Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 13 de maio de 2019 Páx. 22890

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE que conduzan á obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento TU970A).

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, ten por obxecto a planificación, ordenación, promoción e fomento do turismo na Comunidade Autónoma de Galicia e establece, entre os fins que persegue, a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, así coma o impulso á profesionalización do sector.

Constitúe o obxectivo fundamental desta resolución impulsar, promover e apoiar as iniciativas de calidade necesarias para cumprir os exixentes estándares fixados polo Instituto para a Calidade Turística Española (en diante ICTE), que considera o prestixio, a fiabilidade, a rigorosidade e profesionalidade dos establecementos avalados. Todo isto para asegurar aos clientes a mellor experiencia turística posible.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a través da mellora da competitividade das empresas turísticas e a valorización dos recursos turísticos; o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial; a mellora do posicionamento do turismo no panorama nacional e internacional e a diversificación da oferta turística de Galicia coa consolidación dos produtos turísticos clave para competir no ámbito turístico nacional e internacional e a creación de novos produtos que posibiliten unha vantaxe competitiva e permitan desestacionalizar a demanda turística.

O acceso xeneralizado ao consumo turístico implica un cambio no comportamento dos viaxeiros e un crecente nivel de exixencia. Os destinos que abordan unha estratexia de calidade obteñen maiores índices de satisfacción do turista. A calidade dos establecementos e produtos turísticos convértese así no feito diferencial que lles proporciona unha vantaxe competitiva fronte a outros destinos con oferta similar.

Para lograr o éxito nas políticas de calidade é fundamental o compromiso e a implicación conxunta tanto da Administración competente na materia como do propio sector, ao ser este o principal axente e beneficiario de ditas políticas de calidade.

A finalidade última da presente resolución é complementar o marco xeral do programa de axudas para a dinamización turística co fin de contribuír a configurar Galicia como un destino turístico multiexperiencial, equilibrado territorialmente, de reducida estacionalidade e de calidade, reforzando a súa competitividade, xa que as profundas transformacións que continuamente experimenta o mercado turístico obrigan os destinos a levar a cabo a necesaria adaptación estrutural que lles permita continuar desfrutando da súa cota de mercado.

Deste xeito, a Axencia Turismo de Galicia quere propiciar un marco favorable para a creación e o desenvolvemento de iniciativas turísticas de calidade dado o peso do sector turístico no conxunto da economía da nosa comunidade autónoma, que se reflicte no impulso das economías locais e na creación de emprego.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade ao abeiro do establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Polo exposto, e no exercicio das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Turismo de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE que conduzan á obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do ICTE, así coma efectuar a súa convocatoria para o ano 2019.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

2. Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no devandito artigo 4 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información aos/ás interesados/as.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia:

http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU970A.

c) Os teléfonos 981 54 63 63 e 981 54 74 04 da devandita axencia.

d) Enderezo electrónico fomento.turismo@xunta.gal.

5. Réxime de recursos.

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2019

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios para a obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística segundo as normas do Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Turismo de Galicia, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE (código de procedemento TU970A).

2. Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE, correspondentes ao ano 2019 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2019. Concretamente, serán subvencionables:

• Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación. Só se terán en conta as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación posterior, quedando excluídos os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos en que incorra o solicitante durante o proceso de implantación da correspondente norma UNE. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría do ano 2019.

• Os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2019, unha vez acadada a certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.

3. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para os contratos menores, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.

5. Poderá subcontratarse a actividade obxecto da subvención nun 100 %, de conformidade co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións relativas ao obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 100.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos establecidos nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que supón a posibilidade de atender novas solicitudes, de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 12.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis, deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

3. Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencions, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

Artigo 3. Persoas beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos ou servizos turísticos que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrita a actividade turística para a cal se solicita a axuda no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante REAT), de conformidade cos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos indicados polo solicitante na solicitude de subvención. O solicitante pode verificar a información que consta no REAT accedendo á web (extranet sectorial do Turismo) https://turespazo.turismo.gal.

No caso contrario, deberase presentar coa solicitude a documentación acreditativa da titularidade e/ou representación. Neste caso, a Axencia de Turismo de Galicia instará de oficio a actualización desa información no REAT.

2. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. No caso de entidades baixo unha mesma franquicia, só poderá solicitar a axuda para os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación baixo a modalidade multi-site a entidade matriz. No caso de matriz e sucursais con distinto NIF, as axudas para os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q deberán ser solicitados por cada unha das entidades individualmente.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, empregando o modelo que figura no anexo III.

5. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa titular do establecemento subvencionado terán que ser previamente comunicados á Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos do disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o novo titular subrogarase na posición xurídica de beneficiario da subvención.

Artigo 4. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que figura no anexo II, referenciado co código de procedemento TU970A. Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

A este respecto, no caso das persoas físicas titulares de establecementos ou servizos turísticos considérase que por razón da súa actividade profesional queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase a todos os efectos como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. A documentación complementaria deberase presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes. Conforme o artigo 30.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, considéranse inhabiles os sábados, os domingos e os declarados festivos.

5. As persoas interesadas achegarán a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Orzamento desagregado por conceptos das actuacións que se pretende realizar.

c) Documentación específica referida á calidade:

1) No caso de solicitudes de axuda que orientadas á primeira certificación baixo a marca Q de Calidade Turística no presente ano, documento acreditativo da adhesión do establecemento ao ICTE, emitido polo citado organismo.

2) No caso de solicitudes de axuda orientadas a procesos de seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística, documento acreditativo de certificación en vigor, emitido polo ICTE.

3) No caso de solicitudes de axudas referidas a procesos de auditoría externa de obtención, seguimento ou renovación da marca Q, orzamento ou factura da empresa auditora acreditada polo ICTE, referido aos custos de auditoría externa da marca correspondente ao presente ano. O orzamento deberá incluír dun xeito desagregado os honorarios correspondentes aos servizos de auditoría externa, o ano, tipo de auditoría e a súa duración, e os custos correspondentes á elaboración do informe. No caso de auditorías multi-site, deberá reflectirse no orzamento o número de oficinas (central e sucursais) que sexan obxecto dos traballos da auditoría externa, especificando para cada unha delas o nome comercial, o enderezo e o número de inscrición no REAT (Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas).

4) No caso de solicitudes de axudas referidas a cotas de uso da marca Q, orzamento, factura pro forma ou factura emitida polo ICTE correspondente á cota de uso da marca anual do ano en curso.

5) No caso de establecementos distinguidos con compromiso de calidade turística, documento acreditativo do distintivo de compromiso de calidade turística de boas prácticas en vigor concedido por un destino SICTED (Sistema de calidade turística española en destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia.

6) De ser o caso, documentos acreditativos relativos ás certificacións e/ou distintivos de calidade, calidade ambiental e/ou accesibilidade en vigor do establecemento solicitante, en relación cos aspectos obxecto de valoración previstos nos números 5, 6 e 7 do artigo 12.

7) De ser o caso, documento asinado e selado polo establecemento en que se acredite o uso das novas tecnoloxías (TIC), indicando o enderezo URL da súa páxina web, e/ou URL das redes sociais en que participa, e/ou localización na web do espazo destinado á comercialización e reservas de servizos a través da web e/ou APP do establecemento para sistemas operativos IOS, Android, Windows Phone, Blackberry e/ou outros.

6. A unidade administrativa encargada da tramitación deste procedemento poderá solicitar, no caso de consideralo necesario, a documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

Artigo 5. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídosnos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante, no caso de persoas xurídicas.

– NIF da entidade representante, no caso de persoas xurídicas.

– DNI/NIE da persoa solicitante, no caso de persoas físicas.

– DNI/NIE da persoa representante, no caso de persoas físicas.

– Certificación de estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos acreditativos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Publicidade, transparencia e bo goberno

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. A solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude.

5. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

6. En cumprimento do disposto no artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

7. Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 8. Órganos competentes

A Dirección de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia corresponderalle ditar a resolución de concesión.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fai se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A área provincial correspondente da Axencia Turismo de Galicia achegará un informe que deberá indicar:

– O cumprimento por parte do establecemento da normativa turística vixente e a existencia ou non dalgún expediente sancionador cuxa resolución sexa firme e comporte a perda de obter subvencións.

– O período de funcionamento do establecemento.

– A data de inicio de actividade do establecemento turístico recollido ao abeiro do capítulo III, Réxime para o exercicio de actividades e a prestación de servizos turísticos, da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia. Para estes efectos, tomarase a data de inscrición no REAT.

– Se o establecemento está localizado nun municipio declarado de interese turístico pola Administración turística.

– Se o establecemento se atopa nun municipio que goza ou gozou dun plan de dinamización, excelencia, de produto turístico, competitividade e/ou SICTED en Galicia.

3. Así mesmo, a Área de Calidade e Proxectos Europeos achegará un informe en que valore a solicitude no referido ás acreditacións e certificacións de calidade presentadas relacionadas cos aspectos valorables previstos nos números 5, 6 e 7 do artigo 12. Se é o caso, o informe incluirá tamén a valoración do uso das TIC que se acredite, indicando se o establecemento ten páxina web propia, o uso de redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram...), a comercialización e reservas de servizos desde a web do establecemento, e a dispoñibilidade de APP do establecemento para sistemas operativos IOS, Android, Windows Phone, Blackberry ou outros.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, e emitidos os informes preceptivos polas áreas provinciais e pola Área de Calidade e Proxectos Europeos indicados anteriormente, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a director/a de Competitividade, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as das áreas provinciais.

c) O/a xefe/a da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará como secretario/a.

d) Un representante da Xerencia.

e) Un representante da Dirección de Competitividade.

3. Os/as membros e, de ser o caso, os/as suplentes serán designados/as pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

4. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e o importe da concesión que se propón para cada un deles.

5. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 12. Criterios de valoración

Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes, tendo cada un deles o peso que se especifica:

1. Atendendo á localización do establecemento: ata 10 puntos.

– Situación nun municipio que desfruta ou desfrutou dun plan de dinamización, excelencia, de produto turístico, competitividade e/ou SICTED en Galicia: 5 puntos.

– Que o establecemento estea localizado nun municipio declarado de interese turístico pola Administración turística: 5 puntos.

2. Período de funcionamento do establecemento: 12 puntos (1 punto por cada mes de funcionamento).

3. Tempo de actividade turística do establecemento: ata 10 puntos.

• Ano de apertura de 2018 a 1998: 2 puntos.

• Ano de apertura de 1997 a 1977: 6 puntos.

• Apertura anterior a 1977: 10 puntos.

4. Uso das TIC polo establecemento: ata 10 puntos.

• Dispoñibilidade de páxina web propia do establecemento: 2 puntos.

• Uso de redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram, ...): 3 puntos.

• Comercialización e reservas de servizos en liña desde a web do establecemento: 3 puntos.

• Dispoñibilidade de APP propias para smartphones e/ou tablets: 2 puntos.

5. Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade: ata 48 puntos.

– Por cada ano que o establecemento acredite a súa certificación coa marca Q, dous puntos por ano ata un máximo de 30 puntos.

– O distintivo Galicia Calidade: 6 puntos.

– Acreditando o distintivo de boas prácticas de compromiso de calidade turística concedido por un destino SICTED (Sistema de calidade turística española en destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia: 4 puntos.

– Acreditando unha certificación de calidade conforme a Norma internacional ISO 9001 (4 puntos).

– Acreditando unha EFQM: 4 puntos.

6. Que o establecemento acredite unha certificación ambiental internacionalmente recoñecida: ata 8 puntos.

– Acreditando unha certificación de calidade conforme a Norma internacional ISO 14001: 2 puntos.

