentro da programación de formación profesional para o emprego financiada con fondos públicos, o alumnado que resulte seleccionado para un curso non poderá asistir en ningún caso a outro simultaneamente. Tampouco poderá causar baixa nun curso para acceder a outro, salvo autorización expresa previa do/da respectivo/a xefe/a territorial, por causas excepcionais debidamente xustificadas.

4. Terán a obriga de asistir e de seguir con aproveitamento os cursos, asinar os controis de asistencia, rexistrar a súa entrada e saída do curso no sistema de control biométrico e facilitar a documentación que lle ten que ser requirida pola entidade impartidora o día da selección para a validación da acta, sobre o cumprimento dos criterios de acceso, así como o primeiro día do curso ou o día da súa incorporación ao curso. Neste último caso, o alumno deberá entregar a documentación dentro dos 3 primeiros días lectivos do curso ou dos 3 primeiros días lectivos desde a súa incorporación ao curso.

5. Nos cursos de especialidades formativas correspondentes a certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, terán a obriga de presentar copia da documentación acreditativa dos requisitos de acceso para poder participar no curso. No seu caso, tamén deben presentar a documentación acreditativa para a exención do módulo de prácticas profesionais non laborais.

6. Será causa de exclusión:

a) Incorrer nun número de faltas de asistencia sen xustificar superiores a 10 horas ao mes e sempre que non superen o 5 % do total de horas da acción formativa, ou non seguir o curso con aproveitamento segundo criterio do seu responsable.

A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia. As persoas alumnas disporán dun prazo de tres días hábiles para presentar na entidade de formación os xustificantes das súas faltas de asistencia. Unha vez transcorrido este prazo sen que os presentasen, a falta será considerada como sen xustificar. As faltas de asistencia por actividade laboral, cun máximo de 25 horas ao mes, xustificaranse cunha copia do contrato de traballo e a acreditación documental suficiente de superposición do horario laboral co horario lectivo.

b) Incorrer en cinco incumprimentos horarios nun mes, sen xustificación. Enténdese por incumprimento horario cando a suma dos minutos de atraso na hora de entrada, da saída con antelación e das ausencias durante parte das horas lectivas, sexa superior a 15 minutos por cada día lectivo, sen causa xustificada.

c) As seguintes causas disciplinarias:

– Atentar contra os dereitos das persoas alumnas, do persoal docente ou da entidade formadora.

– Non seguir con suficiente aproveitamento a acción formativa ou dificultar o seu normal desenvolvemento.

– Negarse a efectuar os controis biométricos de asistencia.

– Non entregar a documentación requirida pola entidade formadora ou a unidade administrativa correspondente, necesaria para dar cumprimento á normativa aplicable.

O procedemento para dilucidar se procede a exclusión será resolto pola persoa titular da xefatura territorial en que teña lugar a acción formativa en cuestión e será incoado mediante solicitude debidamente motivada por parte da entidade formadora.

A persoa alumna proposta para exclusión será obxecto de audiencia por un prazo de 5 días hábiles por parte do Servizo de Orientación e Promoción Laboral, logo da cal formulará a súa proposta de resolución.

Durante a tramitación deste procedemento, a persoa alumna que o motiva poderá ser suspendida de asistencia á acción formativa, ata a notificación da resolución definitiva, contra a cal, que non pon fin á vía administrativa, poderán interpoñer recurso de alzada as persoas interesadas.

7. Nas accións formativas de especialidades vencelladas a certificados de profesionalidade, as persoas alumnas que teñan xa cursado con aproveitamento algún módulo formativo dos que integran a especialidade que estean cursando, non poderán volver a realizalo, sempre que esa formación sexa acreditable para os efectos da obtención dos certificados de profesionalidade.

Artigo 34. Diplomas

1. Cursos non modulados.

As persoas alumnas que, cumprindo os requisitos de acceso previstos para a acción formativa, rematen os cursos con aproveitamento, sempre que asistisen como mínimo ao 75 % da especialidade formativa, recibirán un diploma oficial, no modelo que se elaborará na Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Así mesmo, terán dereito ao diploma as persoas alumnas que causen baixa no curso por colocación, cando a persoa docente coide que teñen os coñecementos equivalentes ao nivel do curso e asistisen, como mínimo, ao 75 % das horas lectivas.

2. Cursos modulados.

As persoas alumnas que rematen con aproveitamento un ou varios módulos formativos dun curso, independentemente de que se programase a especialidade completa ou modularmente, e sempre que asistan como mínimo ao 75 % das súas horas lectivas. Esta porcentaxe non afectará o alumnado que cursen unha ou mais unidades formativas soltas integrantes dun modulo formativo destinado á obtención dun certificado de profesionalidade, sempre que estean exentos da realización desas unidades formativas a que non asistan por telas xa cursadas de acordo co establecido no artigo 6.2 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, recibirán un diploma oficial acreditativo desta circunstancia, que será elaborado pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Así mesmo, terán dereito ao diploma as persoas alumnas que causen baixa no curso por colocación, cando o docente coide que teñen os coñecementos e capacidades correspondentes ao nivel de cada módulo formativo e asistisen, como mínimo, ao 75 % das súas horas lectivas. No caso dos certificados de profesionalidade tamén terá que ter superado coa cualificación de apto a avaliación continuada do módulo formativo realizada polo docente e o exame previsto no artigo 19 da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

3. Á vista dos puntos anteriores, as persoas alumnas que non teñan dereito a diploma poderán recibir, se o solicitan, unha certificación polas horas e/ou módulos a que asistisen.

4. Dentro do programa do curso, que debe figurar na parte posterior do diploma, figurarán separadamente do resto do programa os módulos de formación complementaria impartidos pola entidade en cada curso, así como a súa duración e horas, no caso de que a persoa alumna teña a obriga de facer estes módulos.

5. Para a expedición de diplomas e certificados relativos á formación correspondente a especialidades de formación profesional para o emprego, vinculadas ou non con certificado de profesionalidade, non será necesario computar as horas dos módulos transversais e/ou complementarios que non estean contidos no programa formativo correspondente incluído no real decreto que o regula ou na ficha do catálogo de especialidades a que se refire o artigo 20 da Lei 30/2015.

6. Tanto a emisión dos diplomas como, de ser o caso, a expedición de certificados polas horas e módulos realizados, efectuarase en soporte electrónico.

Sección 2ª. Das prácticas non laborais

Artigo 35. Prácticas non laborais

1. Disposicións comúns:

a) As prácticas incluídas no programa formativo poderán desenvolverse, consonte o artigo 19 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, e de acordo cos requisitos do programa e respectando a súa duración, en empresas.

Poderanse realizar en calquera especialidade e a súa externalización terá carácter voluntario para as entidades impartidoras e obrigatorio para o alumnado, no caso de que a entidade opte pola súa realización. No suposto do módulo de prácticas profesionais non laborais correspondentes aos certificados de profesionalidade, será obrigatoria a impartición en centros de traballo cuxa actividade estea vinculada coas ditas accións formativas e relacionada co seu contido formativo, logo de subscrición dun convenio ou acordo entre a empresa e a entidade de formación, que será posto en coñecemento da persoa que realiza as prácticas, e no cal deberá describirse o contido destas, a súa duración, lugar de realización, horario e o sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación. Os gastos que se deriven da súa realización deberán imputarse ao orzamento do curso en que están incluídas.

b) O procedemento que se seguirá para a súa xestión é o seguinte:

Con dez días hábiles de antelación á data prevista para a realización das prácticas, a entidade de formación presentará a correspondente comunicación á xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, xuntando a seguinte documentación:

– Convenio ou acordo subscrito coa empresa ou empresas en que realizará o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluída no certificado de profesionalidade.

– Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

– Datas, lugar de realización, horario e duración.

– Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes do alumnado que cubra os riscos do curso. Deberá incluír os riscos do traxecto ao lugar de realización das prácticas e contraerase estritamente durante o período de duración das prácticas.

– Documento que acredite a contratación por parte da entidade impartidora dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización das prácticas en empresas. Non se admitirán pólizas con franquías.

– Declaración responsable da persoa representante legal en que se indique:

Que se dispón de comunicación previa ou licenza municipal de apertura da actividade de que se trate ou, na súa falta, que faga constar a idoneidade dos locais de impartición onde se van desenvolver as prácticas no caso de empresas, ou calquera outro documento acreditativo da idoneidade dos locais para a realización das prácticas.

Que a empresa en que se realizarán as prácticas cumpre coa normativa de prevención de riscos laborais.

