Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 13 de maio de 2019 Páx. 22871

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2019 pola que se publica a primeira addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Con data do 15 de abril de 2019 asinouse a primeira addenda ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O devandito convenio asinouse o 9 de agosto de 2018 e publicouse no DOG núm. 156, do 17 de agosto de 2018.

De conformidade coa cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Tendo en conta o exposto, e en virtude das competencias conferidas

RESOLVO:

Publicar a primeira addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinada o 15 de abril de 2019, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Primeira addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa
nas faixas secundarias

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2019

Reunidos:

Pola Xunta de Galicia, José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, que actúa por conta e en representación da Xunta de Galicia, nomeado polo Decreto 99/2018, do 26 de setembro (DOG núm. 185, do 27 de setembro), en exercicio das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Pola sociedade mercantil pública autonómica, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), Pablo Arbones Maciñeira, en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confiren os seus estatutos.

Pola Federación Galega de Municipios e Provincias, o seu presidente, Alfredo L. García Rodríguez, que actúa en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confire o artigo 46.1.b) dos seus estatutos.

Todas as persoas intervenientes actúan coa representación que legal e regulamentariamente teñen conferida.

Expoñen:

O día 9 de agosto de 2018, a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga asinaron un convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O devandito convenio foi publicado no DOG mediante a Orde da Consellería do Medio Rural do 9 de agosto de 2018 (DOG núm. 156, do 17 de agosto).

O seu obxecto é «instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp, cos concellos que voluntariamente se adhiran ao presente convenio mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa», e ten como fin garantir a prevención de incendios forestais, de modo que se acade a diminución do número de incendios forestais nas zonas da interface urbana, e garantir así o interese público da seguridade de persoas e de bens.

O artigo 4 da lei básica estatal, Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, recolle a función social dos montes vinculada á produción de recursos naturais e servizos ambientais.

O importante valor que o monte cumpre para a nosa sociedade no seu conxunto está ameazado pola propagación de incendios forestais, que afectan a súa riqueza ambiental e paisaxística e as actividades agroforestais que se desenvolven no monte. Así mesmo, eses incendios están ameazando a seguridade das persoas e dos bens.

Como recorda a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha das áreas máis sensibles para a prevención dos incendios é a da interface urbano-forestal, isto é, aquelas áreas que abranguen o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados.

Neste contexto, e a través do convenio asinado o 9 de agosto de 2018 entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga, canalízase a cooperación entre a Administración local e a Administración autonómica como vía para acometer tarefas de claro interese público como é a de xestionar a biomasa vexetal con alto potencial combustible, especialmente nos terreos forestais que estean cerca dos núcleos de poboación, asegurando a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios por parte das persoas titulares das parcelas, así como, en caso de incumprimento destas obrigas esenciais, asegurar a súa execución subsidiaria, a través de procedementos áxiles, por parte das administracións públicas.

A Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, respecto da Lei 3/2007, do 9 de abril, introduce diversas medidas destinadas a potenciar a prevención e a loita contra os incendios, entre as que cabe destacar a posibilidade de declarar perímetros de alto risco de incendios naqueles lugares en que o estado de abandono signifique un alto risco de propagación de incendios forestais, a declaración de utilidade pública das infraestruturas e dos equipamentos preventivos vinculados á defensa e loita contra os incendios forestais, a posibilidade de elaboración e aprobación dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais por zonas e, en xeral, a introdución de medidas en materia de xestión da biomasa e de vixilancia e detección de incendios.

En concreto, entre as citadas medidas, modifícase o artigo 16 Planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, da Lei 3/2007, do 9 de abril, para establecer que o ámbito do plan municipal poida ser de todo o concello ou poida irse desenvolvendo por zonas.

En atención ás anteriores modificacións, logo do transcurso de máis de medio ano desde a sinatura do convenio, da presentación de 177 solicitudes de adhesión por parte dos concellos, e de catro reunións da Comisión de seguimento, cómpre modificar varias das súas cláusulas, coa finalidade de clarificar algúns aspectos relativos á súa redacción, así como para reforzar a colaboración da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tramitación do planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, permitindo ademais a posibilidade de presentación de proxectos piloto nas faixas secundarias de xestión da biomasa que teñan como obxectivo combater o abandono de áreas rurais ou a xestión da biomasa a medio e longo prazo.

Delimítase adecuadamente o obxecto do convenio para adaptar as cláusulas á definición das redes secundarias de faixas de xestión da biomasa previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril.

A cláusula segunda, relativa ao sistema público de xestión da biomasa, establece que dentro da colaboración económica e a cooperación técnica prevista nos puntos anteriores tamén se inclúe a prestación pola Administración autonómica de asistencia técnica e apoio aos concellos adheridos para a tramitación por estes dos procedementos de aprobación de plans de prevención, delimitación de faixas e de execución subsidiaria da súa competencia.

Tendo en conta que a través desta addenda se reforza o apoio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na realización das accións anteriormente citadas e que corresponden aos concellos as competencias sobre este tipo de plans, incídese na colaboración da Administración autonómica respecto da tramitación polos concellos dos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais e tamén dos procedementos de execución subsidiaria.

Isto supón a modificación da citada cláusula segunda, para recoller, en epígrafes independentes, cada unha destas accións.

Así mesmo e polo motivo citado, modifícase a cláusula terceira desagregándoa en dúas para regular, por unha banda, a adhesión voluntaria ao convenio dos concellos interesados para unha colaboración continua de xeito que se permite que as solicitudes de adhesión se presenten en calquera momento, e por outra banda, os criterios de prioridade que terá en conta a Comisión de Seguimento e que permitirá actuar nos diferentes ámbitos da colaboración comprendida no sistema público de xestión da biomasa.

Pola súa parte, na cláusula cuarta inclúese a obriga de que os concellos comuniquen a aprobación do planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais á dirección xeral competente en materia de prevención de incendios forestais, unha vez aprobado.

A modificación da cláusula quinta, que recolle a colaboración financeira para a xestión da biomasa nos concellos adheridos, dá resposta a necesidade de concretar, por unha banda, a achega financeira das entidades locais que na primitiva redacción do convenio non se recollía de forma directa, de xeito que, coa modificación introducida, se establecen os importes mínimos para cada anualidade, que se farán efectivos mediante a creación dun subfondo dentro do Fondo de Cooperación Local, que incrementarán a dotación económica total do convenio na anualidade correspondente. Por outra banda, e derivado do propio ritmo de execución das actuacións establecidas no convenio, resulta necesario realizar un reaxuste de anualidades e, en consecuencia, adecuar as estipulacións económicas contidas nel.

Este reforzo na colaboración tamén implica o desenvolvemento dun sistema informático para o control das actuacións a través da denominada plataforma para a xestión da biomasa, e dun visor para mellorar a transparencia do sistema, polo que cómpre modificar a cláusula quinta relativa á colaboración financeira, así como engadir unha nova cláusula quinta bis.

Establécese unha nova acción consistente na colaboración financeira con proxectos piloto públicos ou privados de mobilización de terras nas faixas secundarias de xestión da biomasa que teñan como obxectivo combater o abandono de áreas rurais ou a xestión da biomasa a medio e longo prazo. Para isto, redactase a cláusula novena e modifícanse a cláusula segunda e a décima.

A antiga cláusula novena intégrase na nova cláusula terceira bis, para mellorar a comprensión xeral do convenio.

Así mesmo, de acordo co previsto na cláusula décimo primeira, o convenio ten vixencia ata o 31 de decembro de 2021, que cómpre prorrogar ata o 31 de decembro de 2022.

De conformidade coa cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Por todo iso, con base no exposto, e de conformidade co establecido nesta cláusula, as partes acordan asinar a presente addenda de acordo coas seguintes

Cláusulas

Primeira. Modifícase o número 1 da cláusula primeira, que queda redactado como segue:

Primeira. Obxecto

1. Este convenio ten por obxecto instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp, cos concellos que voluntariamente se adhiran ao presente convenio, mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa.

Segunda. Modifícase o número 1 da cláusula segunda, que queda redactado como segue:

Segunda. Sistema público de xestión da biomasa

1. O sistema público de xestión da biomasa que se establece no presente convenio comprende a colaboración financeira da Administración xeral da Comunidade Autónoma para garantir a xestión da biomasa das parcelas incluídas nas faixas secundarias de xestión da biomasa dos concellos adheridos ao presente convenio, e inclúe as seguintes actuacións:

a) A colaboración técnica da Administración da Comunidade Autónoma para a tramitación do planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, segundo establece a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, en todos os concellos adheridos ao presente convenio.

b) A prestación pola Administración autonómica, de acordo co establecido no presente convenio, do sistema público de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa, así como a realización material das actuacións de xestión de biomasa, derivadas da resolución de execución subsidiaria dos traballos de xestión de biomasa adoptada polos concellos adheridos dentro das parroquias seleccionadas conforme a cláusula terceira bis.

c) A colaboración técnica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos para o exercicio das competencias que corresponden a estes de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e para a retirada de especies arbóreas prohibidas regulada no artigo 22 da Lei 3/2007, por razóns de eficacia e por contar a Administración autonómica con medios técnicos idóneos para o seu desempeño.

d) A colaboración financeira con proxectos piloto públicos ou privados de mobilización de terras nas faixas secundarias de xestión da biomasa que teñan como obxectivo combater o abandono de áreas rurais ou a xestión da biomasa a medio e longo prazo.

Terceira. Modifícase a cláusula terceira, que queda redactada como segue:

Terceira. Adhesión voluntaria a este convenio dos concellos

1. Calquera concello galego poderá, mediante a súa adhesión voluntaria, acceder ao sistema público de xestión e á colaboración técnica e económica previstas neste convenio. A aplicación dos criterios de prioridade establecidos na cláusula terceira bis para determinar as actuacións previstas na cláusula segunda, número 1.b), realizarase, entre os concellos adheridos, atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias, a un maior risco de incendios forestais e, por tanto, de maior perigo para as persoas e os bens.

2. As solicitudes de adhesión serán dirixidas á Comisión de seguimento do convenio prevista na cláusula décima e poderán presentarse en calquera momento. Nas solicitudes expresarase se o concello ten xa delimitadas as faixas secundarias de xestión da biomasa.

3. A solicitude de adhesión dos concellos ao sistema efectuarase de acordo co modelo que se recolle no anexo I e implicará a aceptación de todas as cláusulas do presente convenio sen posibilidade de reserva ou excepción. A formalización da solicitude de adhesión deberá ser autorizada polo órgano competente do concello.

A persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta da comisión de seguimento, ditará resolución motivada, sobre a adhesión, que se notificará ao concello adherido. A formalización da adhesión farase segundo o anexo IV.

Cuarta. Engádese unha nova cláusula terceira bis, que queda redactada como segue:

Terceira bis. Criterios de prioridade e programación das actuacións en cada concello ou parroquia

1. Sen prexuízo do establecido na cláusula novena para os proxectos piloto, para determinar os concellos adheridos en que se realizarán as actuacións anuais previstas na cláusula segunda, número 1.b), teranse en conta os seguintes criterios de prioridade:

a) Municipios afectados por grandes incendios forestais no ano 2017 e nos 10 anos anteriores.

b) Municipios en que se activase a situación operativa 2 do Peifoga nos últimos 10 anos.

c) Municipios con parroquia/s de alta actividade incendiaria.

d) Municipios incluídos en zonas de alto risco de incendio forestal.

e) Municipios costeiros da provincia da Coruña incluídos nas zonas de influencia do vento do nordés.

f) Municipios que conten con plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais en que se definan as faixas secundarias ou municipios que teñan realizadas as actuacións de determinación das faixas que sexan necesarias para permitir a aplicación directa das obrigas das persoas que resulten responsables derivadas do disposto no artigo 21 da Lei 3/2007, de acordo coa súa disposición transitoria terceira.

g) Municipios que subscribisen convenio para unha brigada municipal de prevención e extinción de incendios forestais coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os criterios de prioridade indicados serán desenvolvidos pola comisión de seguimento do convenio, que aprobará un baremo para decidir sobre as actuacións anuais que se desenvolverán.

A valoración das actuacións que se realizarán anualmente e a determinación da súa preferencia, de acordo cos criterios de prioridade sinalados, efectuarase por proposta da Comisión de seguimento deste convenio, tendo en conta en todo caso unicamente criterios técnicos derivados das necesidades da prevención e loita contra os incendios forestais. A comisión de seguimento adoptará a súa proposta e expresará para cada concello as parroquias e a superficie consideradas en cada caso. Esta proposta elevarase para a súa aprobación pola persoa titular da Consellería do Medio Rural.

Procurarase que a superficie total obxecto de xestión de biomasa prevista para os concellos adheridos sexa similar entre as distintas provincias.

2. Para determinar as actuacións anuais previstas na cláusula segunda, número 1.b), dos concellos adheridos, a Comisión de seguimento reunirase no primeiro trimestre de cada ano natural e valorará as solicitudes presentadas ata o 31 de decembro do ano inmediatamente anterior.

3. Unha vez adoptada a resolución coas actuacións que hai que realizar, de acordo co previsto no punto primeiro desta cláusula, Seaga efectuará un plan de traballos con proposta de actuacións concretas por concello e parroquia, incluíndo as partidas e o cálculo orzamentario do custo de execución.

No caso de que as faixas secundarias non estivesen determinadas nun concello ou parroquia, as primeiras actuacións irán dirixidas á súa delimitación, de tal modo que, mentres non se aprobe o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais e a consecuente definición das faixas secundarias, exista unha determinación das faixas que permita a directa aplicación das obrigas das persoas que resulten responsables derivadas do disposto no artigo 21 da Lei 3/2007, de acordo coa súa disposición transitoria terceira.

4. O plan de traballo indicado no número anterior será aprobado pola Comisión de seguimento do convenio e será trasladado ao concello, para os efectos de que este dea publicidade das actuacións e parcelas en que se prevé actuar.

A publicidade indicará a posibilidade de adhesión voluntaria dos propietarios ao sistema mediante a formalización dos contratos de xestión da biomasa. Así mesmo, recordarase o necesario cumprimento das obrigas legais dos responsables da xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2003 e advertirase da posibilidade de execución subsidiaria no caso de incumprimento das indicadas obrigas.

5. As adhesións voluntarias das persoas interesadas mediante a formalización do modelo de contrato de xestión da biomasa serán tramitadas polos concellos. Para estes efectos, os concellos recibirán os modelos de contratos formalizados e, despois da análise da documentación presentada e da comprobación do seu axuste ao réxime xurídico do servizo, remitiraos a Seaga.

Seaga, despois de comprobar o cumprimento dos requisitos legais, comunicará ao particular a súa aceptación, momento en que asumirá as obrigas de xestión da biomasa. Os prazos de ingreso da tarifa do servizo establecidos no anexo II deste convenio computaranse desde a comunicación da aceptación de Seaga.

6. Competerá ao concello o inicio dos procedementos de execución subsidiaria, de acordo coa Lei 3/2007, respecto das persoas responsables legais da xestión da biomasa que non procedan voluntariamente á indicada xestión e non estean adheridas ao sistema público. Para estes efectos, Seaga poderá realizar aos concellos as propostas correspondentes tendo en conta a evolución e as necesidades dos traballos.

7. Á vista dos informes que vaia realizando Seaga sobre o progreso dos traballos, a Comisión de seguimento poderá reprogramar as actuacións no concello ou parroquia.

8. Os protocolos de organización e funcionamento derivados da presente cláusula poderán ser desenvolvidos e precisados pola comisión de seguimento do convenio para velar pola máxima eficacia e coordinación das actuacións.

9. Os concellos poderán realizar achegas financeiras extraordinarias para financiar de forma completa actuacións íntegras no seu territorio, por concello ou parroquias. Neste caso, aceptado o ofrecemento pola Comisión de seguimento do convenio, priorizarase e programarase a realización destas actuacións de xestión de biomasa.

Quinta. Modifícanse as letras a) e d) da cláusula cuarta, que quedan redactadas como segue:

Cuarta. Obrigas xerais dos concellos adheridos

Os concellos que se adhiran voluntariamente a este convenio asumen as seguintes obrigas:

a) Aprobar o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais previsto no artigo 16 da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Unha vez aprobado o plan polo concello, este deberá comunicar a súa aprobación a dirección xeral competente en materia de prevención de incendios forestais.

Así mesmo, en canto non se aprobe o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais e a consecuente definición das faixas secundarias, o concello deberá realizar as actuacións de determinación das faixas que sexan necesarias para permitir a directa aplicación das obrigas das persoas que resulten responsables derivadas do disposto no artigo 21 da Lei 3/2007, de acordo coa súa disposición transitoria terceira.

d) Recibir e remitir a Seaga as solicitudes das persoas titulares das parcelas incluídas nas faixas secundarias de xestión de biomasa do seu municipio, para a formalización dos contratos de xestión de biomasa previstos neste convenio. As solicitudes achegaranse xunto coa documentación prevista no anexo II do convenio e logo da comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos nel.

Sexta. Modifícase a cláusula quinta, que queda redactada como segue:

Quinta. Colaboración financeira para a xestión da biomasa nas redes secundarias nos concellos adheridos ao presente convenio

1. Conforme o previsto na cláusula segunda deste convenio, a Consellería do Medio Rural comprométese a dar apoio financeiro para garantir a correcta xestión da biomasa dos concellos adheridos, mediante as achegas financeiras previstas no presente convenio.

Para os efectos do establecido no punto anterior, a Consellería do Medio Rural achegará un importe de 7.500.000 € no exercicio 2019, un importe de 7.750.000 € anuais nos exercicios 2020 e 2021 e 5.696.000 € no exercicio 2022, con cargo á aplicación orzamentaria 14 02 551B 741.14 para o exercicio 2019 e con cargo á aplicación orzamentaria que corresponda, para o resto dos exercicios.

As entidades locais farán achegas mediante a creación dun subfondo dentro do Fondo de Cooperación Local, que incrementarán a dotación económica total do convenio na anualidade correspondente. En todo caso, as devanditas achegas serán de 2.500.000 € no exercicio 2019, segundo o disposto no artigo 57, punto catro, da Lei 2/ 2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019, e polo menos de 2.750.000 € para os exercicios 2020 e 2021, e da cantidade que se determine, se é o caso, para o exercicio 2022, segundo o que se estableza nas correspondentes leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En todo caso, aqueles concellos adheridos en que non fose acordada a realización de actuacións de xestión da biomasa previstas na cláusula segunda, número 1.b), poderán, de xeito voluntario, solicitar a súa execución independentemente da aplicación dos criterios de prioridade, mediante a achega do 100 % do financiamento para a súa realización. Estas cantidades transferiranse á Administración autonómica nos prazos que se establezan na resolución pola que se acorda a adhesión.

Para tales efectos, e transcorrido o prazo previsto na resolución sen que o concello adherido efectuase a súa achega, a Xunta de Galicia aplicará o procedemento previsto nos artigos 57 e 58 da Lei de orzamentos para o 2018, relativos ao procedemento de compensación e retención do Fondo de Cooperación Local.

3. As achegas sinaladas no número primeiro destinaraas a Administración xeral da Comunidade Autónoma a garantir a correcta xestión da biomasa das parcelas de titularidade privada situadas nas faixas secundarias de xestión de biomasa, tanto daquelas cuxas persoas titulares formalicen o contrato de xestión de biomasa previsto no presente convenio, como daquelas en que deban realizarse actuacións de execución subsidiaria, sen prexuízo neste último caso da repercusión de custos ás persoas titulares, de acordo co procedemento legalmente establecido, e sen prexuízo tamén de que para a execución subsidiaria se utilicen prioritariamente as cantidades afectas ao Fondo de Xestión da Biomasa e Retirada de Especies previsto na Lei 3/2007.

4. Atendendo ás necesidades de prevención e loita contra os incendios forestais, a Administración autonómica poderá reservar a contía de ata 250.000 euros anuais da súa achega ao presente convenio para actuacións propias, tanto de execucións subsidiarias en faixas primarias, cumprimento de normativa de distancias ou reacción fronte a plantacións ilegais como para a implementación do resto do planeamento distinto dos plans municipais que establece a Lei 3/2007, para a defensa do espazo rural fronte aos incendios forestais.

5. Os créditos que amparan os compromisos de gastos correspondentes a cada unha das anualidades previstas neste convenio que, ao finalizar cada exercicio orzamentario, non estean afectados ao cumprimento de obrigas recoñecidas na devandita anualidade serán incorporados ao exercicio seguinte co conseguinte reaxuste de anualidades mediante a sinatura da correspondente addenda, de xeito que, en ningún caso, o importe máximo para cada anualidade supere os 7.750.000 € establecidos no número 1, correspondentes á achega autonómica, nin a cantidade que se determine na correspondente lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para as achegas das entidades locais con cargo ao Fondo de Cooperación Local.

Sétima. Engádese unha nova cláusula quinta bis, que queda redactada como segue:

Quinta bis. Plataforma para a xestión da biomasa e visor

1. Para xestionar a biomasa nas faixas secundarias desenvolverase unha plataforma integral para a xestión da biomasa, cuxo obxectivo é dar soporte informático as actuacións dos distintos actores que interveñen no convenio e que permita unha rastrexabilidade de todas as actuacións realizadas polos concellos, por Seaga, pola Administración autonómica e polos cidadáns con parcelas nas devanditas faixas.

En concreto, comprende a xestión dos seguintes aspectos:

– Xestión dos procesos de adhesión dos concellos.

– Xestión das parcelas incluídas nas faixas e da titularidade destas.

– Xestión dos plans anuais de actuación sobre as devanditas faixas, e as actuacións concretas asociadas.

– Xestión da comunicación cos titulares.

– Xestión da relación dos titulares coas devanditas actuacións, incluíndo xestión contractual e contable.

– Xestión de inspeccións nas devanditas faixas.

– Xestión de execucións subsidiarias sobre parcelas nas devanditas faixas, comisos, cortas, expropiacións.

– Xestión da madeira asociadas ás cortas, comisos.

Para a súa execución requirirase a sinatura do correspondente acordo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O importe total estimado do proxecto é de 470.000 € (IVE incluído) que inclúe desenvolvemento, soporte e mantemento ata o ano 2021 e que será financiado con cargo aos créditos e segundo o disposto na cláusula quinta, facendo, para tales efectos, as modificacións orzamentarias que correspondan. A desagregración estimada por anualidades é a seguinte:

2019

2020

2021

85.000,00 €

285.000,00 €

100.000,00 €

2. Así mesmo, coa finalidade de mellorar a transparencia do sistema, desenvolverase un visor en que se mostre e se manteña actualizada a rede de faixas secundarias de xestión da biomasa, que será executado con medios propios da Administración autonómica e, de ser o caso, financiado con cargo aos créditos e segundo o disposto na cláusula quinta, facendo, para tales efectos, as modificacións orzamentarias que correspondan.

Oitava. Modifícanse o título da cláusula sexta e o número 1, que quedan redactados como segue:

Sexta. Réxime xurídico do sistema público de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa cos titulares

1. De acordo co establecido na cláusula 2, letra b), do presente convenio, a Administración autonómica realizará a prestación do sistema público de xestión da biomasa nas parcelas incluídas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa dos concellos adheridos ao presente convenio mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa cos titulares das parcelas incluídas nas faixas secundarias de xestión da biomasa.

Novena. Modifícanse os números 1 e 2 da cláusula sétima, que quedan redactados como segue:

Sétima. Réxime xurídico do sistema público de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa mediante a cooperación técnica para a tramitación do planeamento municipal de prevención de incendios e o exercicio das competencias que corresponden aos concellos de execución subsidiaria das obrigas de xestión de biomasa

1. Conforme o previsto na cláusula segunda, punto primeiro, letras a) e c), deste convenio, xunto á colaboración financeira para a xestión da biomasa, mediante o presente convenio instruméntase, dados os obxectivos que legalmente teñen en común para a prevención dos incendios e xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2007, a colaboración técnica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos para o exercicio das competencias que corresponden aos concellos de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e de retirada de especies arbóreas prohibidas regulada no artigo 22 da lei citada, por razóns de eficacia e por contar a Administración autonómica con medios técnicos idóneos para o seu desempeño. Tamén se colabora tecnicamente para a tramitación do planeamento municipal de prevención de incendios.

2. Para estes efectos, están incluídas no presente convenio para os concellos adheridos as seguintes actuacións:

a) Realización das seguintes actuacións documentais que sirvan de base aos actos xurídicos que integran os procedementos de aprobación dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, definición e determinación das faixas secundarias e de declaración polos concellos adheridos da obriga de execución subsidiaria:

– Elaboración técnica da documentación necesaria para a aprobación do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais e, en particular, para o labor necesario para a determinación e definición das faixas secundarias de xestión de biomasa da súa competencia.

b) A colaboración técnica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos para o exercicio das competencias que corresponden a estes de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e para a retirada de especies arbóreas prohibidas regulada no artigo 22 da Lei 3/2007, por razóns de eficacia e por contar a Administración autonómica con medios técnicos idóneos para o seu desempeño.

– Preparación técnica das comunicacións que, conforme o artigo 22 da Lei de prevención de incendios, deben ser enviadas ás persoas responsables polos concellos lembrando a obriga de xestión de biomasa e retirada de especies arbóreas, advertindo da execución subsidiaria con repercusión de custos no caso de que non se cumpran as ditas obrigas e, se é o caso, comiso das árbores.

– Elaboración técnica do anuncio para ser publicado no DOG e BOE, con indicación dos datos catastrais da parcela cando non se puidese determinar a identidade das persoas responsables ou resulte infrutuosa a dita comunicación.

– Elaboración técnica dos documentos base dos actos administrativos para iniciar o procedemento de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas.

– Elaboración técnica dos documentos base para dar traslado da resolución de execución subsidiaria ao órgano competente para incoar o procedemento sancionador para que se incoe o dito procedemento e se adopte a medida cautelar de comiso das especies arbóreas prohibidas.

– Preparación dos documentos necesarios para proceder á venda das ditas especies arbóreas comisadas.

– Elaboración dos documentos que permitan delimitar as zonas de actuación prioritaria e urxente en que o incumprimento das obrigas de xestión de biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas habilite a Administración pública competente para proceder de modo inmediato á execución subsidiaria de tales obrigas, pola presenza de factores obxectivos de risco.

A realización das actuacións sinaladas será efectuada pola Administración autonómica sen contraprestación ou compensación de custos polos concellos, no marco dos principios de colaboración e cooperación entre administracións, tendo en conta a finalidade das partes de lograr os obxectivos que teñen en común e as consideracións de interese público que guían a actuación, sen prexuízo do disposto no número 4 desta cláusula.

c) Realización material das actuacións de xestión de biomasa, derivadas da resolución de execución subsidiaria dos traballos de xestión de biomasa adoptada polos concellos adheridos, sempre que tales resolucións de execución subsidiaria fosen aprobadas con anterioridade ao exercicio 2019. Esta actuación de execución subsidiaria comprenderá a redacción do proxecto para a execución subsidiaria se é necesario polas características da actuación ou outro documento técnico que deba servir de base ás actuacións, así como a elaboración do documento/liquidación de custos da execución subsidiaria que comprenderá todos os gastos ocasionados como consecuencia dela.

d) Realización dun manual básico de procedemento en que se incluirán os modelos da documentación anteriormente referida, así como esquemas e diagramas de fluxos que clarifiquen aos concellos adheridos á planificación da prevención e a execución de competencias en materia de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias.

Décima. Modifícase a cláusula novena, que queda redactada como segue:

Novena. Proxectos piloto públicos ou privados de mobilización de terras nas faixas secundarias de xestión da biomasa

Para a execución de proxectos piloto públicos ou privados de mobilización de terras nas faixas secundarias de xestión da biomasa poderá destinarse ata 1.250.000 € para cada anualidade do orzamento previsto neste convenio.

Os promotores públicos ou privados poderán presentar o seu proxecto ao concello, sempre que estea adherido ao sistema público de xestión da biomasa.

Os concellos adheridos presentarán ante a comisión de seguimento os devanditos proxectos co obxectivo de mobilizar terras a través da posta en produción destes terreos para cultivos de horta, cereal, pastos, pastoreo, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, madeira de calidade, sistemas mixtos, actuacións de uso público de xestión municipal, coas seguintes características:

• Actuación entre 10 e 25 ha.

• Polo menos o 70 % da superficie en faixas secundarias.

• Por núcleo de poboación, non por parroquia.

• Será elixible calquera tipo de actuación: roza, labra, implantación, sementeira, plantación, peches, rega ou adquisición de gando.

• Compromiso de xestión de polo menos de 5 anos, que evite a necesidade de xestión de biomasa.

Os promotores dos devanditos proxectos deberán acreditar a dispoñibilidade do 100 % dos terreos dos propietarios coñecidos, a través de calquera medio válido en dereito. A xestión do proxecto poderá ser levada a cabo a través do Banco de Terras, se é o caso.

O baremo para a selección dos proxectos será o seguinte:

• Superficie do proxecto.

• Provincia sen acción piloto.

• Replicabilidade do proxecto.

• Mecanización das actuacións (prioridade en terreos chairos e mecanizables).

Décimo primeira. Modifícase o número 3 da cláusula décima, que queda redactado como segue:

Décima. Comisión de seguimento

3. En particular, correspóndenlle á Comisión de seguimento as seguintes funcións:

a) Recibir as solicitudes de adhesión ao sistema e propoñer a adhesión.

b) Aprobar un baremo para decidir sobre as actuacións anuais que hai que desenvolver, valorar e determinar a súa preferencia de acordo co establecido na cláusula terceira bis.

c) Reprogramar e reaxustar, se é o caso, as actuacións previstas, tendo en conta os avances nos plans de traballo aprobados presentados por Seaga.

d) Analizar os resultados deste convenio, comprometéndose as partes a analizar a repartición actual de competencias para poder acadar unha maior eficacia no eido preventivo e de seguridade da poboación, promovendo as modificacións legais que se consideren necesarias.

e) Aprobar os proxectos piloto públicos ou privados de mobilización de terras nas faixas secundarias de xestión da biomasa.

Décimo segunda. Modifícase a cláusula undécima, que queda redactada como segue:

Undécima. Vixencia

Este convenio ten vixencia desde a data da súa sinatura ata o día 31 de decembro de 2022, salvo denuncia de calquera das partes antes da súa finalización.

En todo o non modificado expresamente por esta addenda seguirá sendo de aplicación o disposto no convenio.

En proba de conformidade, as partes asinan por triplicado exemplar a presente addenda.

José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural; Alfredo L. García Rodríguez, Federación Galega de Municipios e Provincias; Pablo Arbones Maciñeira, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.