Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 14 de maio de 2019 Páx. 23027

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento municipal de Maside, no núcleo rural de Ribiñas.

O Concello de Maside remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o establecido na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Analizada a documentación achegada polo Concello e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Maside dispón actualmente de normas subsidiarias de planeamento (NSP), aprobadas definitivamente o 29.10.1985, con once modificacións puntuais.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• Consta informe técnico municipal do 21.1.2014.

• O 27.2.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI declarou a non necesidade de someter á avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual (DOG do 24 de marzo).

• O Concello Pleno do 26.11.2014 aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna á información pública durante un mes con anuncios nos diarios La Voz de Galicia do 14.1.2015 e La Región do 15.1.2015, e no DOG do 29.1.2015. No período de exposición non se presentou ningunha alegación.

• Déuselles audiencia aos municipios limítrofes de San Amaro, San Cristovo de Cea, Amoeiro, O Carballiño e Punxín, sen que conste contestación ningunha de ningún.

• Consta informe favorable do 6.4.2015, da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

• Constan informes, desfavorable do 10.12.2015 e favorable cunha precisión que corrixir do 13.6.2016, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

• Constan informes do 27.5.2015, 22.9.2015, desfavorable e 19.9.2016, favorable condicionado, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

• Consta solicitude de informe, do 20.2.2015, a Augas de Galicia, sen que conste contestación. Existe informe na fase de tramitación ambiental no cal se sinala que deben terse en conta os plans de abastecemento e de saneamento de Galicia.

• O Concello Pleno do 28.9.2016 aprobou provisionalmente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Maside no núcleo rural de Ribiñas, coas modificacións requiridas nos informes sectoriais emitidos.

• O 23.12.2016, o Servizo de Urbanismo de Ourense da CMAOT ditou requirimento ao Concello de Maside e sinalan unha serie de deficiencias que emendar.

• O Concello Pleno do 6.4.2017 aprobou de novo provisionalmente a modificación puntual.

• O 17.11.2017, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditou requirimento ao Concello de Maside para que emende as deficiencias sinaladas proceda á súa aprobación e posterior remisión a esta consellería para a aprobación definitiva.

• O Concello Pleno do 7.2.2018 aprobou de novo provisionalmente a modificación puntual.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Maside e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

II.1. O ámbito de actuación é o núcleo rural de Ribiñas e o seu contorno inmediato, que afecta, segundo as NSP vixentes, solo de núcleo rural e solo non urbanizable (rústico). A superficie da delimitación é de 14.514 m2, sendo 10.277 m2 de núcleo rural tradicional e 4.237 m2 de núcleo rural común.

II.2. O obxecto da modificación puntual é a redelimitación e ordenación normativa do núcleo rural de Ribiñas, adaptando as súas determinacións ao contido da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

II.3. O 19.3.2016 entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que establece na disposición transitoria segunda que os plans en tramitación que nesa data xa tivesen aprobación inicial poderán continuar a súa tramitación a teor da LOUG, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente á Lei 2/2016. O documento adaptou as súas determinacións á LSG e a súa tramitación continuou conforme a LOUG.

II.4. Na memoria da modificación puntual segue habendo referencias erróneas a que Ribiñas non está recoñecido como núcleo rural, a pesar de que está incluído como tal nas NSP de Maside, polo que deben excluírse esas referencias da memoria. Nomeadamente: no preámbulo (páx. 4 e 5); punto 2.6.–Conveniencia e xustificación da modificación (páx. 15, 16 e 17); punto 3.2.–Clasificación de núcleo rural (páx. 19); punto 4.–Descrición dos obxectivos xerais e específicos (páx. 19); punto 5.1.–Diagnose da situación en ausencia da modificación do núcleo rural (páx. 20); punto 5.2.–Función da delimitación respecto da situación de partida (páx. 20); punto 7.3.–Análise individualizada do asentamento. Existencia de asentamento. (páx. 26); punto 7.7.–Recoñecemento de núcleo (páx. 34)…

II.5. No punto 7.2 da memoria –Delimitación do asentamento– seguen transcribíndose parágrafos completos da disposición transitoria primeira da LOUG como se fosen da LSG, o que leva á confusión e a establecer condicións edificatorias en función da LOUG. Debe corrixirse este punto e adecualo ás determinacións da LSG.

II.6. No punto 8 da memoria.–Normativa de aplicación no ámbito da delimitación proposta– segue sobrando o punto 8.2.–Condicións xerais para as vivendas unifamiliares illadas–. As condicións das vivendas illadas débense establecer nas condicións particulares das dúas categorías de solo de núcleo rural propostas.

Na ordenanza de solo de núcleo rural común, no cal o tipo de edificación é exento, a condición de fondo máximo previsto será de aplicación unicamente nas excepcións previstas no punto do sistema de ordenación. Os recuamentos previstos no punto de separación a lindeiros serán de aplicación a todas as edificacións, incluídas as edificacións auxiliares, salvo as excepcións do punto de sistema de ordenación.

II.7. O plano de información I-2 (Delimitación. Ordenación) debe incorporarse como plano de ordenación.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual do planeamento xeral que teña por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016 (LSG),

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento de Maside, no núcleo rural de Ribiñas, condicionado á emenda das deficiencias sinaladas nos puntos II.4 a II.7.

2. O Concello fará as correccións exixidas e elaborará un texto refundido conforme o establecido no artigo 62 da LSG e elevarao de novo ante esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, para a súa verificación formal e dilixencia.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Notifíqueselle ao Concello, e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

6. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2019

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file