Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Martes, 7 de maio de 2019 Páx. 21899

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2019 pola que se anuncian os actos en conmemoración do Día das Letras Galegas.

Un dos fins da EGAP, establecido no artigo 3 da Lei 14/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, é a difusión e normalización da lingua galega. Coa finalidade de conmemorar o día das Letras Galegas, e especialmente este ano á figura de Antón Fraguas Fraguas,

RESOLVO:

Anunciar a celebración dos actos en conmemoración do Día das Letras Galegas conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas de 2019 ao escritor, historiador e antropólogo Antón Fraguas Fraguas (1905-1999). A EGAP, como institución pública galega, súmase á homenaxe deste insigne escritor en lingua galega organizando un acto literario, seguido da inauguración dunha mostra de arte, así como dunha viaxe de interese cultural.

2. Persoas destinatarias.

No acto literario e posterior inauguración da mostra de arte poderá participar calquera persoa interesada. Á viaxe cultural terá acceso só o persoal empregado público ao servizo de calquera das administracións públicas de Galicia (ata 50 prazas). No caso de presentárense máis solicitudes que prazas, terá preferencia o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

3. Desenvolvemento.

3.1. O día 15 de maio, ás 12.30 horas, no salón de actos da EGAP, celebrarase un acto literario en que a música Sonsoles Penadique e a contacontos Verónica Rilo interpretarán unha obra en homenaxe ao autor. Ao finalizar o acto, entregaranse os premios do concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas e inaugurarase a Mostra de Arte das Letras Galegas, na cal persoal empregado público da Administración autonómica exhibirá na sede da EGAP, ata o vindeiro 15 de xuño, as súas creacións artísticas.

3.2. O día 17 de maio terá lugar unha viaxe de interese cultural polos escenarios onde transcorreu unha boa parte da vida do autor agasallado. O programa e o percorrido poderanse consultar na páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/).

4. Inscrición.

As persoas interesadas en participar no acto literario deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/). O prazo estará aberto dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ata as 23.00 horas do día 13 de maio de 2019.

Unha vez formalizada a inscrición, as persoas interesadas en participar na viaxe cultural deberán, ademais, enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, no cal indiquen o seu nome, apelidos e datos de contacto, así como o seu vínculo de pertenza a calquera das administracións públicas de Galicia.

5. Información sobre a selección.

A inscrición na viaxe implica a obrigatoriedade de asistir ao acto literario. A selección das persoas participantes na viaxe cultural realizarase tendo en conta a data e a hora de recepción do correo electrónico.

Na epígrafe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas.

Poderase obter calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública