Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 14 de maio de 2019 Páx. 23022

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento municipal de Maside, para a delimitación do núcleo rural de Ribas, na parroquia de Lago.

O Concello de Maside, conforme o disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.

Analizada a documentación achegada polo Concello e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Maside dispón actualmente de normas subsidiarias de planeamento (NSP), aprobadas definitivamente o 29.10.1985, que tiveron once modificacións puntuais.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• Constan informes municipais técnico e xurídico do 23.4.2015.

• O Concello Pleno do 27.4.2015 aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna á información pública durante un mes mediante anuncios nos diarios La Región do 23.5.2015 e La Voz de Galicia do 26.5.2015, e no DOG do 18.6.2015. Durante a exposición non se presentou ningunha alegación.

• Déuselles audiencia aos municipios limítrofes de San Cristovo de Cea, Amoeiro, O Carballiño, San Amaro e Punxín, sen que conste ningunha contestación.

• Consta informe favorable do 10.8.2015, da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

• Consta informe, do 26.1.2016, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no cal conclúe non ter afección sobre ningún ben pertencente ao patrimonio cultural de Galicia.

• Constan informes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do 24.9.2015; do 4.4.2016, desfavorable; e do 19.9.2016, favorable condicionado.

• O Concello Pleno do 28.9.2016 aprobou provisionalmente a modificación puntual, coas modificacións requiridas nos informes sectoriais emitidos.

• O 23.12.2016 o Servizo de Urbanismo de Ourense ditou requirimento ao Concello e sinaloulle unha serie de deficiencias que emendar.

• O Concello Pleno do 6.4.2017 aprobou de novo provisionalmente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Maside no núcleo rural de Ribas.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación afecta, segundo as NSP vixentes, a solo non urbanizable (rústico de protección ordinaria) cunha superficie total de 28.337 m2 e 13 edificacións.

II.2. O obxecto da modificación puntual é a delimitación e a ordenación normativa do núcleo rural de Ribas como núcleo rural común, ao abeiro da disposición adicional segunda da LOUG, por remisión do artigo 93.4, ao tratarse dunha modificación de planeamento xeral tendente á delimitación de solo de núcleo rural.

II.3. O 19.3.2016 entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que establece no punto 2 da disposición transitoria segunda que os plans en tramitación que nesa data xa tivesen aprobación inicial poderán continuar a súa tramitación a teor da LOUG, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse á Lei 2/2016. O documento adaptou as súas determinacións á LSG e a súa tramitación continuou conforme a LOUG.

II.4. Consta escrito da Delegación Provincial, da Oficina do Censo Electoral, onde con data do 31.12.2010 se dá de alta a Entidade Singular Ribas e a súa diseminación no padrón.

II.5. No punto 7.2 da memoria -delimitación do asentamento-, no punto relativo á LSG, trancríbense parágrafos completos da disposición transitoria primeira da LOUG, como se fosen da LSG, o que leva á confusión e a establecer na normativa condicións edificatorias en función de determinacións da LOUG. En todo caso, o punto da disposición transitoria primeira da LSG, que é de aplicación no ámbito da modificación puntual, mentres esta non se aprobe, é o 2.d), que sinala que ao solo non urbanizable ou rústico se lle aplicará o disposto nesta lei para o solo rústico.

II.6. No punto 8 da memoria -Normativa de aplicación no ámbito da delimitación proposta- sobra o punto 8.2 -Condicións xerais para as vivendas unifamiliares illadas-. Para evitar confusións, as condicións das vivendas illadas débense establecer nas condicións particulares das dúas categorías de solo de núcleo rural. En todo caso, na ordenanza de solo de núcleo rural común, xa que o tipo de edificación previsto é exento, a condición de fondo máximo previsto será de aplicación unicamente nas excepcións previstas no punto do sistema de ordenación. Os recuamentos previstos no punto de separación a lindeiros serán de aplicación a todas as edificacións, incluídas as edificacións auxiliares, salvo as excepcións do punto de sistema de ordenación.

II.7. No punto 7.1 da memoria -marco legal- substituirase a referencia ás normas complementarias e subsidiarias provinciais polo Plan básico autonómico, aprobado definitivamente o 26.7.2018, e que entrou en vigor o 28.9.2018. No punto 7.5 da memoria -xustificación do grao de consolidación pola edificación- tamén se substituirá a referencia á Instrución 4/2011, do 12 de abril, polo establecido no artigo 35 do RLSG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016 (LSG),

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento de Maside, no núcleo rural de Ribas, condicionado á emenda das deficiencias sinaladas nos puntos II.5 a II.7.

2. O Concello fará as correccións exixidas, elaborará un texto refundido conforme o establecido no artigo 62 da LSG, e elevarao de novo ante esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, para a súa verificación formal e dilixencia.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Notifíqueselle ao Concello, e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

6. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2019

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file