A entidade beneficiaria deberá introducir no SIFO os datos relativos ao alumnado que desenvolva o módulo de prácticas.

c) As empresas onde teñan lugar as prácticas deberán reunir os requisitos establecidos no programa da especialidade da cal se van realizar as prácticas.

d) A duración das prácticas non pode exceder en ningún caso da duración da parte práctica que se fixa no programa formativo, e non poderán rematar con posterioridade á finalización do curso.

e) Antes do comezo das prácticas a entidade beneficiaria da subvención porá en coñecemento da Inspección de Traballo unha relación do alumnado que vai realizar as prácticas, e o/s nome/s da/s empresa/s en que realizarán as prácticas, localidades, datas e horario de realización.

f) As empresas en que se realicen as prácticas comunicarán á representación legal dos traballadores na empresa unha relación do alumnado que vai realizar as prácticas, as datas e horario de realización.

g) As prácticas que realice o alumnado de formación profesional para o emprego non suporán en ningún caso a existencia de relación laboral entre as persoas alumnas e as empresas.

h) Unha vez comunicadas as prácticas, as entidades deberán comunicar ao órgano competente calquera incidencia que se produza no seu desenvolvemento.

2. Módulo de formación práctica en centros de traballo nas accións formativas vinculadas á obtención dos certificados de profesionalidade:

a) A impartición do módulo de formación práctica en centros de traballo nas accións formativas vinculadas á obtención dos certificados de profesionalidade axustarase aos requisitos antes mencionados, ao establecido na Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, e ao estipulado no real decreto regulador de cada certificado de profesionalidade.

b) O alumnado só poderá realizar o modulo de prácticas unha vez superados o resto dos módulos formativos do certificado de profesionalidade. O módulo de formación práctica en centros de traballo terá que iniciarse nun prazo non superior a catro meses naturais desde a finalización do último módulo formativo. Para determinados certificados de profesionalidade que pola súa natureza presenten dificultades para o cumprimento do antedito prazo, poderá solicitarse á Administración competente unha autorización para a súa ampliación

c) A persoa titora deste módulo será a designada pola entidade de formación entre as persoas formadoras ou titoras-formadoras que impartisen os módulos formativos do certificado de profesionalidade correspondente.

d) A persoa titora do módulo de formación práctica en centros de traballo será responsable de acordar coa persoa titora designada pola empresa o programa formativo deste módulo. Para establecer o programa formativo consideraranse as capacidades, criterios de avaliación e contidos establecidos para este módulo no certificado de profesionalidade. O dito programa debe incluír criterios para a avaliación, observables e medibles e recoller, polo menos, a información que se indica no anexo VIII da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e o reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación.

e) O seguimento e a avaliación do alumnado realizarase conxuntamente pola persoa titora da entidade de formación e a persoa titora designada pola empresa, e reflectirase documentalmente para efectos da certificación da formación.

f) O alumnado que supere o módulo de prácticas recibirá unha certificación asinada pola persoa titora da entidade, a persoa titora designada pola empresa e a persoa responsable da empresa, segundo o modelo que figura no anexo IX da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

CAPÍTULO IV

Convocatorias

Artigo 36. Anualidades, tipo de accións formativas e réxime de concesión. Relación de anexos

1. Cada convocatoria que se efectúe ao abeiro destas bases reguladoras indicará as anualidades a que se refire.

2. As axudas convocadas dirixiranse ao financiamento de accións formativas para o colectivo das persoas traballadoras desempregadas, nos termos que estableza ao respecto a normativa básica estatal aplicable, en réxime de concorrencia competitiva, e de acordo con estas bases reguladoras.

3. En cada convocatoria recolleranse, cando menos, os seguintes anexos, para os efectos das consecuencias orzamentarias ou de selección que se determinan nas bases reguladoras:

Anexo I: módulos económicos por hora e alumno das especialidades formativas.

Anexo II: especialidades formativas con reserva de créditos orzamentarios.

Anexo III: especialidades formativas vinculadas coa industria 4.0 e competencias dixitais.

Anexo IV: especialidades formativas máis demandadas ou con maiores perspectivas de emprego.

Anexo V: especialidades formativas priorizadas en virtude da Lei 30/2015, do 9 de setembro.

Artigo 37. Financiamento

1. Cada convocatoria explicitará o importe total do crédito que se destine para este tipo de subvencións, a súa distribución por cada unha das anualidades a que se refira e co detalle das aplicacións orzamentarias a que se imputarán, ademais do código de proxecto correspondente, cun cadro que seguirá o seguinte modelo:

Aplicación orzamentaria

Anualidade

Anualidade

Importe total

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Total

 

 

 

Ademais, detallarase o reparto porcentual dos referidos importes, por aplicación orzamentaria e anualidade, en cada unha das provincias galegas.

2. Os créditos que se reflictan en cada convocatoria poderán ser obxecto de modificacións nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia segundo o previsto na disposición adicional primeira da presente orde.

3. En cada convocatoria poderán establecerse reservas porcentuais de crédito para as solicitudes de financiamento de determinadas especialidades formativas, conducentes ou non á obtención de certificados de profesionalidade que se consideren relevantes en atención ás necesidades de formación da poboación desempregada de Galicia, así como para potenciar a formación en determinados ámbitos sectoriais.

As especialidades formativas que sexan obxecto de reserva de crédito deberán detallarse na listaxe que se conteña no correspondente anexo II de cada convocatoria.

Se unha vez concedidas as subvencións para as accións formativas que contan con reserva de crédito resultan remanentes nas reservas de crédito establecidas, as contías sobrantes poderán utilizarse para o financiamento das restantes actividades formativas solicitadas.

5. O custo unitario aplicable a cada convocatoria de subvencións figurará no correspondente anexo I para cada acción formativa.

Para os custos adicionais de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade establécese un custo unitario de 16 euros por hora lectiva.

Para o módulo de prácticas non laborais en empresas, establécese un custo unitario de 3 euros por hora de prácticas e por persoa alumna, que se destinarán ao financiamento dos custos da actividade da persoa titora das prácticas.

Artigo 38. Solicitudes, prazo e límite de edicións

1. As solicitudes que se presenten ao abeiro de cada convocatoria, axustaranse ao establecido nestas bases reguladoras e á propia convocatoria.

2. En cada convocatoria determinarase o prazo de presentación de solicitudes, que non poderá ser inferior a un mes e que se contará desde o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. Na convocatoria determinarase, de ser o caso, o número máximo de edicións dunha mesma especialidade que se poderán presentar para cada número de censo, ademais das posibles excepcións a ese límite máximo.

As eventuais limitacións ás edicións das especialidades formativas deberán respectar, en calquera caso, o número máximo de horas por aula permitido no artigo 7.6 desta orde.

A aplicación informática SIFO conterá as correspondentes restricións para garantir o cumprimento das limitacións de número de edicións solicitadas a que se refire este punto.

Artigo 39. Período de impartición das accións formativas

1. A convocatoria fixará o período en que se poderán impartir as accións formativas obxecto de subvención, e poderá determinar a inadmisión das solicitudes que formulen propostas en períodos distintos, así como os motivos de excepción.

2. En calquera caso, o inicio das accións formativas dentro do período de referencia requirirá a validación previa de cumprimento de requisitos e condicións recollidos nas bases reguladoras e na convocatoria, a través da aplicación informática SIFO, por parte de persoal técnico da unidade administrativa competente.

Artigo 40. Prazo de xustificación e límites

A convocatoria explicitará os prazos para a xustificación final dos gastos, así como, de ser o caso, os posibles límites temporais que, en calquera caso, deberán impoñer xustificacións parciais por anualidade naqueles supostos en que os gastos, incluídos os que se realicen con cargo aos importes anticipados, afecten a máis dun exercicio orzamentario.

Disposición adicional primeira. Aplicacións orzamentarias e posibilidade de modificación

A realización das accións de formación reguladas por estas bases, e a conseguinte concesión de subvencións, financiarase con cargo ás aplicacións 09.41.323A.460.1, 09.41.323A.471.0 e 09.41.323A.481.0 con código de proxecto 2013 00545, ou aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable.

A substitución destas aplicacións orzamentarias non se considerará modificación das bases reguladoras.

Os créditos con cargo ás referidas aplicacións, e os que financien convocatorias ao abeiro das bases reguladoras previstas nesta orde, poderán ser obxecto de modificacións nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Solicitude de autorización de cambios de titularidade

Poderán solicitarse cambios de titularidade de centros e entidades de formación no tempo que transcorra entre a presentación da solicitude de subvención e a finalización das accións formativas subvencionadas.

As ditas solicitudes serán tramitadas de conformidade co réxime ordinario establecido pola normativa aplicable.

Disposición adicional terceira. Modificación da resolución en caso de alteración das condicións

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional cuarta. Resolucións complementarias

Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de redistribución de fondos, de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma pola Administración do Estado, ou doutros remanentes dos módulos. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes nin outras inscricións/acreditacións distintas ás tidas en conta para a resolución inicial.

Disposición adicional quinta. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria nas persoas titulares das xefaturas territoriais provinciais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no ámbito das súas respectivas competencias, para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro, ou outros incidentes das subvencións reguladas nesta orde.

De igual xeito, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para tramitar e resolver os expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional sexta. Normativa de aplicación supletoria

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no que sexa de aplicación, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve.

Será igualmente de aplicación o establecido na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e no Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, que a desenvolve.