– Acreditando o recoñecemento EMAS (Eco-Management and Audit Scheme): 2 puntos.

– Acreditando a concesión da Etiqueta ecolóxica da Unión Europea: 2 puntos.

– Acreditando outras certificacións ambientais emitidas por organismos oficiais galegos, españois e/ou internacionais acreditados por ENAC: 2 puntos.

7. Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa xestión da accesibilidade: 2 puntos.

– Acreditando una certificación de calidade conforme a Norma internacional ISO 170001: 2 puntos.

Artigo 13. Porcentaxe subvencionable e importe máximo subvencionable

1. A porcentaxe máxima de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que alcancen os proxectos presentados, segundo se detalla a continuación:

Puntos

% axuda

51-100

55

31-50

50

0-30

45

2. En calquera caso, as subvencións concedidas non poderán superar os seguintes límites máximos:

– 2.000 euros para os procesos de 1ª certificación e/ou renovación da marca Q e de 1.000 euros para procesos de seguimento.

– Para as solicitudes cuxa auditoría externa se realice mediante a modalidade multi-site, o importe subvencionado por este concepto será dun máximo de 3.000 euros para procesos de 1ª certificación e/ou renovación da marca Q e de 2.000 euros para procesos de seguimento.

Artigo 14. Audiencia

1. Efectuada a valoración, a comisión fará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá serlles notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. A persoa titular da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

5. En todo caso, a axuda de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, non pode ser superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para interpor o recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso ou desde o día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto. Transcorrido o dito prazo, unicamente se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se poduza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade cos requisitos establecidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente, en que se lle dará audiencia ao interesado.

3. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, e que se omitiu o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Obrigas dos persoas beneficiarias

Os persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

b) No caso das subvencións destinadas á 1ª certificación e renovación, manterase a certificación da Q de calidade durante un ciclo completo de tres anos, incluído o ano en curso.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o cal se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de opoñerse expresamente a que as solicite o órgano xestor, no espazo habilitado para tal finalidade no anexo V. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, será requirido para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

f) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

g) Igualmente o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia e a marca Xacobeo 2021. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón a páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística de Galicia e a marca Xacobeo 2021, seguindo as indicacións dos manuais de identidade corporativa das citadas marcas previstas nas páxinas web https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-galicia e https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/xacobeo-2021.

h) A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

i) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Por obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Por incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Por resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 20. Xustificación da subvención e pagamento

1. O pagamento da subvención efectuarao a Axencia de Turismo de Galicia nun único pagamento, logo da xustificación da realización da actuación e do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, nas condicións e nos termos previstos neste artigo.

2. Para xustificar a realización da actividade subvencionada, as persoas beneficiarias terán ata o 30 de novembro de 2019.

A xustificación efectuarase mediante a modalidade de conta xustificativa, conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia. Para estes efectos, no dito prazo máximo deberán presentar electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, a documentación que a continuación se indica:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Copia da certificación expedida polo ICTE ou, na súa falta, informe resultante do proceso de auditoría, en que quede constancia das actuacións realizadas e da tramitación do correspondente informe de conformidade ante o ICTE.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas, que conterá:

c.1) Relación clasificada dos gastos da actuación subvencionada, con indicación do acredor, número de factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. De ser o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao outorgamento da subvención.

c.2) Facturas especificadas na relación indicada anteriormente, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. No suposto de seguimento da marca Q, documento acreditativo do pagamento ao ICTE da cota de uso da marca correspondente ao período anual do ano en curso.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

d) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública, só no caso de que se denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitalos.

e) Modelo de declaración: anexo III.

Os anexos III e V indicados anteriormente estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (na páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU970A).

3. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. Se a xustificación é inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que non se xustifique a subvención en prazo, ou de que o executado non cumprise o fin para o cal se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, caso de habelas, e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Reintegros e sancións

1. Para facer efectiva a devolución a que se refire o artigo anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

3. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Remisión normativa

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file