Ademais, resultarán de aplicación a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, o Real decreto 34/2008 e a Orde ESS/1897/2013.

Disposición adicional sétima. Resolución para o establecemento de criterios para o cumprimento de obxectivos do Servizo Público de Emprego de Galicia

Por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral poderanse establecer, en canto aos colectivos prioritarios, os criterios necesarios para que se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do Diálogo Social e Institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposición adicional oitava. Información sobre a xestión de subvencións

1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto de cada convocatoria pública efectuada no marco destas bases e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), nos termos do Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da correspondente convocatoria para a súa publicación.

2. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Autorización para ditar resolucións e instrucións

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción laboral para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Procedemento de selección de accións formativas
por comarcas de cada provincia

Seguindo a porcentaxe de persoas desempregadas por comarca sobre o total de desempregados na provincia na última enquisa en que se teñan datos, farase un reparto do crédito orzamentario da convocatoria entre todas as comarcas en que se presentaron solicitudes de subvención.

A eses créditos comarcais aplicaránselles as reservas de crédito recollidas para determinadas accións formativas na correspondente convocatoria.

Para dar cumprimento ao sinalado no artigo 7 das bases reguladoras, o procedemento de selección de accións formativas que aplicarán os servizos periféricos de Orientación e Promoción Laboral en cada unha das provincias será o seguinte:

1. Logo de recibir as listaxes coa puntuación de cada acción formativa por parte da comisión central de valoración, atendendo aos criterios de adxudicación, confeccionarase unha listaxe de cursos con todos aqueles dentro do ámbito territorial provincial que superen a puntuación mínima exixida (ListaxeBase), que se ordenarán segundo a puntuación obtida.

2. Na ListaxeBase identifícanse as solicitudes de accións formativas en especialidades que teñan reserva de crédito, e pasarán a formar parte da correspondente listaxe específica (haberá tantas listaxes específicas como listaxes de reservas de crédito se determinen). Para cada unha desas listaxes:

i. A listaxe separarase en tantas listaxes como comarcas, en que se presentaran solicitudes, teña a provincia.

ii. Para cada unha desas comarcas, seleccionaranse as accións formativas que se vaian subvencionar en función da puntuación que teñan, ata esgotar o crédito existente nesa comarca para esa reserva de crédito.

iii. O crédito sobrante por comarca, agregarase para o conxunto da provincia e será repartido seguindo a seguinte fórmula:

a) Xuntaranse as accións formativas de todas as comarcas que aínda non foron seleccionadas como beneficiarias e ordenaranse pola puntuación obtida (listaxes específicas anteriores menos as accións formativas xa seleccionadas no punto ii).

b) Seleccionarase as accións formativas de máis puntuación, coa restrición de que no reparto deste punto non se seleccionen máis de «n» novas accións formativas a unha comarca se existe algunha outra comarca con accións formativas sen seleccionar e da que se seleccionasen menos de «n» novas accións formativas.

c) O crédito sobrante neste último reparto agregarase ao crédito orzamentario para especialidades formativas sen reserva de crédito.

3. De se producir dispoñibilidades de crédito como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia, ou como consecuencia de posibles minoracións ou modificacións nas subvencións concedidas, aplicarase o procedemento sinalado nos anteriores puntos.

4. Nos supostos de que as dispoñibilidades de crédito se produzan como consecuencia de renuncias ás subvencións concedidas, aplicarase o referido procedemento, en primeiro lugar, só no ámbito da comarca en que se tiña programada a acción formativa obxecto de renuncia e, para o caso de que sigan existindo dispoñibilidades de crédito, seguirase o procedemento xeral.

5. As especialidades dunha mesma familia profesional non poderán superar, no seu conxunto, o 25 % do importe global que se subvenciona en cada comarca, con excepción do establecido no segundo parágrafo deste punto e das especialidades formativas obxecto de reserva de crédito.

En calquera caso, o procedemento de selección garantirá que en cada unha das comarcas da provincia en que existan solicitudes que superen o mínimo de puntuación establecida se seleccione, cando menos, unha acción formativa que, de ser o caso, será a que obteña maior puntuación á marxe da listaxe en que estea encadrada.

Ademais, evitarase que un mesmo número de censo perciba subvencións que, en conxunto, superen o 1,5 % do crédito orzamentario global de cada convocatoria, salvo nos casos en que se programen especialidades formativas obxecto de reserva de crédito, para as que se permitirá acadar un 2 % do crédito orzamentario global da convocatoria. Estes límites porcentuais non son acumulativos.